Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso con motivo da Medalla de Ouro da USC á Deputación da Coruña (11-12-09)

Senén Barro Ameneiro: Discurso con motivo da Medalla de Ouro da USC á Deputación da Coruña (11-12-09)


Sr. presidente da Excma. Deputación da Coruña, Sr. presidente do Consello Social, Sr. delegado do Goberno, Sr. alcalde do Excmo. Concello de Santiago de Compostela, Sr. vicepresidente da Deputación da Coruña, Sres. deputados provinciais da Excma. Deputación da Coruña. Excelentísimas e Ilustrísimas autoridades, membros da Comunidade Universitaria, señoras e señores,

A medalla de ouro da Universidade, instituída como máxima distinción para facer patente o recoñecemento da Universidade de Santiago de Compostela, concédese a persoas ou entidades que sobresaian dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución.
A concesión da medalla de ouro da USC á Excma. Deputación da Coruña foi acordada por unanimidade na sesión do Consello de Goberno do pasado 25 de marzo.

A colaboración entre a USC e a Deputación da Coruña vén de vello, pero fíxose máis intensa e relevante nos últimos anos. E non lles falo só da colaboración como acompañamento económico a proxectos da USC, en todo caso proxectos de interese común, e sobre todo de interese para a sociedade. Fálolles tamén da colaboración que supón levar adiante proxectos conxuntos para buscar un mellor porvir para os cidadáns e cidadás.

A Deputación Provincial da Coruña apoiou nos últimos anos unha manchea de actividades organizadas pola USC: exposicións, concertos, actividades formativas e divulgativas, publicacións, actividades deportivas...
Exposicións tan singulares como “A vertixe na mirada” -monográfica de Alfonso Costa-, “Xentes no Camiño” ou “Miradas emerxentes”, polas que pasaron máis de 55.000 persoas; actividades do Coro Universitario e da Aula de Teatro, cunha crecente proxección no Estado e internacionalmente; ciclos de música de cámara e a organización de cursos de verán celebrados na provincia da Coruña, con case un cento de cursos e preto de seis mil asistentes, axudando así a convertérmonos nun referente na oferta estatal deste tipo de actividade de extensión universitaria.

Publicacións como a revista Quintana, de periodicidade anual, promovida polo departamento de Historia da Arte. Catálogos tan interesantes e fermosos como o da exposición “Un mundo de formas e cores: a colección malacolóxica “Rolán”, que nos traslada un mundo de infinitas cunchas; un regalo inmensurable do bo amigo e investigador ad honorem da USC don Emilio Rolán.

Esta inestimable colaboración foi fundamental para, por unha parte, levar adiante unha serie de proxectos que eran prioritarios para a USC por entendérmolos dun grande interese colectivo. Proxectos que de non contar coa colaboración da Deputación dificilmente poderían ter sido desenvoltos ou ben o serían dun modo mais cativo.
Tamén a USC soubo dar cumprida resposta a aquelas demandas que se nos achegaron desde a Deputación. Demandas para acoller nos históricos espazos desta cinco veces centenaria universidade propostas expositivas da Deputación da Coruña, converténdonos en parceiros constantes e substanciais no ámbito sociocultural. Demandas de estudos e traballos de investigación sobre os máis variados temas: ordenación territorial, urbanismo, economía, sociopolítica, e un longo etcétera. Coñecemento da USC ao servizo da sociedade.
Tamén quero destacar o importante apoio que a Deputación realizou nos últimos anos a infraestruturas propias ou intimamente relacionadas coa USC. Esta liña de apoio iniciouse por primeira vez cos recursos que permitiron cofinanciar o edificio Emprendia, recentemente inaugurado. Os recursos da Deputación permitiron tamén abordar a reforma tan necesaria e esperada do Auditorio, situado no que hoxe é CAMPUS VIDA, e a reforma da piscina universitaria, adaptándoa á normativa europea e permitindo así acoller a colectivos menos favorecidos pola práctica deportiva e outros con especificidades que, por fin, poden ser atendidos cabalmente -desde asociacións de doentes de esclerose múltiple ou fibromialxia, a persoas maiores ou con dificultades na aprendizaxe e na práctica da natación-. Trátase de medios non só para a comunidade universitaria, senón para a cidade e a súa área de influencia. Infraestruturas da USC ao servizo da sociedade.

