Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso pronunciado no acto de investidura de Cesare Segre como doutor 'honoris causa' da USC

Senén Barro Ameneiro: Discurso pronunciado no acto de investidura de Cesare Segre como doutor 'honoris causa' da USC


O primeiro doutoramento Honoris Causa que tiven a honra de presidir foi o do Dr. Jürgen Untermann. Hoxe é outro ilustre filólogo, o profesor Cesare Segre, quen nos honra incorporándose ao noso Claustro. Catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Pavía fundada en 1361-, o seu prestixio como filólogo, teórico da literatura e semiótico o sitúa como unha referencia fundamental para entender estes ámbitos de estudio na segunda metade do século XX.

A proposta deste Honoris Causa, que xurdiu da iniciativa das profesoras Pilar Lorenzo e Mercedes Brea, recibiu sucesivamente o apoio do Departamento de Filoloxía Galega, e da Facultade de Filoloxía, para despois ser valorada positivamente pola Comisión de Accións Especiais, o Consello de Goberno e o Claustro.

A obra do profesor Segre é certamente espectacular. Pola extensión e transcendencia académica da mesma, sen dúbida é merecedora da honra coa que hoxe o distingue a USC. Entre a súa inxente obra quero destacar o seu excepcional traballo a redor da historia literaria da Península Ibérica, acercándose a obras fundamentais do patrimonio cultural hispánico, dende o período medieval ata a literatura contemporánea. Así, o amosan os títulos do seu currículo adicados ao Romancero,  La Celestina,  El Quijote, ou o interese que amosa pola produción de Garcilaso, Antonio Machado, Pessoa, Jorge Guillén, Ernesto Sábato ou Gabriel García Márquez. O seu perfil filolóxico quedaría incompleto se non se destacase tamén a atención que dedicou nas súas páxinas a trazar as influencias mutuas que se producen, sobre todo a partir do Renacemento, entre a literatura italiana e a española.

Quero tamén destacar, por ser un valor máis íntimo, a súa intensa relación coa nosa Universidade, que hoxe acolle no seu Claustro a este “xoven doutor de Santiago”, como acaba de autodenominarse o profesor Segre. As súas viaxes a Galicia, algunhas a pe, e o seu interese pola nosa lingua e pola nosa cultura, vincúlano dunha maneira moi directa a Santiago de Compostela e a súa Universidade. Ademais de ser un dos promotores do Convenio ‘Erasmus’ entre a Universidade de Pavía e a nosa institución, Cesare Segre ten participado como poñente en eventos de gran sona internacional celebrados en Compostela.[1] En todos os eventos pronunciou sendas conferencias, dando conta do ‘bifrontismo’ harmónico que ao longo da súa carreira teceu entre a filoloxía e a semiótica.

Así mesmo, o profesor Segre foi un dos principais impulsores do “Doutoramento europeo” en ‘Filoloxía Románica’ e defendeu sempre con convicción e tenacidade a candidatura de Santiago como un dos centros integradores da rede que conforma esa iniciativa -o único centro por España por decisión súa-. Unha rede na que participan as Universidades de Siena –como sede coordinadora-, Milán, Pavía, París IV-Sorbona, Heidelberg e Zürich. É esta unha experiencia única de colaboración internacional no eido da romanística, que permite que os nosos mellores estudantes completen a súa formación no estranxeiro con especialistas de renome naquel campo da filoloxía que mellor se axuste aos seus intereses lingüísticos ou literarios.[2]

Agradecemos ao profesor Segre que nos permita engadir o seu nome a un elenco de doutores Honoris Causa de campaíñas, ao que tamén se sumarán neste ano D. Jacques Delors, e os profesores Watson e Cronin. Todos eles admirables polo seu empeño en apostar pola colaboración, aínda que en sentidos ben distintos. No primeiro caso a colaboración co firme propósito de conseguir unha Europa cada vez máis unida, pero non polo tráxico pegamento bélico, como no pasado, senón polo firme convencemento de que unir esforzos é moito máis que sumar resultados individuais. Entre os múltiples valores dos doutores Watson e Cronin destacamos a concepción e o impulso a un dos experimentos máis grandiosos que nunca se abordaron: o Observatorio Pierre Auger, deseñado para detectar raios cósmicos, partículas subatómicas procedentes do espazo exterior, e no que a USC ten un protagonismo excepcional.

Retomando o fío do que hoxe nos reúne aquí, gustaríame trasladarlles algunhas reflexións de quen non tendo unha formación académica humanística, ten por decisión e por devoción o compromiso de apostar por estas disciplinas.

Dicía hai uns minutos o profesor Segre que vivimos nunha época que “tende a renunciar ao pasado polo presente, á epistemoloxía das ciencias humanas por aquelas científicas, ao razoamento polo cálculo”. É notorio que existen prexuízos sobre unha suposta superioridade das ciencias, sobre todo das denominadas formais ou duras, sobre as humanidades. Estas se presupoñen máis doadas de asimilar. Os ámbitos que lles son máis propios para a súa aplicación profesional carecen do prestixio social doutras profesións ligadas ás ciencias, particularmente as da saúde, ou as enxeñarías.

En todo caso, como nas especies vivas, pretender permanecer inmutables pode facernos desaparecer ou acabar como rarezas prehistóricas. O cambio permanente no mundo en que vivimos débese ao noso propio inconformismo e este é precisamente o que fai do noso mundo un ser en permanente muda. E para vivir e revivir neste mundo, o coñecemento, sen barreiras e sen compartimentos estanco, é o osíxeno, a savia a sangue mesmas. Igual que hoxe xa non serve dicir “e que eu son de letras”, para desculpar o descoñecemento de nocións incluso básicas de matemáticas, ou a imposibilidade de interpretar información científica presentada con carácter divulgativo, tampouco nos debería deixar conformes que un estudante, e menos un titulado, sexa incapaz de explicarse con claridade, non poida desenvolverse con soltura nun debate ou teña severas limitacións de coñecementos e destreza en linguas como para moverse con soltura no mundo terreal e, sobre todo, no das ideas.

Tendemos a pensar que o talento dos grandes pensadores e escritores parécenos, cando menos inconscientemente, que é innato ou non é. Que vai de seu a quen o posúe, pero que non é algo no que se poida ou deba poñer un especial empeño en afloralo e cultivalo. Si se fai, por exemplo, co talento matemático. Sabemos que este talento é esquivo e necesita ser detectado, estimulado e orientado xa de forma temperá e de maneira continuada. A isto se dedica un magnífico programa, ESTALMAT, que en Galicia pilota con gran éxito a nosa Facultade de Matemáticas. Cal é a razón de que non se poña, por exemplo, o mesmo empeño para detectar e estimular o coñecemento e dominio excepcional das linguas na fala e na escrita.

Incluso se entendésemos que a preocupación da nosa sociedade debe centrarse no que resulta útil ou pode chegar a selo, máis valor ten afondar e demostrar a utilidade das humanidades. Na sociedade actual o coñecemento, máis que nunca, é o motor de progreso, polo que a súa xeración e utilización en beneficio dunha mellor calidade de vida das persoas e das sociedades é fundamental. Tal é así, que hai xa algún tempo a “transferencia de tecnoloxía” deixou paso a unha fórmula máis xeral e poderosa de “transferencia do coñecemento”, que inclúe ademais da transferencia do produto físico a do conxunto do coñecemento ligado ao mesmo, moi especialmente o coñecemento das ciencias sociais e humanas.

A mellor forma de demostrar a vixencia e valor das humanidades é facer que se movan co mundo e movan ao mundo. A defensa numantina debe deixar paso á defensa activa cunha amplitude de miras tan grande como a amplitude dos horizontes das humanidades.

Remato dándolles as grazas por asistir a este acto e felicitando ao profesor Segre por esta nova honra que engade á súa dilatada e excepcional traxectoria. Estou seguro de que tendo moitas outras distincións, esta non será unha máis. Se esta Universidade, como xa lles relatamos a madriña e eu mesmo, ten sido na súa traxectoria vital e académica unha Universidade especial para o profesor Segre, estou seguro de que a partir de hoxe será a súa Universidade.

[1] Foi invitado de honra ao Congreso internacional de Filoloxía Románica (organizado polo profesor D. Ramón Lorenzo, Santiago de Compostela, 4-9 setembro 1989), ao Simposio o Cantar dos trobadores (organizado pola profesora dona Mercedes Brea, Santiago 26-29 abril 1993) e, en época máis recente, ao encontro Os camiños do personaxe na narrativa medieval (coordinado pola profesora dona Pilar Lorenzo, Santiago 1-4 decembro 2004).

[2] A integración neste convenio dálles a oportunidade de publicar na Editorial SISMEL aquelas tesis que pola validez dos resultados científicos acadados así o merezan.

Senén Barro Ameneiro:

Reitor da USC