Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso na toma de posesión como decano da Facultade de Humanidades

Alexandre Veiga Rodríguez: Discurso na toma de posesión como decano da Facultade de Humanidades


Magfico. e Excmo. Sr. Reitor,

De tempos de monarquías e señoríos herdamos fórmulas como aquela que amosan os escudos de cidades e vilas en termos de “moi noble, moi heroica e moi leal”. E fóra de todo contexto feudal ou militar podo asegurarlle, sr. Reitor, que, sen pretensión ningunha de nobleza, ainda que posiblemente con máis dun mérito para invocala, e, sen dúbida, tamén con máis dunha heroicidade ás costas, sobre todo nos derradeiros tempos, a Facultade de Humanidades é, dende logo, un centro fondamente leal á súa Universidade e ó goberno da súa universidade, un centro que dende a súa tan peculiar situación como senlleira representación dos estudos humanísticos no campus lucense está sempre presto a responder ás chamadas que reciba da institución da que forma parte e dos seus órganos reitores para cumprir o seu papel no entramado da organización universitaria compostelá e galega e para contribuír ó desenvolvemento e progreso da nosa Universidade, máxime en tempos de cambios tan importantes como os que xa se empezaron a poñer en marcha e haberán de cristalizar, en datas próximas, nunha nova organización dos estudos universitarios.

Estoume dirixindo a vde., Sr. Reitor, por segunda vez neste mesmo lugar, onde xa hai catro anos tomei posesión como Decano da Facultade de Humanidades. A miña continuación no cargo, respondendo á demanda dun centro e mercede ó apoio maioritario da súa Xunta de Facultade, obrígame, antes que nada, a asumir a responsabilidade de continuar no camiño feito ó longo dos anos anteriores procurando endereitar ese camiño naqueles puntos do seu trazado que a experiencia me amosa como sobrados de sinuosidades e procurando sobre todo que este camiño atinxa unha meta digna en forma dunha facultade que supere os desafíos que lle tende a fonda reorganización do sistema universitario que nos agarda para garantir a continuidade e mellora pola vía da continua adaptación na súa función académica no espazo social no que se atopa integrada.

Hai catro anos comencei a dirixirme a vde. destacando a posición do campus lucense como segundo campus galego en termos relativos, considerando o número de estudantes nel matriculados en relación á poboación do municipio. A situación relativa do noso campus, creo, cambiou pouco, e as cifras absolutas, na totalidade dos campus galegos, con toda probabilidade poñerán a partir de agora freo á tendencia descendente que se observou nos últimos anos. A Facultade de Humanidades, sempre dentro da modestia dos números que pode ofrecer, veu medrar este ano conxuntamente as cifras de alumnos matriculados en primeiro curso por primeira vez nas dúas titulacións que nela se veñen impartindo dende a súa creación, e, ó mesmo tempo, incrementou o seu peso no contexto do campus lucense e da nosa Universidade no seu conxunto coa posta en marcha dun Programa Oficial de Posgrao que, mercede ó traballo sen vagar dun grupo de docentes, permitiu ó noso sempre tan modesto como activo centro estar en vangarda no momento en que a Universidade de Santiago de Compostela desexou iniciar a implantación dos novos estudos de posgrao estruturados consonte ás directrices do chamado “Espazo Europeo de Educación Superior”. E a posta en marcha deste novo título de Posgrao, xunto coa sempre esperanzadora realidade dunhas cifras de matrícula que non só non reflectiron nos pasados anos a tendencia baixista que afectou a tantos centros universitarios aquí ou acolá, senón que mesmo chegaron a atreverse a repuntar, tiveron lugar tras aquel período de faladurías e conseguintes medos respeito, en xeral, ó futuro das titulacións de contidos humanísticos na universidade española e, en particular, respeito ós estudos que viñeron xustificando ata agora o papel da Facultade de Humanidades no sistema universitario galego. Nin a Facultade, como ben sabe o Sr. Reitor, nin quen agora fala, perderon en ningún momento a firmeza nin a conciencia da súa responsabilidade e, sobre todo, tampouco o potencial estudantado dou crédito ó que non o merecía cos resultados ós que nestes momentos podo permitirme facer alusión.

Pero a capacidade demostrada por parte do noso centro de cumprir dignamente o seu papel como representante dos estudos humanísticos neste campus reclama, penso eu, a atención do goberno da nosa Universidade con vistas ó periodo de cambios que, aínda agora, tan próximo o chamado “horizonte de 2010”, non podemos ollar senón envolto en calimas. Non é a primeira vez que me manifesto no senso de que a configuración da nosa oferta académica en dúas titulacións, unha de carácter filolóxico e outra baixo o mesmísimo nome das Humanidades, debe manterse sen renunciar á lexítima defensa do crecemento en tódalas ordes. Do goberno da nosa Universidade e de quen o preside esperamos o seu compromiso de apoio continuado ante os cambios que se aproximan, sobre todo cando temos que escoitar voces que, falando dende alturas que só enganosamente permiten olladas de conxunto dende o momento en que motivan a perda dunha visión nidia da terra na que se asentan os nosos estudos, aluden a titulacións repetidas como algo que hai que erradicar como sexa sen pensar nos logros que, xa nun tempo que empeza a haber que contar por décadas, atinxiu a xeneralidade dos centros universitarios galegos con independencia do nome ou contidos das carreiras que se puidesen estudar tanto neste campus como naquel outro. O potencial humán desta facultade de Humanidades, cun profesorado na súa maioría en posesión do título de doutor e na súa gran maioría asentado e consolidado no plantel do centro, garante sobradamente nestes momentos o éxito do papel que a facultade leva desempeñando dende a súa fundación como responsable da docencia das Letras en todo un campus e oferente da titulación de Humanidades en toda unha Universidade.

Axúdenos, Sr. Reitor, a continuar desenvolvendo a nosa misión e a continuar desenvolvéndonos na singularidade do noso centro no seu entorno universitario e social. Non permita, por favor, malia algunhas dificultades económicas, que se produza ningunha diminución, por excepcional que sexa, na altura académica da nosa plantilla docente; respalde as lexítimas chamadas de tantos centros non só humanísticos nin das ciencias máis calificables de “tradicionais” contra a que se revela nidiamente como pretensión gubernamental de que un programa oficial de Posgrao poida ser de curso obrigatorio para os titulados que desexen exercer a docencia nos estudos non universitarios coa situación de competencia vantaxosa que a conversión en lei de tal pretensión suporá para tantos outros programas de Posgrao de sinalada importancia para tantos centros universitarios e fronte á existencia de razoables alternativas que non suporían o privilexio dos uns por medio do prexuízo da maioría; considere en todo momento, igualmente, a posible rentabilización dos potenciais da nosa universidade pola vía do enriquecemento da nosa oferta docente con novas áreas de coñecemento e en ningún momento poña, por favor, en tela de xuízo que esta facultade pode e debe mirar adiante, man a man cos máis veteranos centros de Letras composteláns, en busca da configuración das súas futuras titulacións de grao, que deben ser, para empezar, dignas herdeiras das presentes sen renunciar á se cadra non tan difícil expectativa da ampliación de contidos, se non propiamente de títulos.

Ollando agora cara atrás e revisando os catro anos pasados, falo de novo con satisfacción dun centro universitario onde as inquedanzas e o espírito creativo de tantas persoas, sexan docentes ou discentes, permite un clima único de colaboración e corresponsabilidades á vez que unha proxección exterior continuada, plural nas ideas e que pouco a pouco vai situando a esta pequena gran familia como unha referencia na vida non só académica, senón cultural en xeral no noso espazo social. Vén sendo xa habitual a celebración de congresos e reunións científicas, tantas veces de carácter internacional, na nosa Facultade de Humanidades, os cursos de verán —hoxe mesmo inauguramos un—, os ciclos de conferencias e esa tan afortunada iniciativa detrás da cal estivo o Sr. Vicerreitor de Coordenación do Campus de Lugo que supuxo a posta en marcha con carácter anual dos chamados “Cursos de Primavera”, dos que xa levamos celebrados tres, dan boa mostra da capacidade e vontade de traballo dun profesorado disposto a ir máis aló da execución das obrigas docentes e do desenvolvemento dos labores investigadores propios. A nosa revista Moenia continúa —xa preparamos o seu decimoterceiro volume— dando a coñecer o nome do noso campus ante a investigación en Lingüística e Literatura de varias partes do mundo. Canto ó alumnado, qué dicir que non leve eu repetido tantas veces sobre a presenza nas nosas aulas de xente nova nunca contenta con limitarse á adquisición de coñecementos no marco da actividade académica e que constantemente nos sorprende con iniciativas vencelladas á creación, ó estudo alleo ós programas oficiais, á organización e desenvolvemento de espectáculos coa literatura e a arte como materia. O proxecto “Aula literaria” leva xa funcionando dous anos e amosando ó longo de todo o curso académico os froitos dun proído incesante, arriquecendo a vida dun centro por medio tanto da organización de actos de contido creativo como do convite a facedores ou interpretadores da cultura para presentaren o mellor do seu traballo directamente ante o alumnado deste campus e ante quen desexe participar. A revista Evohé leva xa máis dunha década sendo un referente no labor creativo e ensaístico dende o bo facer do noso estudantado.

Por demais, as enquisas de avaliación seguen aí situando ó labor docente da nosa facultade en elevada posición, e a formación dos nosos licenciados segue dotándoos de recursos que os fan tantas veces competir con éxito ante oposicións ou na percura dun posto de traballo.

Rematarei a miña intervención manifestando, para empezar, o meu maior agradecemento ás dúas persoas que me acompañan no equipo de goberno da Facultade de Humanidades. A Concepción Fernández López, secretaria do centro dende hai dous anos e medio, que durante tanto tempo tivo que compartir conmigo obrigas, traballos, preocupacións, vicisitudes varias e, tantas veces, incomprensións; e a María Isabel González Rey, vicedecana, que asumiu o seu posto cun senso da responsabilidade e cunha vontade de traballo e colaboración como poucas veces teño atopado neste entorno universitario noso. A miña máis fonda gratitude igualmente ós compañeiros e alumnos que co seu apoio conseguiron que eu sentise que a miña xestión non fora estéril, como tamén ós meus críticos, que me fixeron ver tantas cousas e reflexionar, creo que para ben, sobre tantos temas. O meu máis sincero agradecemento igualmente á Vicerreitoría de Coordenación do Campus de Lugo, que me ten quitado máis dun caldeiro de castañas de máis dun lume e que sempre estivo e está disposta a alentar as iniciativas da Facultade á que represento, como igualmente ó Sr. Vicerreitor de Cultura, que xa ten atendido máis dunha solicitude miña —a última hoxe mesmo— con confianza na miña persoa e no centro para o que traballo; as institucións lucenses, Concello, Deputación, sempre comprometidas co noso campus universitario e sempre xenerosas con él; á empresa “El Progreso”, tamén sempre connosco en tódalas ordes e sen escatimar, cando foi preciso, apoio económico, a Caixa Galicia, outras entidades bancarias e un longo etc. de institucións e persoas ás que tanto teño —temos— que agradecer.

E, de xeito especial e nada simbólico, moitas grazas a Vde. Magnífico e Excelentísimo Sr. Reitor, que tan ben nos coñece e tan ben nos comprende. Para vde., de novo, a lealdade dun centro que de cando en cando pide, pero sempre está disposto a dar. Moitas grazas.