Saltar ao contido principal
Xornal  »  ¿Europa? Agora si, agora non; ¿Galicia? Tamén

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela: ¿Europa? Agora si, agora non; ¿Galicia? Tamén


Nos últimos anos asistimos a un debate sobre a necesidade/oportunidade de incrementar o número de titulados e especialistas en medicina. Este debate viuse tamén influenciado polo feito de que desde o pasado curso académico os estudantes doutros países da UE poden acceder ao sistema público universitario español cumprindo os requisitos de acceso dos seus países de orixe. Así, por exemplo, os estudantes portugueses poden acceder á nosa oferta pública universitaria a través do seu propio exame de acceso, e viceversa.
 
Algunhas voces solicitan que se poña couto a esta situación. O único medio legal para intentar facelo é poñendo un exame de idioma –unha proba que cada universidade pode opcionalmente establecer como requisito de acceso-. Salamanca fíxoo no presente curso académico. A proba de español requirida foi superada por todos os estudantes portugueses, que foron 153. A USC podería facer unha proba de galego, o que efectivamente permitiría excluír a estudantes, pero aos do resto de España. Por certo, moitos estudantes de Galicia estudan medicina noutras comunidades autónomas. Dada a demanda existente para estudar medicina na nosa comunidade, necesitaríamos varias facultades de medicina para atendela. Claro está, cun custo inxustificable, sen opcións de poder darlles unha formación de calidade, e ao rematar os seus estudos a inmensa maioría iría ao paro ou a responsabilidades ben afastadas das súas lóxicas aspiracións. De feito, España é un dos países que “exporta” máis titulados en medicina. Os que marchan buscan fóra as oportunidades e/ou condicións profesionais que de momento non  lles ofrecen aquí.

Todos os anos os estudantes que quedan a centésimas ou incluso a décimas de entrar na titulación séntense especialmente decepcionados, e é comprensible. Pero sexa cal sexa a nota de corte que resulte, e independentemente das razóns, esta situación sempre se dará en titulacións cunha demanda de acceso que supera amplamente a oferta.

En todo caso, e atendendo ao previsible incremento futuro na demanda de profesionais da medicina, o número de prazas de acceso a esta titulación na USC vense incrementando nos últimos anos. Para atender este incremento no número de estudantes trabállase nun plan de acción que aumenta a participación na formación dos futuros médicos dos hospitais da nosa comunidade autónoma, singularmente o CHUS, o CHUC e o CHUVI, hospitais universitarios de Santiago, A Coruña e Vigo, respectivamente.

Esta situación é boa para os estudantes, que reciben unha formación máis personalizada. Tamén para os hospitais que participan neste proceso de formación, xa que os estudantes son unha fonte de estímulo permanente para a mellora continua dos profesionais clínicos. A sociedade gaña polo aumento progresivo da calidade do seu sistema sanitario e a dos futuros médicos, sen que isto supoña un incremento significativo do custo, xa que non falamos de multiplicar facultades sen razón.

Non obstante, tampouco esta medida está exenta de voces críticas, que aluden a unha suposta “territorialidade académica” dos hospitais. Temos exemplos dabondo na historia da humanidade como para saber a que perversións conducen este tipo de comportamentos de exclusión. Evitemos que os intereses persoais ou “non ver máis alá” nos leve a estas posicións, ou acabaremos necesitando salvocondutos para movernos dentro do noso país.

Ao tempo, pensemos que construír conxuntamente unha Europa máis poderosa e solidaria pasa por fortalecer aos máis febles, xa que a debilidade local debilita ao conxunto. Tamén por seguir camiñando na construción dun espazo común do coñecemento;  común na educación, particularmente na superior, e na investigación e a valorización dos seus resultados. Sen exclusións, sen barreiras de espiños ás persoas, á súa formación, á súa mobilidade e ao seu coñecemento.

Son miles de millóns de euros os que nos chegaron de fondos europeos para modernizar e facer avanzar a Galicia.  Tamén a Galicia lle corresponde axudar a facer unha Europa máis robusta no seu conxunto.

*Artigo publicado no xornal "La Voz de Galicia" do día 22 de novembro de 2008