Saltar ao contido principal
Xornal  »  50 anos de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela

Juan M. Viaño Rey: 50 anos de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela


A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela celebra este curso o 50 aniversario da implantación da Licenciatura. Temos pois unha ocasión magnífica para voltar a vista atrás, observar o camiño percorrido, facer memoria dos logros alcanzados,  que son moitos, e coller folgos para encetar o futuro. A exposición retrospectiva dos 50 anos da Licenciatura que se expón estes días Facultade ofrécenos unha oportunidade magnífica para facer este exercicio ao que animo a todos os amantes das Matemáticas. Como profesionais desta ciencia, antigos alumnos e profesores,  temos a obriga moral de facer esta lembranza histórica dos 50 anos,  para que sirva de recoñecemento a todos os que teñen contribuído a colocar a Facultade no destacado lugar que ocupa.

A primeira cátedra de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela data do ano 1751 sendo ocupada en 1798 polo bacharel José Rodríguez González, o matemático do Bermés, que debe ser considerado coma o primeiro gran matemático galego.  Aínda que na primeira metade do século XIX a universidade mantivo as cátedras de “Matemáticas Elementais” e  “Matemáticas Sublimes”, as Matemáticas en Galicia desapareceron do ensino universitario ata 1920, no que a Facultade de Ciencias tomou novos bríos.

Unha vez concluída a guerra civil, grazas as xestións do Profesor Enrique Vidal Abascal,  en 1943 constrúese o Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela sendo nomeado director do mesmo, D. Ramón María Aller Ulloa, o famoso astrónomo de Lalín. En 1945  creouse dentro do Observatorio a Sección de Astronomía Teórica e Matemática "Durán  Loriga", sendo Vidal Abascal o seu primeiro Director.  Esta sección pode dicirse que foi o xerme da Sección de Matemáticas da Facultade de Ciencias creada por Orden de 18 de setembro de 1957 con plena validez académica e caracter oficial a partir do curso 1957-58.

As actividades comezaron en Mazarelos, no edificio da Facultade de Xeografía e Historia. Os primeiros profesores foron o catedrático extraordinario de Astronomía, Ramón M.  Aller, o profesor adxunto encargado de cátedra, Enrique Vidal Abascal e a axudante de clases prácticas encargada de adxuntía, Antonia Ferrín Moreiras. Outros docentes de Matemáticas que se incorporaron á Sección ata a súa definitiva implantación no curso 62-63,  foron Juan Antonio Zaera de Toledo (curso 58-59),  Eduardo García-Rodeja Fernández (curso 60-61), Francisco Azorín Poch (61-62).

En 1962 a sección trasladouse á Facultade de Ciencias (actual Facultade de Química). En 1973 ten lugar unha renovación completa do Plan de Estudos, impregnándose da matemática moderna, do cálculo numérico e a programación dos primeiros ordenadores. O plan de estudos actualmente vixente na Facultade data de 1992, lixeiramente reformado en 2001.   Entre 1972 e 1988 tivo unha gran relevancia o Colexio Universitario de Lugo, que albergou unha Sección de Matemáticas, que impartía o primeiro ciclo da Licenciatura.

A celebración do 50 aniversario da sección, coincide co 30 aniversario da creación da Facultade, que tivo lugar no curso 1977-78, ao dividirse a Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago nas Facultades de Química, Bioloxía e Matemáticas e cos 25 anos do traslado ao actual edificio no Campus Sur que tivo lugar no ano 1983.

O primeiro  Decano da Facultade foi o profesor  Enrique Vidal Abascal ata súa xubilación en 1978. Nos anos sucesivos foron Decanos, Eduardo García-Rodeja  Fernández (1978-1984), Xosé María Masa Vázquez (1984-1989), José Luis Freire Nistal (1989-1990), Celso Rodríguez Fernández (1990-1994), Enrique Macías Virgós (1994-2001), Juan Manuel Viaño Rey (2001- ).

Actualmente, son 90 os profesores e investigadores da Facultade repartidos en 5 Departamentos. A súa biblioteca, con 27.000 volumes, 300 revistas e acceso electrónico a máis de 500, está considerada como unha das mellores de España.

Nestes 50 anos, son mais de 2.500 os licenciados saídos das aulas da Facultade e un total de 210 doutores (dos que exactamente un terzo son mulleres). Muller tamén é autora da primeira tese lida na sección: foi no ano 1963,  a súa autora Antonia Ferrín e so seu director Ramón Aller. Tamén neste tempo foron outorgados 2 doutoramentos Honoris Causa propostos pola Facultade: en 1989 o matemático francés J.L. Lions, chamado “pai da matemática aplicada” e en 2008 o probabilista alemán  W. Stute.

Na década de 1980 iniciase unha masificación xeneralizada nos estudos universitarios. Alcanzáronse cotas históricas de demanda no curso 1996-97 con 271 alumnos novos e 1182 alumnos matriculados. A porcentaxe de mulleres estaba en torno ao 65%. Na última década do século XX, o promedio de licenciados por ano era de 113 cun pico de 173 licenciados no curso 2000/01. Dez anos máis tarde, no curso actual 2007-08  entraron 72 alumnos novos e a Facultade ten 340 matriculados. A porcentaxe de mulleres baixou ata o 52%. No curso pasado acabaron os estudos só 34 licenciados e o promedio nos últimos 6 anos ronda os 50 licenciados/ano.

Se ben a docencia nos niveis de secundaria foi a saída, case exclusiva, dos licenciados en Matemáticas ata principios dos noventa, nos últimos cinco anos este campo só absorbe o 45% dos licenciados galegos, en tanto que o resto fano nos ámbitos da empresa e laboratorios de I+D.  Os estudos de inserción laboral realizados nos últimos anos pola Facultade, pola Axencia Galega de Calidade do SUG e pola Real Sociedade Matemática Española proporcionan resultados concluíntes: a incorporación dos titulados en matemáticas ao mercado laboral é un proceso moi rápido; despois  de 2 anos o índice de desemprego é só do 5%. Ademais, o 52% obtén un emprego estable en menos de 6 meses e  en 2 anos  a porcentaxe alcanza o 80,9%.

A Facultade de Matemáticas da USC é pioneira na adaptación dos seus estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior, pois será unha das 3 Facultades españolas que o vindeiro curso  2008/09 comezarán a impartir o novo título de Grao en Matemáticas, de 4 anos.  Neste momento na Facultade impártense 3 programas de doutoramento, con 2 títulos de máster de perfil profesional-investigador (Enxeñaría Matemática e Técnicas Estatísticas). Un terceiro Máster en Matemática Avanzada, de carácter investigador,  deberá implantarse no curso 2009/10.

A investigación matemática galega atópase nestes momentos a un gran nivel, tanto polo número e a calidade das publicacións científicas, como pola gran cantidade de contratos estables de transferencia dos resultados de investigación a empresas, centros tecnolóxicos e institucións públicas, así como tamén por proxectos de investigación competitivos. Así o recoñecen as sociedades matemáticas ao concederlle aos grupos de investigación da Facultade o privilexio de organizar congresos mundiais de primeira fila e reunións da importancia do Encontro das Sociedades Latinoamericanas de Matemáticas (2003) ou da Asemblea Xeral da  Unión Matemática Internacional (2006). Os organismos públicos nacionais e autonómicos relacionados coa investigación e a docencia, nos últimos tempos deron mostras de sensibilidade cara esta realidade das Matemáticas e veñen realizando un apoio sen precedentes para manter os niveis internacionais alcanzados.

Neste marco excepcionalmente favorable, coincidindo co este 50 aniversario, Galicia foi elixida como unha das 4 sedes do Instituto Español de Matemáticas (IEMath) creado polo Ministerio de Educación e Ciencia como unha dás accións estratéxicas do Plan Nacional de Matemáticas. Foi feita en competencia con outras ofertas de distintas comunidades autónomas en base a unha proposta avalada economicamente pola Dirección Xeral de I+D+i, co apoio de máis de 70 institucións de investigación de toda Galicia e unha proposta científica dun equipo promotor de 10 matemáticos das 3 universidades de Galicia. Trátase polo tanto dun recoñecemento explícito do prestixio colectivo de toda a matemática galega, que suporá un salto cualitativo de enorme importancia, propiciando un aumento de 80 investigadores de diversas categorías, e unha interacción con outras disciplinas científicas e  co sector produtivo.

En resumen, cunha Facultade de prestixio crecente, pioneira na adaptación dos seus estudos de grao e de postgrao á nova realidade europea, e a carón dunha das 4 sedes do IEMath, as Matemáticas en Galicia están, 50 anos despois,  ante unha magnífica oportunidade para ensanchar os seus logros ata límites que os nosos antepasados nunca puideron soñar. Estou seguro que a gran familia dos matemáticos e das matemáticas de Galicia porá todo o empeño para non desperdiciar esta oportunidade. Será a mellor homenaxe que podemos render aos pioneiros que fai 50 anos loitaron por implantar os estudos universitarios de Matemáticas, que eran, son e serán imprescindibles para o progreso da sociedade.  

Juan M. Viaño Rey:

Catedrático e Decano da Facultade de Matemáticas