Saltar ao contido principal
Xornal  »  Intervención no acto de entrega da Medalla de Ouro da USC á Deputación da Coruña (11-12-09)

Salvador Fernández Moreda: Intervención no acto de entrega da Medalla de Ouro da USC á Deputación da Coruña (11-12-09)


É para mín unha grande satisfacción estar aquí recibindo esta distinción outorgada á Deputación da Coruña por acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela na súa sesión do 25 de marzo do presente ano.

Quero expresasar o meu fondo e sinceiro  agradecemento en nome dos que me precederon: presidentes, Corporacións e funcionarios que coa súa labor a través do anos son tamén partícipes deste galardón.

Una honra que temos o honor de compartir con S.M el Rey, a Fundación Barrié de la Maza, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, e a Deputación de Lugo. Todos eles, persoas e entidades que sobresaíron dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución.

E cómo non, mostrar tamén o meu agradecemento como presidente da Deputación da Coruña pola distinción que hoxe recibe a institución provincial, pola oportunidade que este acto me da para compartir estes solemnes momentos con todos vós.

Permítanme que estas primeras verbas sexan para proclamar con orgullo, como un máis dos milleiros de alumnos que nos formamos nestas aulas, a miña débeda con esta Universidade que durante máis de cinco séculos foi a Universidade de Galicia.

Este acto trae á miña memoria lembranzas daqueles anos nos que os estudantes de Ciencias Económicas e Empresariais tivemos o privilexio de ocupar este vello caserón de Fonseca, nunha das máis antigas e senlleiras universidades de Europa.

A nobreza centenaria deste salón de graos invita a recordar toda a historia que está contida nestas pedras. Como institución, a Universidade é unha das máis antigas institucións civís que chegaron aos nosos días. E chegaron cun maior valor engadido.

O lexislador, a sociedade, encomenda á Universidade a prestación do servizo público de educación superior coas seguintes funcións:
 
a) A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica da ciencia, da técnica e da cultura.
b) A preparación para o exercicio de actividades profesionais que esixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos e para a creación artística.
c) A difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade da vida e do desenvolvemento económico.
d) A difusión do coñecemento e a cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

En definitiva, a produción de coñecemento. Unha variable estratéxica en calquera proceso de desenvolvemento.

Lembremos que o Consello Europeo reunido en Lisboa no mes de marzo de 2000 xa establecía como obxectivo para a Unión Europea no periodo 2000-2010, a “creación antes de 2010 da economía do coñecemento máis competitiva e dinámica do mundo, capaz dun crecemento económico duradeiro, acompañado por unha mellora cuantitativa e cualitativa do emprego e unha maior cohesión social».

Para os membros daquel Consello europeo de Lisboa, a realización deste obxectivo requería dunha estratexia global, máis coñecida como  Axenda de Lisboa, que perseguía:

-Preparar a transición cara a unha sociedade e unha economía fundadas sobre o coñecemento por medio de políticas que cubran mellor as necesidades da sociedade da información, e da investigación e o desenvolvemento.
-Acelerar as reformas estruturais para reforzar a competitividade e a innovación e pola conclusión do mercado interior.
-Modernizar o modelo social europeo investindo en recursos humanos e loitando contra a exclusión social.
-Manter a evolución da economía e as perspectivas favorables de crecemento progresivo das políticas macroeconómicas.

Arestora, cando apenas faltan 20 días para o aninovo, xa sabemos que a profundidade da crise que sufrimos vai impedir á UE alcanzar este obxectivo, o que non supón en absoluto renunciar á súa plena actualidade e vixencia.

Finalmente, no novo escenario europeo, o recén elixido presidente da Comisión Europea, Durao Barroso, presentou en Bruxelas o pasado 25 de novembro, un documento de consulta pública coa finalidade de ofrecer unhas mellores perspectivas de futuro á economía da UE grazas á Estratexia UE 2020. Pois ben, o obxectivo central desta nova “folla de ruta” europea é recuperar a actividade e o emprego apostando por un “crecemento máis verde e socialmente integrador”.

