Saltar ao contido principal
Xornal  »  A dimensión nacional de Galicia

Gerardo Pereira Menaut: A dimensión nacional de Galicia


Antigos documentos escritos amosan que hai dous mil anos, antes do cambio de era, xa existía Galicia, baixo o seu nome latino Gallaecia, asumida como entidade étnico-histórica e xurídico-administrativa dentro do Imperio Romano. Como entidade étnico-histórica tiña unha personalidade propia e diferenciada no lingüístico, no cultural, na súa organización territorial e socio-política. Como entidade xurídico-administrativa tiña límites definidos coñecidos, aproximadamente os actuais, polo sur ata o río Douro. Estes son os elementos que compoñen unha natio, unha nación. Que Gallaecia estaba a ser a referencia nacional para os seus nacionáis vese nun documento da época, no que o primeiro individuo coñecido da Historia define a súa procedencia co etnónimo gallaecus, galego.

As ciencias históricas apréndennos que os pobos viven nun proceso de formación constante, a etnoxénese, e que por riba dunha realidade étnico-histórica complexa e completa veñen actuar os avatares da política, en épocas máis modernas. Pero a Política só outorga carta de natureza política, non étnico-histórica. Hai nacións sen estado, nacións divididas entre estados, e estados plurinacionáis. Pero o fundamento do feito nacional é un só, que en Galicia permanece ata hoxe. A Política xoga cos nomes, pois non pode haber nacionalidade sen nación. A Historia, non.

Determinante na experiencia histórica da nación galega é Compostela, a fin dun camiño que se fixo universal. Tamén o é a emigración secular. Dúas forzas contrapostas que, na súa síntese, veñen ser unha tensión creativa cara a universalidade. Se en toda a Terra hai galegos, veñen a Galicia xentes de toda a Terra, na procura de algo que, ao que parece, só se atopa aquí, no finis terrae.

A especificidade nacional de Galicia maniféstase notoriamente na idiosincrasia das súas xentes, en expresión popular ou artística. Mestra no compromiso como supremo arte de vivir e convivir, a Nación Galega intégrase na Nación Española, ben sabedora de que, nun e noutro caso, ‘nación’ significa cousas diferentes.

Sabedora tamén de que a Historia soterrou primeiro aos pobos no clasicismo uniformizador, para que á fin rexurdisen con maior e renovada forza, nun proceso que nunca se detén, Galicia síntese firme e forte diante das mudanzas presentes e das por vir.

Gerardo Pereira Menaut:

Catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela