Saltar ao contido principal
Xornal  »  Estudantes bos e xenerosos*

Senén Barro Ameneiro: Estudantes bos e xenerosos*


A Universidade de Santiago de Compostela celebrou por sexto ano consecutivo un acto de recoñecemento dos mellores expedientes tras a probas de acceso á universidade en Galicia. Desde o curso 2003-2004 a Universidade de Santiago de Compostela vén recoñecendo publicamente aqueles estudantes de centros de ensino medio de Galicia que teñen sobresaliente como nota de acceso á universidade. En momentos nos que é frecuente oír que vivimos nunha sociedade na que o esforzo non se exerce, nin se recoñece, nin se recompensa, a USC quere recoñecer o esforzo e a extraordinaria valía destes mozos e mozas.

Como Universidade que leva más de cincocentos anos esforzándose con e por Galicia, temos a lexitimidade, incluso a responsabilidade, de abandeirar este recoñecemento e simbólica recompensa a estes brillantes estudantes e ás súas familias. Tamén, claro está, ao seu profesorado e aos centros nos que se formaron.

Nestes seis anos algunhas cousas non mudaron. Cada ano dúas terceiras partes son mulleres. Nunha Galicia que viu como progresivamente a muller foi escalando posicións na xestión atinada da terra, do traballo e do capital, estase producindo dun modo acelerado o seu dominio na sociedade do coñecemento. Será ben para todos.

Outra constante é o gran número destes magníficos estudantes que cada ano se matriculan na USC. Sempre máis da metade, algo especialmente relevante se temos en conta que, por diversos motivos, unha porcentaxe significativa deles acaba estudando en universidades de fóra do Sistema Universitario Galego.

O que cambia cada ano é o número destes admirables estudantes. De 158 no curso 2003-2004 pasaron a 391 neste ano, cun incremento constante que é moi superior dende logo ao que se podería corresponder coa evolución no número total de estudantes de cada  curso ao seguinte. Trátase dunha magnífica noticia que estou seguro de que non é anecdótica. Os centros de ensino medio e o seu profesorado están cada vez máis comprometidos coa calidade na formación dos nosos mozos e mozas. E isto non debe ter descanso. 

A xenerosidade do profesorado ao compartir un dos tesouros máis valiosos, o seu coñecemento, debe ser correspondida por estes estudantes devolvéndolle á sociedade parte do que reciben dela. Por iso teñen que seguir esforzándose en ser sobresalientes non só por unha cuestión de superación persoal e profesional senón tamén polo ben do noso país. Ao cabo, esa xenerosidade non lles quitará ren do seu ben máis prezado, a educación e o coñecemento que reciban e adquiran.

* Artigo publicado o 1 de setembro de 2009 en El Correo Gallego

Senén Barro Ameneiro:

reitor da USC