Saltar ao contido principal
Xornal  »  Muller, ciencia e decencia*

Alberto Pena: Muller, ciencia e decencia*


O filósofo portugués Antero de Quental, unha das referencias más sobranceiras do pensamento decimonónico luso, dicía que “a universidade só iluminaría ó pobo o día en que aquela fose incendiada”. Antero non era un pirómano común, simplemente tentaba prender a chama dun espíritu crítico que abrise as veas da reflexión verbo da relación do saber universitario ca sociedade. Na época que lle tocou vivir, a universidade portuguesa, a de Coimbra (que fundou o Rei-poeta D. Dinis en 1289), a única en Portugal ata que se creou en 1910 a Universidade de Lisboa, era unha burbulla da ciencia impermeable á estructura social do país gobernada polas elites pensadoras e planificadoras do futuro nacional. Sen ir máis lonxe, o dictador António de Oliveira Salazar, que gobernou Portugal cáseque catro décadas, e o seu sucesor Marcelo Caetano, eran catedráticos de Dereito Financeiro na universidade conimbricense. E o segundo era discípulo académico do primeiro. Isto sí que é endogamia!.

Antero era un defensor da permeabilidade científica, da necesidade de que o desenvolvemento intelectual e os progresos da investigación universitaria tivesen un reflexo instantáneo na sociedade, e de que a universidade deixase de ser un castelo inaccesivél para os menos favorecidos e cumprise a súa función primixenia de universalizar o coñecemento, de extendelo a todos, mulleres e homes, ricos e pobres. Na promoción académica de Oliveira Salazar, de 1914, non había ningunha muller. E a primeira que se doutorou en Portugal fixoo en 1936. En España, a primeira doutora foi Dolors Aleu i Riera, o 12 de outubro de 1882, contra o vento e a marea dun machismo recalcitrante. Cando se licenciou en Mediciña pola Universidade de Barcelona, Aleu i Riera, que asistía a clase escoltada por dous gardacostas (o seu pai era o xefe da policía e a guardia municipal), o xornal El Liberal publicou: “Felicitamos por adelantado a los enfermos que fíen la curación de sus dolencias al nuevo doctor con faldas”. Optou sen éxito ó Premio Extraordinario, malia obter sobresaíntes en tódalas asignaturas. O seu mentor, Joan Giné i Partagás, catedrático de Clínica Quirúrxica, recomendoulle facer o doutoramento e, entón, El Siglo Médico, dicía en 1877: “¡Progresamos! La ciencia y la profesión médica son deudores del doctor Giné de la iniciativa de formar en España doctores hembras o cosa que lo parezca…”.

Para doutorarse, Aleu i Riera tivo que trasladarse á Universidade Central de Madrid, porque era a única institución que ofertaba este grado académico, e o Reitor denegoulle inicialmente a solicitude de ingreso ca seguinte explicación: non tiña “autorización bastante para admitir matrículas  en la Facultad a personas de sexo femenino por el silencio que sobre este punto guardan las disposiciones vigentes”. En Galicia, a primeira muller doutorada foi a química Aída Méndez Miaja, no ano 1956! E a única Honoris Causa, ata o de agora, é a brasileira de orixe galega Nélida Piñón, investida o 1 de abril de 1998 pola Universidade de Santiago. Actualmente, só hai un 13% de mulleres catedráticas no sistema universitario galego, segundo o Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía. A primeira muller Honoris Causa na Península Ibérica foi unha muller morta: Santa Teresa de Jesús, pola Universidade de Salamanca o 6 de outubro de 1922, a título póstumo. O rei Alfonso XIII, que presidiu o acto de distinción académica, impuso o birrete doutoral á talla da Santa no seu sepulcro de Alba de Tormes. O seu padriño foi o bispo de Salamanca, que destacou na súa exposición de méritos, as “belezas literarias” dos seus textos. Azorín dicía de Teresa de Jesús, no Diario de un enfermo (1901), que amaba a “esta atormenada mujer con amor apasionado y mórbido. ¿Qué artista no lo amará?. Teresa de Jesús es nuestra. Representa la fe omnipoderosa, el desprendimiento profundamente artístico de las terrenas cosas, el ansia de infinito, el vuelo firme y sereno ideal…”

Estas son as primeiras faíscas da ciencia feita por mulleres, que chega á universidade, neste derradeiro caso, polo camiño da fe. Pero o discurso científico ten pouco de mística e moito de traballo empírico, reflexión académica e orixinalidade intelectual. Certo é que  Santa Teresa tiña unha perspicacia lírica que destilaba profundidade intelectual na inspiración divina dos seus textos literarios. Dela é a célebre frase: “Soy tan de natural agradecida que con una sardina me sobornan”.

O papel das mulleres na súa relación ca ciencia mudou moito no último século, pero ainda fican moitas barreiras neste camiño na procura non da igualdade, senón primeiro da xustiza. A Historia da Ciencia, agás honrosas excepcións como a química Marie Curie, a física Rosalyn S. Yalow, a bioquímica Getri Cori ou a bióloga Margarita Salas (que ingresou, por certo, hai poucos meses, na Academia de Ciencias dos Estados Unidos), está incompleta sen o necesario pensamento feminino, que non feminista. Recentemente, descubrimos, o traverso dunha investigación universitaria que recompilou a correspondencia epistolar do xenial Albert Einstein, que éste tiña unha relación extrañamente desconsiderada cas mulleres que o acompañaron ó longo da súa vida. Semella que él mesmo non chegou a comprender completamente a esencia do saber humanista, baseado na reivindicación da dignidade e do respeto que se deben profesar tódolos seres humanos. Neste caso, ademáis, a ciencia ten que dar un rotundo exemplo. Sen a colaboración das mulleres que estiveron ó lado de Einstein na súa viaxe científica ó centro do universo, se cadra, non habería máis que buratos negros na súa biografía.  

É imprescindível darlle non só voz, senón tamén mando, ó discurso das mulleres no virilizado mundo científico. É necesario que a súa sensibilidade, a súa creatividade, a súa capacidade de sacrifício e tódalas virtudes que as definen biolóxicamente, teña o espacio que lles corresponde, sobor de todo, polos méritos que moitas atesouran para desenvolver carreiras brillantes sen atrancos no camiño. Hai que abrirlles as cancelas da ciencia. Por conciencia e por decencia. É moi importante que toda a sociedade recoñeza que a interpretación e a transformación da realidade que se lle atribúe á ciencia, aplicada ou básica, sempre estará deformada se non hai mulleres que contribúan a artellala e construíla. F. Nietzche, no prólogo da súa influínte obra Máis aló do ben e do mal, xa viña a decir que, detrás de todo pensamento filosófico, sempre haberá unha muller. Xa é hora, xa que logo, de que a muller poida deixar de ser unha musa para convertirse nunha creadora de pensamento científico. É unha laboura de todos, nomeadamente dos homes. 

*Artigo publicado no xornal Faro de Vigo, o día 22 de maio de 2008

Alberto Pena:

Decano da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade Vigo