Saltar ao contido principal
Xornal  »  Declaración Institucional da USC con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller

USC: Declaración Institucional da USC con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller


24 de novembro de 2006

A Universidade de Santiago de Compostela adquiriu un compromiso na consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres. Neste marco considera un eixo fundamental a loita contra a violencia de xénero, que constitúe unha violación do dereito fundamental á vida, á seguridade, á liberdade, á igualdade, á dignidade e á integridade física e emocional de todas as mulleres.

Os datos existentes no Estado Español, e os máis específicos da Comunidade autónoma de Galicia sobre violencia no ámbito da parella, así como sobre acoso sexual e acoso por razón de sexo, poñen de manifesto o escaso éxito que ata agora a nosa sociedade tivo na loita contra a violencia sexista. Non nos cabe dúbida de que eliminar a violencia contra as mulleres é unha ardua tarefa que pretende superar os estereotipos dunha sociedade aínda imbuída na crenza na relación de subordinación das persoas do sexo feminino. Por iso require de constantes esforzos sociais e institucionais, ós que nin queremos nin podemos permanecer alleos.
 
Como institución especialmente encargada da formación dos mozos e da transmisión de valores, a Universidade de Santiago desexa amosar publicamente a súa implicación efectiva na loita contra a violencia de xénero, a través da realización de todas cantas accions en materia de formación, información, investigación e educación, contribuan a dar visibilidade ó problema, a sensibilizar sobre o mesmo a todos os axentes sociais, e a contribuir na maior medida a súa erradicación, partindo para iso dos principios de tolerancia, solidariedade, respecto á diferencia e a busca dunha solución pacífica dos problemas.
 
A conmemoración do 25 de novembro como Día Internacional para a eliminación da Violencia Contra a Muller é ocasión especialmente oportuna para reiterar aquel compromiso pola igualdade e reforzar a nosa implicación en todas a súas dimensións, moi especialmente contra a violencia de xénero.