Saltar ao contido principal
Xornal  »  A Biblioteca nos retos da USC

Paco Castro Alvaredo: A Biblioteca nos retos da USC


Cada vez máis, a Biblioteca Universitaria da USC (BUSC) é o servizo máis conectado coa esencia universitaria, máis imprescindible na súa función e máis estratéxico nos seus retos.

Nas últimas décadas producíronse moitos cámbeos, comezando polo difícil proceso de conversión nunha auténtica biblioteca universitaria, comezando polo rescate e procesado de parte do fondo espallado polos despachos departamentais, e seguindo cun longo proceso de automatización. Nada seria posible sen o entusiasmo dun cadro de persoal digno de eloxio que tivo que enfrontarse ás inercias moitas veces sen o apoio da propia institución. Pero os cámbeos sucédense vertixinosamente, sen tregua. A pesar de que parece obvio que o entusiasmo non inunda a función pública en xeral nin a universidade nin, por suposto, os espazos onde a información máis ca fluír habita  e incluso, a veces, xace, o futuro trae novos retos.

A BUSC xa está definida nos novos estatutos como Centro de Recursos para a Aprendizaxe e a Investigación (CRAI) pero falta que o sexa de verdade; que a estas alturas aínda non se modificara o regulamento para adaptalo aos estatutos que xa se están modificando de novo, e un síntoma que non precisa comentario.
A consecuencia inevitable dos avances tecnolóxicos e da mundialización, chamada Biblioteca Híbrida, debe ser unha realidade que poidamos controlar desde as nosas perspectivas e desde os nosos intereses como país e como cultura.

Ese concepto amplo de “Alfabetización Informacional (ALFIN)”, ten que chegar alén dos planes estratéxicos e das recomendaións e disolverse  no proceso cotián de aprendizaxe, nos procesos que se dan niso que agora chaman “transformación da información en coñecemento”, comezando polo propio persoal da BUSC e seguindo por profesores e estudantes.

En todo isto a Biblioteca vai ter un protagonismo central e, desde a miña humilde opinión, a nova dirección da BUSC vai ter que enfrontarse a estes retos e a outro, se cabe máis difícil, facelos visibles en toda a comunidade universitaria.

Paco Castro Alvaredo:

Auxiliar de Bibliotecas Arquivos e Museos da USC