Saltar ao contido principal
Xornal  »  Mirar, mimar e admirar o campus lucense

Senén Barro Ameneiro: Mirar, mimar e admirar o campus lucense


  • Festividade de San Tomé de Aquino

No ano 1880 Santo Tomé de Aquino foi declarado patrón das Universidades. Unha moi acertada decisión do profesor Darío Villanueva Prieto, sendo entón reitor, supuxo iniciar en 1995 a celebración ininterrompida en Lugo desta festividade académica. Convertida esta iniciativa en costume, acóllenos neste día de festa a Facultade de Administración e Dirección de Empresas, a cuxa comunidade universitaria lle agradecemos a súa hospitalidade.

Esta Facultade foi creada a partir da unión da Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Lugo e da Sección Delegada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no campus lucense. Hoxe impártense aquí os estudos conducentes á obtención dos títulos de Diplomado en Ciencias Empresariais e Licenciado en Administración e Dirección de Empresas. Títulos que van camiño de rematar unha fructífera etapa para ceder paso a unha nova oferta no cadro dese Espazo Europeo de Educación Superior que a nosa Universidade, e varios centos máis en toda Europa, estamos construíndo colectivamente.

Foi no curso 1977-78 cando se empezaron a impartir os estudos da Diplomatura en Ciencias Empresariais, e durante o curso posterior integrouse definitivamente a Escola Pericial de Comercio de Lugo –que iniciara a súa actividade bastante tempo atrás, no ano 1945-, creándose así a Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Lugo. Esta Escola situouse inicialmente no edificio da rúa Armando Durán, onde permaneceu ata o curso 1995-96, momento en que foi trasladada a este lugar, na Avda. Afonso X o sabio. Posteriormente, e como consecuencia do Decreto 298/2001, do 15 de novembro, creouse a Facultade de Administración e Dirección de Empresas, un centro moderno, dinámico, cunha manchea de iniciativas en ámbitos moi diversos e cunha especial preocupación e dedicación a axudar ao desenvolvemento responsable do contorno.

Acabamos de asistir ao acto protocolario de toma de posesión do actual decano desta Facultade na que nos atopamos, o profesor Luis Gago, elixido recentemente para suceder no cargo ao profesor José Díez de Castro. Quero transmitir publicamente o agradecemento ao profesor Díez de Castro e a todas as persoas que conformaron os seus equipos decanais, polo traballo realizado nestes últimos anos. Tamén quero agradecer ao novo equipo decanal o compromiso que asumen á fronte deste centro. Deséxolles, en nome propio e no do conxunto da comunidade universitaria da USC, que teñan moitos éxitos, que o serán para o ben de todos, e transmítolles a confianza e o apoio de quen lles fala e de todo o seu equipo de goberno.

Quero tamén agradecer ao profesor Gago a súa maxistral lección “Economía do coñecemento, xestión do coñecemento”, especialmente oportuna e útil para unha institución, a Universidade, que fai do coñecemento a súa esencia. Non esquezamos que as misións da Universidade se orientan á transmisión de cultura, de saber, de novo coñecemento e de desenvolvemento tecnolóxico. Grazas tamén ao noso decano e conferenciante pola súa inmediata disposición para asumir a responsabilidade de ser mestre de todos os presentes nun día tan especial para a Universidade.

Nas edicións anteriores da festividade de San Tomé tiven ocasión de falarlles de temas moi diversos. Espero que tamén interesantes e oportunos. Se ben o meu primeiro discurso, en xaneiro de 2003 -tamén neste mesmo centro-, foi orientado a un tema extra-universitario, o desastre do Prestige, que entón estaba na cabeza e no corazón non só de Galicia e España, senón do mundo enteiro, os seguintes discursos foron sempre orientados a temas propios da academia: Emprendemos ou emigramos?; Quo vadis universitas?; As constantes nefastas –compromiso coa docencia de calidade-; A Universidade vai por diante dos cartos; e, finalmente, o do ano pasado, dedicado ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Un tema entón e hoxe de renovada actualidade. Pero como non convén repetirse, agora estamos a seguir a máxima que centraba dito discurso: “informar, formar e reformar”, máis pola vía dos feitos que pola dos discursos.

Nesta ocasión o tema central das miñas palabras é o propio campus lucense. O campus é motivo de referencia constante nos meus ditos e feitos. No discurso de hai un ano fixen referencia breve á orixe do campus, trinta e cinco anos atrás, a partir do entón Colexio Universitario. Fíxeno recordando as palabras do noso profesor Anxo Tarrío Varela, en referencia a aquel Colexio “frío, sen biblioteca e no que chovía”,  e ao hoxe “campus lustroso, ben conformado e puxante”. Pero, pregúntome, e a todos vostedes quero facelos cómplices das preguntas e respostas: podemos dicir obxectivamente que é así? Ten futuro este campus nun escenario de educación e investigación a nivel europeo? Intentarei dar a miña resposta a estas preguntas, que lles anticipo afirmativa, e tratar de que conformen tamén a súa.

Para reflexionar sobre estas e outras preguntas evitarei un baile de cifras e letras. Prefiro que as miñas palabras apunten ao futuro e que abran camiños de renovada ilusión polo porvir nas cabezas e as vontades de todos e todas.

Tampouco considero oportuno facer aquí un repaso á historia do campus, máis longa, por certo, ca a da maioría das universidades que hoxe conforman o sistema universitario español. É máis, temos un campus milenario, senón en anos si en tesouros, como o que xa comeza a ver a luz ao carón da muralla, na Praciña da Universidade. Un campus ben ordenado, que se estende sobre máis de corenta hectáreas integradas na zona urbana. Sen dúbida un dos mellores campus do noso país e un dos mellores de España, se atendemos ao seu perfil temático específico.

É fácil de resumir a achega da Universidade a esta tan fermosa como antiga cidade de Lugo, se aceptamos que supuxo a acción de maior impacto cultural, social, económico e urbanístico na súa historia recente.

O campus lucense conta hoxe cunhas importantes e modernas infraestruturas. É certo que con carencias, derivadas fundamentalmente do seu constante crecemento en tamaño e proxectos, e nalgúns casos necesitadas de reformas máis ou menos importantes. Pero os investimentos en infraestruturas nunca se detiveron, e nos últimos anos permitiron crear o tan necesario CACTUS-Lugo, a sede do IBADER, actualmente en construción, o Centro de Investigación de Ciencias e a prevista construción do Centro de Enxeñaría Civil. Tamén a segunda fase da Vicerreitoría e o Centro Tecnolóxico do Sector Lácteo, no que se integrará a nosa moi activa Aula de Produtos Lácteos. E non queremos rematar aquí, polo que xa estamos avaliando outras posibilidades de dotármonos de centros de investigación en ámbitos temáticos singulares. Pero as necesidades van parellas á ambición, non só lexítima senón desexable, de seguir progresando en calidade, en oferta, en capacidade de responder ao contorno social e económico, en compromisos co conxunto da sociedade.

Tamén as infraestruturas científico-técnicas teñen mellorado moi sensiblemente. As recentes dotacións ao CACTUS supoñen un investimento acumulado en recursos de apoio á investigación superior os catro millóns de euros. Son infraestruturas que, xunto coa oficina do CITT –Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía–, un dos mellores exemplos de colaboración con entidades e institucións externas, como Caixa Rural, permiten acompañar e facilitar unha actividade investigadora, de innovación e emprendemento crecente en cantidade e calidade.

Xa que lles avancei que evitaría ateigalos con datos, permítanme que resuma o potencial investigador e de transferencia do campus en só algúns apuntamentos máis.

Nos últimos anos a actividade investigadora do campus está a mover por riba de sete millóns de euros anuais. A metade en contratos e convenios con empresas e entidades públicas e privadas, en liña co acentuado perfil tecnolóxico do campus. Pero tamén os investigadores en Lugo teñen acadado no último lustro máis recursos por investigador que os campus composteláns en proxectos autonómicos e europeos.

