Saltar ao contido principal
Xornal  »  Declaración do I Congreso Galego de Investigadores/as de Terceiro Ciclo en Ciencias da Educación

Declaración do I Congreso Galego de Investigadores/as de Terceiro Ciclo en Ciencias da Educación


As resultas do I Congreso Galego de Investigadores/as de Terceiro Ciclo en Ciencias da Educación, celebrado entre o 16 e 18 de abril de 2008, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela,

RECOÑECÉNDONOS

como integrantes do Espazo Europeo da Investigación (EEI), e comprometéndonos cos principios e valores enunciados na Conferencia Mundial sobre a Educación Superior no século XXI, celebrada en París, baixo o auspicio da UNESCO no ano 1998; así como na Conferencia Mundial sobre a Ciencia, adoptada o 10 de xullo de 1999; e na Carta europea do investigador, presentada no ano 2000,

DISPOÑÉMONOS a

Cumprir e facer cumprir os dereitos e deberes que corresponden aos estudantes e investigadores en formación, ao amparo do Real Decreto 63/2006, de 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, dos Estatutos do estudantado das respectivas universidades, así como dos regulamentos dos Estudios do Terceiro Ciclo que no seu caso se apliquen.

Esixir unha docencia de calidade, ampliando a formación continua e compartida ao longo da carreira investigadora en todas as súas dimensións teóricas, metodolóxicas e empíricas, salvagardando en todo momento as condicións igualdade e equidade, tanto no seu acceso como no seu desenvolvemento.

E, facendo nosos os desafíos que se lle presentan á investigación educativa e social, en aras a propiciar a mellora das condicións de vida das persoas e dos pobos,

CONVOCAMOS

A toda a Comunidade Educativa, e con ela á súa comunidade investigadora, para agrandar as relacións entre administracións, facultades, departamentos e grupos de investigación, así como entre sociedades e redes científicas no campo educativo; apelando á imprescindible colaboración, cooperación e coordinación científica, tecendo unha respectuosa relación interdisciplinar, interdepartamental e interinstitucional.

Ao persoal docente e investigador das Universidades e dos Organismos Públicos de Investigación, para que continúen desempeñando a súa ineludible tarefa de titorización e dirección dos proxectos de investigación que en conxunto realizamos.

Ao conxunto da sociedade galega, de modo a dignificar e significar a investigación educativa, co recoñecemento que merece pola súa innegable contribución ao avance das prácticas educativas e sociais, e, dese modo, a posibilitar a mellora do benestar social das persoas e dos colectivos, así como o desenvolvemento económico, social e cultural das comunidades e dos pobos.

E, ante as distintas instancias,

MANIFESTAMOS

A necesidade de incrementar os esforzos para proporcionar máis e mellor información, asesoramento e orientación académico-profesional, no tocante á presentación da totalidade dos elementos que configuran a carreira investigadora, á promoción de axudas e apoios á investigación, á definición de perspectivas de inserción e desenvolvemento profesional da investigación educativa e dos seus investigadores, e, en definitiva, con miras a unha socialización académica, científica e universitaria, tamén social e profesional.

A pertinencia de aumentar os incentivos á investigación novel, sinalando a necesidade de destinar recursos específicos de apoio á mobilidade, á formación complementaria, á participación en congresos de divulgación científica, á difusión de resultados de investigación e a cantas actuacións contribúan a legar un futuro de valor para a educación e á súa investigación.

A idoneidade de ampliar as instalacións e os equipamentos para o seu uso por parte da comunidade de investigadores/as en formación, cunha dotación acorde ao desempeño que ofrecemos e debemos ofrecer.

A obriga de procurar a mellor conciliación posible dos tempos persoais e profesionais do labor investigador, coa debida atención que merecen tanto os/as bolseiros/as a tempo completo, como os/as doutorandos/as incorporados a distintos centros de traballo, con independencia de que desempeñen a súa actividade académica a tempo parcial.

E, por todo o dito, CONVIDAMOS, a todos e a todas, a

Definir un marco de políticas concertadas para a investigación educativa e pedagóxico-social, onde se preste unha especial atención aos Programas de Doutoramento -interdepartamentais e interuniversitarios-, así como á incorporación de novos/as investigadores/as á comunidade educativa.

Estimular a abordaxe de temas e problemas de investigación científica socialmente relevantes, acentuando a súa identidade galega co propósito de mellorar as realidades educativas e sociais que, de modo singular, concorren nos contornos rurais e urbanos da nosa Comunidade Autónoma.

Facer fincapé na divulgación dos Programas de Doutoramento, dentro e fóra das Universidades, poñendo en valor a comunicación científica e social dos seus resultados, transferencias e impactos, en termos institucionais e sociais; baixo criterios que sexan acordes coas características da etapa na que se atopan; posibilitando así a súa aprendizaxe compartida e a súa socialización profesional.

Promover a creación de espazos de encontro e intercambio, para o diálogo e o entendemento mutuo, onde teña cabida a realización de actividades congresuais e seminarios de formación especificamente destinados a novos/as investigadores/as, sen obviar a súa consideración noutro tipo de actividades que convoquen ao conxunto da comunidade científica.

E, con ocasión deste solemne acto de clausura, ante os representantes institucionais convocados neste I Congreso Galego de Investigadores/as de Terceiro Ciclo en Ciencias da Educación, en nome dos compañeiros e das compañeiras que así o expresaron no Foro de Retos e Desafíos do Terceiro Ciclo en Galicia, procedemos á súa lectura e -se procede- sinatura de común acordo.