Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso no acto de investidura como Doutores Honoris Causa de James Cronin e Alan Watson

Senen Barro Ameneiro: Discurso no acto de investidura como Doutores Honoris Causa de James Cronin e Alan Watson


Señores vicerreitores e señoras vicerreitoras da USC,
Señor presidente do Consello Social da USC,
Sra. secretaria xeral,
Sr. xerente,
Excelentísimas e Ilustrísimas autoridades e representacións,
Claustro da Universidade,
Señoras e señores:

A Universidade de Santiago de Compostela volve honrar e honrarse con esta cerimonia de investidura como doutores Honoris Causa dos doutores Cronin –Instituto Enrico Fermi da Universidade de Chicago- e Watson –Departamento de Física e Astronomía da Universidade de Leeds-. A todos os asistentes quero agradecerlles a súa presenza, que enche de calor este solemne acto e este histórico lugar do Colexio de Santiago Alfeo. Permítanme que saúde tamén a quen nos seguen por Internet, moi especialmente á nosa comunidade universitaria no campus lucense.

O regulamento para o nomeamento de honoris causa, aprobado no Claustro de 21 de decembro de 2006, desenvolve o artigo 163 dos Estatutos da USC, no que se prevé a concesión do doutoramento honoris causa como un xeito de honrar e distinguir persoas sobranceiras no eido da investigación ou da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben daquelas actividades que tivesen unha repercusión notoria e importante desde o punto de vista universitario no terreo científico, artístico, cultural, tecnolóxico e social.

A proposta destes Honoris Causa, que xurdiu da iniciativa do profesor Enrique Zas Arregui, quen tamén exerce como padriño neste acto, recibiu sucesivamente o apoio do Departamento de Física de Partículas e da Facultade de Física, para despois ser valorada positivamente pola Comisión de Accións Especiais. Finalmente, foi o Consello de Goberno o que tomou o acordo de aprobar as propostas de concesión dos doutoramentos honoris causa, que posteriormente foron ratificadas polo pleno do Claustro Universitario na súa sesión do 4 de decembro de 2008.
Os nosos máximos órganos de goberno e de representación non tiveron dúbidas en aceptaren a incorporación ao noso Claustro de dúas persoas cunha traxectoria excepcional, cun compromiso inquebrantable coa ciencia e co avance do coñecemento e cunha achega á nosa Universidade realmente digna das maiores honras e agradecementos. A nosa Universidade, que xa tamén é a súa, aumenta o seu brillo co destes dous insignes científicos.

A laudatio dos nosos honoris causa feita pola profesor Zas –quen tamén nos falou de astrofísica de partículas, como disciplina, da súa conexión coa astronomía e da motivación da ciencia básica en xeral-, e a paixón científica que zumegan os discursos dos profesores Watson e Cronin deixan clara a excelencia de quen hoxe se incorporan ao noso Claustro.

Os doutores Cronin e Watson son ambos grandes expoñentes da física contemporánea, concretamente no ámbito da astrofísica de partículas. A súa traxectoria como científicos é excepcional, tal como puxo de manifesto o profesor Zas Arregui. Tamén nos falou o noso profesor da extraordinaria colaboración que desde hai anos veñen mantendo ambos os dous coa USC. En todo caso, e aínda sendo consciente de que redundo en temas xa comentados, quero incluír nas miñas palabras unha referencia ao Observatorio “Pierre Auger”, que foi ideado, promocionado e dirixido polos nosos novos doutores. Primeiro polo feito de ter concibido en 1991 un experimento tan espectacular e singular. Pero incluso, por riba disto, polo seu empeño e capacidade de levar adiante durante 17 longos anos un proxecto que constitúe actualmente o maior esforzo realizado nunca para a detección de radiación cósmica ultraenerxética. Estremece só pensar en que alguén conciba monitorizar algo que procede do espazo exterior no seu impacto sobre unha superficie terrestre de tres mil quilómetros cadrados, que é a extensión actual do Observatorio Sur e aproximadamente o 10% do territorio galego. Este megaobservatorio paréceme unha das iniciativas máis espectaculares da mente humana, que a través de estas magnas obras demostra non ter límites.

Pero sobre todo non quero pasar por alto que os profesores Cronin e Watson están a apoiar que a nosa Universidade, a través do seu grupo de astrofísica de partículas, lidere este proxecto a nivel do Estado español, cunha participación que se cifra en aproximadamente o 5% do Observatorio. A súa colaboración coa USC é constante desde o ano 1994, e favoreceu a realización dun magnífico traballo de investigación, con evidentes resultados en publicacións científicas, formación de investigadores ou realización de teses de doutoramento –desde 2007 nada menos que son sete as directamente relacionadas co Observatorio só no contesto do grupo compostelá; un número maior, por certo, que as de toda a vida dalgúns departamentos universitarios-.
Unha pregunta recorrente cando se abordan megaproxectos como o Observatorio “Pierre Auger” ou o LHC – Large Hadron Collider, o gran acelerador colisionador de protóns de moi alta enerxía- é se merece a pena tanto esforzo e tamaño investimento. Neste sentido creo que foron elocuentes os argumentos de quen me precedeu, incidindo na necesidade de non frear os avances no coñecemento, independentemente de que non poidamos albiscar de entrada ningún tipo de retorno práctico, xa non digamos material. Non atoparán no meu pensamento disentimento con este idea. É máis, estou seguro de que haberá un claro consenso en que a investigación básica ou fundamental é imprescindible en múltiples sentidos: para sentírmonos como seres humanos e non simplemente como seres vivos; como conditio sine qua non para fundamentarmos e avanzarmos en terreos aplicados e cunha repercusión directa, e moitas veces impagable, nas condicións de vida das persoas; por ser un xerador de continuos avances no desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a creación de riqueza: a busca de respostas ás incógnitas da natureza con frecuencia supón resolver os problemas que momentaneamente nos impiden atopalas. Un claro exemplo relatóunolo o profesor Watson ao falarnos do desenvolvemento dun sistema de telecomunicacións para sincronizar as 1600 estacións do Observatorio ao longo dunha superficie de 3000 km2 cunha precisión da orde de 10 ns. Algo nunca feito antes, xa que nunca antes fora necesario, pero de grande utilidade e valor unha vez desenvolvido. Sirva de exemplo tamén o desenvolvemento dos sistemas autónomos con enerxía solar fotovoltaica nos que colaborou tan intensamente a USC.

Outro aspecto no que me gustaría incidir é o do controvertido, “revisitado” e quizás máis vivo que nunca enunciado das “dúas culturas”, que popularizou C. P. Snow nunha conferencia pronunciada en 1959, hai polo tanto 50 anos, no cadro das reputadas Conferencias Rede da Universidade de Cambridge. Se entonces era evidente a fractura entre os mundos das ciencias e das humanidades, hoxe resultan patentes as fendas interdisciplinares. O coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxicos dispoñibles avanzan a un ritmo tal que cada vez é máis difícil comprender e aprender nos intersticios entre disciplinas ou campos do saber. Aventurarnos a afondar nunha desas interfaces entre disciplinas leva con frecuencia a acabar circunscritos en atención e comprensión a ese novo ámbito do coñecemento. Hoxe, polo tanto, deberiamos falar das n-culturas, onde n é moito maior que dous. Para que poidamos mergullarnos con certa soltura en distintos ámbitos científicos ou humanísticos, ou nadar por ignotas zonas de fronteira, necesitamos dunha formación máis de amplo espectro e non tan especializada. Máis de raíces e menos de pólas, por floridas que estas sexan. Ao tempo, aínda que non todas as persoas teñan necesidade ou ánimo de seren especialistas neste ou aquel ámbito do saber, ou en múltiples ámbitos, e simplemente desexen ser persoas cultas, ben formadas para “os mundos de hoxe”, permítanme a expresión, necesitarán ter o coñecemento suficiente do que ocorre ao seu arredor; comprender o fundamental dos aparellos que lles rodean; ter a capacidade de asimilar a importancia e os fundamentos dos espectaculares e crecentes avances das ciencias; valorar as novas formas de creación artística; e un longo e crecente etcétera. Neste sentido temos que facer esforzos nunha dobre vía –esforzos francamente recompensados, ben é certo-: por unha parte no interese pola formación permanente e por outra na divulgación científica e técnica. A importancia da divulgación como unha forma de transmisión de coñecemento é crecente e dun impacto nas persoas e nas sociedades realmente incrible.

Esta importancia non pasa desapercibida á nosa alma mater, quen leva anos desenvolvendo iniciativas de divulgación que están a ter unha evidente recompensa. O programa ConCiencia é hoxe un modelo a nivel español, e o premio Fonseca de Divulgación Científica, que recaeu hai poucos días en James Lovelock, o pai da poderosa e moi atractiva teoría Gaia, que considera á terra como un sistema que se autorregula, conseguiu xa coa súa primeira edición situarse no cumio deste tipo de recoñecementos.

Doctors Wastson and Cronin, in this act of protocol, we are celebrating and symbolising Doctor Watson and Doctor Cronin’s entrance into the Senate of the University of Santiago de Compostela. The Royal University of Santiago de Compostela, founded more than five centuries ago, has been able to build upon its cultural and scientific heritage and tradition, and transform itself into a modern, dynamic University, where study and research in the humanities flourishes alongside science and technology.

In events such as this, the Chancellor extends a respectful yet firm request to those whom the University is honouring. In return for this University’s commitment upon introducing you into our Senate, we ask the newly appointed Doctors to commit themselves to assisting this historic place of learning to continue to stand out as a beacon and to advance Galicia, thus contributing to the advancement and transmission of knowledge and technological development of the world. I shall not have to insist on this matter in the case of Professors Watson and Cronin, since they are not becoming part of this University today. The University of Santiago de Compostela has long since had a place in both their minds and hearts, the latter being a most important place for such things. Thank you so much for caring about and thinking of and with this University; and many congratulations for honouring us by accepting our most cherished academic distinction, Honoris Causa.

Doutores Wastson e Cronin, neste acto protocolario celébrase e simbolízase a súa entrada no Claustro da Universidade de Santiago de Compostela. The Royal University of Santiago de Compostela, which was founded more than five centuries ago, has been able to build upon its cultural and scientific heritage and tradition, and transform itself into a modern and very dynamic University, where study and research into the humanities flourishes alongside science and technology.

Neste tipo de actos o reitor traslada a quen a Universidade honra unha respectuosa pero firme petición, solicitando que en reciprocidade co compromiso que a USC adquire coa súa incorporación ao noso Claustro, os novos doutores se comprometan a axudar a esta histórica casa do coñecemento a seguir brillando e facendo brillar a Galicia e contribuíndo ao avance no coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico do mundo, e a súa transmisión e transferencia. No seu caso, profesores Watson e Cronin, non terei que insistir neste extremo, xa que esta Universidade non comeza hoxe a ser a súa Universidade. Hai xa tempo que a USC está na súa cabeza e no seu corazón, un lugar que tamén é moi importante para fornecer estes compromisos. Moitas grazas por querer e pensar en e con esta histórica Universidade e moitos parabéns por honrarnos aceptando a súa máxima distinción académica, o Honoris Causa.

Grazas a todos e a todas pola súa asistencia e atención.

Senen Barro Ameneiro:

Reitor da USC