Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso, no acto de entrega dos Premios Galicia de Investigación

Carlos Pajares Vales: Discurso, no acto de entrega dos Premios Galicia de Investigación


En primeiro lugar, quero agradecer á Xunta de Galicia e, en particular, a Consellería de Innovación e Industria e os membros do xurado, pola concesión deste importante Premio, e así unirme os anteriores prestixiosos científicos premiados. Tamén quero mostrar a miña satisfacción por recibilo conxuntamente cos premiados na modalidade de investigadores novos, Miguel Correa Duarte e Roberto López Valcarce. Eles son mostra palpable da existencia en Galicia dunha xeración de investigadores mozos, brillante e competitiva. As súas investigacións, feitas en dous eidos de importante relevancia científico-tecnolóxica, como son a Nanotecnoloxía e as Telecomunicacións, xa aportaron resultados recoñecidos pola comunidade científica internacional.

Considero que o Premio concedido é, en gran medida, un recoñecemento a un labor que en moitos aspectos non e un mérito individual se non de moitas persoas. En efecto, estou seguro que o Xurado tivo en conta a miña participación na orixe e desenvolvemento da Facultade de Física e en concreto da Física de Partículas. Por iso é de xustiza agradecer a todos os que participaron co seu traballo e enxeño en construír o prestixio co que contan. Hai pouco tempo, un estudo cuantitativo sobre o índice de impacto das publicacións por grandes areas científicas, mostraba que a Física da USC estaba moi por riba da media mundial e era superior, por exemplo, ao índice do CSIC, do CNRS francés e da maioría das Universidades españolas, como  a Complutense ou a de Barcelona.

Estes datos non deberían envanecernos senón polo contrario servir de acicate para formularnos metas máis ambiciosas. Para que isto sexa posible será necesario ter apoio para acadar unhas infraestruturas máis axeitadas a esas metas. As dúas únicas Universidades españolas que nos superaban no índice de impacto arriba  mencionado, a UAM e a de Valencia, supérannos moito máis en infraestruturas.

En calquera caso, eu considérome moi orgulloso da andaina realizada pola Física en Galicia e, en particular, a Física de  Partículas, andaina que sen a colaboración de moitos investigadores non seria posible. Permítanme, neste intre, agradecer especialmente a Xaquín Sánchez Guillén, quen dende case o primeiro momento contribuíu eficazmente a facer posible o que é hoxe a parte teórica de Física de Partículas en Santiago.

Galileo dicía, como nos lembraba hai poucos días a Decana de Física, que o gozo que se experimentaba cun   descubrimento tiña parangón co que el experimento cando lle puxeron a esclavina como graduado, ou cando a poñían a algún discípulo seu. Esta realidade, que tamén experimento  eu, quéroa explicitar hoxe, agradecendo aos que me formaron científica mente e me ensinaron o camiño, especialmente ao profesor Ramón Pascual. Tamén quero  agradecer aos meus diferentes colaboradores, así como expresar o meu orgullo polos meus  discípulos, algún deles son hoxe destacados investigadores, de recoñecido prestixio internacional.

Para que sirve o que fago?. Esta e unha pregunta que usualmente nos fan  aos que nos dedicamos á investigación básica. E a mesma pregunta que fixo no século XIX, o Ministro de Facenda británico, o coñecido economista Gladstone, ao físico Michael Faraday. A resposta foi: Non o sei, mais estou seguro que os seus sucesores cobraran impostos polo que fago. Efectivamente, Faraday estaba descubrindo que a variación de campos magnéticos xera corrente eléctrica, é dicir a indución magnética, o cal levou a deducir, ademais de a obter o motor eléctrico, a unificación da Electricidade e o Magnetismo, é dicir a demostración que dúas cousas que aparentemente eran diferentes, estaban intimamente relacionadas. Poderíase dicir que para contestar preguntas fundamentais de Física de Partículas se desenvolveron tecnoloxías que despois abriron aplicacións insospeitadas: RMN, PET, TAC, Crioxénia, electrónica ultrarrápida, tecnoloxías de información como a web ou GRID son exemplo delas.Sen embargo creo que non e a resposta correcta para xustificar a investigación básica. A mesma pregunta púidoselle  facer en tempos diferentes a Newton, Darwin, Rutherford, Einstein, Heisenberg, Yang, Crick ou Watson. Parte da Sociedade do seu tempo pensarían que o que facían era inútil,sen utilidade practica algunha. Os parámetros con que se move a Ciencia básica non son os de utilidade inmediata, aínda que a Ciencia non poda vivir illada, sen conexións coa Sociedade do seu tempo.

Esa conexión sutil, concretízase historicamente co feito de que non pode haber unha boa Ciencia básica nunha Sociedade onde as súas empresas non teñan a preocupación de innovar,  co convencemento que iso mellora a súa conta de resultados. O recíproco tamén e certo, non pode existir unha Sociedade onde as súas empresas innoven, sen haber unha Ciencia básica sólida.

A Ciencia básica móvese pola curiosidade e pola necesidade que temos os humanos de entender e aprender. E  a mesma necesidade que tiveron os nosos antepasados para saír dos bosques ecuatoriais buscando o que había máis ala, explorando novos territorios. É o espírito que cristalizou na Grecia clásica, co nacemento do pensamento abstracto con Arquimides, Euclides, Pitagoras, Eratostenes, Aristoteles e Platón. Esa curiosidade e a que deu lugar á experimentación e á Ciencia Moderna e á súa cristalización na Ilustración e na revolución industrial. Esa necesidade de entender e comprender a Natureza e o motor das revolucións científico-tecnolóxicas que se deron no século XX e a que se esta a dar agora no século XXI. Galicia aportou á humanidade excelentes poetas, novelistas, arquitectos, escultores e pintores, mais quedou fora das xéneses das revolucións científico-tecnolóxicas.

Por iso a súa contribución o pensamento do século XX foi limitada. Isto non pode volver a pasar no século XXI. As condicións iniciais agora son moito mellores e as xeracións de científicos que nos suceden así o testemuñan, por iso o apoio e apreciación da Ciencia básica como xeradora de pensamento e coñecemento e fundamental. Pasos, como algúns datos nestes últimos anos, son benvidos, mais queda moito por facer, para estar nas condicións standars dos países cientificamente máis desenvolvidos.

Como dixen anteriormente, Galileo dicía que o gozo de descubrir é algo difícil de explicar, non tendo comparación con calquera outra satisfacción. Os científicos máis modestos, tamén experimentamos ese gran pracer, cando vemos algunha das nosas ideas e predicións confirmada polos experimentos. Desgraciadamente, isto pódenos levar a sentirnos poderosos e superiores ao resto dos mortais. No meu caso, esta tentación e curada fundamentalmente pola proximidade e autenticidade da miña muller, que actúa de antídoto a miña vaidade. Por isto e por outras razóns estoulle moi agradecido. O gran Newton, moitas veces orgulloso e poderoso, dicía humildemente: Non sei que impresión producirei ante o mundo, mais a min paréceme ser un neno que xoga na praia,  que de cando en vez atopa unha pedra máis redonda ou unha concha máis fermosa do ordinario, mentres que o Océano da verdade permanece sen se desvelar diante dos seus ollos.

En Física de Partículas, no último medio século fixéronse grandes avances, descubrindo fenómenos insospeitados, e sendo capaces de unificar varias das forzas da natureza, ollando a unificación de todas elas, chegando a escrutar ata os primeiros instantes do Universo. Algúns pensan estar preto dunha Teoría do Todo que explícase todo. Esa sensación tívose tamén a finais do século XIX despois de unificación do Electromagnetismo e da Óptica e a comprensión microscópica da Termodinámica. Parecía que estaba todo descuberto, só non se entendía a radiación do corpo negro e aspectos do famoso éter. O progreso no entendemento destes problemas abriu mundos insospeitados, coa aparición da Mecánica Cuántica e da Teoría da Relatividade, que cambiaron radicalmente a concepción  do mundo e foron raíces de moitos dos progresos tecnolóxicos actuais.

Agora, tamén sucede algo similar. Observacións feitas hai dez anos, mostraron que a maior parte do Universo, un 96%, non ten que ver coa materia coñecida da que están feitas todas as cousas que coñecemos. Non sabemos a orixe da enerxía escura que constitúe o setenta por cento do Universo actual. Esa enerxía ten que ver, coa enerxía do baleiro, (o baleiro está cheo). Non entendemos o baleiro do mesmo xeito que a finais do XIX non entendíamos o papel do éter. E relacionado con isto non sabemos a orixe da diferenciación dos constituíntes últimos da materia, e consecuentemente, porque as cousas son diferentes unhas doutras.
 
A nosa ignorancia é grande, aínda que cada vez estamos máis convencidos que a simetría, é dicir os criterios de beleza e simplicidade estarán detrás das posibles explicacións. Ao fin e ao cabo, como dicía Newton: A natureza non fai nada en vano, o que é vano é o que sucede por efecto de moito cando basta con menos. A natureza é simple e non prodiga as causas das cousas.

As experiencias que comezarán nun mes, no novo gran acelerador europeo de Xenebra, permitirán escrutar as distancias máis pequenas, e reproducir os primeiros instantes do Universo, o que nos poderá dar pistas e abrir un novo mundo ao noso coñecemento. A aventura da Ciencia é unha aventura apaixonante do pensamento humano que se atopa con camiños descoñecidos. Os problemas interesantes, son os que os investigadores verán, como o poeta dicía, facendo o camiño.

As novas xeracións de científicos teñen moitos océanos para afondar neles, e para ir descubrindo os misterios da natureza. Por último, e non por iso menos importante, quero agradecer á Universidade de Santiago de Compostela, que me acolle no seu seno, e me permite explicar, discutir e facer Física.

Carlos Pajares Vales:

Catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago de Compostela