Pero non quero aquí facer un mero relatorio de proxectos nos que recibimos o apoio decidido da Deputación ou aos que lle demos o apoio que nos foi demandado por esta institución. Quero tamén incidir na importancia que ten normalizar a relación entre a universidade pública e os distintos organismos e institucións públicas e privadas. Unha relación que permite incidir dun modo máis intenso e eficaz na educación superior, a investigación, a cultura, o emprendemento, o desenvolvemento económico responsable, o compromiso social, a consolidación de mellores fórmulas de vida en sociedade a través da formación de mellores persoas...

Quero apelar á necesidade de que as universidades públicas sexamos vistas non como institucións necesitadas de axuda senón institucións ás que é imprescindible atender se queremos tender a unha sociedade mellor. Quero reclamar a necesidade de ver ás universidades non como institucións mendicantes senón como instrumentos que revalorizan os recursos nelas investidos.

Cando hai unhas semanas inaugurábamos o edificio Emprendia coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, da ministra de Ciencia e Innovación, do alcalde de Santiago de Compostela, do secretario general de Universidades do Ministerio de Educación, do presidente da Excma. Deputación da Coruña e do presidente do Banco Santander, non inaugurábamos simplemente unhas novas e modernas instalacións de CAMPUS VIDA. Poñiamos simbolicamente en marcha o principal elemento dun ecosistema de transferencia de coñecemento e emprendemento capaz de crear riqueza, emprego e calidade de vida a partir do coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico do que dispón esta gran Universidade de Santiago de Compostela.
Cando concibimos CAMPUS VIDA non o fixemos por ser máis grandes ou ter máis e mellores infraestruturas. Fixémolo por compromiso co noso lema: coñecemento e liderado ao servizo da sociedade.

Evitei facer aquí, como xa lles avanzara, un mero relatorio ou un sumatorio dos recursos que nos leva achegado a Deputación da Coruña, xa que entendo que non foron regalados senón investidos. E sobre todo, non foron recursos para o autoconsumo da USC senón para devolvérllelos con creces á sociedade.

Sras. e Sres., as universidades non somos de ninguén e somos de todos á vez. As Universidades ou somos para a sociedade ou non somos nada. Ou movemos a sociedade cara a un mañá mellor ou a sociedade pasaranos por riba. Ou vostedes nos ven como institucións líderes e comprometidas ou deixarán de mirarnos.
Unha deputación provincial é unha corporación elixida para dirixir e administrar os intereses dunha provincia.

Evidentemente estes intereses son moitos e de moi diversa índole. Pero entre eles, máis que nunca, nun país moderno ou que aspira a selo, están a produción, a transmisión e a transferencia do coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico. Por iso tamén as Universidades temos que ser obxecto de atención por parte das deputacións. Como dixen no meu discurso cando inauguramos o edificio Emprendia: vertebrar unha provincia require apoiar tamén a sociedade do coñecemento, a sociedade en rede, cuxa médula, máis que nunca, está formada pola universidade.

Se de ben nacidos é ser agradecidos, e esta Real Universidade de Santiago de Compostela é ben nacida e tamén ben crecida, debemos estar agradecidos a unha institución que nos respecta e nos quere. Unha institución que nos ve como un instrumento indispensable para atender mellor a súa propia responsabilidade coa cidadanía. Sr. Presidente, facémoslle entrega desta medalla de ouro da Universidade de Santiago de Compostela como mostra de afecto, sen esperar recibir nada a cambio que non sexa a reciprocidade de sentimentos e a consideración da USC como unha institución de excelencia internacional que se empeña en poñer o coñecemento ao servizo da sociedade. Por favor, transmítallo así a todos os cidadáns e cidadás aos que vostede tamén serve.