O perfil das súas titulacións dificulta, pola contra, incorporar máis investigadores en formación. O número de teses de doutoramento e a incorporación de novos investigadores son dous retos que a USC ten que abordar, especialmente para este campus.

Pola contra, e de novo en sintonía co singular perfil do campus lucense, a formación de técnicos, as patentes, e a xeración de novas empresas derivadas da actividade investigadora, son moi positivas, e supoñen unha achega certamente relevante ao fortalecemento do tecido socioeconómico do contorno.

Temos un campus con proxección e recoñecemento no conxunto do estado e a nivel internacional. Algo que percibo con frecuencia a partir de opinións espontáneas de profesores e colegas de todas partes. Pero aínda máis importante é constatar por procedementos obxectivos e contrastables que en algúns ámbitos de investigación e docencia estamos ao máis alto nivel.

En produción científica en Agricultura, Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos e Gandaría e Pesca, todos eles ámbitos do saber moi relacionados con este campus, a USC sitúase entre as tres ou catro mellores universidades de todo o Estado (segundo o número de publicacións ISI no período 1990-2004; fonte: SCIMAGO). E algúns dos nosos grupos son de referencia obrigada no seu ámbito de investigación, non só no Estado senón internacionalmente.

A nosa Facultade de Veterinaria acaba de revalidar a homologación europea expedida pola EAEVE, e fíxoo cunha excelente valoración por parte da comisión de expertos estranxeiros. Na consecución deste importantísimo recoñecemento, acadado por primeira vez no ano 2000, foi moi relevante o Hospital Veterinario Rof Codina, paradigma do que “pode ser” cando se conta coa colaboración sincera e coordinada de distintas institucións –Deputación de Lugo, Concello de Lugo e Consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, de Medio Rural, de Sanidade e de Medio Ambiente-.

A cidade de Lugo xa tentara durante a segunda República (1932) conseguir que se crease nesta cidade a Escola Rexional de Veterinaria. Fracasou naquela ocasión, pero hoxe pode lucir con orgullo ser sede destes estudos na nosa Comunidade e ter unha das mellores, probablemente a mellor, Facultade de Veterinaria de España e das mellores do continente.

Precisamente o pasado venres recibía a Facultade de Veterinaria o Premio ARESA de desenvolvemento rural, promovido pola USC e o Grupo ARESA. Trátase dun premio que desde 2001 vén recoñecendo anualmente a persoas, grupos de investigación, asociacións, institucións ou empresas que contribuíron dun modo importante ao desenvolvemento da economía rural galega. Un premio que simboliza a importante e crecente interacción entre Universidade o mundo empresarial e a sociedade, e que nesta ocasión quixo recoñecer a excepcional achega dun dos nosos centros máis relevantes.

Desde a súa orixe este campus foi aumentando e fornecendo unha oferta docente atractiva, concentrada sobre todo no ámbito das ensinanzas técnicas, pero suficientemente diversificada para ter un perfil de campus completo. Unha oferta que nos últimos anos se viu incrementada coas titulacións de Obras Públicas e Topografía e coa posta en marcha de varios másters universitarios. É certo que tamén vimos como se reducía dun modo importante o número global de estudantes, aínda que algúns indicadores apuntan a un próximo cambio de signo da derivada, impulsado polo noso firme empeño.

A oferta docente do campus, en todo caso, está de mudanzas. Son tempos difíciles. Tempos no que nos toca traballar con menos recursos dos necesarios e tomar decisións sen ter todas as incógnitas despexadas. Tempos de facer eleccións asumindo riscos. Pero en todo caso, son tempos de oportunidades, aínda que poidamos percibir tamén ameazas no horizonte.

Temos a obriga, que debemos converter en oportunidade, de repensar a nosa oferta de estudos evitando argumentos maniqueos e ás veces manipuladores da denominada “esencia da Universidade”. Somos moi ampla maioría os que cremos que a Universidade pode e debe cambiar permanentemente, co obxectivo de dar un mellor servizo á sociedade. Non debemos esquecer que as universidades públicas tamén teñen donos e estes non son as administracións, como algúns cren, senón o conxunto da cidadanía.

Os estudantes, quen son os nosos principais usuarios e beneficiarios, máis que non opoñerse aos cambios, deberían esixilos con firmeza. Cambios que persigan unha mellor universidade, pública e de calidade. Din os expertos que a nosa pode ser a última xeración cun nivel de riqueza e de calidade de vida claramente superiores aos da precedente. Para que non sexa así temos que implicar o músculo da denominada sociedade do coñecemento nun empeño por conxugar maior riqueza con maior compromiso social e ambiental. Esa é a liña que segue esta Facultade de Administración e Dirección de Empresas, como nos recordaba no seu discurso o decano deste centro. Esa é a liña que quere seguir a USC e pola que debe apostar este campus no seu conxunto.

Se traballamos sen urxencias, pero tamén sen inercias; con cautela, pero sen medos; con autonomía, pero sen ir por libre; mirando ao horizonte, pero non ás nubes; asumindo certos riscos, para non enquistarnos no que aínda sendo bo pode mellorarse. Se nos cremos capaces de construír un futuro mellor cada día, estou convencido de que o lograremos en todos os sentidos, e de que xa só con ese empeño nos sentiremos máis orgullosos deste campus e satisfeitos da nosa achega a el.

O campus de Lugo vai camiño de ter no 2010 a oferta de graos máis renovada e das máis interesantes de todos os campus galegos. Unha oferta de calidade, atractiva, diversificada e polivalente. A nova orientación do grao de humanidades, enfocado á produción e transmisión de bens culturais, ou o grao en nutrición e dietética, que tamén estamos a deseñar, son dous bos exemplos do dito. Non é fácil, pero debemos asumir riscos. Temos incluso a obriga de facelo, non para o beneficio dos académicos senón dos nosos estudantes e do conxunto da sociedade.

Dicía ao principio que a USC ten que mirar, mimar e admirar este campus. Miralo para coñecelo suficientemente. Só desde o coñecemento íntimo se poden potenciar as súas virtudes e corrixir as súas carencias. A primeira vez que se celebrou un Claustro da Universidade neste o seu campus lucense foi hai pouco máis de dous anos –celebrar na dupla acepción de realizar a reunión e tamén de festexala-. Imos seguir nesta liña, realizando máis Claustros e tamén reunións do Consello de Goberno. Coñecer é querer, e querer é indispensable para estar implicados e non só concernidos.

Pero tamén é necesario mimar o campus. Mimalo non pola vía da adulación nin da condescendencia. Trátase de favorecelo e tratalo coa consideración necesaria para que en parte acompañe e en parte lidere esa nova Universidade que queremos xa no horizonte do 2015, ao que quere apuntar o novo plano estratéxico da USC, actualmente en desenvolvemento. Un plano estratéxico que deberá atender a novos modelos de gobernanza, organizativos e de xestión dunha Universidade bicampus.

Tamén temos que admirar este campus. Non por obrigación, que a admiración obrigada é volátil, senón porque é xusto recoñecer os resultados dun persoal docente e investigador e de administración e servizos que sabe aproveitar  con creces os recursos que aquí se invisten.

A USC no seu conxunto ten que mirar, mimar e admirar o campus lucense. Pero tamén a sociedade á que antes fixen referencia como propietaria da Universidade pública. E moi especialmente, claro está, quen a representan nos gobernos das administracións públicas.

Son estas xa as miñas últimas palabras, e son palabras prestadas por Henry Ford, quen dixo: “tanto se pensas que podes como se pensas que non podes, estás no certo”. O futuro do campus lucense, ao que o conxunto da USC debe mirar, mimar e admirar, e o futuro da USC no seu conxunto, vai ser moi distinto se todos pensamos no que pode ser en lugar de laiarnos do que aínda non é.

Dixen

Senén Barro Ameneiro:

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela