Saltar ao contido principal
Xornal  »  Son gratis a calidade e a excelencia?

Son gratis a calidade e a excelencia?


Artigo do reitor Senén Barro publicado o 7 de xaneiro de 2010 no xornal El Correo Gallego

Cada ano o reitor da USC presenta diante do Claustro o informe anual de actividades. Repasando algunhas das achegas máis relevantes deste ano 2009, citaba a máis importante de todas: o recoñecemento de Campus Vida como Campus de Excelencia Internacional. Só nove proxectos do Estado recibiron esta prestixiosa consideración. A USC foi ademais a primeira universidade de fóra de Madrid e Barcelona por recursos totais recibidos na primeira anualidade, e tamén a única de fóra destas cidades no ámbito das ciencias da vida.

Somos reiteradamente unha das universidades mellor situadas do Estado nas táboas clasificatorias españolas e internacionais. Por exemplo, a USC está incluída no ranking Shangai 2009, que identifica as 500 universidades máis relevantes do mundo -menos do 3% do total.

Levamos tres anos de continuos incrementos no número de estudantes de novo ingreso, e dous no número total de estudantes matriculados, algo que non ocorría desde principios da década. A maioría dos estudantes galegos cos mellores expedientes matricúlanse cada curso na USC.

Ningunha universidade galega fixo unha reforma tan a fondo da súa oferta docente por mor do Espazo Europeo de Educación Superior, e certamente pagou a pena: todos os graos ofertados no presente curso académico cumpren os criterios de viabilidade en razón dos matriculados que foron fixados para o sistema universitario galego.

No ano pasado incrementamos un 10% os recursos executados en actividades de investigación, alcanzando a cifra récord de case 70 millóns de euros. Desenvolvéronse máis de 1.000 contratos e convenios con entidades privadas e administracións públicas no período 2006-2008. Só no ano 2008 facturouse máis de 20 millóns de euros en contratos e servizos de I+D, dos cales se beneficiou fundamentalmente o tecido empresarial galego.

A USC é a sexta universidade española por produción científica, a quinta en número de solicitudes de patentes e a primeira en ingresos por licenzas das patentes dispoñibles. Cando falamos de transferencia de resultados de investigación, a USC é líder e nos últimos anos convertémonos no referente español nas políticas de apoio á creación de empresas e de emprego baseado no coñecemento e no desenvolvemento tecnolóxico.

A nosa Memoria de Responsabilidade Social, iniciada en 2003, cando no Sistema Universitario Español este tipo de iniciativas simplemente non existían, ten unha valoración excelente a nivel internacional, e pon de manifesto que somos un exemplo entre as universidades social, económica e ambientalmente responsables.

O pasado curso académico recibimos máis de 1.200 estudantes doutros países, e 700 estudantes da USC foron ao exterior; e, este ano convertémonos na principal universidade europea en canto á xestión e cooperación en programas de mobilidade con países de América, África e Asia.

Evidentemente todo isto é só un exemplo do que facemos e do que somos. Cada ano a USC elabora e fai públicos numerosos documentos sobre as diferentes parcelas da súa actividade, achegando unha información moi extensa, veraz, actual e comparada, e non só á nosa comunidade universitaria senón ao conxunto da sociedade. A través de toda esta información coñecémonos e coñécesenos mellor. Tamén se pode saber con que recursos contamos, e é fácil comparar o noso financiamento e os nosos resultados cos doutras universidades do mundo: na USC somos moi rendibles.

O presidente francés acaba de presentar a súa aposta para impulsar a Francia cara á economía do futuro. Os cinco eixes que vertebran esta aposta son: educación superior, investigación, industria, economía dixital e desenvolvemento sostible. A todo isto vanse destinar 35.000 millóns de euros, e ás universidades irá unha cuarta parte do total coa finalidade de crear uns dez campus de excelencia. Francia quere ter algunhas das mellores universidades do mundo; pola contra, aquí a excelencia parece non significar nada especial.