A nova estratexia para acadalo basease nos logros e ensinanzas da Estratexia de Lisboa. E para iso o documento de consulta predefine a forma na que a estratexia UE 2020 centrarase en afianzar a recuperación da crise, procurando impedir que outra similar poida reproducirse no futuro, e xirará arredor de tres obxectivos temáticos: “crear valor a través do coñecemento; potenciar o papel dos cidadáns nunhas sociedades inclusivas; e crear unha economía competitiva, conectada e máis verde”.

Así pois, podemos comprobar como xa estas primeiras indicacións estratéxicas da Comisión para a Europa do 2020, revalidan estes obxectivos e subliñan, unha vez máis, o papel estratéxico do coñecemento.

¿Qué ten enton o coñecemento que o convirte nun obxecto de desexo para todos os países?. ¿Por qué o coñecemento ten tanta importancia como factor de produción?

O diccionario da Real Academia define o coñecemento como: “o produto ou resultado de ser instruido, o conxunto de cousas sobre as que se sabe ou que están contidas na ciencia”. Dende o punto de vista da ciencia económica o coñecemento é un ben ou servizo que ten unhas propiedades ben interesantes. Repasémolas por un momento.

O coñecemento é o ben público por excelencia. De forma distinta ao que ocorre con outros bens económicos, o seu consumo non implica rivalidade algunha no seu uso polos distintos axentes. Este atributo non invalida a necesaria existencia de incentivos para estimular a capacidade innovadora dos investigadores e inventores, como os dereitos de propiedade intelectual, ou as patentes.

A diferencia dos outros factores convencionais: terra, capital físico ou traballo, que non escapan á lei dos rendementos decrecentes, o coñecemento é o único que pode presentar rendementos crecentes.

É tamén un ben duradeiro, que reflicte “estado do arte” no que se atopa a ciencia en cada momento. Se este coñecemento se mantivera en segredo ou agochado, non tería valor algún; polo que a súa transferencia ao conxunto da comunidade científica e á sociedade en xeral  é decisiva para que ésta o poida utilizar ao servizo do benestar dos cidadáns.

O lema desta Universidade “Coñecemento ao servizo da sociedade” resume quizáis mellor que mil palabras a natureza deste compromiso.

Retomando o fío do meu enfoque económico, a produción de coñecementos utiliza como inputs a investigación e desenvolvemento, máis coñecidas como a I+D, factores críticos na creación deste novo factor de produción; e a fonte máis potente para o crecemento da produtividade.

Por moi evidente que hoxe nos poida parecer, non foi ata finais dos anos 50 cando a ciencia económica se ocupou do capital humano. Os primeiros sinais de alerta de que os factores tradicionais de produción: terra, capital e traballo eran incapaces de explicar significativamente o crecemento a longo prazo dos países, foron dadas polo premio Nobel de economía do ano 1987, Robert Solow. O coñecido como modelo Solow-Swan (1956) suxería que o “progreso técnico”, que afloraba na súa formulación neoclásica do modelo de crecemento como un residuo, era o único factor de produción capaz de neutralizar os rendementos decrecentes dos factores convencionais.

O achado de Solow de que non era suficinte o capital físico e o traballo para explicar o crecemento económico estimulou novas investigacións arredor deste novo paradigma. Nacía entón a moderna teoría do crecemento.
De aquí a un ano, no mes de decembro de 2010, cúmprense 50 anos do discurso que Theodore W. Schultz pronunciou na reunión anual da Asociación de Economistas Americanos,  reivindicando o “capital humano” como un factor de produción máis xunto coa a terra, o capital e o traballo.

Desde entón, aquel “residuo de Solow” xa tiña unha etiqueta que o incorporaba nos modelos propostos ata os nosos días, para explicar as fontes do crecemento a longo prazo das economías modernas.

Neste discurso, considerado posteriormente como unha contribución seminal ás modernas teorías do crecemento, Schultz, critica á maioría dos economistas da época que se negaban a considerar o investimento en capital humano como un tema de análise económica.

Argumenta, como é evidente, que a xente adquire coñecementos e habilidades útiles, e como este stock de “capital” é unha parte substancial do investimento. Afirma tamén como este investimento medrou nas sociedades occidentais a un ritmo moito máis alto que o restante “capital convencional” non humano, e suxire por último que este “capital humano”  poidera ser un dos factores máis importantes do sistema económico. O factor que probablemente explicaría a superioridade produtiva dos países tecnoloxicamente máis avanzados.

Neste apretado percorrido pola historia deste novo concepto tamén é imprescindible unha referencia a Gary Becker, galardoado co premio Nobel no ano 1992, que tivo o mérito de formular e formalizar os fundamentos microeconómicos da nova teoría no seu libro “Human Capital” publicado no ano 1964.

Xurdía así un novo enfoque nos modelos de crecemento que incorpora o “capital humano” como un factor de produción máis. Determinado esóxenamente nos primeiros modelos neoclásicos propostos na década dos 70 por economistas como Robert Lucas, Robert Barro e outros, e incorporado na décadada dos 80 Paul Romer como unha variable endóxena no propio modelo.

Hoxe existe un consenso universal baseado nunha rica e diversa literatura económica sobre o crecemento, que proporciona unha evidencia empírica robusta sobre a importancia decisiva do “capital humano” no crecemento dos países e no benestar dos seus cidadáns. O benestar económico e social das nacións non dependem da terra, das materias primas, ou dos recursos que posúan, senón da cualificación do capital humano.

Agora ben se, como proclama a literatura económica, esta evidencia é tan importante, ¿cómo é posible que os estados non invistan máis en educación e investigación?.

Quizáis unha primeira razón é que o ciclo político é moi curto, mentres o ciclo do capital humano é moito máis longo, os investimentos que se fagan nesta función, teñen un periodo de maduración máis longo ata que os resultados son tanxibles.

Segundo esta regla non escrita, as preferencias das autoridades políticas decántanse as máis das veces por aquelas iniciativas que  ofrezan resultados visibles a curto prazo, fronte a investir nun ben intanxible que, por definición, non é inaugurable e do que os resultados comenzarán a aflorar moitos anos despois, cando quizáis estas autoridades xa non estean no exercicio do poder. Esta distorsión que atribúe máis réditos ao curto prazo que ao longo prazo é, en opinión de Guillermo de la Dehesa (2009) “un dos problemas das sociedades democráticas avanzadas”.

Outra explicación é a escaseza de recursos financeiros públicos que resultan insuficientes para satisfacer todas as necesidades dos cidadáns. Esta escaseza que hoxe, por mor da crisis que estamos sufrindo, é máis evidente que noutras fases do ciclo éconómico, é un atributo intrínseco a calquer ben económico, e polo tanto é unha permanente chamada de atención aos poderes públicos para que xestionemos con rigor e eficiencia os recursos  que a sociedade pon nas nosas mans.

Para previr estas tentacións “cortoplacistas” e, coa coraxe necesaria para acometer este labor, é necesario un gran “Pacto de Estado pola Educación” entre todas as forzas políticas e axentes económicos e sociais. Un gran acordo que poña o “capital humano” no centro da acción política do país.

Un pacto necesario, xa que si como ben público que é, o coñecemento   non   ten     prezo,    sí que ten un custo.

Producir coñecementos é unha actividade cada día máis costosa, que alguén ten que financiar. Ao longo destes anos a sociedade española en xeral, e a galega en particular, fixo un notable esforzo para adicar recursos crecentes a financiar o sistema educativo e os investimentos en I+D+i. Segurante, estes esforzos non foron capaces de satisfacer todas as necesidades, máis é evidente que aproximaron algo máis os nosos ratios aos patróns de comportamento dos nosos países veciños.

A pesar destas  limitacións, hoxe podemos dicir que Galicia dispón da xeneración de mozas e mozos mellor preparada da súa historia, e neste proceso de formación o sistema universitario galego, creado hai agora dúas décadas, ten unha contribución decisiva.

Proclamar con orgullo estes resultados non pode ser motivo algún para relaxarnos na autocomplacencia. Os indicadores dispoñibles confiman que ainda seguimos lonxe dos valores que rexistran as sociedades máis modernas e avanzadas.

Así por exemplo, o financiamento por alumno universitario en España que anda arredor  dos 6.500 euros/alumno, está lonxe dos 8.700 de media europea, e moito máis alonxado  dos 36.500 euros/alumno que rexistran as universidades dos Estados Unidos (Dolado, JJ 2009). Nun mercado globalizado estas diferencias tradúcense inevitablemente nunha menor competitividade e, en definitiva, nunha menor cuota de mercado dos produtos galegos no mercado mundial.

Dotar dun modelo estable de financiamento ás universidades galegas é pois unha necesidade urxente. Un modelo no que quizáis  non deba primar o peso do alumnado  tanto como  agora, e sí máis a calidade da docencia, a importancia da investigación e a transferencia de coñecemento á sociedade.

Sería demasiado inxenuo pensar que todos os problemas que padece o noso sistema educativo se poden resolver con máis recursos financieiros. !Qué dúbida cabe que con máis euros se poderían planificar metas máis ambiciosas!. Mais pola miña experiencia sei que o diñeiro, sen compromisos e obxectivos claros e compartidos, corre o risco de se perder polos vericuetos do gasto corrente.

Este compromiso coa formación do capital humán non pode ser  unha preocupación exclusiva das universidades. Ten que ser un compromiso de todos los axentes económicos e das distintas administraciónns públicas. Por iso está tamén moi presente nos orzamentos da institución Provincial que eu presido, desbordando incluso os estritos límites das súas competencias nesta materia.

Non é novedade esta preocupación polo “coñecemento” na nosa institución. En colaboración coa Xunta de Galicia e os concellos, a Deputación de A Coruña ven traballando no terreo educativo dende hai moitos anos. Xestionando ou promovendo accións en todos os niveis do ensino, dende o ensino infantil ás ensinanzas especiais, pasando póla formación profesional e sen esquecer o ensino superior que imparten as dúas Universidades públicas que alberga o  territorio da nosa provincia.

Boa proba da firmeza do noso compromiso, é a concesión desta “medalla de ouro”  por parte da USC. Unha distinción que non se outorgaba dende hai unha década e coa que se está facendo un recoñecemento público a este labor.

Un compromiso que vai mais aló da mera concesión de subvencións e axudas financeiras. Un bó ejemplo desta cooperación é o Plan Estratéxico para a Provincia 2007-2013 que foi elaborado por técnicos da Deputación que traballaron conxuntamente con equipos de especialistas pertencentes as Universidades de Santiago e A Coruña.

O feito de que Galicia sexa elixible como territorio obxectivo converxencia durante ese periodo, representa quizáis a derradeira  oportunidade para beneficiarmos dun fluxo importante de recursos provintes da Unión Europea. Recursos que nos axuden a financiar estas transformacións.  Temos, polo tanto, que aproveitalos para converxer coa UE tamén no grao de excelencia das nosas universidades e dos  restantes niveis do sistema educativo.

De non facelo agora, estou convencido que o lamentaremos máis adiante, cando a economía galega volva a desplegar todo o seu potencial de crecemento.

Non quería rematar a miña intervención sen antes felicitar á Universidade de Santiago, dando os meus parabéns o seu Reitor, polo proxecto de “Campus vida” que, como todos vostedes coñecen, foi un dos 15 proxectos que mereceron o recoñecemento como “Campus de Excelencia Internacional” en dura pugna con outras prestixiosas universidades.

Se a curiosidade dos investigadores é a que está na orixe de calquer proceso de produción de novos coñecementos, a excelencia ten que ser a única etiqueta coa que nos podemos sentir satisfeitos nesta sociedade global e cada día máis competitiva.

Este “label” de Campus de Excelencia é tamén a proba de que é posible que o traballo ben feito ten o seu recoñecemento, por alonxados que poidamos estar dos grandes centros de decisión, e por moitos equilibrios que teñamos que facer para chegar a fin de mes.

Por iso, este novo éxito da Universidade de Santiago ten que ser tamén un poderoso estímulo para o conxunto do Sistema Universitario Galego, para seguir traballando arreo a prol  dese gran obxectivo que proclama esta gran institución, cinco veces centenaria: “Coñecemento ao servicio da sociedade”.

Despois de máis de cinco séculos, esta Universidade segue mirando con decisión cara ao futuro, respectando o seu pasado, pero promovendo cada día novas iniciativas, poñendo o coñecemento e o seu liderado ao servicio da sociedade á que se debe.