Saltar ao contido principal
Xornal  »  Declaración institucional de Santiago 2007 do Grupo Compostela de Universidades

XIII Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades: Declaración institucional de Santiago 2007 do Grupo Compostela de Universidades


As universidades pertencentes ao Grupo Compostela de Universidades, reunidas en Asemblea Xeral en Santiago de Compostela (España) o 21 de setembro de 2007, declaran o seu compromiso co desenvolvemento da última fase da creación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), que finalizará o vindeiro ano 2010. As universidades do CGU están convencidas do carácter irreversible da harmonización do Sistema Universitario en Europa, así como das múltiples vantaxes que o seu total desenvolvemento proporcionará ás institucións de educación superior que participan no proceso.

Dende a perspectiva que dá a experiencia dunha longa traxectoria traballando en rede, as universidades do CGU poden avaliar os beneficios que se derivan da creación dun espazo común no que se integren diversas culturas, linguas e sistemas educativos. A consecución dun sistema de educación superior verdadeiramente compatible e comparable non só se comproba polo notable incremento da súa competitividade internacional, senón que converte a este sistema en centro de atracción para institucións de educación superior, investigadores, docentes e estudantes de todo o mundo.

As universidades membro do CGU valoran moi positivamente as vantaxes de reforzar os vínculos con países latinoamericanos e da área mediterránea, e ofrécense como ponte entre os seus sistemas de educación superior.