Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso no acto de investidura como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela de Jaime Gil Aluja

Senen Barro Ameneiro: Discurso no acto de investidura como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela de Jaime Gil Aluja


Excelentísimo sr. Alcalde de Santiago de Compostela
Excelentísimas e Ilustrísimas autoridades
Sr. Presidente do Consello Social
Membros do Claustro Universitario e da Comunidade Universitaria

Señoras e Señores

Cómpre darlle a benvida ao noso Claustro ao doutor Gil Aluja e ao tempo agradecer a presenza de todos vostedes, tanto a quen se atopan neste nobre salón de Fonseca como a quen nos segue, bits por medio, a través de Internet.

O pasado un de abril foron investidos Honoris Causa os doutores Nair e Stute. Foi a primeira retransmisión en tempo real pola rede dunha cerimonia de investidura de Honoris Causa, permitindo así que se puidese seguir aquel solemne acto na distancia. Tamén o latín deixou de ser obrigatorio no decorrer do cerimonial.

A concesión do doutoramento Honoris Causa aos doutores Nair, Stute e Gil Aluja foi acordada no pleno do Claustro do pasado 19 de decembro de 2007, que ratificou así a proposta feita previamente polo Consello de Goberno.

O artigo 163 dos Estatutos da USC prevé a concesión do doutoramento honoris causa como un xeito de honrar e distinguir a persoas sobranceiras no eido da investigación ou da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben daquelas actividades que tivesen unha repercusión notoria e importante desde o punto de vista universitario no terreo científico, artístico, cultural, tecnolóxico e social.

A laudatio do profesor Gil Aluja feita polo seu padriño, o profesor Dr. D. José Antonio Redondo, reflectiu os excepcionais méritos académicos do novo Honoris Causa, pero tamén nos trasladou parte dos que atesoura como persoa. O doutor Aluja é unha desas persoas excepcionais da academia que lonxe de pecharse en despachos e laboratorios sabe sumar á docencia e á investigación innumerables proxectos colectivos, ás veces concretados no ámbito máis íntimo das persoas e outras no máis público das relacións institucionais con universidades, asociacións e academias científicas, e incluso con representantes gobernamentais de países de todo o mundo, sendo un dinamizador permanente de iniciativas nas que, en moitos casos, dunha ou outra forma, a nosa Universidade estivo moi presente.

O Doutor Aluja está considerado unha figura de excepcional relevancia no desenvolvemento da aplicación á economía e ao tratamento da complexidade económica da denominada lóxica borrosa ou difusa. Algúns pensamos que para traballar a alto nivel nos campos teóricos e aplicados dos sistemas complexos, e en particular para facelo con construcións conceptuais e prácticas da denominada computación flexible, entre as que a lóxica borrosa ocupa un lugar de gran relevancia, é necesario ter unha mente e unha personalidade tamén flexibles. É necesario ter unha cabeza como corpo de vimbio. Flexible para adaptarse aos recunchos da complexidade; para non quedar ancorados nos fondos rochosos dos apriorismos; para non descartar alternativas e buscar camiños insólitos. Pero tamén unha cabeza firme e sólida para ter a valentía e a tenacidade que require perseguir solucións a retos científicos e técnicos de primeira magnitude. Así vexo eu ao profesor Aluja: corpo de vimbio feito pensamento.

Como sinalou o profesor Redondo, o doutor Gil Aluja engade este Honoris Causa pola USC a outros dezanove outorgados por Universidades de catro continentes. Pero podo asegurarlles que non se trata para el dun Honoris Causa máis. E non o digo baseándome unicamente nas palabras do profesor Aluja, coas que en varias ocasións, certamente, me trasladou privada e publicamente a excepcional satisfacción e honra que lle producía este Honoris Causa. Dígoo tamén por unha aparentemente simple razón, aínda que complexa nas súas raíces. En xeral tendemos a valorar por riba de todo o aprecio daquelas persoas que máis queremos e o mesmo ocorre coas institucións. Poucos recoñecementos son máis queridos que os que nos outorgan quen sentimos próximos ás nosas vidas, por razón de nacemento, de adopción ou de opción. Na medida en que esta Universidade nosa leva moitos anos sendo tamén parte da vida e obra do doutor Aluja, entendo perfectamente que o feito de que agora a academia de Fonseca, Lope de Marzoa e Muros lle devolva parte do que el nos leva dado, e sobre todo de que o faga pola vía da súa máis alta distinción académica, ten que supor para o insigne profesor Gil Aluja un moi especial motivo de orgullo e satisfacción.

Orgullo e satisfacción especiais supón o acto de hoxe tamén para os Departamentos de Economía Cuantitativa e Economía Financeira e Contabilidade dos que partiu a proposta de honoris causa, e para as Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e de Dirección e Administración de Empresas, que apoiaron sen dilación e con entusiasmo a proposta. E tamén para o conxunto da USC, pola incorporación á nosa comunidade universitaria de tan excepcional académico e persoa.

Doutor Gil Aluja, o Claustro ao que hoxe se incorpora vostede é o dunha Universidade que por centos de anos vén desenvolvendo o seu maxisterio co obxectivo da mellora constante. É o dunha Universidade que desde hai décadas ven acentuando o seu perfil de institución tamén de investigación. E é, finalmente, o dunha Universidade que  non só quere sobrevivir con dignidade no escenario global da terceira misión das Universidades, senón que quere ser líder neste empeño e consolidar a súa posición actual de referente nacional e incluso internacional.

Saben moitos dos que aquí se atopan e dos que nos están seguindo a través de Internet, que esta Universidade acuñou e defende con valentía e moito énfase o concepto de “Emprendemento Integral Responsable”. Con el queremos definirnos no contexto da terceira misión das Universidades, que se engade, ou mellor, que reforza, ás misións docente e investigadora. Este compromiso de expandir a educación superior e a investigación tanto en extenso como en intenso, falando de compromisos económicos, sociais e ambientais, supón reinventar en ocasións a Universidade, repensala outras, e ampliar os seus compromisos as máis das veces.

No moito máis amplo cadro do Emprendemento Integral Responsable, quero destacar nestas as miñas palabras o emprendemento económico -en parte tamén metaemprendemento-, entendido, en todo caso, de forma integral e responsable co ambiente e coas persoas.

Non é a primeira vez que me dirixo a vostedes informando e valorando algunhas das iniciativas máis singulares do noso programa de emprendemento Uniemprende. Faleilles dalgunhas das argolas máis lustrosas da xa longa cadea do noso programa de creación de empresas derivadas da actividade investigadora. Entre estas argolas quero hoxe recordar a Unirisco Galicia, primeira sociedade xestora de fondos de capital risco creada desde unha Universidade do Estado español. Tamén a Uninvest, unha sociedade xestora de entidades de capital risco presentada neste mesmo salón o 15 de outubro de 2005, e que hoxe xestiona 18,5 millóns de euros dun fondo de capital risco no que administracións públicas, entidades financeiras, empresas, etc., decidiron investir nun proxecto singular a nivel europeo –incluso mundial-, para apoiar o desenvolvemento de empresas de base tecnolóxica a nivel do Estado. Unha sociedade participada neste momento por máis de vinte universidades de toda España, o que supón máis do 50% de cobertura da I+D pública. Menos de dous anos despois do inicio das súas actividades, Uninvest leva investido case dez millóns de euros nunha ducia de iniciativas empresariais e está “levantando” un novo fondo sectorial, que operará no ámbito das ciencias e tecnoloxías da vida.

Pero máis que repasar o pasado, por moi recente, transcendente e vivo que sexa, gustaríame aquí e agora destacar dous logros recentes e especialmente importantes.

En primeiro lugar comentarei a concesión ao noso programa Uniemprende da certificación SA 8000 sobre responsabilidade social. Este logro recoñece o esforzo do programa Uniemprende por aplicar os criterios de responsabilidade social á súa xestión e, sobre todo, por orientar cara a estes principios o seu labor de acompañamento ás persoas emprendedoras coas que colabora.

Son pouco máis de mil catrocentas empresas e organizacións de diverso tipo que posúen esta prestixiosa certificación a nivel mundial, e non chegan a vinte en España. Ningunha outra Universidade española está neste selecto grupo, e no resto do mundo só outra, a de Boloña, nos acompaña. Non está mal camiñar coa Universidade de Boloña neste compromiso coa responsabilidade social. E non deixa de ser un virtuoso “revival” que Universidades que alumeamos o mundo da educación superior durante centos de anos esteamos hoxe liderando o mundo Universitario en algúns dos compromisos máis relevantes da coñecida como terceira misión das Universidades.

Por outra parte, hai poucas semanas o profesor Carlos Hernández, principal responsable intelectual e da execución do programa Uniemprende, e quen lles está a falar, acudimos a Colombia para ultimar a creación de Uninvest-Colombia. Poucas veces sentín tanta satisfacción como no acto de sinatura do documento polo que oito Universidades da rexión colombiana de Antioquia e a USC, co apoio de Uninvest, acordaron dar este paso para estender un modelo que naceu na USC, crecendo primeiro en Galicia, despois en España e agora en Latinoamérica. Está nacendo así, desta Universidade nosa, unha multinacional do coñecemento ao servizo da cultura emprendedora nas Universidades.

A iniciativa Uninvest-Colombia foi apoiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, e asumida como un modelo novo e de excepcional importancia para cooperar cos países en vías de desenvolvemento. Cooperación baseada na posta en valor do coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación propia dos países cos que se colabora. Trátase de que poñan en valor o seu coñecemento con coñecemento.

Nos máis de cincocentos anos de vida que temos ás nosas costas poucas veces, se algunha, a USC desenvolveu un proxecto de tal magnitude e transcendencia. Podemos, polo tanto, estar certamente orgullosos.

Doutor Jaime Gil Aluja, Honoris Causa pola Minerva compostelá, quero reiterarlle a benvida ao noso Claustro en nome da nosa comunidade universitaria. Quero tamén agradecerlle a colaboración que iniciou hai xa décadas con esta Universidade e que se foi acrecentando no tempo. E quero anticiparlle o agradecemento polo renovado esforzo que sei que realizará a prol desta vella Universidade que quere liderar no ámbito universitario a terceira misión para este terceiro milenio no que xa nos mergullamos.

Grazas a todos e a todas pola súa asistencia e atención.

Senen Barro Ameneiro:

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela