Saltar ao contido principal
Xornal  »  Do sentido común ao sentido político

Senén Barro Ameneiro: Do sentido común ao sentido político


Discurso de inauguración do curso académico 2007-2008 do Sistema Universitario Galego

Correspóndelle á Universidade de Santiago de Compostela a honra de iniciar un novo curso académico no Sistema Universitario Galego. Con enorme satisfacción abrimos este Pazo de Fonseca, Alma Mater da Universidade galega, para recibir a tan ilustre representación universitaria, política, cultural, profesional e social do noso país.

Quero comezar por felicitar ao Profesor Dr. D. Vicente Pérez Villar polo seu excelente discurso inaugural e dicirlle que me fixo unha especial ilusión asistir de novo a unha clase súa, nada menos que vinte e cinco anos despois!.

A lectura anticipada do texto da lección inaugural permíteme recordar cousas aprendidas anos atrás e aprender outras para min descoñecidas. A lectura é sempre un exercicio no que o que se le debe atopar acubillo co que xa se coñece, e sobre todo, con aquilo que se ten máis vivo no presente, aínda que con frecuencia sexan cousas aparentemente inconexas. Acubillo incluso no estado de ánimo co que envolvemos esta lectura nun momento dado. E así, a lectura do citado discurso situoume arredor da Universidade actual. Quizais pensen que se trata dun pensamento un tanto rebuscado, pero penso que a “Sinerxia”, como rama da ciencia que se ocupa de sistemas complexos, ben podería ocuparse tamén de analizar a hipercomplexidade actual das universidades, institucións que están sometidas a múltiples procesos de cooperación-competición entre subsistemas internos e externos e a constantes procesos de reorganización inducida e autoorganización.

Os cambios que a universidade está a vivir son moito máis radicais e acelerados que todos os que se foron producindo secularmente. A universidade atópase agora nunha encrucillada –por utilizar palabras de Pello Salaburu-. Un cruce de camiños que, ao contrario que os de Santiago, van a distintos destinos e, polo tanto, deben ser escollidos fixando de antemán o lugar ou lugares aos que se quere ir.

Abordar todos os temas que neste momento nos preocupan, e que dun modo ou outro nos ocupan, non sería posible nin oportuno neste discurso. Pero tampouco quixen facer un discurso centrado nun tema de interese exclusivo da Universidade compostelá. Este discurso éo en representación das universidades galegas e, polo tanto, debe servir para abordar temas compartidos, aínda que sexa con visións non plenamente coincidentes. Abordarei así catro cuestións, cada unha delas relacionada cun sentido, entendendo sentido na súa acepción de modo particular de entender algo e non de recepción e recoñecemento de sensacións e estímulos. De entender algo e, polo tanto, de abordar a súa análise e, de ser o caso, a acción resultante. Falarei así do sentido común, do sentido académico, do sentido solidario e do sentido político.

SENTIDO COMÚN E CIDADE DA CULTURA
Sentido común é, sobre todo, o que debe imperar en relación ao proxecto da Cidade da Cultura. Atrévome a abordar este tema na medida en que desde a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento se nos demandou a todos os patróns, e moi especialmente ás universidades, que colaborásemos en desenvolver do mellor modo posible este ambicioso proxecto. Evidentemente pídesenos que poñamos neste empeño materia gris e non capital.

Por suposto non vou intentar dar ideas máis ou menos afortunadas sobre o destino concreto de cada edificio, pero si quero facer tres reflexións arredor do sentido global do proxecto: a primeira, que poñer en valor o proxecto é revalorizarnos como país; segundo, que os proxectos que non evolucionan acaban esmorecendo; e, por último, que a endogamia intelectual e cultural empobrece.

Sería paradoxal que se fale de Galicia ao carón de gravísimos desastres ambientais, como o do Prestige ou a vaga de lumes que asolou Galicia no verán de 2006, e que por riba presentásemos ao mundo como un desastre o que deberíamos entre todos tratar de converter en virtude.

Frank Wilczek, que en breve visitará Compostela, recibiu o premio Nobel de física no ano 2004 polo descubrimento da denominada liberdade asintótica na teoría da interacción forte. Esta forza, unha das catro forzas fundamentais que rexen o universo e que une as pezas elementais da materia: os quarks, opera dun modo francamente contraintuitivo, xa que canto máis preto están os quarks uns dos outros menos forza exercen entre si. Ás veces penso que os galegos e galegas somos como os quarks. Cando estamos cerca uns dos outros comportámonos como se estivesemos en boa medida liberados de corresponsabilidades e de empeños conxuntos, pero na distancia, e sobre todo mar por medio, sentímonos, máis que nunca, como parte importante dun mesmo proxecto de vida e de país.

Na lección inaugural recordóusenos a hipótese de gaia, segundo a cal a Terra é un organismo vivo, no que a vida, a terra, o aire e os océanos operan como órganos diferentes dun corpo que evoluciona de maneira conxunta. Do mesmo xeito, o novo monte Gaiás debe facer que mesmo os edificios nel dispostos e os contidos e actividades que para eles se definan, operen como un corpo vivo e en evolución constante. Parece que esteamos obsesionados por atopar unha solución sen discusión, sen alternativa e de por vida para a Cidade da Cultura, e isto semella atenazar a quen ten a responsabilidade de tomar decisións sen demasiadas dilacións. Non obstante, Gaiás ten que ser un ser vivo, en permanente evolución, sometido co paso do tempo a revisións que eviten as enfermidades propias da obsolescencia, sobre todo aquelas que poidan cronificarse.

Con frecuencia tamén se pensa na Cidade da Cultura como un megacontedor para microideas. Os contidos deben ser múltiples, heteroxéneos e visibles a distintas escalas espaciais, temporais, lúdicas e intelectuais. Converter a Cidade da Cultura nun referente de Galicia e dos galegos e galegas no mundo supón ser ambiciosos na concepción e na acción.

Dicía Santo Agostiño que “a razón humana conduce á unidade”. Despois foi Auguste Compte quen afirmou que “a ciencia reduce á unidade”. Hoxe, estou seguro, é sobre todo a tecnoloxía a que nos reduce á unidade, cando menos entendida como unha especie de forza centrípeta que tende a homoxeneizarnos ou globalizarnos. Sen embargo, sabemos tamén que quen chega a Compostela e a Galicia, sexa a pé ou en avión, con mochila ao lombo ou con maletas de luxo, aloxados en albergue ou en hoteis de cinco estrelas, de paso ou para ficar con nós, ás veces de por vida, trae e deixa anacos de culturas e vivencias moi distintas. Esta forza centrífuga que representa a diferenza de linguas, de tradicións, de gastronomía ou de credos é aínda máis forte que a forza centrípeta que tende a clonarnos intelectualmente. Apostemos por una cidade crisol de culturas que non será, senón, a cidade dos millóns de persoas que todos os anos veñen e virán onda nós.

Tampouco se pode falar de cultura sen falar de ciencia e de tecnoloxía. Cultura é o conxunto de coñecementos que permite a alguén desenvolver o seu xuízo crítico. Hoxe, máis que nunca, non podemos ser individuos con xuízo crítico se somos basicamente analfabetos nos temas propios do coñecemento científico e do desenvolvemento tecnolóxico. Polo tanto, é unha responsabilidade dos poderes públicos axudar a que as persoas se “cultiven” a todos os niveis. Por iso considero fundamental que non apostemos exclusivamente por unha cultura local e entendida unidimensionalmente. Penso que debemos de crear unha auténtica Cidade das Culturas e do Coñecemento, ou C3, como a min me gusta chamarlle.

O Sr. presidente e a Sra. conselleira de Cultura e Deporte saben que poden contar coas universidades de Galicia para conseguir facer da Cidade da Cultura un proxecto do que nos sintamos orgullosos todos os galegos e galegas. Os das seis provincias.

SENTIDO ACADÉMICO NA CONSTRUCIÓN DO ESPAZO EUROPEO DE EDUCACIÓN SUPERIOR
Levamos anos falando e tamén avanzando na construción do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Pero a parte medular do proceso de harmonización da educación superior a nivel paneuropeo aínda non comezou no Estado español. Refírome á implantación dos graos que substituirán ás actuais titulacións de primeiro e segundo ciclo.

Parece que por fin é inminente a publicación do Real Decreto dedicado ao ordenamento das ensinanzas universitarias oficiais, que permitirá definitivamente a elaboración, aprobación e implantación de graos. En todo caso, de novo me gustaría facerlles un símil inspirado nos sistemas de reacción-difusión que nos describe no seu discurso o profesor Pérez Villar. No proceso reiteradamente iniciado de conformar un espazo europeo da educación superior, as universidades recibimos moitos estímulos externos nos últimos anos. Estímulos de moi distinta intensidade. Algúns tenues, que provocaron no sistema universitario perturbacións que decaeron de forma rápida. Pero tamén outros que superaron o limiar de indiferenza ou de inactividade cautelar, e nos fixeron aos responsables académicos propagar entre as nosas comunidades universitarias procesos de perturbación que antes ou despois se quedaron en “falsas alarmas”, debido aos cambios de tendencia no proceso de avance cara ese espazo europeo harmonizado. O problema é que despois de cada perturbación, como ocorre nos sistemas de reacción-difusión, é necesario recuperar as propiedades de excitabilidade do sistema universitario, o que require do transcurso dun tempo de refractariedade que resulta desacougante para todos. Aínda así, o profesorado, peza clave en todo este proceso, está en permanente disposición para afrontar este reto, facéndoo non só en clave individual senón tamén colectiva. En todo caso, resulta imprescindible que agora non teñamos máis falsos positivos; que o proceso de deseño da nova oferta docente, concretamente dos graos universitarios, se realice sen máis demoras, sen máis reviravoltas e contando con criterios e medios adecuados para que non fracase esta oportunidade de mellorar a calidade da nosa oferta de títulos e a cobertura dos distintos nichos de demanda –de educación e profesionais-, harmonizando a oferta a nivel europeo e mellorando a eficiencia, eficacia e equidade da educación superior.

Os aspectos críticos para o éxito ou o fracaso deste transcendental proceso non están, non obstante, na fase normativa. Non debemos esperar que a nosa implicación nos espazo europeo de educación superior e de investigación nos veña dado simplemente ao ditado. Non se tratará de comer en base a un menú pechado e de inxesta forzada. O menú será en boa medida responsabilidade nosa, aínda que se nos fixen o máximo de graxas saturadas e calorías que poidamos comer ou se nos concreten algúns dos alimentos dispoñibles.

No 1674 Covarrubias, no seu “Tesoro de la lengua española”, definiu o termo “novidade” como “cosa nueva y no acostumbrada. Suele ser peligrosa por traer consigo mudanza de uso antiguo”. Incluso o DRAE, na súa acepción quinta, define este termo como “alteración de saúde”. Os cambios, claro está, nin aseguran o éxito nin con seguridade evitan o fracaso. De calquera xeito, non cambiar, permanecer á expectativa, estáticos, inertes... garante a decadencia, o languidecer e, ao cabo, a morte. Falo dos organismos, as institucións, as empresas, pero tamén da educación superior.

O estudantado está bastante desinformado sobre este gran proceso de transformación do que son os principais destinatarios, e cada vez se oen con máis intensidade moitas falsidades ao respecto do EEES. Por exemplo, que o EEES supón a privatización das universidades públicas, cando é a primeira vez que se ofertan estudos de posgrao a prezos públicos. Sen estudantes ben informados e axeitadamente formados para levar adiante un cambio de paradigma no proceso de ensino-aprendizaxe, boa parte das potenciais bondades deste camiño teranse desaproveitado.

Outro tema crítico é o custo deste proceso. Como pon de manifesto a Comisión de Financiación do Consejo de Coordinación Universitaria no seu informe “Financiación del Sistema Universitario Español”, de abril de 2007, esta reforma non será posible sen un financiamento importante e específico, que nunha análise conservadora este estudo cifra nunha achega suplementaria superior ao 0,1% do PIB. Cando xa levamos dous anos ofertando títulos oficiais de posgrao a prezos públicos os recursos recibidos para este cometido non deixan de ser testemuñais. Agora que estamos a piques de iniciar a oferta dos títulos de grao parécenos inescusable activar a cláusula do vixente plano de financiamento do Sistema Universitario de Galicia que indica que “no marco da incorporación do sistema universitario galego ó ámbito educativo europeo será considerada a situación polo goberno e as universidades, facendo os estudos e análises pertinentes a fin de tomar as medidas que procedan: organizativas, estruturais, financeiras ou calquera outra que mereza ser considerada.”

Por último, moitos pensamos que esta reforma debe ser aproveitada tamén para lograr que a oferta conxunta das Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela estea en maior sintonía coa demanda estudantil e a dos empregadores. Ambos os procesos non son nin moito menos estáticos, polo que é necesario establecer un proceso continuo de atención aos factores que neles inflúen e asumir en este momento de plena reforma que as situacións de forte desequilibrio entre oferta e demanda han de ser corrixidas ou cando menos paliadas, aplicando de forma permanente o sentido académico e a visión como sistema das tres universidades galegas.

SENTIDO SOLIDARIO NA CONSTRUCIÓN DUNHA NOVA EUROPA
Nun libro do que foi ata fai pouco Primeiro Ministro belga, Guy Verhofstadt, titulado “Los Estados Unidos de Europa”, e editado pola USC en 2006, pregúntase o autor se queremos unha zona de libre comercio ou unha Europa política. Moitos somos os que pensamos que construír unha nova Europa vai moito máis alá de regular o tamaño das pezas de manteiga, de discutir en que idioma deben escribirse as patentes ou incluso de ter unha moeda común. Os verdadeiros avances na conformación dunha nova Europa, sustentable, economicamente máis poderosa e cunha mellor calidade de vida para os seus cidadáns e as súas cidadás fundaméntase en proxectos solidarios nos que podemos perder local e puntualmente, pero nos que todos gañamos co tempo.

Como indican Rafael García Pérez, profesor desta casa, e Luís Lobo-Fernandes, da Universidade de Minho –“España y Portugal: el valor de la UE”, El País, 21 de setembro de 2007, edición de Galicia-: “os países e os cidadáns europeos temos a fortuna de contar cun instrumento excepcional para facer fronte aos desafíos da globalización. A Unión Europea é a nosa opción estratéxica común e con seguridade constitúe a nosa única opción...”.

Sirva este limiar para pasar a comentar un tema de intenso debate público nos últimos meses e que aínda revive de cando en vez. Estou a falar da novidade que supuxo para este curso académico o modo de acceso de estudantes procedentes de outros países da Unión Europea, e sobre o que xa escribín con anterioridade –“Blindamos as nosas universidades?”, El Correo Gallego, 25 de xullo de 2007-. Por primeira vez se lles permitiu aos estudantes, por un acordo entre os estados membros, acceder a calquera universidade a través do mecanismo que opera no seu país de orixe e tras un proceso de certificación da súa nota de acceso por parte da UNED. Así, por exemplo, os estudantes portugueses poden acceder á nosa oferta de titulacións tendo superadas as súas probas de acceso á universidade –non menos estritas que as nosas, por certo-, sen necesidade de facer a maiores a selectividade española. E tamén viceversa, claro está.

Evidentemente esta situación acentuou os fluxos de estudantes en todas as direccións e provocou cambios significativos e repentinos na proporción de estudantes estranxeiros en certas titulacións, sobre todo en aquelas que contan cunha forte demanda interna e externa. Tal foi o caso de Medicina, por exemplo. Por certo, tamén moitos dos nosos titulados en medicina exercen voluntariamente no país veciño. Alí se foron buscando unhas condicións laborais mellores ca as que en principio poderían conseguir no noso país. Algúns retornarán e rendibilizaremos aquí a experiencia que alí acumularon. Outros é posible que se queden definitivamente, e sen dúbida tamén axudarán a fornecer os lazos de irmandade que existen entrambos os dous países.

Sen entrar a debater cuestións de oportunidade e de formas, si quero facer énfase en que a construción dun espazo común do coñecemento, parte fundamental desa nova Europa á que antes fixen referencia, require de conformar un cadro europeo da educación e da investigación. E non común por igual senón polo empeño en compartir e colaborar. Evidentemente isto supón renunciar a certas cousas e poñer en común a maioría, incluídas as nosas institucións e as nosas oportunidades de formación e de emprego, ao tempo que accedemos ás dos outros. Trátase de que todos gañemos ao cabo do tempo.

Temos que seguir abrindo ás nosas universidades ao mundo. Os programas europeos de movilidade universitaria son un caso paradigmático de permeabilidade interuniversitaria. Temos que intensificar os esforzos e extender os obxectivos e os espazos nesta liña. As universidades galegas deben mirar e proxectarse en Asia e África. Deben asumir o papel de interlocutores privilexiados co mundo lusófono. Deben facer valer definitivamente o seu carácter de ponte entre Europa e América, impulsando decididamente os compromisos da Declaración de Compostela, asinada por máis de 200 institucións universitarias de toda Iberoamérica, e que aposta pola conformación dun espazo do coñecemento Unión Europea – América Latina e o Caribe.

Polo contrario, se comezamos a blindar as nosas universidades fronte aos que veñen de fora non pararemos aí. Despois tamén as blindaremos fronte aos que non son da nosa comunidade ou da nosa cidade. Inverteremos o sentido social e solidario da Unión Europea, dilapidando en pouco tempo os enormes esforzos que fixeron xentes como Robert Schuman ou Jean Monnet para conformar a realidade que é hoxe a Unión Europea.

SENTIDO POLÍTICO NO FINANCIAMENTO UNIVERSITARIO
Podería acudir a cento de estudos máis ou menos prolixos para avalar a relación directa entre o investimento en educación superior e investigación e o desenvolvemento da denominada economía da innovación e do coñecemento, e da súa man o conseguinte crecemento económico. Polo recente e interesante do mesmo, permítanme que me limite a citar o informe “¿Por qué es necesaria la reforma de las universidades europeas?”, elaborado por un grupo de expertos do “think tank Bruegel”, creado pola Unión Europea. Este grupo analiza, entre outros temas, o mal posicionamento das universidades españolas a nivel mundial. Non temos en ningún dos ránkings máis populares a ningunha das nosas universidades entre as cen primeiras do mundo. Porén; dous dos nosos bancos ocupan os postos cuarto e décimosegundo por capitalización bolsista; tres das multinacionais españolas están entre as cen primeiras empresas do mundo; e tres dos aeroportos españois están entre os dez primeiros de Europa por número de viaxeiros.

Que estamos a facer mal no ámbito universitario? Os expertos apuntan basicamente a dúas causas: unha razón económica e outra organizativa. O financiamento Universitario en España é sensiblemente inferior á media da Unión Europea. E a situación no Sistema Universitario de Galicia está claramente por baixo da media de España.

Dediquei o discurso de San Tomé do ano académico que acaba de expirar a tratar o tema da investigación e o financiamento universitario, polo que aquí obviei o primeiro, aínda tratándose dun reto a nivel panaeuropeo tan importante como o da educación, e evitarei abondar en detalles sobre o financiamento universitario En todo caso, permítanme que me sitúe minimamente nesta transcendente cuestión.

Os reitores que aquí nos atopamos non pedimos nada para nós nin representamos simplemente os intereses das nosas comunidades universitarias, senón que tratamos de focalizar a atención sobre aqueles obxectivos que o son do conxunto da sociedade, xa que entendemos que investigar e apostar pola transferencia dos resultados é imprescindible para avanzar; que mellorar as condicións docentes e discentes e a calidade da formación é un desafío nunca vencido; que axudar a crear riqueza e traballo cualificado é unha necesidade para ter un mellor futuro; e que non é posible aumentar a calidade de vida das sociedades e das persoas que as integran sen comprometernos socialmente e co desenvolvemento sostible.

Non obstante, ás veces temos a sensación de ser recibidos pública e privadamente con prevención. Temos ata complexo de mendicantes, e con frecuencia nos sentimos destinatarios daquela xenial frase que Castelao puxo no pé dun dos seus debuxos, no que un pobre que pedía á porta dunha casa escoitaba: “outros viñeron e nada levaron, e ben sabe Deus que non se lles pode dar a todos”.

A sociedade entende e cre xustificado que se pidan máis recursos para poder reducir as listas de espera nos hospitais, para poder mellorar as infraestruturas médicas ou para poder operar con técnicas cirúrxicas cada vez menos invasivas. Pero non se mostra tan sensible á necesidade de formar mellor aos nosos futuros médicos ou a financiar a investigación que despois permitirá fabricar mellores dispositivos para o diagnóstico ou fármacos máis eficaces.para combater as enfermidades. Vivimos quizás nunha sociedade que valora a resposta a corto prazo e á que lle costa ver que hai inversións cuxos rendementos son moi superiores pero con colleitas que non son dun ano para outro.

Aos reitores e reitoras tócanos seguir reclamando o necesario para que as universidades que representamos fagan ben o que se lles pide que fagan. Tócanos gobernar con transparencia, eficiencia e eficacia. Tócanos render contas de cada euro que recibimos e de cada responsabilidade que asumimos ou eludimos. A quen xestiona os recursos públicos tócalle decidir se a universidade é un investimento rendible e de aposta para o futuro ou un gasto que debemos tender a minimizar.

Sr. presidente da Xunta de Galicia, tendo presente a elegancia e a cortesía académica que debe primar neste tipo de actos, creo non obstante o meu deber, e tamén en nome dos meus colegas o fago, recordarlle aqueles compromisos que aínda se poden e se deben cumprir. Entre eles está o de acadar un financiamento universitario equivalente ao 1% do PIB galego antes do remate da actual lexislatura. Sei que cando formulou este compromiso, e cando despois o reiterou no seu documento “1 ano de goberno. A Galicia que queremos, a Galicia que facemos”, manifestaba un firme propósito adquirido tras unha análise detallada e repousada da situación actual do nóso sistema universitario e dos obxectivos que se queren acadar para non quedar á marxe das economías do coñecemento. Por iso estamos convencidos de que é un compromiso vivo e que será cumprido. A Galicia do futuro de certo que o recoñecerá.

Pero esta reclamación non só se lle traslada a vostede e ao seu goberno. O conxunto das forzas parlamentarias, e que representan á totalidade do noso país, deben tamén ter presente que o que non fagamos hoxe votarase en falta no futuro. Teñen diante de vostedes a tres universidades que están dispostas a tirar do carro da economía do coñecemento, non desaproveitemos a ocasión.

Neste inicio dun novo ano académico da universidade galega permítanme que lles diga, e con isto remato, que estou orgulloso da Universidade que teño a honra de representar. Orgulloso de que os seus máis de cincocentos anos de vida non lle impidan ser pioneira en moitos proxectos e louzá na maneira de executalos.

E tamén me enche de fonda satisfacción que as universidades da Coruña e Vigo, que foron nacidas do noso tronco, sexan hoxe universidades consolidadas, cheas de posibilidades de futuro e cun común empeño por servir a Galicia.

Senén Barro Ameneiro:

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela