Saltar ao contido principal
Xornal  »  Vivir, sobrevivir e vida

Senén Barro Ameneiro: Vivir, sobrevivir e vida


Discurso de inauguración do curso académico 2009-2010

O pasado día 11 de setembro inaugurouse o curso académico 2009-2010 do Sistema Universitario Galego e hoxe simbolizamos neste acto o inicio do novo curso na USC. Certamente o curso hai semanas que empezou, cando o fixeron as aulas dunha boa parte da nosa oferta docente, aquela que xa está integrada no denominado Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

A USC encara este novo curso con 24 graos e 63 posgraos adaptados ao EEES. Está así próximo o remate da primeira etapa do longo e ás veces tortuoso camiño de construción colectiva dun espazo harmónico a nivel europeo, centrado nunha das parcelas máis sensibles e transcendentes no empeño de calquera sociedade: a educación superior. O curso que acaba de finalizar demandounos un esforzo enorme, por momentos titánico. O noso profesorado, o persoal de administración e servizos, e cantos temos especiais responsabilidades na xestión e no goberno da institución, intensificamos no pasado curso a dedicación a un proceso paneuropeo que debería ter rematado antes, e desde logo debería ter sido acompañado por uns recursos que non chegaron. Non sei se se percibe desde o conxunto da sociedade, pero este proceso está sendo como cambiar os motores, a instrumentación de cabina e parte da fuselaxe dun avión en pleno voo, sen poder aterrar e meter o avión no hangar. Por iso, por ser moi consciente do que estamos a investir en ilusión e esforzo colectivos neste proceso, quero dar as máis sentidas grazas ao persoal da nosa casa e pedirlle que non baixe a garda nin perda ánimos. Sei que ás veces é case imposible non sentirse impotente polos abafantes prazos, a falta de máis medios, a incerteza á hora de tomar algunhas decisións e as presións internas e externas que en nada axudan a facer as cousas ben, pero estou seguro de que con perspectiva de futuro, e vendo o xa camiñado, todos podemos sentirnos máis que satisfeitos e a sociedade no seu conxunto, tamén.

Antes de continuar quero agradecer a maxistral lección do profesor Carro. As oportunas reflexións arredor da ética pública deben reafirmar o compromiso da USC coa xestión ética que resulta do exercicio responsable da imprescindible autonomía universitaria. Tamén agradezo o esforzo da nosa secretaria xeral, por condensar en minutos o imposible de resumir: un ano académico da nosa Universidade.

VIVIR
Tamén hoxe é un día para agradecer o esforzo continuado de persoas que dedicaron moitos anos da súa vida a esta casa. Persoas que saben o que é VIVIR A USC.

Segundo recolle o Regulamento de honras e distincións, aprobado no Consello de Goberno o 14 de marzo de 2008, a “Insignia Fonseca” da Universidade de Santiago de Compostela seralles concedida a aqueles traballadores e traballadoras que prestaran os seus servizos durante máis de 30 anos á institución universitaria en dedicación exclusiva ou por tempo equivalente a ela, e non foran sancionados por incumprimentos nas súas obrigas profesionais.

A insignia Fonseca reproduce un singular motivo da portada do emblemático Colexio de Fonseca. Unha portada rematada no século XVII por Diego Romay, quen colocou unha serie de estrelas que, como dicía don Antón Fraguas, parecen arrincadas do escudo de Fonseca. Segundo unha fermosa lenda, de cando en vez os raios de sol do solpor pasan por entre a estrela maior e mesmo parece que o brillo saía dela. Unha sorte de mimetismo natural do escrito en 1544 por Álvaro de Cadaval no claustro de Fonseca, coas referencias no texto a “brilla Galicia” e a un “inestimable foco de luz”. Levaredes, pois, no voso peito unha estrela con brillo propio que representa a Universidade de Santiago de Compostela, a vosa Universidade. Que esa estrela faga brillar aínda máis á USC e a Galicia depende tamén de vós. Non o esquezades nunca.

Neste acto recibiron a insignia Fonseca aquelas traballadoras e traballadores da USC que, cumprindo os requisitos anteriores, se xubilaron ou remataron o seu contrato de emérito entre a data de aprobación da normativa que regula esta honra e o 30 de setembro pasado. Son moitos máis os que, están aínda en activo e teñen dereito a este recoñecemento, e así iran recibindo esta distinción en futuros actos.

Seguramente en tantos anos de dedicación á Minerva compostelá houbo ocasións nas que vos tedes sentido cansados, decepcionados ou incluso desatendidos pola vosa Universidade, pero seguro tamén que cada novo día retomastes o compromiso con esta casa vosa. Valoro como poucas cousas ese compromiso, e se algo me entristece fondamente é escoitar a persoas que desprezan a súa empresa, sobre todo cando se trata de empresas públicas, xa que estas son de todos. E ao ser de todos a USC, que cumprirá o ano próximo a fermosa cifra de 515 anos de vida, o conxunto da sociedade pódenos e débenos esixir que fagamos todo o posible por mellorala cada día. E para iso non debemos maltratala nin desprestixiala. Sería de covardes criticar fóra o que se ten a oportunidade de corrixir dentro.

En vós podo identificar a persoas orgullosas de ter servido a esta Universidade. Persoas que cren que o que entregaron serviu para facer unha USC mellor e, polo tanto, tamén un país mellor. Estou seguro de que sabedes separar as limitacións e incluso os erros de quen en cada momento temos responsabilidades de goberno do que debe ser unha entrega plena á USC por cada traballador desta casa. Todos somos importantes, desde os que fan os traballos aparentemente máis simples e modestos a quen ten as responsabilidades máis transcendentes.

Creo recordar que foi Churchill quen dicía que as honras nin se piden, nin se rexeitan, nin se locen. Permítanme que discrepe deste último apuntamento, cando menos cando o que se loce non é para gloria persoal senón como respecto público a quen a honra nos dá. Unha honra non é como unha prenda de vestir coa que pretendamos sobre todo aparecer atractivos, incluso máis que taparnos, senón que unha honra debe lucirse para mostrar o aprecio por quen nos honrou.

A quen hoxe vos foi imposta a Insignia Fonseca quero, en nome propio e no da nosa benquerida Universidade, transmitirvos os parabéns e o agradecemento máis sincero, acrecentado o agradecemento ao profesor Rafael Tojo Sierra e a dona Araceli García Piñeiro pola súa disposición a interviren en nome de todas as persoas homenaxeadas. A todos e a todas quero dicirvos que é a vosa Universidade a que realmente vos rende hoxe esta modesta pero moi sentida homenaxe. É a USC a que vos honra coa súa insignia Fonseca, que eu tiven a enorme satisfacción de impoñervos.

SOBREVIVIR
O tema do financiamento é recorrente nos discursos dos reitores, ben ao noso pesar, por certo. Algúns dos meus discursos foron incluso monográficos dedicados a este tema. Non me agrada ter que facelo unha vez máis, pero parece inevitable abordar o tema se un se sente corresponsable do futuro do noso país, ao dirixir o recurso de coñecemento e de desenvolvemento tecnolóxico máis importante que ten Galicia.

Estamos inmersos nunha profunda crise económica que non por global resulta nin menos intensa nin menos preocupante a nivel local. Seguro que todos nos empeñamos en minimizar o impacto desta difícil situación a nivel persoal e familiar, pero tamén o temos que facer no noso ámbito laboral e, por extensión, no conxunto da sociedade.

Desde a Universidade non podemos pensar que a crise non vai con nós, sobre todo pola nosa imprescindible implicación no discurso e na acción relativos a un novo e necesario modelo económico, menos sensible aos vaivéns do resto do globo, das situacións de tipo conxuntural e de fórmulas de crecemento non sustentables nin no tempo nin ambientalmente –o que vén a ser parecido-.

Se non pensase que cada euro investido en educación e investigación é un euro rendible, o que nos correspondería ao goberno da Universidade sería, sen máis, recortar gastos, sen preocuparnos en demasía polas consecuencias da dita acción. Non podo estar en maior desacordo. As universidades logramos facer moi rendibles os recursos que recibimos e estamos a xestionalos atinadamente. Esta Universidade leva varios anos superando con disciplina a súa propia crise económica. Unha situación derivada en boa parte de querer servir ao noso país do mellor modo que sabemos: aumentando a calidade da nosa oferta docente e da nosa investigación, pero sen conseguir que os recursos públicos acompañasen suficientemente este empeño.

Os discursos dos nosos gobernantes subliñan unha e outra vez a necesidade de que, máis que nunca, a educación e a investigación deben asentarse definitivamente como piares do noso desenvolvemento socioeconómico futuro, máis aínda cando se recoñecen as debilidades nas que se sustenta o noso sistema económico, o que máis está a padecer en Europa os efectos da crise. Pero non sempre os discursos se compadecen cos actos. Os gobernos Autonómico e do Estado xa anunciaron a súa intención de recortar o financiamento do Sistema Universitario Galego e o investimento en I+D, respectivamente.

Ás veces parece que se pensa que o euro máis rendible é o que non se inviste. Pero deberíamos recordar que cando buscamos que das entrañas da terra veñan os mellores froitos, sabemos que temos que preparar ben o campo, fertilizalo e sementar. Non sabemos exactamente o lugar no que abrollará esa planta que co seu froito nos devolverá de sobra o noso esforzo. Pero sabemos que se o traballo está ben feito e coidamos o campo desde a semente ata a colleita, esta hanos compensar de tanta angueira e desvelos. A investigación segue a mesma lóxica. Non sempre florece cando e onde queremos ou pensamos, pero antes ou despois, facéndoa con rigor e con medios, bota unha flor que dá froitos moi saborosos.

Non son tan inxenuo como para defender a absoluta integridade profesional de todos os que traballamos nas universidades. As universidades non son illas de absoluta virtude nunha sociedade que ten moitos defectos e vicios. Polo tanto, non é a virtude das persoas o que defendo senón a transcendencia do noso traballo como educadores e produtores de novo coñecemento e de desenvolvemento tecnolóxico.

A “universidade global”, á que se refería o presidente da Xunta no seu discurso de inauguración do curso académico,  necesita dun Sistema Universitario Galego máis complementario e menos redundante, e por suposto máis recursos dos que recibimos para poder así atender coa necesaria calidade as responsabilidades que xa temos nas mans e as verdadeiras demandas que a sociedade nos traslada. Xa non podemos dar máis co que temos, e o noso país necesita máis ou quedará afastado do progreso.

Tamén, como dixo o noso presidente, a Universidade debe saber priorizar, máis aínda en momentos de severas restricións económicas. Poden estar seguros de que a USC faino cada día, e acaba de volver demostralo coa súa aposta estratéxica pola excelencia internacional.

VIDA
Seguir buscando VIDA nun escenario no que sobrevivir non é doado, é buscar futuro. Sempre pensei, e desde o principio formou parte do meu discurso, que a USC tiña que ter tanto empeño en superar a difícil situación económica que vivimos como en non perder paso nos contextos estatal, europeo e mundial. Gobernar en épocas de bonanza é relativamente sinxelo. Facelo cando as vacas son tan fracas que parecen os touros de Osborne vistos de fronte, é un reto de dificultades e transcendencia maiúsculas. E fálolles desde a experiencia, poden estar seguros.

Os datos nestes anos apuntan claramente que a USC non só non perdeu ritmo senón que ata o acelerou, pero certamente menos do que resultaría de ter recibido máis recursos de cantos nos gobernan a todos, e iso non é simplemente malo para a USC, o é para toda Galicia. Pero insisto, si que avanzamos nestes anos. Os cada vez máis frecuentes e populares ranking de universidades sitúannos sen discusión entre as mellores do Estado.

Precisamente a aposta por planificar o futuro que queremos, destacando o máis singular que temos, buscando sen descanso a excelencia e a proxección no mundo, foi o que nos levou a deseñar desde hai anos CAMPUS VIDA, un excepcional proxecto que  acaba de ser recoñecido entre os poucos do Estado que conseguiron a consideración de Campus de Excelencia Internacional. A USC ten que estar moi orgullosa deste logro, xa que unha vez máis demostramos que nin vivimos da historia, nin de rendas, nin de graciosos privilexios. Vivimos do esforzo e o compromiso coa calidade na docencia e na investigación. Estou seguro de que Galicia enteira comparte hoxe coa USC este novo éxito, xa que o é para toda Galicia.

Sempre pensei que as letras que conforman a palabra “CAMPUS” deberían significar compromiso co “C” de Calidade de vida, co “A” de Arquitectura amable e, seguindo nesta liña, coa Modernidade das infraestruturas, a Personalidade propia, o Urbanismo intelixente e a Sustentabilidade. Estes son os principios inspiradores de CAMPUS VIDA.

Sendo importantes os edificios, as infraestruturas e o urbanismo, temos que pensar neles como instrumentos, imprescindibles en todo caso, para acadar o noso verdadeiro obxectivo, que non é outro que converternos nun referente internacional no ámbito académico tanto na docencia como na investigación e cun marcado perfil nas ciencias e tecnoloxías da vida. Na súa concepción, CAMPUS VIDA presta especial atención ao novo modelo de ensino-aprendizaxe consubstancial ao proceso de construcción colectiva do Espazo Europeo de Educación Superior, situando de maneira indiscutible o alumno como centro do dito proceso.

Hoxe o noso vello Campus cumpriu en boa medida o seu ciclo vital, e a través de CAMPUS VIDA terá unha existencia nova, na que será capaz de consolidar unha universidade que pretende cumprir os seus retos coa consecución da excelencia internacional da docencia e a  investigación. Para isto, deseñouse unha formidable Rede de Centros Singulares de Investigación; concibíronse as infraestruturas tendo en conta non xa as necesidades educativas de hoxe, senón as do mañá, e organizouse un ecosistema para a transferencia do coñecemento e a difusión da cultura emprendedora arredor do Edificio Emprendia.

CAMPUS VIDA é un proxecto integral para dar resposta ás novas necesidades na formación, a transmisión e a transferencia do coñecemento á sociedade, cunha concepción de emprendemento que vai moito máis alá da creación de empresas e a transferencia do coñecemento. Así, cremos que o concepto de “universidade emprendedora” debe impregnar todas as nosas responsabilidades, ámbitos de actuación e colectivos humanos. Debe ser integral. Comprometémonos cun emprendemento responsable, solidario, construído sobre o desenvolvemento sustentable e posible grazas á utilización intelixente dos recursos e á creación de espazos máis saudables.

CAMPUS VIDA representa a integración e interacción harmónica da universidade co contorno urbano, coa intención, claramente evidenciada, de gañar en sustentabilidade e calidade de vida para quen traballe, estude ou simplemente visite o noso Campus. Porque un campus debe ser para vivir e ser vivido.

CAMPUS VIDA é un proxecto dunha enorme envergadura e complexidade, acrecentada, sen dúbida, por ser concibido a partir do campus máis emblemático da USC, situado no corazón dunha cidade internacional patrimonio da humanidade. Un fermoso campus, pero concibido e desenvolvido para o século XX, e CAMPUS VIDA é para o século XXI. Este proxecto, consecuencia lóxica do afán de excelencia internacional da USC, representa un modelo exemplar en canto á conxunción e integración harmónicas entre espazo académico e espazo urbano. A USC e a cidade de Santiago de Compostela, e por extensión a sociedade galega e española no seu conxunto, avanzan da man nun proxecto concibido para crear nexos e lazos de unión duradeiros e estables entre a Universidade, a cidadanía e os sectores produtivos. Un campus urbano que se fai máis cidade aínda e fai máis “univercidade” a Santiago de Compostela, que se conforma no seu conxunto como un gran campus das culturas e do coñecemento.

CAMPUS VIDA é unha aposta moderna e emprendedora para unha das mellores universidades do Estado, que se converteu nun referente no emprendemento integral e responsable.

Quero agradecer os apoios recibidos por CAMPUS VIDA. Empezando polo Presidente da Xunta de Galicia e do seu Goberno e o Alcalde e a cidade enteira de Santiago de Compostela. E por suposto das entidades públicas e privadas e empresas que apoian o noso gran proxecto de Campus –organismos públicos como o CSIC e o CIEMAT; entidades financeiras como o Santander; e empresas como Inditex, Zeltia ou Almirall, son algúns dos socios estratéxicos de primeira magnitude cos que contamos-. Entre os nosos socios quero ter unha mención especial ao CHUS, o primeiro hospital en investigación de  Galicia. A USC e o CHUS conformamos conxuntamente un dos polos máis potentes en saúde de todo o Estado, tanto no ámbito asistencial, como no docente e investigador. Recoñecelo e potencialo suporá sobresaír, facer o contrario suporá deixar podrecer o que tanto esforzo custou facer agromar e quedar na medianía.

Tamén quero agradecer o traballo do meu equipo e dos seus colaboradores máis directos nos últimos meses, incluíndo agosto, de extenuante preparación da memoria de CAMPUS VIDA.

CAMPUS VIDA é a valentía de singularizar e apostar por pensar a moi longo prazo. Este apaixonante proxecto comezou a súa singradura hai varios anos e seguirá a súa concreción polo menos durante unha década máis, pero así se fan as cousas que valen realmente a pena. E non nos deteremos aquí. Xa estamos a traballar nun novo campus de excelencia internacional en Lugo.

Estamos orgullosos de que tanto esforzo de pensamento, planificación e acción obtivese o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional.  Esta Universidade, directamente emparentada coas universidades máis antigas e de maior prestixio do mundo, quere ser ao tempo a máis dinámica e emprendedora das universidades históricas e a Universidade con máis historia entre as máis modernas e emprendedoras.

Ter proxectos e intelixencia colectiva para levalos adiante sen cartos suficientes que os acompañen chega a ser frustrante por momentos, pero tamén é certo que ter cartos e non ter nin ideas nin proxectos é deprimente sempre.

O logotipo que representa CAMPUS VIDA é unha árbore na que destacan do tronco común as novas ramas e as follas, é dicir, os proxectos e o esforzo conxunto por un futuro mellor.

Dixen