Saltar ao contido principal
Xornal  »  Boloña e o fado

Senén Barro Ameneiro: Boloña e o fado


Artigo publicado no xornal "La Voz de Galicia" o día 21 de decembro de 2008

O fado Recusa, interpretado maxistralmente por Mariza, láiase de que: “Se ser fadista é ser triste e ser lágrima prevista, se por mágoa o fado existe, entón eu non son fadista”. Esta fermosísima canción lémbrame o proceso de construcción colectiva do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), coñecido popularmente como proceso de Boloña.

Se efectivamente fose certo, como se esgrime nas protestas anti-Boloña, que o EEES supón a privatización da universidade, a elaboración dunha oferta docente ao ditado das empresas e a mercantilización das actividades da academia, ¡entón eu tampouco sería boloñés!

Non son estas, porén, as bases nas que se asenta a declaración asinada por 46 países europeos, senón as de propiciar a mobilidade estudantil; a estruturación dos estudos universitarios en tres niveis –grao, máster e doutoramento– ben engarzados entre si; e pór o acento na valoración do esforzo real do estudante para superar as distintas materias.

Boa parte dos ataques a este proceso repetíronse con cada reforma do sistema universitario. Entendo que lle poidan parecer frescos e oportunos aos estudantes que se enfronten por vez primeira a un proceso de cambio de gran calado na educación superior, pero en boca do profesorado máis experimentado parecen recuperados dun antigo arquivo, despois de sacarlles unha grosa capa de po.

Asistimos a críticas feroces ao EEES, cando deberiamos percibilo, cando menos, como unha oportunidade para mellorar unha universidade pública que aínda que avanzou substancialmente nas últimas décadas, non está exenta de eivas. A universidade española viviu a reiteración da mesma oferta de estudos, acoutados estes por un ríxido catálogo de títulos. Asistimos a unha excesiva especialización dos títulos de pregrao, que fai perder saber e perspectiva. Vivimos nunha case ausencia de procedementos obxectivos para garantir a calidade na docencia, con aulas masificadas e sen medios suficientes para atender a tantos estudantes. Fíxose un uso excesivo da clase maxistral, cun absentismo enorme nas aulas, e con taxas de fracaso escolar e de rendemento académico que son realmente preocupantes. Curiosamente en lugar de axudar a poñer remedio a estas deficiencias e reclamar os recursos necesarios para conseguilo, atácase con crueza crecente un proceso de cambio no que as universidades públicas apostan firmemente pola calidade docente e por darlle ao estudante un papel activo no control, planificación e seguimento do seu propio proceso de aprendizaxe e mellores perspectivas de futuro.

A letra do fado remata sentenciando: “Mais se [o fado] é partir á conquista de tanto verso ignorado, entón eu non son fadista, eu son mesmo o propio fado!”. A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas, reafirmou o pasado 15 de decembro a súa aposta polo EEES, pola autonomía universitaria, por universidades de calidade, responsables e comprometidas socialmente. Un compromiso coa igualdade de oportunidades e os principios democráticos, sen procesos de mercantilización das responsabilidades académicas, entendendo a educación como servizo público, sen obstáculos nin limitacións de orixe social ou económico. Como no fado, se Boloña é partir á conquista dunha mellor universidade para os estudantes e para o conxunto da sociedade, entón eu digo si a Boloña!

Senén Barro Ameneiro:

É reitor da Universidade de Santiago de Compostela