Saltar ao contido principal
Xornal  »  Financiamento universitario e "estanflación" académica

Senén Barro Ameneiro: Financiamento universitario e "estanflación" académica


Discurso pronunciado no acto de inauguración do curso académico 2008-2009

Considero que os discursos de apertura de curso non deben ser simples monólogos reivindicativos. Sobre todo polo feito de que convidamos a autoridades, representacións e moitas persoas que sendo amigas desta casa non forman parte directa da nosa comunidade universitaria. Non se debe, polo tanto, abusar da súa amable asistencia aburríndoos nin incomodándoos. Pero tampouco os discursos do reitor poden pechar os ollos ás evidencias e ignorar as situacións, internas e externas, que afecten ao futuro da USC e, polo tanto, a todo aquilo que esta casa do saber lle pode achegar á sociedade, moi especialmente á galega. Nesta liña dediquei a maior parte dos discursos institucionais a temas orientados ao “estímulo da academia”. Desde o que abriu, precisamente con este título, o curso académico 2002-2003, ao do curso que acabamos de pechar –titulado: “Do sentido común ao sentido político”-. Ao longo destes anos tratei temas moi diversos, como a necesidade de abordar os cambios como oportunidades de mellora; a intelixencia colectiva que debe imperar na Universidade; a autonomía universitaria exercida con responsabilidade, capaz de construír un proxecto ético global; o necesario compromiso coa igualdade de xénero na USC; o desastre do Prestige; o concepto de emprendemento integral responsable, no que somos a día de hoxe o máximo expoñente do Estado; o discorrer da universidade, baixo o título: “Quo vadis universitas?”; o compromiso coa docencia de calidade e a necesidade de superar algunhas constantes nefastas na actividade docente; ou, como non? o Espazo Europeo de Educación Superior.

Na década dos 70 acuñouse o termo de “estanflación” para designar a combinación dun crecemento cero, ou estancamento, con inflación. Hai quen considera que vivimos agora unha nova etapa de estanflación. Isto supón unha ameaza evidente ao crecemento e á prosperidade dos países nun proceso que se estende a escala planetaria, acentuado ou atenuado, segundo o caso, cando realizamos análises locais. Este fenómeno non só afecta ao conxunto da economía dun país ou dun ámbito xeográfico-económico máis ou menos amplo. Tamén pode evidenciarse, aínda que cun significado diferente, nos axentes produtivos, sexa cal sexa o seu ámbito de actividade, incluídas as universidades.

A inflación académica é notoria tanto na actividade docente como na investigadora. Os niveis de calidade e competencia que se requiren hoxe na educación superior e na investigación, actividades que tamén operan a escala planetaria, supoñen un encarecemento significativo, sobre todo en recursos humanos e materiais, das actividades docentes e investigadoras das universidades[1]. Ter que desempeñalas con crecementos económicos mínimos, cando non nulos, ou incluso negativos, supón unha forma de “estanflación académica” que pon en solfa o crecemento e a competencia das universidades e tamén, por derivación, dos sectores económico-produtivos máis directamente relacionados coas responsabilidades e actividades universitarias, que non son outros que os relativos ao coñecemento. A USC, de feito, corre un moi serio risco de entrar nun período de estanflación de graves consecuencias para o noso país.

Esko Aho, ex primeiro ministro de Finlandia, Jean-Philippe Courtois, presidente de Microsoft Internacional, e Harriet Wallberg-Henriksson, presidenta do Instituto Karolinska, son algúns dos autores dun interesante artigo -El País, 20 de xullo de 2008- no que reflexionan sobre cómo promover a aparición dun “Silicon Valley” en Europa. Desde unha incontestable experiencia nos ámbitos académico, económico e político, afirman que hoxe é indiscutible que os agrupamentos sectoriais de empresas dinámicas en torno a universidades consideradas do máximo nivel son dunha importancia vital para o éxito económico das sociedades. Consideran estes autores que en Europa este tema é abordado de forma “reducida, tímida e difusa” e propoñen unha política que incorpore os seguintes principios, que me permito recoller para continuar a miña reflexión:

1. Construír sobre os puntos fortes xa existentes.
2. Concentrar os recursos nuns poucos proxectos.
3. Ser abertos na captación de talento e fomentar a competencia na captación de recursos.
4. Realizar estudios comparativos e ser transparentes nas políticas regulamentarias e nos mecanismos de financiamento.

Parecen criterios tan de caixón que non habería nin que facelos explícitos –fixémonos en que aparecen como variables ou coeficientes de ponderación na expresión da competencia recollida a rodapé-. Non deixa de ser significativo, non obstante, que persoas de tanta solvencia e experiencia insistan neles, o que nos fai pensar que non sempre son os criterios prioritarios nas políticas públicas.

O proxecto Estratexia Universidade 2015 é unha iniciativa do Goberno de España co obxectivo de favorecer a excelencia, a competencia e a internacionalización do Sistema Universitario Español. Entre outras medidas esta estratexia contempla o apoio singular a unha elite de Campus universitarios en toda España. Paréceme unha loable e valente iniciativa que liderará o Ministerio de Ciencia e Innovación, e que seguramente compartirá os principios anteriores, singularizando a excelencia. Isto non supón desatender o que é notable ou incluso só regular. Pero o excelente, ou aquilo que se trata de que o sexa, non pode ter, en xeral, o mesmo tratamento que o que é simplemente bo ou se busca que chegue a selo, xa que a inversión necesaria e a rendibilidade da mesma son moi superiores. Empeñarse en igualalo todo é empeñarse en facelo todo regular, cando non mediocre. O mesmo ocorre cando facemos políticas únicas para o que é diferente. De seguir esta forma de actuar, ou mellor dito, de non actuar, nin teremos “Vales do Silicio” en España, nin as nosas Universidades destacarán entre o xa espeso bosque universitario internacional. Non descubrimos nada novo; non se trata de adoptar iniciativas tan distintas das que se aplicaron e se están aplicando con éxito nos países e rexións máis desenvolvidos do mundo, ou que queren chegar pronto a selo –os exemplos de Francia e China resultan paradigmáticos dentro das políticas de investimento para conformar campus de elite-.

A USC é unha das universidades que razoablemente podería aspirar a estar no selecto grupo deses campus de elite. E non por unha cuestión de historia senón de presente. A posición que a USC ocupa convértea nunha das mellores do Sistema Universitario Español. Un estudio recentemente presentado na UIMP, titulado “Ranking de productividad en investigación de las universidades públicas españolas”, financiado pola Dirección Xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia e Innovación, sitúa á USC como a sétima universidade de todo o Estado. Esta notoria posición é corroborada por outro importante documento: “Informe CYD 2007. La Contribución de las universidades españolas al desarrollo”, da Fundación Conocimiento y Desarrollo. Nel ponse de relevo a importancia que teñen as universidades na economía e na sociedade españolas. Trátase dun exhaustivo traballo no que se inclúe unha valoración das universidades públicas españolas en función de diversos indicadores relativos á súa capacidade de atracción de estudantes, á calidade docente, á calidade no doutoramento e calidade investigadora e á transferencia dos seus resultados á sociedade. En cada unha destas dimensións a USC sitúase entre as mellores, agás nos indicadores de gasto, que nos desprazan á metade baixa da lista, algo que tamén pon de manifesto o informe “La Universidad en Cifras. 2008”, que será proximamente presentado, no que se mostra que o Sistema Universitario Galego, e singularmente a USC, perdeu na última década máis de vinte puntos porcentuais en relación co peso relativo ao financiamento medio do Sistema Universitario Español. Sen necesidade de ser un especialista en economía universitaria, parece que a de Santiago de Compostela é unha Universidade moi eficiente.

Unha Universidade moi eficiente e cunha enorme ambición. Unha ambición que nos levou a fixarnos como obxectivo situarnos na elite europea das súas cen primeiras universidades. Un obxectivo que sería alcanzable con esforzo, ilusión e recursos. Porén, cos recursos que se nos asignan nin sequera é sostible a posición que ocupamos no conxunto do Estado. Na medida en que a calidade que se nos esixe é maior –repase o lector a nota a rodapé-, a nosa capacidade global diminuirá se os recursos económicos non aumentan dun modo importante, xa que o resto das principais variables que interveñen no proceso dificilmente poden aumentar -temos un cadro de persoal que está envellecendo de modo preocupante e as infraestruturas coas que contamos en moitos casos distan de seren as axeitadas-.

Levo seis anos á fronte da USC. Son poucos se os comparamos coa vida da Fonseca compostelá, que xa supera os cincocentos. Máis estes últimos foron anos de grandes cambios e tamén de sacrificios. Metidos nunha situación de enormes dificultades económicas comprometín á USC na procura de solucións. Afrontouse a situación con responsabilidade e traballo duro. A USC fixo ben os seus deberes. A situación económica está reconducíndose, aínda que pagando un prezo moi grande, como xa advertín que ía ocorrer. Se aínda non é o prezo dunha “estanflación académica”, é polo sobreesforzo realizado por unha boa parte da comunidade universitaria. Non queremos nin parabéns nin medallas polo traballo realizado, xa que era e é a nosa obriga. Pero tampouco podemos asumir que se entenda que se fomos quen de apertarnos o cinto unha vez, o fagamos xa de por vida. O profesor Stephen W. Hawking afirmaba durante a cerimonia de entrega do Premio Fonseca, que tivo lugar antonte, que se pode saír dun burato negro, e podo acreditalo, pero non teño claro que se poda saír unha segunda vez.

Sería de irresponsables deixar de reclamar o que é realmente necesario para facer o que se nos pide, coa calidade que se nos demanda. Por iso é a miña obriga advertirlle ao noso goberno e ao conxunto da sociedade que non podemos seguir así. Que estamos estragando o mellor que temos. Que se perden oportunidades e se deixan arder bosques enteiros de coñecemento. Digo con frecuencia que o que pide unha man ten que ser investido con total transparencia e eficiencia coas dúas. Non temos escusa polo tanto para afrouxar no noso compromiso universitario, e non o faremos. Pero temos que ter presente que a autonomía universitaria, constitucionalmente garantida, está sometida a condicionantes de importancia, e o do financiamento é, de lonxe, o máis relevante.

A sociedade non entende ás veces que pidamos máis recursos para as universidades. Quizás pensando que o que perseguimos é que se incrementen os soldos dos nosos traballadores. Non é así. Boten a vista atrás e analicen en cantas ocasións nos últimos anos se pediron incrementos para o corpo docente universitario. En ningunha ocasión!

Pode tamén que se pense que a universidade non debe ser unha das prioridades en tempos de crise económica, pero parece claro que se temos algunha oportunidade como país de inmunizarnos parcialmente fronte a este tipo de procesos cíclicos e saír antes e reforzados delas é precisamente facendo esforzos na construcción dunha sociedade do coñecemento, na que é ben sabido que a educación e a investigación son pezas indispensables.

O pasado 25 de xullo, o presidente do Goberno galego escribía nun artigo titulado: “Hai motivos para a confianza”, sobre a “necesidade de camiñar cara a un modelo produtivo distinto [do actual], sostible, menos centrado no que popularmente coñecemos como o ladrillo e máis orientado cara ao coñecemento, a innovación, a especialización tecnolóxica”. Obviamente este modelo produtivo non se consegue unicamente con universidades, pero tampouco sen elas, nin con universidades mal financiadas. Na mesma páxina do xornal na que dito artigo se insería, a USC saudaba o día grande de Galicia coa lenda: “Hoxe o mundo tamén mira a Galicia”, como contraposición a aqueles momentos nos que Galicia miraba con asombro e certa envexa ao resto do mundo, e este nos ignoraba. Hoxe en moitos ámbitos científicos, tecnolóxicos, empresariais, culturais e sociais somos coñecidos e recoñecidos, e a USC contribúe dun modo importante a que isto suceda.

A USC está a conformarse como unha auténtica multinacional do coñecemento e o emprendemento, liderando ou colaborando nun número crecente de iniciativas que van da investigación básica á aplicada. Sirvan a modo de exemplo a destacada presenza da USC nos experimentos que se desenvolverán co acelerador LHC do Centro Europeo de Física de Partículas, ou a intensa colaboración coa empresa hoxe líder mundial en vendas nun sector tan dinámico e importante como é o sector da moda téxtil. A empresa galega Inditex, un fenómeno empresarial que hoxe é analizado como un caso paradigmático de desenvolvemento e proxección globais, está sendo pioneira tamén no campo da investigación en materias relacionadas coa saúde e a seguridade nos productos que comercializa –estándares de saúde, “Clear to Wear”, e de seguridade, “Safe to Wear”-. Nestas e noutras iniciativas Inditex camiña da man da Universidade de Santiago de Compostela, a súa máis importante colaboradora, e así se reflicte na Memoria Anual de Inditex, recentemente presentada, e que será difundida e estudada en todo o mundo.

Ao principio deste discurso aludía á responsabilidade do reitor para pedir, xa non o esperado senón o necesario. Por iso hai precisamente un ano, no discurso no que tiven a honra de representar tamén aos meus colegas reitores na apertura do curso académico do Sistema Universitario Galego (SUG), recordei os compromisos do Sr. presidente da Xunta de Galicia en relación ao financiamento universitario. Hoxe teño que insistir con fonda preocupación neste tema. E o fago desde o máis sincero respecto a quen nos gobernan, pero coa obriga de falar en nome desta universidade compostelá que tanta vida de Galicia comparte. De non facelo faltaría á miña responsabilidade como reitor, algo ao que non estou nin estarei disposto nunca.

As palabras do Sr. presidente da Xunta de Galicia no seu discurso de inauguración do curso 2005-2006 insistían no obxectivo do Goberno que preside de acadar canto antes un investimento en ensino superior que representase, cando menos, o 1% do PIB. Aínda foi moito máis claro e rotundo na súa intervención un ano máis tarde, tamén co gallo da inauguración oficial do curso académico, ao manifestar que como Goberno se propuxeran acadar un investimento en universidades do 1% do PIB ao finalizar a presente lexislatura, cifra da que estamos moi lonxe. Dito compromiso –reiterado incluso no último debate de política xeral, o pasado 3 de outubro-, non buscaba poñernos entre as primeiras comunidades autónomas en investimento universitario senón non seguir perdendo posicións. As universidades galegas traballamos dándolle crédito a dito compromiso e integrándoo nas nosas planificacións. Sen embargo, o pasado venres o Sr. Touriño no seu discurso de inauguración do presente curso botaba terra sobre o antedito ao anunciar que non haberá un novo plan de financiamento para o ano 2009. Neste escenario xa non é posible atender como sería necesario as esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior, por falar do reto colectivo máis relevante neste momento no conxunto do ámbito educativo, non só da educación superior.

Non buscan as miñas palabras facer reproches públicos, e persoalmente non dubido do compromiso do actual presidente da Xunta de Galicia e o do resto do goberno autonómico co Sistema Universitario de Galicia, pero debo dicir a quen nos goberna, a quen pretenda gobernarnos, e a quen imos ser gobernados, que o noso sistema universitario ten un financiamento moi cativo, insuficiente para abordar non xa os retos actuais e futuros que son comúns aos sistemas universitarios español e europeo senón que nin sequera poderemos atender neste escenario o funcionamento ordinario na USC. A situación é moi grave. A USC leva anos defendendo o seu patrimonio e desempeñando as súas funcións docentes e investigadoras en condicións moi precarias; levamos anos de recortes, de penuria, que pasan e pasarán factura á nosa capacidade de servir á sociedade galega e de proxectala no mundo. Este é realmente o problema e este é o noso desacougo, e debería selo para toda a sociedade galega, que pode chegar a ver como se apaga o principal motor de impulso desa sociedade do coñecemento que tanto se cita nos discursos.

Se Galicia, permítaseme para rematar o epítome, aposta por unha Universidade que faga máis e o faga mellor, achegándonos os recursos axeitados, a USC non defraudará. Doutro modo, teremos “estanflación académica” e mediocridade. Nese caso, e dado que a nosa responsabilidade tamén é a de non permanecer impasibles ante dita situación, se é necesario erguer as mans para esixir o necesario, incluso as dúas, o faremos!

E xa para rematar, e aproveitando que o pasado venres tiven a honra de impoñer a D. Álvaro Mutis a insignia de ouro da nosa Universidade, permítanme que lles lea un pequeno fragmento do seu Nocturno V, por se viñese a conto:

y ese viejo vapor de quilla recta y esbelta chimenea a punto de caer por obra del óxido feroz que la combate. Escorado, enseña sus lástimas y se va deshaciendo con la pausada resignación de quien vivió días de soberbio prestigio entre los hombres que lo dejan morir sin evitarle la impúdica evidencia de su ruina. —Nocturno V, Álvaro Mutis

Moitas grazas pola súa atención e interese.



[1] Nunha primeira aproximación podemos asumir que a competencia que se pode acadar nas responsabilidades docentes e investigadoras depende directamente dos recursos humanos dispoñibles e da súa dedicación, así como dos recursos tanxibles e intanxibles cos que estes contan –recursos materiais e medios técnicos; financiamento; talento e coñecemento asociado aos recursos humanos-, e diminúe a medida que aumentan a calidade esixida polo contorno e os axentes capaces de ofertala. En forma de expresión: Competencia = D.(A1.F + A2.T + A3.R)/C; onde: D: Dedicación dos Recursos Humanos; F: Financiamento; T: Talento e coñecemento; R: Recursos materiais; C: Calidade esixida e ofertada. Os factores de ponderación Ai=1,2,3, aumentan coa eficiencia no uso dos recursos dispoñibles e viceversa, e podemos asocialos en boa medida á acción política, tanto a propia da academia como a externa.