Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso na cerimonia de entrega do Premio Fonseca de divulgación científica 2008 a Stephen Hawking

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela: Discurso na cerimonia de entrega do Premio Fonseca de divulgación científica 2008 a Stephen Hawking


O Premio Fonseca de divulgación científica foi creado para distinguir persoas que a través da súa actividade supoñan un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e/ou o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber.

É moi importante que os premios, como as árbores, miren ao ceo desde o seu nacemento. O Premio Fonseca naceu coa lexítima ambición de non ser un premio máis, nin polo que premia nin por a quen pretende premiar. Máis alá da idea de crear un premio de divulgación científica, un campo por fortuna cada vez máis e mellor atendido, asumimos a responsabilidade de situar o premio á altura dunha Universidade cinco veces centenaria e á vez moderna e emprendedora, e dunha cidade milenaria, capital de Galicia e Patrimonio da Humanidade. O noso empeño, que mesmo parecía inxenuidade ao principio, tornouse nunha relucente realidade. Este premio internacional non podía ter un mellor comezo, e témosllo que agradecer á enorme xenerosidade demostrada polo profesor Stephen Hawking ao aceptar con entusiasmo a nosa proposta. Por iso, a palabra que máis se repetirá nesta miña intervención é a palabra grazas. Gustaríame que todos vostedes a escriban no seu maxín con letras tan grandes como ese universo que o profesor Hawking tanto contribúe a achegarnos.

Grazas ao Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela por axudarnos a facer viable o que primeiro foi un soño, despois unha idea e finalmente un proxecto, para volver ser un soño e de novo realidade. Porque un soño era hai só uns anos o programa “ConCiencia”, e despois o foi este Premio Fonseca que hoxe asombra ao mundo. Foron moitas as persoas que colaboraron, a maioría desinteresadamente, para faceren posible este día. En todo caso, non podendo citalas todas, permítanme que singularice neste agradecemento colectivo aos prestixiosos membros do xurado; grazas tamén ao escultor D. Ramón Conde, por dar vida, xa que vivo parece, ao noso prócer Fonseca a través desta fermosa estatuíña de algo máis de cinco quilos de bronce, que xa é un símbolo internacional da divulgación científica; grazas á familia do profesor Hawking e a todos os seus colaboradores, por facer fácil o imposible e pola súa inesgotable paciencia para atendernos a todos constantemente. E, como non, grazas infinitas ao Doutor José Edelstein e particularmente ao noso profesor Jorge Mira, coordinador do programa ConCiencia, persoa incansable, intelixente e institucional (3i) como poucas coñecín.

O profesor Hawking leva unha semana con nós. Unha semana intensa, de excepción, única, inesquecible. Unha semana grande, que pasará a formar parte inseparable da historia desta cidade e da súa Universidade. As persoas que nos últimos tres anos participaron no programa ConCiencia, na súa maioría premios Nobel, e o premiado nesta primeira edición do Premio Fonseca de divulgación científica, asumiron con dedicación e ata con devoción as condicións do programa e do premio. Non é só estar con nós uns días, senón que se trata de vivir con nós. Vivir, e non simplemente vir para ver e ser visto, senón vir para ser e estar. Ser por uns días, e pode que xa para sempre, cidadáns de Santiago de Compostela e membros da nosa Universidade. Estar cos investigadores, particularmente cos máis novos. Estar con vostedes e co conxunto da sociedade galega. Estando o científico, como non, pero estando tamén a persoa.

Hoxe é o día grande desta semana grande, un día inesquecible para a nosa Universidade, para a cidade, para Galicia e para o conxunto de España. Se Fonseca erguese a súa cabeza pensativa estaría orgulloso desta Universidade que impulsou fai máis de 500 anos.

Profesor Hawking, hoxe nace un premio que grazas a vostede xa é mundialmente coñecido. A súa xenerosidade ao aceptalo xa o puxo en órbita. Pero por riba de todo queremos darlle as grazas por poñer o seu prodixioso cerebro ao servizo do ben común. Grazas polo seu inquebrantable compromiso coa ciencia e co avance no coñecemento. Grazas polo seu enorme esforzo para transmitir ao conxunto da sociedade os seus propios descubrimentos e os de moitos outros científicos. Poucas veces, se algunha, alguén ten conseguido que algo á vez tan alleo e tan noso, tan escuro e tan brillante, tan quente e tan xélido, tan grande e tan baleiro como é o Universo, chegue a cabezas grandes e pequenas con tanta facilidade. Estou certo de que serán moitas as paixóns e vocacións científicas que espertarán da lectura dos seus libros de divulgación e do seu exemplo científico e persoal. Grazas por ternos demostrado que a vida ten moitas facianas con rostros felices que poden facer esquecer aqueles outros máis duros e tristes que o propio discorrer da vida nos impón, ás veces dun modo extremo. Grazas por mostrarnos os rostros das gañas de saber, da disposición a dar máis que a recibir, da superación constante, do sentido do humor e do humor con sentido.

Permítanme que en nome da USC lles diga que nos sentimos orgullosos de vivirmos este día, e que este san orgullo axudaranos a esforzármonos aínda máis por poñer o noso coñecemento e liderado ao servizo da sociedade.

Profesor Hawking, Premio Fonseca 2008, grazas pola lección maxistral sobre os buratos negros coa que nos deleitou e, sobre todo, grazas por darnos cada día unha maxistral lección de vida.