Saltar ao contido principal
Xornal  »  Intervención do presidente da Xunta de Galicia na inauguración do curso académico universitario 2007-2008

Emilio Pérez Touriño: Intervención do presidente da Xunta de Galicia na inauguración do curso académico universitario 2007-2008


A apertura do curso académico do noso sistema universitario sempre é o momento de ilusionantes retos e novas expectativas. De aí a transcendencia que esta apertura de curso ten para os galegos e galegas, xa que nos lembra cada ano a importancia crucial desta institución para o presente e o futuro de Galicia.

Un ano máis, compráceme, pois, compartir con todos vós o acto inaugural do curso 2007/2008, que nesta ocasión celebramos na cinco veces centenaria Universidade de Santiago, coa brillante lección inaugural do Profesor Pérez Villar. Moitas felicidades.

Vimos de renderlle tributo á liberdade con forma de ciencia. A aqueles profesores, Calvet, Parga Pondal, e tantos outros que, para louba da nosa universidade, fixeron da súa excelencia científica compromiso de xustiza e cidadanía.

Vimos de constatar os froitos da primeira gran política pública na procura de excelencia universitaria. Aquela da Junta de Ampliación de Estudios, que propiciou no seu día a formación dos nosos investigadores en universidades e centros de investigación do estranxeiro.

Dende hoxe, o extraordinario traballo de Acisclo Manzano recordará a íntima ligazón entre Ciencia e Liberdade e reclamaranos, cada día, o afondamento na excelencia como forma de compromiso coa sociedade.

Galicia aposta hoxe novamente, por unha universidade dinámica, competitiva, innovadora e capaz de liderar os cambios que demanda a sociedade do coñecemento.  Unha universidade posicionada no mundo académico e científico, cunha elevada competencia investigadora e comprometida co desenvolvemento socioeconómico do noso país.

O coñecemento é hoxe o factor primordial de produción nas sociedades do século XXI e a innovación é a única garantía de competitividade nunha economía esixente, aberta e desenvolvida tecnoloxicamente.

Coincidirán comigo ademais na necesidade de apostar decididamente por estes dous factores para construírmos unha sociedade máis xusta, libre, igualitaria e cohesionada.

Se queremos converxer coa Europa máis próspera debemos gañar a batalla do coñecemento, aproveitando ao máximo o talento dos nosos cidadáns e cidadás e realizando, ao mesmo tempo, un grande esforzo investidor en infraestruturas, equipamento e I+D.

Somos conscientes de que o principal desafío da universidade que queremos para Galicia céntrase en ofrecer respostas dende a perspectiva científica, xerar novos coñecementos e poñelos ao servizo da nosa Comunidade.

Logo de dous anos de traballo e esforzo do Goberno que me honro en presidir, e coincidindo coa inauguración do curso universitario, hoxe é un bo momento para facer balance.

Un balance do que levamos feito ata agora, que é moito, sen perder a perspectiva de futuro e tendo sempre en conta os obxectivos que nos marcamos para esta lexislatura.Temos motivos para o optimismo porque os datos nos permiten ver que imos polo camiño acertado; o camiño da calidade, da innovación e da excelencia.

No inicio deste curso 2007/2008 podemos falar dun sistema universitario público consolidado.

Temos na actualidade 75.000 alumnos, 5.500 profesores e 2.600 postos de Administración e Servizos distribuídos nos 7 campus das 3 universidades.

E todas elas presentan unha oferta formativa e un nivel académico impensable hai anos na nosa Comunidade. Hoxe, no Sistema Universitario Galego impártense 168 titulacións e xa se poden cursar 73 títulos oficiais de posgrao en liña cos obxectivos europeos que defende o Proceso de Bolonia, adaptados á realidade do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) no que estamos inmersos.

Se botamos unha ollada atrás, podemos afirmar con toda seguridade que a universidade en Galicia é unha institución viva e en plena actividade, o que supón un aval para a formación de xeracións máis cualificadas profesionalmente e preparadas para enfrontar os retos do século XXI.

De feito, na última década, a poboación activa con formación universitaria medrou máis de 10 puntos na nosa Comunidade, situándose por riba do 31% de media no conxunto do Estado.

E se atendemos á poboación ocupada, o índice entre os universitarios representa xa o 32% e medra a ritmos superiores ao indicador español.

Son datos alentadores, sen dúbida, para os alumnos e alumnas do presente e do futuro, e tamén para todos os que traballamos na consecución dunha universidade de excelencia.

Un modelo de universidade que nos permita alcanzar os retos que considero imprescindibles para unha sociedade galega de progreso: 

- En primeiro lugar, garantir o futuro económico do país a través do coñecemento e da investigación.
- En segundo lugar contribuír á xeración de emprego de calidade nun mercado competitivo e global.
- E en terceiro lugar afianzar a construción dunha sociedade moderna, desenvolvida e profundamente vertebrada.

Chegados a este punto, permítanme adiantarlles que a poboación universitaria presenta taxas de paro inferior en tres puntos á media da poboación galega e os seus ingresos son un 41% superiores.

Outro dato que nos permite ser, se cabe, máis optimistas aínda que sen baixar nunca a garda do traballo e do esforzo diario, é que na actualidade preto do 75% dos titulados universitarios galegos atopan emprego asociado á súa formación académica antes dos dous anos da súa licenciatura.

Este é o camiño polo que queremos seguir, xa que somos conscientes de que o futuro que procuramos para a universidade galega require da constancia e do esforzo de todos e sabemos tamén que nos queda moito por andar.

Non obstante,  as cifras permítennos coller folgos para seguir traballando a paso firme cara unha institución máis activa e creativa, cun potente financiamento.

Unha universidade atractiva no marco europeo pero tamén para outros sistemas coma o Iberoamericano. Unha universidade xeradora de riqueza: quero transmitirlles, como curiosidade, que só a presenza dunha institución universitaria nun determinado entorno supón un incremento medio dun 3% no PIB local.

Pero se verdadeiramente queremos falar de impacto económico, permítanme adiantarlles que as universidades galegas facturaron só no ano 2006 preto de 25 millóns de euros en servizos de I+D a empresas e axentes sociais, o que supón un incremento do 100% en cinco anos e deixa constancia, claramente, do compromiso de colaboración e converxencia da súa actividade científica.

De feito, compráceme anunciarlles que as nosas universidades están entre as máis activas do estado en I+D: O 70% da actividade investigadora da Comunidade galega prodúcese nos seus campus, sendo a universidade o principal activo de Galicia en investigación e innovación.

Hoxe o Sistema Universitario Galego está situado no quinto lugar do Estado en canto a produción científica internacional, e as nosas universidades, en particular a que hoxe nos acolle, compiten coa elite española nos principais consorcios científicos que lideran os grandes proxectos do Plan Nacional de I+D.

O que acabo de relatar non é máis que unha pequena mostra de que tamén neste terreo, o da investigación e da xestión eficiente do coñecemento científico, toda a sociedade galega está obrigada a esixirnos traballo e respostas con criterio, vontade e solvencia.

Queremos unha universidade máis autónoma e con capacidade de xestión, que palpite ao ritmo do país.

Unha universidade que colabore man a man co tecido empresarial galego para que o vínculo co mercado laboral sexa un feito e unha universidade que nos asegure, así mesmo, o maior grao de excelencia en titulacións e investigación tendo sempre ben presente a igualdade de oportunidades.

Como sabedes, o Proceso de Bolonia ofrece un espazo común dos europeos o que se traduce nunha oportunidade única e histórica para o Sistema Universitario Galego.

O reto pasa por adaptar as titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Pero, a cambio, a nosa universidade, máis moderna e activa, será máis autónoma, investigadora e vangardista e, os novos universitarios estarán máis preparados, coa opción de moverse sen que as fronteiras sexan un atranco, e formarán parte dunha cidadanía europea máis competitiva e esixente.

O Espazo Europeo de Educación Superior e os incipientes movementos para crear o Espazo Europeo de Investigación constitúen nestes momentos os motores do cambio, un cambio que nos achegará, sen dúbida, aos niveis de calidade e excelencia universitaria que procuramos para Galicia.

Permítanme adiantarlles que o Ministerio de Educación e Ciencia está a punto de aprobar o novo decreto de Ordenación das Ensinanzas Universitarias, unha norma que permitirá elaborar os novos plans de estudos e que supón un gran paso no proceso de Bolonia.

De feito, Europa agarda que no 2010 todas as facultades europeas teñan adaptadas as titulacións e especialidades, neste proceso de harmonización de estudos que favorecerá a mobilidade de alumnos, docentes e traballadores no marco dun mercado de traballo comunitario máis aberto, diverso e versátil.

Neste proceso é clave o reforzo do financiamento. O Goberno galego ten claro que as nosas universidades son unha prioridade.

Por iso nos marcamos, e así o manteño, para esta lexislatura un obxectivo de crecemento moi ambicioso que pretende chegar ao 1% do PIB, de recursos dedicados á investigación e universidades.

Hai dous anos propuxémonos aproximar os recursos económicos do noso sistema universitario á media europea e hoxe podo afirmar que temos dado pasos moi significativos. En só dous exercicios incrementamos nun 95% os programas de axudas e bolsas a alumnado e profesorado, na procura da excelencia académica e da mobilidade estudantil e docente.

Destinamos cantidades aínda non suficientes ao desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior e, grazas ao Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento, conseguimos dobrar o financiamento directo da I+D e da Promoción Científica Universitaria.

En canto ao profesorado, ao que quero animar aproveitando este acto para que afronten o curso académico con gañas, ilusión e optimismo, fomos quen de consolidar os novos complementos retributivos á excelencia docente, investigadora e de xestión, destinando 5 millóns de euros nos orzamentos de 2007.

En definitiva, membros da comunidade científica e educativa, permítanme indicarlles que o gasto directo no sistema universitario medrou, dende que asumimos a responsabilidade de goberno, nun 27%, o que representa un crecemento superior aos 40 millóns de euros se temos en conta a previsión do plano de financiamento aprobado anteriormente.

Todos estes avances débennos animar, a todos e a todas os que contribuímos á formación e á educación dos galegos e galegas, a manter a aposta polo progreso, mantendo a mirada e o pulso aberto cara Europa e cara ao mundo.

Así, os desafíos e proxectos que se nos presentan para o futuro fannos ser, necesariamente, máis ambiciosos; asumindo un claro compromiso político cara á revisión e reformulación do plano de financiamento do SUG.

Neste punto, permítanme adiantarlles un dato novidoso: o Goberno galego incorporará unha dotación para o desenvolvemento de novos contratos programa que, co consentimento e colaboración das universidades orientaremos:

- á plena implantación do sistema docente e dos obxectivos do Espazo Europeo de Educación Superior, adecuando o profesorado e as infraestruturas ás necesidades das titulacións xa adaptadas;
- á función investigadora, centrándonos na conformación da relación de postos das universidades galegas;
- á coordinación dos servizos e infraestruturas de apoio á investigación do SUG
- e tamén á optimización da inserción laboral ou da internacionalización do noso sistema universitario.

Son consciente de que lle estamos a pedir moito ás universidades, e facémolo porque precisamos aínda máis da súa implicación no progreso do país.

Pedímoslles moito porque estamos convencidos de que sen a súa participación activa e o seu papel crucial na formación dunha cidadanía máis cualificada e preparada, a nosa Comunidade non será quen de cumprir os obxectivos que nos marca Europa.

A sociedade galega aposta decididamente pola profesionalidade dos nosos campus. Agardo que entre todos saibamos deseñar e construír a universidade do século XXI, centrada no estudante. Unha universidade comprometida coa cidadanía e que contribúa ao reto colectivo de conformar unha Galicia de futuro.

Para rematar, quero animar aos membros da comunidade universitaria: reitores, docentes e investigadores, alumnado e persoal de administración e servizos a iniciar o curso que empeza con ánimo renovado para cumprir todos os desafíos que se nos presentan, e que non son poucos.

Moitas grazas.