Saltar ao contido principal
Xornal  »  Acto Académico de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade

Senén Barro Ameneiro: Acto Académico de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade


A festividade de San Tomé supón un deses momentos de encontro da comunidade universitaria consigo mesma e coa sociedade en xeral. Trátase, ademais, dun encontro desde a comunidade lucense que resulta especialmente agradábel e de agradecer, xa que esta cidade vive moi apegada á súa Universidade e a Universidade busca cada vez máis a comuñón coa cidade, as súas persoas e os seus intereses.

Aproveitamos tamén esta festividade para visitar os nosos centros en Lugo. Nesta ocasión estamos na Escola Universitaria de Formación do Profesorado. Este centro que hoxe nos acolle é herdeiro das Escolas Normais de Mestres de 1842 e de Mestras de 1916, integrada na USC no ano 1972. Neste centro, a arte docente, na súa máxima expresión, formar a quen han de formar, concíliase cunha actividade investigadora cada vez máis relevante e intensa. Como o resto de centros da nosa Universidade, esta Escola Universitaria de Formación do Profesorado, que mantén aínda oficialmente no seu nome a anacrónica anotación “de EXB”, prepárase para acometer a transformación que demanda a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), o que tamén aproveitaremos para mudarlle formalmente o carácter de Escola e o seu desfasado nome.

Acabo de facer referencia ao EEES, un tema omnipresente no mundo universitario desde hai xa varios anos. Mais non vou orientar o meu discurso a dito espazo. Non por non ser excepcionalmente importante, senón por estar xa demasiado manido. Sobre este asunto chegou o momento de falar menos publicamente e facer máis privadamente, algo en que nos estamos aplicando.

Na medida en que este ano 2007 que estamos encetando foi declarado por Real Decreto o “Ano da Ciencia” en España, unha decisión que busca “consolidar a imaxe pública da ciencia e a tecnoloxía como actividades xeradoras de riqueza”, permítanme que leve en boa parte a este ámbito as palabras desta miña intervención. De feito, tamén este é o ámbito doutro espazo europeo ao que dedicamos unha atención especial no documento de compromisos que subscribiu o Consello de Dirección da USC para a actual lexislatura. Trátase do Espazo Europeo de Investigación (EEI). Un escenario paneuropeo que leva tempo conformándose a través de políticas e programas de ciencia e tecnoloxía; de iniciativas multi-estado de colaboración pública e privada; de creación de redes de excelencia e centros de investigación, como o futuro Centro de Nanotecnoloxías de Braga, no que a USC está xa presente. Un espazo, o de investigación, que, ao contrario que o de educación, non avanza a golpe de decretos e leis, mas si de programas e de cooperación transfronteiriza, moi singularmente os programas cadro da UE, como o sétimo, que acaba de entrar en vigor, e que aportará no seu período de vixencia, 2007-2013, 54.000 millóns de euros, duplicando así o investimento en relación ao seu predecesor.

A USC debe participar activamente na construción do Espazo Europeo de Investigación, sen esquecer a realidade económica e social de Galicia. Este é un deber que a nosa Universidade ten cos seus investigadores e investigadoras e co seu estudantado, mais, sobre todo, é un deber que ten coa sociedade. Non facemos investigación para a autosatisfacción e o autoconsumo. Facendo un símil cunha coñecida campaña publicitaria relacionada coas obras públicas, tamén nós poderíamos pór grandes carteis á entrada dos nosos laboratorios, arquivos e bibliotecas coa lenda: “investigamos para vostede”.

Investigamos para a sociedade, xa que o investigador que non persegue proxectar na sociedade o resultado da súa investigación é como quen estuda só para si. Este poderá chegar a ser un erudito mais non un docente. Ben é certo que trasladar á sociedade os resultados da nosa investigación ten moitas facianas e decorre por moitos vieiros. As publicacións, as patentes, a colaboración co sector público e privado, a creación de empresas derivadas da actividade investigadora... Ningunha delas debe ser nin santificada nin estigmatizada senón que todas deben ser potenciadas para un mellor aproveitamento social do que socialmente se debe apoiar e financiar.

Non toda a investigación é igual de importante, ben é certo. Non é, porén, unha cuestión de distinguir ámbitos ou tipos de investigación, aínda que é lexítimo que por razóns de oportunidade, estratéxicas, de limitación de recursos, etc., se podan e incluso se deban estabelecer prioridades máis ou menos conxunturais. O que si debe ser empeño constante é discriminar a boa investigación da mala. A investigación aplicada que só se aplica no laboratorio non resulta útil. A investigación básica que non aporta coñecemento orixinal de interese público só distrae diñeiros e a quen os gasta. Por iso convén discriminar e penalizar aqueles traballos de investigación que, contendo cousas orixinais e interesantes, resulta que o orixinal non é interesante e o interesante non é orixinal.

A investigación, sobre todo a boa, costa diñeiro. De feito costa moito diñeiro, mais é diñeiro que, en xeral, ten un retorno moi superior ao investido. Un retorno que con frecuencia non toma a forma dun rendemento económico directo mais que, antes ou despois, facendo boa investigación, acaba rendendo nunha mellor calidade de vida e en importantes avances sociais, económicos e culturais.

O capital que se sustenta na man de obra barata, nos ladrillos, na depredación dos recursos naturais, na degradación ambiental, foxe rapidamente cando a situación pasa a ser desfavorábel, sexa por terse esgotado a fonte primaria de riqueza ou por existir noutros lugares condicións lexislativas, laborais ou salariais máis benignas. “Don Diñeiro”, alén de ser un poderoso cabaleiro, é certamente escorregadizo. Fronte a isto pouco se pode facer, agás que admitamos a involución nos logros socio-económicos ou nos resignemos á insustentabilidade ambiental, algo, claro está, non recomendábel. A alternativa, penso que única, é a evolución intelixente, o que supón apostar por un desenvolvemento sustentábel dos recursos naturais e por iniciativas de alto valor engadido que non sexan depredadoras do contorno, da súa xente e dos seus recursos. No entanto, o certo é que, no que levamos de milenio, case a metade do crecemento do PIB español corresponde ao ámbito da construción e outros sectores de baixo valor engadido. Segundo os especialistas, os nosos escasos avances en produtividade parecen deberse ao reducido investimento en I+D -as axudas públicas en España á minaría foron no ano 2005 catro veces superiores ás dedicadas á investigación-, e á baixa calidade do investimento no sector tecnolóxico.

Apostar por sociedades e economías baseadas no coñecemento non é unha moda, é unha necesidade para non ficar atrás. Ora, unha cousa é pregar e outra dar o millo, como di un conto popular. Europa, a pesar dos grandiosos obxectivos recollidos nas Conclusións da Presidencia do Consello Europeo celebrado en Lisboa no ano 2000, que apuntaban a converter a Unión Europea “na economía baseada no coñecemento máis competitiva e dinámica do mundo, capaz dun crecemento sustentábel, con máis e mellores empregos, maior cohesión social e respecto ao ambiente”, non só non avanzou nada neste propósito senón que perdeu posicións a respecto doutras economías do mundo. España está aínda nunha peor situación. Os datos recentes indican que perde competencia empresarial. A media da produtividade española na última década sitúase un punto por baixo da UE dos quince. Tamén perdemos aire no que se refire á capacidade de innovación. Ocupamos pésimas posicións no que atinxe á produción de patentes e no desenvolvemento tecnolóxico, particularmente no relativo á denominada sociedade da información.

Por se isto fose pouco, hai outros elementos que non axudan a pintar un cadro de futuro prometedor. Segundo datos aportados polo eurobarómetro, españois e españolas somos pouco emprendedores. Ademais a produtividade laboral é baixa e o fracaso escolar en España sitúanos catorce puntos porcentuais por riba dos valores medios en Europa -un tema que tratei con fonda preocupación hai un ano con motivo tamén desta festividade que hoxe nos reúne-.

Neste negativo escenario, o investimento en I+D debe crecer sensibelmente, xa que está demostrado que un aumento do investimento en políticas de investigación, desenvolvemento e innovación multiplica por tres ou catro o retorno en aumento do PIB. En España, as Universidades souberon pasar en escasamente dúas décadas a ser un axente indispensábel na investigación do Estado. Do conxunto do investimento en I+D no ano 2003, algo máis do 30% foi executado nas Universidades -aínda que 65% deste investimento concentrouse en Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana-, cando en 1990 esta porcentaxe era dez puntos inferior.

É certo que non todos os problemas derivan da falta de recursos suficientes para o I+D. Existen tamén problemas organizativos que reducen a eficiencia e a eficacia no gasto. Deficiencias que, no caso das Universidades, se concretan no crecemento, estrutura e funcións dos cadros de persoal -cada vez é máis notoria a necesidade de recoñecer e incentivar o esforzo e rendemento non só docente senón tamén investigador á hora de planificar e conformar a estrutura de persoal-; na organización das unidades de investigación; na xestión dos espazos e das infraestruturas -os ámbitos de investigación máis dinámicos son os que teñen máis carencias de espazos, xa que as súas necesidades foron crecendo coa súa valía sen encontrar correspondencia na ríxida estrutura dos centros –ven a conto o caso recollido o pasado sábado nun xornal galego, no que se puña de manifesto que o grupo do noso profesor Carracedo, un dos maiores e máis competitivos de todo o país, ten moi serios problemas de espazo, tendo que acudir ao aluguer de laboratorios fora da USC-.

Indo a cuestións internas, a USC presenta fortalezas e debilidades que se reflicten en cada un dos indicadores principais da súa actividade investigadora: captación de recursos, produción científica e transferencia de resultados de investigación. Algunhas das nosas debilidades -haberá tempo despois de falar máis das fortalezas-, que convén ir corrixindo, teñen que ver cunha reducida captación de fondos procedentes de programas europeos, unha inclinación excesiva dos nosos contratos e convenios cara o sector público e cunha carteira de clientes reducida e con un moderado valor engadido da actividade a realizar. A nosa produción científica tamén ten algúns aspectos claramente mellorábeis, se ben é certo que ocupamos unha posición destacada no contexto do Estado e este supera xa o 3% da produción científica mundial, porcentaxe por riba da súa contribución ao PIB a escala planetaria.

Segundo datos de 2003, a USC ocupa a sexta posición en relación ao número de publicacións en revistas científicas do decil superior canto á súa relevancia e lidera o crecemento entre as Universidades españolas en relación ao número de publicacións científicas internacionais no período 1981-2003 nas áreas de ciencia de materiais, inmunoloxía, bioloxía vexetal/animal e química. No entanto, só en catro grandes áreas de investigación publicamos cun impacto igual ou superior ao valor mundial medio: física, informática, química e enxeñaría. No ámbito da transferencia de resultados de investigación ocupamos un lugar especialmente destacado, como despois documentarei, sobre todo polas iniciativas realmente innovadoras que estamos desenvolvendo para incrementar a valorización dos resultados da nosa investigación e os retornos derivados da mesma. O programa UNIEMPRENDE e moitas das iniciativas nel desenvolvidas son hoxe un modelo imitado ao nivel nacional e internacional. Temos, en todo o caso, que ampliar o número de grupos de investigación implicados neste proceso e conseguir unha maior diversidade temática. En xeral, necesitamos dotar aos grupos de investigación de mellores medios, dun maior dinamismo e visibilidade no exterior, de maior dilixencia administrativa e de xestión, de estruturas de organización internas -como os novos centros de investigación que estamos deseñando-, que permitan compartir recursos, que favorezan a interacción inter e multidisciplinar e teñan unha organización e xestión máis áxiles. Todo isto, claro está, non só require de vontade e ideas, senón de recursos centralizados e xestionados polas institucións universitarias para facer política científico-tecnolóxica e poder obter así un maior rendemento daqueles recursos que os grupos xestionan de forma directa. Como nos recordaba o presidente do CSIC nun recente artigo titulado “La financiación de la ciencia” –EL PAÍS, 6 de decembro de 2006-: “no sistema español de I+D –tampouco no autonómico, poderíamos engadir-, regulado desde fai 20 anos pola Lei da Ciencia, non se fixo unha política de apoio ás institucións... e o feito de que nunha determinada universidade existan centos de profesores e profesoras con proxectos financiados non quere dicir que esta conte co financiamento necesario para exercer unha política científica independente”.

Nesta liña, e segundo recolle a aínda vixente LOU na súa Disposición Adicional 8ª: “Aos efectos do previsto no artigo 79, o Consejo de Coordinación Universitaria elaborará un modelo de custes de referencia das Universidades públicas que, atendendo ás necesidades mínimas destas, e con carácter indicativo, contemple criterios e variábeis que poidan servir de estándar para a elaboración de modelos de financiamento polos poderes públicos, no ámbito das súas competencias e dentro do obxectivo de estabilidade orzamentaria, e ás Universidades para o desenvolvemento das súas políticas de financiamento”.

Con este obxectivo foi creada unha Comisión de Financiamento anunciada pola Ministra de Educación e Ciencia en xullo de 2004 no Pleno do Consejo de Coordinación Universitaria. Esta Comisión constituíuse en decembro dese mesmo ano sen que polo momento transcendese o resultado do seu traballo. Xa dez anos antes, en 1994, o Consejo de Universidades elaborara un informe sobre financiamento universitario, que foi o primeiro intento de estabelecer un modelo de referencia para o financiamento das universidades públicas. O excelente traballo realizado ficou practicamente posto de lado, e non parece que de momento o traballo da Comisión de Financiamento vaia ter mellor fortuna.

Como pode ser, pregúntase moita xente, que, nun momento no que o número de estudantes universitarios e universitarias leva anos reducíndose, e previsibelmente así continuará ocorrendo durante algún tempo, se demande un incremento do financiamento das Universidades? A razón, as razóns habería que dicir, teñen que ver co feito de que os cometidos das Universidades non se limitan aos propios dunha institución unicamente docente. Incluso no ámbito de responsabilidade docente as actuais orientacións formativas e a súa incidencia na tipoloxía, dinamismo e organización da oferta, así como os estándares de calidade requiridos, definen un escenario que difire en boa medida do que existía e se nos demandaba só algúns anos atrás. Obviamente, as Universidades non somos, por fortuna e por necesidade, estruturas estancas nin estáticas. Se en algún momento puido ser así, era tamén en sintonía cunha sociedade que non requiría da Universidade outros compromisos e modus operandi.

A permanente evolución das Universidades vese agora intensamente acelerada pola necesaria inmersión no EEES. Só de por si, esta circunstancia demandaría un novo modelo de financiamento da Universidade pública, xa que a necesaria mudanza normativa e de paradigma de ensino-aprendizaxe debe acompasarse dun esforzo en infraestruturas, formación, novos servizos, mudanzas na xestión académica, incremento e adecuación dos recursos humanos, mobilidade... A non ser así, o acrónimo EEES acabará significando o “Empeño de Españolizar España Simplemente”. Ou dito doutro xeito, máis do mesmo.

Máis alá das mudanzas na educación superior e os recursos específicos para acometelas, o financiamento universitario, tanto ao nivel do Estado como das Comunidades Autónomas, vai por detrás dos compromisos e responsabilidades que, en maior ou menor medida, xa estamos asumindo as Universidades públicas. Compromisos e responsabilidades que se nos demandan directamente desde as administracións, as empresas, os axentes sociais, as institucións e organismos de todo o tipo. En definitiva, desde o conxunto da sociedade. Tamén compromisos e responsabilidades que, de forma proactiva, acometemos como unha achega ao que entendemos como avances sociais, económicos, culturais e políticos da sociedade que nos sustenta. Cando, porén, se supón que os recursos e os medios deberían acompañar a asunción de novos retos, de novas responsabilidades, de novos servizos e dos compromisos coa calidade dos mesmos, aqueles van aparecendo, no mellor dos casos, tralas pegadas que xa van deixando atrás estes.

É certo que a situación de partida non é igual para todos os Sistemas Universitarios Autonómicos nin sequera para todas as Universidades dun mesmo sistema. A USC está saíndo dunha crise económica sen precedentes, dentro dun Sistema Universitario, o galego, que segundo o último informe da CRUE, A Universidade en Cifras, se situaba no ano 2004 como un dos peor financiados de todo o Estado español.

Para saír da súa crise a USC negociou un Plano de Equilibrio Económico Financeiro (PEEF), que cumprimos con enorme sacrificio, con medidas impopulares e difíciles de pór en práctica, co necesario suor mais tamén con bágoas. Bágoas que podían terse evitado simplemente recibindo o mesmo trato que os clubs de fútbol. Estes foron rescatados economicamente polos planos de saneamento dos anos 1985 e 1992, e a pesares diso hoxe teñen unha débeda acumulada que chega aos 2.500 millóns de euros. En qué sociedade vivimos que muda couces a unha bóla por educación e investigación? En fin... A USC cumpriu coa súa responsabilidade e a situación está reconducida. É certo que reconducida non significa resolvida. Temos unha importante débeda acumulada, cuxa amortización, sen ir máis lonxe, detrae directamente dos nosos ingresos unha moi importante cantidade de diñeiro. Temos uns gastos correntes e un custe de cadro de persoal cuxa deriva nos afoga cada ano. Se me permitiren un simil mariñeiro, o PEEF supuxo coller unha carabela a piques de afondar, recibir unhas táboas e uns cravos para reparala minimamente e poder continuar singradura, mais tendo que arriar parte das velas encanto non se arranxar definitivamente o vello casco, xa que doutro xeito a forza do vento faría perigar a propia nave. De momento, por tanto, ese porto ansiado que supón o espazo europeo do coñecemento está lonxe para unha USC que ten que navegar a media vela. Ás veces penso que nos equivocamos e o que tíñamos que facer non era pór en marcha un plano de equilibrio económico senón crear o Real Club Deportivo da USC.

Tras esta pequena reviravolta, retornarei a falarlles da situación que ocupa a USC entre as institucións investigadoras que nos son máis próximas, mais despois tamén recuperarei o discurso relacionado co financiamento.

O Ranking Iberoamericano de Institucións de Investigación (RI3), impulsado por Universia, recolle a información científica contida nas bases de datos Thomson Scientific-ISI relativa aos 9 países iberoamericanos con maior produción científica ao longo do período 1990-2004. Tendo en conta a produción científica total neste período a USC é a decimoterceira institución investigadora de toda Iberoamérica. En España só o CSIC e cinco Universidades están por diante da USC -as de Barcelona, Complutense, Autónoma de Barcelona, Valencia e Autónoma de Madrid-. Do resto de Iberoamérica só outras seis macroinstitucións nos superan: as Universidades de São Paulo, UNAM, Buenos Aires, Estadual de Campinas e Federal do Rio de Janeiro, xuntamente co Consejo de Investigaciones Científicas y Técnicas de Argentina.

Obviamente, a produción científica, sendo moi relevante, non é o único indicador que dá información sobre a cantidade e calidade da actividade investigadora dunha institución. Non obstante, independentemente dos indicadores que utilicemos, a USC está sempre entre as primeiras Universidades do Estado. O xa citado estudo “La Universidad en cifras” sitúa á USC no sexto lugar en número de proxectos concedidos do plano nacional -captamos 37% dos fundos que con esta procedencia chegan ao conxunto de Universidades, outros organismos públicos de investigación e empresas galegas-, e tamén somos sextos na relación de ingresos por investigación en relación ao persoal docente e investigador a tempo completo; somos a terceira universidade española en número de patentes solicitadas en Europa, a cuarta por número de patentes en explotación, a quinta en ingresos xerados por patentes e a sétima por número de patentes solicitadas en España; a relación de sexenios de investigación concedidos ao noso Persoal Docente e Investigador (PDI) a respecto do total dos posíbeis sitúanos en décima posición no Estado español. En definitiva, a USC está xogando na liga estatal das estrelas no que se refire á investigación. Mais sendo unha das dez primeiras Universidades en resultados de investigación é das peor financiadas en termos de apoio ao I+D. Por tanto, continuando coa metáfora deportiva, xogamos no campionato das estrelas cos diñeiros dos que xogan no campionato dos que se van estrelar.

Por suposto, a nosa obriga é facer cos recursos que temos o mellor posíbel e á boa fe que o intentamos cada día. Mais tamén o é a de advertir aos responsábeis políticos e ao conxunto da sociedade de que estamos perdendo posicións no contexto estatal e internacional. A seguir así as cousas, Galicia cedo deixará de ter unha das dez mellores Universidades do estado e das cincocentas mellores do mundo. Haberá quen considere que é o que nos corresponde tendo en conta a nosa situación global en España e no resto do globo. Mais quen se resignar a que isto aconteza está ignorando que escalar posicións en riqueza global e calidade de vida comeza precisamente por apostar máis fortemente pola educación superior, o I+D+i e o emprendemento.

En Galicia o sistema de ciencia e tecnoloxía apoiase moito máis nas capacidades de I+D das Universidades. A situación non é a ideal, mais é a realidade. Como consecuencia, parece lóxico que os recursos científico-técnicos xenéricos das Universidades -humanos, infraestruturas, servizos...- se soporten a través de asignacións explícitas e suficientes dentro do Plano de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG). O Plano Galego IDIT para o período 2006-2010 case triplica os recursos do anterior, situándose nun importe total de 800 millóns de euros. Tanto en cantidade como en obxectivos, situados estes en fomentar a excelencia investigadora, a formación e estabilización do persoal investigador e a cooperación público-privada, trátase dunha boa nova non só para as Universidades senón para o conxunto do sistema galego de ciencia e tecnoloxía.

No entanto, retornando ao actual Plano de Financiamento do SUG 2005-2010, aínda que este inclúe efectivamente unha partida explícita de apoio ao I+D, algo que non ocorreu en ningún dos anteriores planos, que se limitaban a operar unicamente con criterios derivados da actividade docente das Universidades -exceptuando, claro está, a parte do salario do PDI que en parte financia a súa dedicación á investigación-, esta achega é claramente insuficiente para sufragar os recursos humanos, as infraestruturas, os medios de xestión e o gasto corrente que resulta imprescindíbel para que as distintas unidades de investigación poidan desempeñar razoabelmente o seu labor. Os recursos destinados pola USC directamente ao apoio á actividade investigadora no exercicio 2006 ascenderon a uns 27 millóns de euros, fronte a unhas achegas públicas directas ao abeiro do Plano de Financiamento de 2,9 millóns de euros en concepto de apoio a investigación, aos que podemos agregar outros 0,6 millóns de euros se considerarmos afecta á investigación a metade das achegas do Plano relativas a programas de calidade. Considerando ademais os ingresos derivados da parte dos proxectos, convenios e contratos de investigación que se destinan a gastos xerais -uns 3 millóns de euros-, encontramos que o total de achegas externas destinadas especificamente a soportar a actividade investigadora da USC non supuxo no 2006 máis que un de cada catro euros investidos neste cometido.

Como contrapunto a Comunidade de Madrid e as Universidades públicas madrileñas chegaron recentemente a un acordo de financiamento que pretende obxectivar as transferencias correntes a partir dunha serie de indicadores da actividade docente e investigadora. Os recursos destinados directamente á investigación supoñen máis de 25% do total, e son repartidos en función de indicadores como os sexenios de investigación concedidos ao profesorado, as publicacións científicas, a captación de recursos para I+D, o número de bolseiros e bolseiras en convocatorias oficiais de investigación e as teses presentadas. Non parece moi desatinado o enfoque, baseado no feito de que se necesitan máis recursos para alcanzar e soster unha maior e mellor actividade investigadora. Permítanme por tamén o exemplo da Comunidade Andaluza, por se pensan que a madrileña é unha comunidade autónoma que en pouco se parece á nosa. O Plano andaluz, deseñado para o período 2007-2011, contén unha achega porcentual á investigación incluso superior á madrileña. Tamén opera con indicadores de calidade e cantidade para valorar o esforzo e o rendemento investigador das súas Universidades, incluíndo adicionalmente medidas de acción positiva para promover a igualdade de xénero na carreira académica. E todo isto encadrado nun compromiso global de acadar en 2011 un financiamento das Universidades equivalente ao 1,5% do PIB andaluz.

Todo modelo de financiamento das Universidades debe atender aos obxectivos de suficiencia financeira, eficiencia e equidade. A suficiencia supón que as Universidades reciban os recursos necesarios para poder levar a cabo as tarefas e responsabilidades que teñen encomendadas. Citando o Proxecto de Lei Orgánica polo que se modifica a LOU, actualmente no Senado –Artigo 41, apartado 1º-: “A Universidade desenvolverá unha investigación de calidade e unha xestión eficaz da transferencia do coñecemento e a tecnoloxía, cos obxectivos de contribuír para o avance do coñecemento e para o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade das empresas, a mellora da calidade de vida da cidadanía, o progreso económico e social e o desenvolvemento responsábel e equitativo e sustentábel, así como garantir o fomento e a consecución da igualdade.”

Á vista do que se lle demanda, parece evidente que unha vez máis á Universidade se lle pide ir por diante do seu financiamento. Aínda máis, cando nin sequera se financia suficientemente ás Universidades públicas por investigar, algo que xa veñen facendo nos últimos vinte anos, e cada vez mellor, moitas Universidades, como a USC, levan xa tempo apostando por un novo modelo de Universidade, a universidade emprendedora, aínda máis cómplice do desenvolvemento integral do seu contorno. En definitiva, se a investigación e o emprendemento son responsabilidades da Universidade, a necesaria suficiencia financeira dun Plano de Financiamento deberá contemplar o seu soporte económico basal para poder cumprir razoabelmente con estas encomendas.

Os temas centrais deste discurso, o financiamento e o modelo organizativo da investigación, foron tamén os temas centrais de debate durante as XIV Xornadas de Investigación nas Universidades españolas, celebradas hai só uns días. Estas reflexións poden orientar o traballo das administracións e o das propias Universidades. No que corresponde ás administracións non podemos senón celebrar o compromiso do Goberno da Xunta de Galicia de redefinir o Plano de Financiamento do SUG para dar vida a un novo Plano 2008-2012. Penso que é unha medida sensata e comprometida co desenvolvemento do noso País. Permítanme, en todo o caso, que lles traslade un desexo ao respecto. A facelo, facelo ben, con valentía intelectual e económica. Á USC lle toca facer os deberes e a planificación necesaria para mellorar permanentemente os resultados da súa investigación e contribuír máis decididamente ao progreso do noso país. Neso andamos.

Senén Barro Ameneiro:

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela