Saltar ao contido principal
Xornal  »  Comunicado da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo

Comunicado da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo


A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, na súa reunión do martes, 12 de xaneiro de 2010, tras coñecer o contido das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que o Consello da Xunta fixo público o pasado 30 de decembro, decide facer chegar ás autoridades políticas e educativas e á sociedade galega en xeral as seguintes consideracións:
1) As universidades galegas, totalmente involucradas no desenvolvemento e na implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, teñen un especial compromiso coa diversidade e a heteroxeneidade lingüísticas e un grande interese por promover o coñecemento e a utilización de diversas linguas por parte do estudantado universitario.
2) Deste feito, e tamén do recoñecemento do seu labor investigador ao servizo da sociedade, derívase a necesidade de cooperar para chegar a un consenso sobre as liñas básicas da política lingüística no sistema educativo e dáse conta do malestar creado polo feito de non contar coas universidades, a día de hoxe e de xeito formal, para informar ou opinar sobre esta proposta.
3) O sistema universitario galego está obrigado a fomentar o uso do galego, lingua propia das universidades segundo consta nos seus respectivos Estatutos, tanto na docencia como na investigación, pois así se recolle nos plans de normalización lingüística que aprobaron no seu día nos respectivos órganos de goberno.
4) As Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia recollen unhas porcentaxes de utilización do galego e uns medios para decidir a lingua vehicular das diferentes materias nos currículos escolares que supoñen, de se consolidar, a formulación que desde o Estado español menos defende as linguas propias. Xulgamos, igualmente, que con estas bases non se aseguraría a competencia necesaria en lingua galega nin se garantiría a equivalencia de coñecementos entre o galego e o castelán ao remate do ensino obrigatorio.
5) Que as porcentaxes de emprego da lingua galega na docencia universitaria son moi escasas e non responden á lóxica integración na sociedade en que vivimos nin ofrece o servizo de calidade que corresponde.
6) Que, para conseguir incrementar esa porcentaxe, sen prexuízo da necesidade de establecer medidas que impulsen o plurilingüismo a través de programas de apoio á docencia noutros idiomas, é fundamental garantir un coñecemento acaído a través da formación durante o ensino obrigatorio cunha importante presenza da lingua galega como idioma vehicular, única garantía do dominio terminolóxico necesario no contexto do ensino superior. Nese sentido observamos con preocupación a diminución da porcentaxe de materias que se impartirán en galego no resto dos niveis educativos, incluíndo tamén a desaparición da cuantificación para o ensino da formación profesional e para o ensino de adultos, dous lugares de onde se pode acceder á Universidade e, por tanto, un elemento que non potenciará, na actual situación de desequilibrio entre o galego e o castelán, o coñecemento preciso da lingua galega para a súa utilización neste ámbito.
7) Xulgamos, igualmente, que deben ser as autoridades educativas as que establezan os currículos educativos e que regulen o emprego das linguas vehiculares do ensino. É por isto que non consideramos positivo para a comunidade educativa, e moi en especial para un profesorado cuxo papel sempre se está a pór en cuestión, a elaboración dunha norma que permita unha diversidade centro a centro, un elemento que pode provocar fortes fracturas sociais.
8) Finalmente, facemos un chamamento ás autoridades educativas para modificar as bases deste decreto conforme á obriga, de acordo coa lexislación vixente (Lei de normalización lingüística e Plan xeral de normalización da lingua galega), de potenciar o emprego do galego como principal sinal de identidade cultural. Desde o sistema universitario, consideramos necesario aproveitar o Espazo Europeo de Educación Superior para dar a coñecer, respectar e incentivar a diversidade lingüística e cultural, un dos bens principais da humanidade que estamos na obriga de protexer