Saltar ao contido principal
Xornal  »  Emprendemos ou emigramos?

Senen Barro Ameneiro: Emprendemos ou emigramos?


Artigo publicado no xornal "La Voz de Galicia" o día 27 de febreiro de 2009

Emprender é acometer unha obra, un negocio, un empeño, especialmente se encerran dificultade ou perigo, e un emprendedor/a é quen emprende con resolución accións dificultosas ou azarosas. Crear unha empresa e facela prosperar é, sen dúbida, unha acción dificultosa, e cun enorme risco, sobre todo se non se coidan aspectos certamente relevantes, non xa para a súa creación senón para a súa supervivencia.

Sumidos nunha crise de orixe e consecuencias a escala global, o título deste artigo, recuperado dun discurso que pronunciei hai cinco anos co gallo da festividade de santo Tomé, resulta máis oportuno que nunca. Por outra parte, sendo certo que unha crise planetaria require dalgunhas accións de alcance mundial, a incidencia da crise é localmente moi desigual e as medidas que cómpre adoptar teñen que ser sobre todo tomadas e aplicadas in situ.

Non pode unha sociedade moderna asumir que a creación de empresas pode ter lugar por xeración espontánea. Non podemos esperar a que as iniciativas empresarias prosperen só das ideas e da coraxe das persoas. Como nos di un popular proverbio africano: «para educar un neno fai falla unha tribo», resumindo así a complexidade e a enorme transcendencia dunha acción na que non son suficientes o contorno familiar e un plan de formación regulado, senón que se require dunha manchea de persoas, medios, coñecementos e valores.

Para crear empresas, sobre todo aquelas que se fundamentan no coñecemento e no desenvolvemento tecnolóxico, que son as que máis valor engadido teñen, fai falla tamén unha ampla comunidade de axentes, estruturas, programas e medios.

É necesario o concurso colectivo das universidades e outros organismos de investigación, das Administracións públicas, das entidades financeiras e outros axentes de investimento e dun contorno empresarial e de infraestruturas coadxuvantes.

Galicia foi historicamente un lugar de emprendedores que con frecuencia exerceron alén do noso país. Emigrantes por necesidade, decidíronse a crear empresas, xa de portas afora, tamén por necesidade, axudados ás veces por condicións máis favorables que as de aquí e liberados do temor de fracasar na casa. Agora que non temos en xeral a obriga de marchar e que dispomos de condicións equiparables a moitos outros lugares de potencial promisión, seguimos tendo que aprender a emprender e axudar a emprender, se non por simple subsistencia persoal si por necesidade colectiva. Tamén é oportuno que o temor a fracasar no intento deixe paso á vergoña de non intentalo.

Para que o empeño non quede no persoal e o éxito no anecdótico, necesitamos aprender e axudar a emprender en comunidade. Todos os axentes científicos, políticos, sociais e económicos teñen que estar en concurso e en sintonía. Son moitos os elos necesarios para fomentar a cultura emprendedora e para axudar aos emprendedores e emprendedoras, e a debilidade dun só destes elos é, ao cabo, a debilidade da cadea enteira.