Saltar ao contido principal
Xornal  »  Manifesto polo deporte galego en galego

Manifesto polo deporte galego en galego


As persoas que aquí estamos cremos nos valores que o deporte nos ofrece, amamos o deporte como actividade de superación e mellora constante, de responsabilidade e de dedicación.

Cremos no deporte como lugar de encontro e fraternidade.

Iso é o que entendemos que é a nosa lingua: o  espazo onde melloramos e onde nos encontramos, o vínculo referencial e colectivo de todas as galegas e todos os galegos; a nosa maneira de estar no mundo e estender a todo ese mundo unha mensaxe de respecto e fraternidade.

Hoxe abrimos este Foro do Deporte Galego en Galego, impulsado pola Fundación Azkar e a Universidade de Santiago de Compostela a través da Vicerreitoría de Cultura, co compromiso de que a nosa lingua común sexa a nosa forma habitual de expresión, o galego que nos une. 

Queremos contribuír co noso esforzo no deporte, practicándoo, contándoo, vivíndoo, a un futuro mellor, onde gocemos do noso grande patrimonio vivo, onde podamos contar o esforzo e a superación, o triunfo e os novos retos, vivindo en galego.

Desde este Foro que hoxe comeza a andar, queremos facer un chamamento a todas as persoas que entenden o noso idioma como parte de todas e todos nós, particularmente a todas e todos os deportistas, institucións, entidades e, en xeral, a todas as xentes do deporte, a unírense a este Foro e a desenvolver, na medida das súas posibilidades, accións individuais ou colectivas, que permitan avanzar nese  obxectivo, desde a fraternidade dunha Galiza cada vez mellor e nunha sociedade máis xusta e máis humanizada, máis deportiva. 

Santiago de Compostela, 3 de Febreiro de 2009