Saltar ao contido principal
Xornal  »  A USC ten nome de muller

Senén Barro Ameneiro: A USC ten nome de muller


Discurso de apertura do curso académico 2006-2007, o 2 de outubro de 2006.

  • Discurso de apertura do curso académico 2006-2007

Excelentísimas Señoras Vicerreitoras
Excelentísimos Señores Vicerreitores
Ilustrísima Señora Secretaria Xeral
Excelentísimo Señor Alcalde do Concello de Santiago de Compostela
Excelentísimo Señor Presidente do Consello Social
Ilustrísimo Señor Director Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario Galego
Excelentísimas e Ilustrísimas autoridades
Membros da Comunidade Universitaria
Señoras e señores,

Iniciamos un novo curso académico no que seguro que falaremos, e moito, do Espazo Europeo de Educación Superior e de investigación. Mais os discursos do reitor deben tratar tamén, e pode que sobre todo, do que, sendo importante, permanece oculto no debate académico.

Queremos ser unha Universidade das persoas, como subliñaba o documento de goberno co que concorremos ás pasadas eleccións. Este empeño resultará estéril se non comezamos por asumir que, no ámbito educativo, científico e tecnolóxico, existen aínda profundas desigualdades entre colectivos e, singularmente, entre os xéneros.

Celebráronse onte os 75 anos da aprobación do sufraxio feminino polas Cortes Constituíntes e hai escasamente un século as mulleres aínda tiñan prohibido o acceso á Universidade en España. É ben coñecido o caso de Concepción Arenal, a primeira muller que entrou na Universidade española, e fíxoo no último terzo do século XIX. Esta galega, que estudou Dereito, disfrazábase de home para sobrevivir nun mundo universitario absolutamente masculinizado.

En 1919 había só 174 alumnas na Universidade de Madrid, 54 na de Barcelona e 24 na de Granada. Precisamente, ese mesmo ano se licenciaron en Medicina as irmás Fernández de la Vega. Jimena e Elisa, que foron as primeiras mulleres tituladas pola nosa Universidade, obtendo ambas o Premio Extraordinario e doutorándose posteriormente. Recordemos tamén a dona Luísa Cuesta Gutiérrez, primeira profesora da USC, en 1924, e a dona Aida Méndez Miaja, primeira doutora tras concedérselle á nosa Universidade a competencia para outorgar doutoramentos.

Esta situación está absolutamente superada e, de feito, a día de hoxe na USC dúas de cada tres estudantes son mulleres. No curso 2004-2005 éramos a segunda Universidade do Estado en porcentaxe de mulleres nas nosas aulas, cun 64,8%, só superada nunha décima pola Universitat de Barcelona. Con respecto as/os egresadas/os a diferenza é aínda maior (por riba do 67%). En poucas décadas a situación mudou, pois, dun modo moi significativo.[1]

Poderíamos tamén pensar que atrás, moi atrás, quedaron os tempos nos que o filósofo Friedrich Hegel rexeitaba ás mulleres nas súas aulas por considerar que non tiñan mentes axeitadas para o estudo da filosofía. No entanto, aínda que nunha versión máis descafeinada, pero igual de inxusta, só hai un ano Larry Summers, na altura presidente da Universidade de Harvard, manifestaba publicamente a súa opinión de que as mulleres non están tan dotadas como os homes para a ciencia –argumento coñecido como a hipótese da actitude innata-. Hai evidencias empíricas e científicas que poñen de manifesto as diferenzas entre homes e mulleres para correr os cen metros lisos, mais ningunha sólida que estabeleza carencias dun sexo a respecto do outro cando se trata da correr a maratona dunha vida científica de éxito.

O peor de todo é que estas actitudes e manifestacións no son máis que a punta dun iceberg conformado por unha realidade moito máis preocupante. Trátase do desequilibrio entre homes e mulleres na medida en que ascendemos en cotas de maior responsabilidade nos ámbitos docentes e da investigación.

As mulleres son maioría entre o estudantado na educación media e superior, froito da xeralización da educación primaria e secundaria nos anos oitenta e a idea predominante de que as mulleres deben estar máis preparadas que os homes para incorporarse e progresar no exercicio profesional –a denominada supermeritocratización das mulleres-. Sen embargo, os datos do estudo da Xunta de Galicia “A situación sociolaboral das mulleres galegas. Cara o terceiro milenio”, e os de obtención propia no cadro do noso programa “A Ponte entre o ensino medio e a USC”, son ben explícitos á hora de constatar as diferenzas na presenza de mulleres nos distintos itinerarios do bacharelato, algo que ten continuidade despois nos estudos superiores.[2]

Os estereotipos de xénero aprécianse tamén na distribución das mulleres nos distintos estudos universitarios, nos que, segundo datos da FECYT –Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía-, recollidos na análise “Mujer y ciencia. La situación de las mujeres investigadoras en el sistema español de ciencia y tecnología”, publicado no ano 2005, as mulleres son unha ampla maioría en todas as grandes áreas do saber, excepto nas enxeñarías, onde a porcentaxe non chega ao 30%.[3]

Na USC os homes son franca minoría entre o estudantado, con excepción das ensinanzas técnicas, nas que representan ó 53,5% do estudantado, e especialmente nas Enxeñarías Técnicas en Topografía, cun 67,2%, e Informática de Sistemas, cun 80%. En todo o caso, a porcentaxe de mulleres que na USC cursan titulacións técnicas é sensibelmente superior á media do SUG –Sistema Universitario Galego-, no que representan ó 33,5% do estudantado, e á do conxunto do Estado español, no que a porcentaxe e só de 28,2%. No resto das grandes áreas a preponderancia de mulleres é clara, existindo, non obstante, diferenzas significativas entre as distintas titulacións.[4]

En todas as grandes áreas a porcentaxe de éxito das mulleres é lixeiramente maior que a dos homes, agás nas enxeñarías, nas que se manteñen igualadas. Na USC, concretamente, os resultados medios nas distintas titulacións dan un 44,1% de cualificacións aptas en mulleres fronte a un 33,6% no caso dos homes, situación que se reproduce cando analizarmos os expedientes de homes e mulleres con mellores cualificacións.[5] Por riba, a porcentaxe de mulleres entre os centos de mozas e mozos que cada ano participan nos nosos programas de voluntariado está próximo ao 90%. Simplemente abafante para nós, os homes. Non só conseguen mellores notas e teñen máis éxito na conclusión dos seus estudos, senón que son máis solidarias, dedicando un tempo considerábel, restado ao estudo e ao lecer, ás persoas que necesitan de máis axuda e compañía.

A obtención do título universitario é, non obstante, un punto de inflexión na preponderancia das mulleres nas aulas. Os datos de que dispomos na USC, e que se corresponden cos últimos cinco anos,  apuntan a unha lixeira maioría de mulleres entre quen disfrutaron dunha bolsa de convocatorias de ámbito nacional e autonómico orientadas á elaboración da tese de doutoramento: 435 mulleres fronte a 402 homes.

Segundo datos da FECYT as matrículas de mulleres no doutoramento representan aproximadamente a metade do total, pero dita porcentaxe descende apreciabelmente no que respecta á presentación da tese –as causas son múltiplas: as dificultades para compatiblizar a vida persoal e familiar coa traxectoria académica e/ou investigadora debido á persistencia dos estereotipos tradicionais de xénero, a percepción de que a carreira docente e/ou investigadora lles será máis difícil que aos homes; a carencia de referentes femininos, etc.-.

Esta situación vaise acentuando nas escalas máis altas do sistema de educación, ciencia e tecnoloxía. O gráfico que representa a proporción de mulleres fronte ás sucesivas etapas que van da formación universitaria ás distintas categorías profesionais nos ámbitos docente e investigador, presenta unha liña progresivamente descendente, que se cruza coa evolución ascendente que se dá no caso dos homes aproximadamente na etapa da tese de doutoramento. Esta forma semella unhas “tesouras” que parecen querer denunciar graficamente os procesos de poda polos que pasan as mulleres nas sucesivas etapas de formación e posterior exercicio profesional. A súa ampla maioría nas aulas, os seus mellores resultados académicos, e o seu maior éxito na consecución dun título universitario, non se corresponden con esta distribución de mulleres e homes nas etapas de formación posterior e de exercicio profesional nos ámbitos da docencia e a investigación.

Mais, á marxe dos valores-promedio, a profesión docente e investigadora continúa a afianzar tamén unha segregación horizontal, ou por ámbitos do coñecemento[6] e supón o inicio da segregación vertical, asociada a unha menor presenza de mulleres conforme se avanza polos niveis xerárquicos, dando lugar ao ben coñecido efecto pirámide. Os datos do Ministerio de Educación y Ciencia, relativos ao curso académico 2005-2006, indican que só o 13,7% das cátedras están ocupadas por mulleres fronte a un 35,9% das titularidades.

Este efecto pirámide aparece tamén cando se analizan as persoas que asumen cargos académicos. Por exemplo, o “Llibre blanc de les dones de Catalunya en el món de la ciència i la tecnologia” -Martínez Cota, M.C. (dir.)-, reflicte porcentaxes preocupantes: 27% de mulleres no total dos cargos universitarios, 18,18% de reitoras e 22,42% de vicerreitoras.[7] Estas porcentaxes son aínda inferiores en xeral cando consideramos a media do Estado español.

Desafortunadamente, a USC no é unha illa de igualdade nun mundo desigual nas relacións interxénero ou entre mulleres e homes. Cando chegamos ao nivel da formación posdoutoral, encontrámonos cun predominio claramente masculino que inverte a situación das etapas previas. No ano 2005, o 63% do persoal docente e investigador da USC éramos homes, e só o 12,3% do colectivo de catedráticos/as de Universidade eran mulleres, unha cifra algo inferior á media do SUG, no que as mulleres catedráticas representan o 13,8%. Unha análise máis detallada pon de manifesto, de novo, a existencia de situacións moi desiguais cando analizamos a súa distribución por grandes áreas do saber e en cada área de coñecemento.

As convocatorias de contratos para doutores/as ofertados na USC -Ramón y Cajal, Isidro Parga Pondal, Juan de la Cierva e Marie Curie- supuxeron un total de 63 contratos de mulleres fronte a 73 de homes.[8] Se ben é certo que cifras tan pequenas non resultan significativas, a análise ao nivel estatal presenta tamén esta desproporción. No ano 2002, o 56% das persoas aspirantes a contratos Ramón y Cajal eran homes, que pasaron a ocupar o 66% do total de contratos. Esta situación mantívose no ano 2005, incluso acentuada, xa que homes eran o 61% dos aspirantes e o 70% das persoas que finalmente obtiveron o contrato.

Esta situación repítese cando analizamos as actividades de investigación na USC, entre as que contamos especialmente os Programas Europeos, os do Plan Nacional e do Plano Galego de I+D+i, ademais dos contratos e convenios con empresas, Administracións Públicas, etc. Analizando o conxunto de accións, obtemos unha cifra de 2.378 homes á fronte destas actividades e só 506 mulleres. Do mesmo modo a coordinación de grupos de investigación está claramente masculinizada, xa que temos 244 coordinadores (78,7%), fronte a só 66 coordinadoras (21,3%).

Polo contrario, o persoal de administración e servizos (PAS) da nosa Universidade está formado por mulleres nun 56,2%. Esta situación, que podemos considerar basicamente equilibrada, ten matices cando facemos unha análise de grao máis fino por ámbitos. De todos os xeitos, os desequilibrios de tipo vertical e horizontal no PAS son menos importantes que no caso do estudantado e do PDI. De feito, a proporción de mulleres nos postos de maior responsabilidade é sensiblemente superior á porcentaxe de mulleres no conxunto do colectivo de PAS.

Ademais de constatar obxectivamente a realidade debemos reflexionar sobre as causas destas acentudadas desigualdades de xénero. As sucesivas podas que vai sufrindo a vizosa árbore feminina das aulas universitarias responde a un conxunto de factores de moi diversa índole:[9]

-  A escasa representación das mulleres nos ámbitos de decisión sobre política científica.
- A falta de publicidade en ocasións sobre a composición e os criterios de actuación das comisións avaliadoras de bolsas, contratos ou proxectos, que acaba por prexudicar os colectivos menos amparados polo sistema.
- A inexistencia de políticas efectivas de conciliación da vida persoal e familiar coa laboral, algo que incide moi significativamente nas mulleres.
- A carencia de estímulos específicos para a incorporación da muller á carreira científica.
- A existencia de barreiras implícitas –o denominado teito de cristal-, no acceso e promoción da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.
- A hostilidade e competitividade que existe en certos ámbitos e prácticas profesionais e que segue uns patróns androcéntricos.
- Os preconceptos aínda existentes a respecto da competencia, capacidade e compromiso das mulleres.
- A pervivencia dos roles femininos tradicionais no ámbito familiar e social, que atinxen tanto ás responsabilidades domésticas como ás profesionais.
- Os preconceptos por identificación social e familiar de certos segmentos do exercicio profesional como máis propios dun ou outro xénero.
- A falta de expectativas laborais en igualdade.
- A existencia de círculos masculinos de solidariedade e de cooptación nos procesos de recrutamento e promoción.

Se ben é certo que as situacións de discriminación por razón de xénero son cada vez menos frecuentes, e máis criticadas e combatidas, a idea, pode que incluso predominante, de que mulleres e homes somos iguais nos ámbitos da docencia e a investigación é unha falsa percepción. Para desmontar esta “miraxe de igualdade”, como ás veces se lle denomina, é moi importante dispor dunha epistemoloxía feminista e dunha xenealoxía de mulleres na ciencia e na tecnoloxía e, sobre todo, de datos e estudos obxectivos, sobre distintos ámbitos xeográficos e de actividade, impulsados por moi distintos grupos, organismos, institucións e administracións.

Unha interesante iniciativa neste sentido é o Grupo Helsinki de Mulleres e Ciencia, así coñecido despois da súa primeira reunión na capital finesa en novembro de 1999. Trátase dun grupo constituído pola Comisión Europea, conformado por representantes de todos os estados membros da Unión Europea e dos países asociados. O obxectivo deste grupo é promover a participación da muller e a igualdade de homes e mulleres na ciencia europea.

Este grupo ten o seu xermolo no colectivo de especialistas en muller e ciencia denominado ETAN (European Technology Assesment Network), creado pola Comisión Europea en 1998. Precisamente, o coñecido como Informe ETAN –“Política científica da Unión Europea. Promover a excelencia mediante a integración da igualdade de xéneros”-, publicado en 2001, converteuse nun texto de referencia no que atinxe á presenza da muller na ciencia e na tecnoloxía. Neste estudo ponse de manifesto algo que cada vez é máis incontestábel: a carencia de datos e estatísticas sobre o tema, que en todo o caso non ocultan a evidente infrarrepresentación das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, máis acentuada conforme se ascende en responsabilidade e notoriedade; a pervivencia dunha orientación escolar e social sexista; a existencia de sesgos ou segregacións horizontais –fortes diverxencias entre disciplinas ou ámbitos do coñecemento-, verticais –menor presenza da muller na medida en que se ascende na xerarquía profesional-, temporais –penalización da muller por períodos de inactividade ou xornadas menos extensas por mor das súas responsabilidades no ámbito familiar-, contractuais –maior precariedade no emprego-, e salariais –menor retribución-.

Este ano, o premio do Grupo Compostela de Universidades –rede de Universidades fundada no ano 1995 por iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e que reúne a Universidades espalladas polas distintas rotas europeas de peregrinación a Santiago de Compostela-, foille entregado moi merecidamente ao Grupo Helsinki de Mulleres e Ciencia.[10]

O Grupo Helsinki reúnese dúas veces cada ano, e o próximo febreiro vaino facer nesta cidade de pétrea fachada mais cálido corazón. Tamén, aquí, se reunirá en setembro do 2007 a Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades. Proporei ao Presidente e ao Comité Executivo do Grupo Compostela que, na sesión académica de dita Asemblea, sexa tratado o tema da muller na educación superior e na investigación, e que tamén teña presenza explícita o estudantado, outro colectivo con frecuencia ignorado ou non suficientemente considerado.

Como elemento positivo, podemos afirmar que existe unha preocupación internacional polo tema da igualdade entre mulleres e homes na ciencia e na tecnoloxía, que vai máis alá de maquillaxes politicamente correctas ou descargos de conciencia conxunturais. A creación do ámbito “Muller e Ciencia” por parte da Unión Europea ou o impulso á presenza das mulleres na ciencia por parte da UNESCO, son bos exemplos do dito. Tamén a “National Science Foundation” está desenvolvendo un programa, denominado ADVANCE, co obxectivo de facer un seguimento dos efectos das accións positivas levadas a cabo polas Universidades, estimulando novas iniciativas ao respecto. Parece obvio que en todos os casos a análise da situación ten que ir acompañada da síntese de medidas correctoras concretas que deben ser aplicadas nos ámbitos de responsabilidade das administracións, das institucións, dos organismos e das empresas.

O mesmo que non existe unha causa única que explique a inxusta situación da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, non existe un único ámbito de actuación nin tampouco receitas máxicas que podan mudar esta situación. É necesario tomar consciencia do problema, que non é un mero desaxuste, e comprometerse en pórlle canto antes remedio. É imprescindíbel que o compromiso opere a todos os niveis, desde o individual –a actuación persoal de homes e mulleres en postos de especial responsabilidade-, ao das administracións, que deben dotarse e dotarnos dun aparato normativo e lexislativo axeitado e pór en marcha fórmulas de estímulo e apoio á muller. Sen esquecer, claro está, o importantísimo papel dos axentes intermedios: Universidades, organismos públicos e privados de investigación, empresas, etc.

Neste sentido, o goberno do Estado, ao igual que o da Unión Europea, está tomando algunhas medidas pola vía de planos de acción plurianuais que impulsan a formación, a concienciación, a elaboración de estatísticas e estudos diversos sobre a carreira profesional das mulleres, particularmente nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, a eliminación de valores sexistas na educación, etc. Tamén ao nivel do Estado se foron creando diversos órganos e estruturas que tratan de incidir positivamente no problema dos desequilibrios de xénero. O Instituto de la Mujer, creado en 1983, e o seu Observatorio de la Igualdad, creado no ano 2000, son bos exemplos, ao igual que a recentemente creada Unidad de Mujeres y Ciencia, adscrita ao Ministerio de Educación y Ciencia a través da Secretaría General de Política Científica y Tecnológica. Esta Unidade ten a encomenda de levar a cabo as medidas de acción positiva emanadas do Acordo do Consejo de Ministros do 4 de marzo de 2005, no ámbito científico, tecnolóxico e académico.

Sendo importantes estas iniciativas, o aparato normativo, lexislativo e de planificación no ámbito das administracións continúa a ignorar os problemas de xénero ou se manifesta certamente timorato nas medidas de corrección de desequilibrios ou segregacións por xénero. Por exemplo, o Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica (2004-2007), aínda que enuncia como un obxectivo o aumento das mulleres na carreira científica e o favorecemento da súa permanencia na mesma, non inclúe medidas específicas para logralo. Máis comprometido é o texto do proxecto de lei orgánica de modificación da LOU, que inclúe na súa exposición de motivos a necesidade de que na Universidade, igual que no conxunto da sociedade, se respecten os dereitos de igualdade entre homes e mulleres, reclamando dos poderes públicos a eliminación dos obstáculos que impiden ás mulleres acadar unha presenza nos órganos de goberno das Universidades e no nivel máis elevado da función pública docente e investigadora, acorde coa porcentaxe que representan en relación aos licenciados universitarios. Máis concretamente, a proposta de redacción do artigo 13, relativo aos “órganos de goberno e representación nas universidades públicas”, recolle textualmente que “Os estatutos estabelecerán as normas electorais aplicábeis, as cales deberán permitir nos órganos colexiados a presenza equilibrada entre mulleres e homes.”. Tamén se contempla que as Universidades conten con unidades de igualdade para o desenvolvemento de funcións relacionadas co principio de igualdade entre homes e mulleres, algo ao que xa nos adiantamos na USC.

O ditame realizado polo Consejo de Estado do anteproxecto destaca deste texto que, en liña co disposto no proxecto de Lei Orgánica de Igualdade entre mulleres e homes, non se limita ao estabelecemento de normas antidiscriminatorias, senón que prevé medidas de acción positiva e de fomento da igualdade de xénero entre homes e mulleres no ámbito universitario.

As políticas públicas na nosa Comunidade Autónoma están aínda dando os seus primeiros pasos, se ben é certo que se aprecia un claro interese e vontade neste tema no actual goberno. Podemos pór como exemplo a vontade de creación dunha unidade de muller e ciencia, con fins semellantes aos da institución española homónima, ou a referencia explícita que no Plano Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, recentemente aprobado no Consello de Goberno da Xunta, se fai á perspectiva de xénero.

Estando conscientes da realidade e coñecendo as causas que provocan e que fan que pervivan as desigualdades de xénero, debemos tomar medidas que permitan a súa corrección progresiva. Algunhas iniciativas coas que manteremos un especial compromiso na nosa Universidade se centrarán en:
- Publicar estatísticas desagregadas, incidindo en indicadores que resulten relevantes para a igualdade de xénero.
- Promover a investigación por, para e sobre mulleres e a difusión dos seus resultados.
- Introducir políticas de estímulo á incorporación e promoción da muller no exercicio profesional docente e investigador.
- Corrixir os sesgos entre ámbitos do coñecemento.
- Axudar a crear unha cultura práctica da igualdade de xénero, intensificando a posta en marcha de materias con perspectivas de xénero,[11] promovendo a reflexión e o debate sobre este tema.
- Divulgar os referentes femininos no ámbito da ciencia e a tecnoloxía.
- Realizar políticas de estímulo e incentivo á carreira docente e investigadora entre as mulleres. Por exemplo, e dun modo moi especial, na realización de estudos de doutoramento, xa que é a fase na que comeza a inverterse a proporción entre homes e mulleres. En definitiva, queremos “pechar as follas das tesouras”.
- Pór en marcha políticas de conciliación da vida laboral coa persoal e familiar para homes e mulleres.
- Promover a presenza equilibrada de mulleres nos órganos de asesoramento, de selección, de goberno e de representación. Somos a única Universidade galega e unha das poucas do Estado que conta con un Consello de Dirección paritario, mais é necesario ir estendendo esta práctica ao conxunto da Universidade.
- Eliminar os sesgos ou segregacións de xénero.
- Crear fórmulas de organización, con redes temáticas, que favorezan a posta en común de problemas e de solucións.
- Axudar a eliminar os estereotipos e preconceptos de xénero no ámbito social e educativo.
- Apoiar o emprendemento universitario entre as mulleres.[12]
- Desenvolver políticas académicas que inclúan a perspectiva de xénero.

Aínda que son moitas as iniciativas que xa se puxeron en marcha nos últimos anos ou que o están facendo actualmente –recordemos, por exemplo, a recente creación do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero-, resta moitísimo por facer, e pensar que os pasos dados abondan é mirar cara outro lado ignorando o problema.

Non podemos ficar satisfeitos/as reclamando, nin sequera logrando, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Temos que impulsar unha verdadeira igualdade de posibilidades, algo que hoxe aínda non ocorre. Trátase de facer posíbel que as persoas, independentemente do seu sexo, acaben ocupando aqueles lugares que por coñecemento, por capacidade, por méritos, por valía, e por unha ambición lexítima lles corresponden.

Persoalmente, non creo que se trate de discriminar, na súa acepción de “seleccionar excluíndo”, e si de pór en marcha accións positivas, “seleccionando a partir da inclusión”. En definitiva, que a selección se poda realizar xustamente nun escenario no que as mulleres non sexan previamente excluídas por circunstancias que nada teñen que ver coa súa capacidade, a súa valía, o seu mérito, a súa constancia...

Co obxectivo de impulsar estas accións positivas creamos recentemente unha Oficina de Igualdade de Xénero, que quere operar como un observatorio que permita coñecer fielmente a realidade e realizar o seguimento desa realidade que queremos mudar. Á vez quere ser un faro capaz de guiar certeiramente aqueles pasos que nos permitan avanzar cara unha igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Temos que ter presente que o feito de que teñamos o empeño de que a actual situación mude non cambia a realidade espontaneamente nin garante o éxito sen máis. Por iso, a Oficina de Igualdade de Xénero terá como un dos seus obxectivos máis ambiciosos o de impulsar un Plano de Igualdade de Xénero que defina accións concretas que avancen sen pausa no camiño da igualdade.

Queremos que a USC sexa tamén, e sobre todo, un referente nas políticas e accións tendentes á igualdade de xénero, tanto no ámbito da súa comunidade universitaria como no conxunto da sociedade, e estou certo de que o lograremos. Contades co meu empeño, pero o que é máis importante, estou convencido de que contamos co empeño de todas as persoas que conformamos a comunidade universitaria da USC.

A USC ten nome de muller, así que fagamos que as mulleres encontren nela o lugar que por capacidade e mérito lles corresponde.

Dixen.



[1] No curso 1971-72 as mulleres representaban ó 37,5% do estudantado da USC, eran o 50,5% no ano 1980-1981 e actualmente son  o 57% no conxunto do Sistema Universitario Galego.
[2] A porcentaxe de mulleres é claramente maioritaria no bacharelato en arte, ciencias sociais e humanidades, e sanidade e ciencias da natureza, ao contrario do que ocorre no itinerario de ciencia e tecnoloxía.
[3] Dentro das grandes áreas tamén existen profundas diferenzas. A modo de exemplo, as titulacións de Bioloxía e Química son as únicas das ciencias experimentais que presentan unha maioría de mulleres, mentres que en matemáticas e física, por exemplo, a situación é claramente a inversa.
[4] No ámbito das ciencias experimentais a licenciatura en Física só conta cun 33% de mulleres e no das ciencias sociais a de Mestre na especialidade en educación física só ten un 36,4% de mulleres, fronte á especialidade de educación infantil que conta cun 94% de mulleres. Na área de ciencias da saúde a situación está enormemente decantada a favor das mulleres, que representan ó 73,9% do total do estudantado. O caso máis extremo é o da Diplomatura de Enfermaría no campus compostelán, cun 85,8% de mulleres. Sen dúbida, entre as causas de este acentuado desequilibrio está a nota de acceso, singularmente alta nestas titulacións, o que permite unha presenza maior de mulleres, en correspondencia cos seus mellores expedientes académicos, e a orientación laboral desta formación cara o servizo e coidado das persoas, relacionada cun condicionamento cultural asentado principalmente no ámbito feminino.
[5] 15,1% das mulleres teñen unha media de notábel fronte a 10,3% dos homes; 5,3% de mulleres e 3,4% de homes teñen media de sobresaliente; e teñen media de matrícula de honra 1,1% de mulleres e 0,8% dos homes.
[6] Segundo datos da FECYT as porcentaxes de profesoras por área do saber son: 35% en Ciencias da Saúde; 34% en Ciencias Experimentais; 16% en Enxeñarías; 45% en Humanidades; e 37% en Ciencias Sociais e Xurídicas.
[7] 23,49% de decanas; 30,6% de vicedecanas; 25,41% de directoras de departamento; e 32,5% de secretarias de departamento.
[8] Mais, repárese: se analizamos os datos de forma desglosada, aparece un elemento inquietante, o feito de que a convocatoria Ramón y Cajal, a de maior relevancia, ofreza cifras de predominio masculino -37 homes e 14 mulleres-, mentres que as convocatorias Isidro Parga Pondal -con 32 homes e 40 mulleres- e Juan de la Cierva -con 3 homes e 5 mulleres-,  amosan un lixeiro predominio feminino.
[9] A interesantísima lección inaugural do curso académico 2006-2007 da Universitat de Barcelona -27 de setembro de 2006-, titulada “Gens, gènere i ciència”, a cargo da profesora dona Roser González i Duarte, aborda con certo detalle algúns dos factores máis contrastados e relevantes.
[10] Os informes “She Figures” dos anos 2003 e 2006, elaborados tamén polo Grupo Helsinki, recollen datos harmonizados ao nivel Europeo e elaboran unha media comunitaria de referencia en relación á masa crítica feminina, a súa distribución por campos científicos e por rango académico, o acceso a recursos para a investigación, etc., pondo de manifesto, unha vez máis: a infrarrepresentación das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, tanto académica como laboralmente; unha aínda menor representación no ámbito empresarial e nas áreas do saber relacionadas coas ciencias experimentais e as enxeñarías; a menor consecución de recursos para a investigación; e un longo etcétera de desequilibrios e sesgos inxustificábeis. Aínda que España presenta en xeral unhas cifras máis positivas nestes indicadores que a media da Unión Europea, non podemos ficar impasíbeis ante un escenario que continúa sendo moi desafortunado e inxusto: a porcentaxe de mulleres investigadoras é do 29% como media na UE e do 36% no conxunto de España; no ámbito da educación superior as porcentaxes de mulleres investigadoras son o 35% e o 38%, respectivamente; na administración do 35% e do 45%; e só do 18% e  o 27%, tamén respectivamente, nas empresas.
[11] A materia “Identidade de xénero e educación”, por exemplo, foi introducida na Facultade de Ciencias da Educación no curso 1994/1995, sendo unha das primeiras materias referidas á temática do xénero nunha universidade do Estado español.
[12] Segundo datos publicados no suplemento “Formación y Empleo” -13 de marzo de 2005-, do xornal ABC, España ocupa os últimos postos en creación empresarial feminina.

Senén Barro Ameneiro:

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela