Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso no acto de investidura como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela de Ramachandran P. K. Nair e Winfried Stute

Senén Barro Ameneiro: Discurso no acto de investidura como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela de Ramachandran P. K. Nair e Winfried Stute


Excelentísimas e Ilustrísimas autoridades
Membros do Claustro Universitario e da Comunidade Universitaria
Señoras e Señores

Quero comezar por darlle a benvida ao noso Claustro aos doutores Stute e Nair, e tamén por agradecerlles a presencia a todas as persoas que hoxe nos acompañan neste acto que supón a investidura de dous novos doutores honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela. A presencia física de quen se atopan neste Salón Nobre de Fonseca e incluso a virtual de quen nos están seguindo por Internet, moi especialmente desde o noso Campus de Lugo, é fundamental para revestir o ornato de este tipo de actos do imprescindible alento e calor humanos. Unha vez máis a tradición e a modernidade poden e deben darse a man.

Desde 2003 ata hoxe non foran investidos novos honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela. Quixemos dotarnos dun novo regulamento para o nomeamento de honoris causa, e así o fixemos por acordo do Claustro de 21 de decembro de 2006. Este regulamento desenvolve o artigo 163 dos Estatutos da USC, no que se prevé a concesión do doutoramento honoris causa como un xeito de honrar e distinguir a persoas sobranceiras no eido da investigación ou da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben daquelas actividades que tivesen unha repercusión notoria e importante desde o punto de vista universitario no terreo científico, artístico, cultural, tecnolóxico e social.

Correspóndelle ao Consello de Goberno aprobar as propostas de concesión dos doutoramentos honoris causa e a súa posterior ratificación ao pleno do Claustro Universitario. Foi concretamente o pleno do Claustro do pasado 19 de decembro de 2007 o que ratificou a concesión dos honoris causa aos doutores que hoxe foron investidos, e tamén ao Dr. don Jaime Gil Aluja, cuxa investidura está prevista para o próximo 23 de abril.

Os nosos máximos órganos de goberno e de representación viron entre a excelencia de todas as persoas propostas a oportunidade de incorporar ao noso Claustro a tres persoas cuxo perfil académico e compromiso persoal con esta casa acrecentarán singularmente a diversidade e proxección externa da nosa Universidade.

Estou seguro de que todas as persoas presentes corroborarán as miñas verbas tras ter escoitado a laudatio do profesor Ramachandran P.K. Nair, primeiro honoris causa da USC nun ámbito tecnolóxico, feita pola súa madriña, a profesora Dra. Dna. María Rosa Mosquera Losada, e a laudatio do profesor Winfried Stute, feita polo seu padriño, o profesor Dr. D. Wenceslao González Manteiga.

O Dr. Nair é unha referencia na concepción e desenvolvemento da ciencia agroforestal como ciencia moderna, tal e como reflicte a súa extensa traxectoria, que o levou a traballar en catro continentes, en países desenvolvidos e en vías de desenvolvemento e que foi recoñecida por numerosos premios das ciencias agrícolas e forestais ao longo da súa carreira. Foi pioneiro na promoción dun tipo de sistemas, os agroforestais, como forma de uso sostible, no que o conxunto dos seus compoñentes debe manexarse de tal forma que se mellore a produtividade do territorio, pero tendo en conta o medio ambiente.

Agradecémoslle ao Dr. Nair o seu apoio e colaboración co Departamento de Produción Vexetal. Como Universidade comprometida socialmente non queremos deixar de agradecer tamén o seu inquebrantable compromiso cos países en desenvolvemento, aos que tanto pode axudar o seu coñecemento e compromiso vital.

O Dr. Stute é un probabilista de excepción. Xerou unha ferramenta para o desenvolvemento probabilístico da estatística, con numerosas aplicacións: Series de tempo, modelos de regresión, análises de supervivencia, estimación de puntos de cambio estruturais, datos incompletos, datos financeiros..., o que o converte nun científico de sona mundial nos campos probabilístico e estatístico. O Dr. Stute leva xa vinte anos impartíndonos o seu maxisterio cunha enorme xenerosidade e estou convencido que así seguirá sendo no futuro.

Os Departamentos de Produción Vexetal e de Estatística e Investigación Operativa, dos que partiron as propostas dos nosos ilustres honoris causa, están de en hora boa. E tamén o conxunto da Escola Politécnica Superior do noso Campus de Lugo e da Facultade de Matemáticas, que está a celebrar medio século de moi próspera vida –aproveito a ocasión para felicitármonos, e moi especialmente á nosa Facultade de Matemáticas, por ter sido designada Santiago de Compostela unha das catro sedes do Instituto Español de Matemáticas; trátase, sen dúbida, dun logro de excepcional relevancia para toda Galicia-. E de en hora boa está o conxunto da comunidade universitaria da USC, por ter como novos integrantes da mesma a tan excepcionais persoas.

Doutores Nair e Stute, acaban vostedes de entrar no noso Claustro. O Claustro dunha Universidade centenaria xa por cinco veces. O Claustro dunha Universidade que tendo unha historia tan longa e prestixiosa e unhas raíces tan afianzadas no seu país, síntese na obriga de mirar sobre todo cara o século que está por vivir e proxectar as súas ramas no conxunto do mundo. O Claustro dunha Universidade que quere que todas e cada unha das súas responsabilidades, crecentes co paso do tempo en número, amplitude e transcendencia, se sitúen no cadro dun proxecto ético global.

Un proxecto ético global no que se establece o noso empeño por ser unha institución docente e investigadora comprometida socialmente, respectuosa co ambiente, sensible aos intereses do noso contorno e, por extensión, do conxunto da sociedade. Empeñada na preservación e potenciación dos nosos propios sinais de identidade cultural; na defensa da paz, do respecto aos dereitos das persoas en xeral, e dos nosos estudantes e traballadores en particular. Comprometida coa transferencia á sociedade do coñecemento e dos resultados do noso esforzo investigador; co respecto pola diversidade, polas distintas culturas, pola liberdade sexual, por todas as crenzas. Implicada coa formación en valores; coa defensa da ética na investigación e no respecto á propiedade intelectual empeñada na transparencia, no rendemento de contas e no bo goberno.

As Universidades facemos gala en xeral da singularidade coa que outorgamos as nosas honras e distincións. Moi especialmente, claro está, no caso dos honoris causa, por ser esta a nosa máxima distinción académica. A Universidade de Santiago de Compostela o fai moi especialmente, obrigada tamén pola súa historia e importancia. A nosa galería de honoris causa contén a persoas excepcionais en moi diversas disciplinas técnicas, das ciencias, das humanidades e das artes. Persoas ás que queremos honrar e recoñecer a súa relevancia para nós e para o conxunto da súa disciplina no mundo. Persoas ás que en reciprocidade lles pedimos que reaviven a diario o seu compromiso con esta casa do saber. Lles pedimos que nos axuden a ser unha mellor Universidade e a desenvolver un mellor servizo público. Que nos axuden a esforzarnos por desempeñar as nosas responsabilidades sen abandonar o compromiso co noso proxecto ético global.

Sei que así será no caso dos doutores Nair e Stute, que ingresan hoxe no noso Claustro pola súa condición de honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela. Así será, seguro, e xa de antemán llelo agradecemos.

Grazas a todos e a todas pola súa asistencia e atención.