Saltar ao contido principal
Xornal  »  Ética: autonomía e responsabilidade

Senén Barro Ameneiro : Ética: autonomía e responsabilidade


Sosteño que non debemos ceder nin un ápice na nosa autonomía, recoñecida incluso constitucionalmente, pero debemos exercela con un compromiso ético inquebrantable. Con esta idea titulei o discurso de inauguración do curso académico 2005-2006: «Autonomía+responsabilidade=ética». Título que vai en sintonía, por certo, coa liña exposta nunha recente Comunicación da Comisión Europea sobre unha axenda de modernización das universidades.

En dito discurso dicíase que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) trabállase na definición dun Proxecto Ético Global, no que explicitásemos o noso empeño en ser unha institución docente e investigadora comprometida socialmente, respectuosa co ambiente, sensible aos intereses do noso contorno e, por extensión, do conxunto da sociedade. Unha institución empeñada na transparencia, o rendemento de contas e o bo goberno.

A Memoria de Responsabilidade Social que a USC elabora anualmente dende 2004 forma parte deste Proxecto Ético Global, e aínda hoxe somos a única universidade española que elabora un documento deste tipo.

Nesta mesma liña abriuse na USC un proceso de reflexión para discutir, elaborar e, logo, aprobar un código ético que definira os nosos sinais de identidade, tanto para a comunidade universitaria como para a sociedade no seu conxunto. Un código que explicitase o noso compromiso e respecto ambiental; o noso compromiso social co desenvolvemento sostible económico e social; a preservación e potenciación dos nosos propios sinais de identidade cultural; a defensa da paz, do respecto aos dereitos das persoas en xeral, e dos nosos estudantes e traballadores en particular; a nosa implicación coa transferencia á sociedade do coñecemento e dos resultados do noso esforzo investigador; o respecto pola diversidade, polas distintas culturas, pola liberdade sexual, por todas as crenzas; a implicación coa formación en valores; a defensa da ética na investigación e no respecto á propiedade intelectual...

O código ético é un código que non só, aínda que sobre todo, compromete a quen temos responsabilidades académicas e de goberno. Trátase dun compromiso que concirne e, máis aínda, implica a toda a comunidade universitaria, aínda que moi especialmente aos traballadores e traballadoras da Universidade; traballadores que tamén debemos exercer un compromiso ético individual e pensar que non só temos dereitos senón tamén responsabilidades, sen caer no erro de que o comportamento ético se nos ha de presupoñer, polo que non é necesario demostralo e aínda menos explicitalo.

O claustro da USC debateu e aprobou por rotunda maioría un código ético que incide en todos os puntos anteriores e en máis. Un documento elaborado por unha comisión presidida polo Valedor da Comunidade Universitaria. Trátase dun código inédito no conxunto das universidades do Estado español, que deberá ir evolucionando co paso do tempo, incluso pola propia evolución do que supoña para a nosa sociedade o termo de ética. Seguro que cada un de vostedes pode encontrarlle unha ou moitas tachas; atopalo demasiado parco ou incluso prolixo de máis. Polo contrario, debe ser un documento en permanente contraste coa realidade, en constante debate e, no seu caso, sometido a modificación.

Permítanme que lles diga, que estou orgulloso da Universidade que teño a honra de representar. Orgulloso de que os seus máis de cincocentos anos de vida non lle impidan ser pioneira en moitos proxectos e louzán no seu modo de executalos. Orgulloso de que loite por ser a universidade máis emprendedora das universidades históricas e a universidade con máis historia de entre as emprendedoras.

Senén Barro Ameneiro :

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela