Saltar ao contido principal
Xornal  »  Educación para a cidadanía, unha materia necesaria

Carlos Pajares: Educación para a cidadanía, unha materia necesaria


A educación non pode ser só aprendizaxe de coñecementos e destrezas senón que pola contra é indispensable a educación en valores. A escola non pode ser neutra ante a desigualdade social, a violencia, o desprezo aos demais, os atentados urbanísticos, o medio ambiente, a sociedade de consumo como fin último, as discriminacións, os atentados contra a liberdade.

É necesaria unha materia que fale destes valores na nosa sociedade, tal como recomenda a Unión Europea. A Unión Europea detecta as dificultades cada vez maiores que teñen as novas xeracións para adaptarse socialmente incorporando os valores que sosteñen a convivencia humana. O individualismo existente e o culto do económico e da riqueza fai que sexa necesario un esforzo adicional na formación de alumnos con conviccións propias, con aprecio do público como propiedade de todos, con senso de solidariedade estando preto a botar unha man a quen o necesita e con espíritu de convivencia respectando as diferenzas entre persoas e culturas. Por iso non é de estrañar que esta materia se imparta en vinte países da Unión Europea e que en outros cinco figure compartimentada en diversas materias.

A materia non é unha proposta ideoloxicamente partidista. Está baseada en valores compartidos pola nosa sociedade, por certo unha boa parte deles aportados historicamente e na actualidade polo propio cristianismo. No seu deseño o Ministerio evitou contidos sobre os que hai división social. Por iso a FERE que agrupa a maior parte de Colexios católicos, está de acordo igual que diversas ONG católicas resistindo as presións de determinados bispos. A autoría de profesionais cristiáns da ética e da teoloxía na publicación dos libros de tres importantes editoriais: SM (católica), Santillana e Anaia é unha mostra máis de que a materia non é ideoloxicamente partidista. O cardeal Martini, ilustre xesuíta en diálogo con Humberto Eco no libro En que cren os que non cren, avoga pola existencia de toda unha serie de valores e prácticas comúns por riba dunha ideoloxía concreta. Estou seguro que estaría de acordo con esta materia, igual que o están non poucos teólogos católicos como Olegario Gónzalez de Cardenal da Universidade Pontificia de Comillas, por citar a alguén destacado.

Non está xustificado en modo algún a oposición frontal da Conferencia Episcopal, desproporcionada e inconcibible ao estímulo a obxección de conciencia. A Conferencia Episcopal debería adoptar posturas máis cristiáns e deixar de comportarse como un obispeiro.

Carlos Pajares:

Catedrático de Física da Universidade de Santiago de Compostela