Saltar ao contido principal
Xornal  »  Acto académico de honra ao profesorado e persoal da USC represaliado 1936-1940

Discurso do reitor Senén Barro Ameneiro: Acto académico de honra ao profesorado e persoal da USC represaliado 1936-1940


Dicía recentemente nunha entrevista D. Isaac Díaz Pardo que “é necesario recuperar a memoria, xa que o que se fai sen memoria constitúe un mundo falso. Pero iso non quere dicir que deba haber revancha. Recupérase a memoria para que todo quede no seu sitio!”. 

Qué bonita a acertada frase; “recupérase a memoria para que todo quede no seu sitio!”. No sitio no que o tempo e a análise rigorosa e sen escotomas intelectuais debe colocar a cada quen e a cada situación. 

Con esta idea de “recuperar a memoria” o Consello de Goberno da USC acordou o pasado 10 de novembro do 2006 rexeitar a concesión de Doutor Honoris Causa a Francisco Franco Baamonde e a imposición de esta honra académica ao ditador nun acto que tivo lugar o 27 de xullo de 1965. Esa decisión, como a de honrar hoxe ao profesorado e persoal da USC represaliado, non pode reescribir a Historia pero si continuar escribíndoa con renglóns máis dereitos. Non se trata de actos de valentía, que si o terían sido aqueles que puideron evitar no seu momento esas decisións de todo punto condenables, e máis aínda no ámbito universitario. Trátase si de un acto de dignidade institucional. Un acto de xustiza xa que xustiza é devolverlle a cada quen o que lle pertence, e aos homes e mulleres que hoxe queremos lembrar neste sinxelo pero sentido acto lles pertence a honra da Academia e do conxunto da sociedade.

O hispanista Ronal Fraser dixo recentemente que o silencio dos represaliados durante a transición foi comprensible xa que se estaba tratando de facer un proceso de democratización, afirmando tamén que “por fin os descendentes da represión franquista teñen o dereito de, non só recuperar os restos, senón tamén a honra dos seus antepasados”.

Este acto quere ser unha homenaxe aos profesores, profesoras, persoal de administración e estudantado que sufriu na comunidade universitaria compostelá as consecuencias da ola de violencia e vexacións iniciadas co Golpe de Estado de 1936. Ducias de profesores e profesoras foron sancionados, depurados e expulsados como consecuencia da represión que seguiu á sublevación militar e que se prolongou máis alá da propia guerra civil durante o período de 1936 a 1942.

Tamén moitos outros docentes de centros indirectamente dependentes do reitor da Universidade de Santiago sufriron a represión naqueles negros días. Nos encolle o corazón ler no Boletín Oficial del Estado, do 6 de novembro de 1936, a publicación dunha orde de suspensión de emprego e soldo ao persoal de diversos Centros docentes dependentes da reitoría de Santiago, “de conformidade co proposto pola reitoría da Universidade de Santiago, oído o parecer da Comisión de Cultura y Enseñanza”; nomes como os de Antonio Fraguas Fraguas, Ernestina Otero Sestelo, José Fernández Pimentel, Alfonso Rodríguez Castelao, e tantos outros.

Moitos galegos e galegas foron represaliados durante o seu exercicio académico en outras Universidades, como D. Alejandro Otero Fernández, reitor no ano 36 da Universidade de Granada. A eles e a elas queremos tamén dedicarlles un especial recordo.

Homes e mulleres aos que se lles interrompeu a súa vida académica. A quen se lles coutou o seu desenvolvemento persoal, truncándoselles a vida que decidiran lexítima e libremente levar. Aínda que por fortuna a de Santiago foi a única das Universidades que ficaron dende o primeiro momento na zona dominada polos militares rebeldes á democracia republicana, sen que ninguén do seu persoal fose fusilado, todas se viron sometidas ao atroz desmoche, apagón científico, desertificación intelectual que na nosa Universidade podou traumáticamente toda unha xeración de científicos de nivel internacional que estaban no seu esplendor á altura do 36.

Tamén é momento de pedir desculpas. Como institución pentacentenaria é fácil entender que non todo poden ser luces nun percorrido vital tan longo. Pero hai sombras moi lúgubres e alongadas que tamén deben ser recoñecidas se se quere poñer algo de luz desde o presente. Por iso non só é oportuno senón necesario pedir desculpas polos dedos, reitores ou non, que subliñaron a persoas, asinaron documentos infames ou simplemente non se levantaron para cuestionar tanta tropelía.

Grazas por estar hoxe con nós. Moi especialmente grazas ás familias de quen hoxe lembramos; familias que dun modo ou doutro os acompañaron, , no exilio exterior e no exilio interior que tan inxustamente lles tocou vivir; familias que facedes que este acto de hoxe teña pleno sentido, xa que doutro modo sería pouco máis que un acto de contrición intramuros.