Saltar ao contido principal
Xornal  »  Economía Galega e Autonomía Política. Lección Maxistral do acto de apertura do curso académico 2006-2007

Xosé Manuel Beiras Torrado: Economía Galega e Autonomía Política. Lección Maxistral do acto de apertura do curso académico 2006-2007


Lección Maxistral do acto de apertura do curso académico 2006-2007, o 2 de outubro de 2006.

  • Lección Maxistral do acto de apertura do curso académico 2006-2007.

Hai agora vintecinco anos - todo un cuarto de século, xa - Galiza estreaba autogoberno, en forma de autonomía política regulada nun Estatuto plebiscitado eiquí e promulgado como lei das Cortes españolas, no marco da Constitución inda hoxe vixente. Por primeira vez na súa historia, Galiza ía dispor do que até daquela carecera: institucións e trebellos de acción política propria, democráticamente protagonizada pola súa cidadanía, ou sexa, polo povo galego en canto tal. Non vou abordar eiquí a temática desa autonomía política, nen a problemática desa modalidade restrinxida de autogoverno mediante carta outorgada polo poder lexislativo do Estado español: non me corresponde, porque sobardaría os lindes da “área de coñecemento” na que levo cáseque catro decenios a impartir docencia, a tentar transmitir saberes e inducir a matinación reflexiva, con máis certo proveito para min mesmo do que, seguramente, para os meus interlocutores estudantes. Voume cinxir, portanto, ao meu peculiar eido docente, o da estrutura económica, proxectar a análise estrutural sobre a nosa propria realidade e relacionala, iso si, con aquela faciana  ou dimensión da autonomía política que estritamente lle atinxe: a da política económica factíbel no marco institucional establecido. E fareino a xeito dun simples boceto, sen pretender, xa que logo, o logro dun retrato acabado - pretensión ilusoria para as miñas posibilidades e fóra de cacho nunha sesión académica inaugural como ésta.
 
Para encetar ese boceto, convirá deseñar a situación de partida e sinalar o contexto no que a economía galega e a política autonómica, en interrelación recíproca, ían desenvolver a súa andaina até hoxe. Portanto, son inicialmente tres as dimensións do  escenario a considerar: feitío estrutural da economía galega de entón, marco institucional da política económica aplicábel, e condicionantes esóxenos actuantes dende o contorno ou contexto externo.
 
Nas dúas primeiras dimensións, a clave reside na existencia ou non dunha diagnose correcta da patoloxía socioeconómica da realidade, indispensábel para orientar con acerto a acción institucional de política económica. Nefeito, resulta obvio, como custión previa, que todo deseño de política económica ten que estar dotado da consistencia metodolóxica e do entramado teórico referencial acaídos para dárenlle congruencia. Sen iso, caise fadalmente nun practicismo rudimentario, e daquela o poder actuará ás atoutiñadas, dando paus de cego que implicarán enormes custes de oportunidade e destrago de recursos e fondos públicos nutridos por prestacións da cidadanía, e que a máis elemental responsabilidade política obriga a asignar e administrar con rigor en función de prioridades e obxetivos definidos. Noutras verbas: só unha fundamentación teórica idónea e unha metodoloxía axeitada poden dotar ao deseño de política económica da racionalidade e lóxica interna que a fagan viábel e congruente no seu conxunto. Mais ese deseño non constitúe un exercizo académico, senón que vai destinado a actuar sobre unha realidade social, e portanto ten que basearse nos resultados dunha análise veraz e seria da estrutura económica do país e da súa posición no contexto externo, é dicir, nunha diagnose correcta da súa patoloxía socioeconómica. Só a partir desa condición poderá a acción política operar sobre esa realidade para transformala nunha direición progresista, é dicir, orientada cara o benestar do común cidadán, e non ao proveito de quen corresponda.
 
Na altura en que dá comenzo a andaina autonómica, Galiza dispón xa do colectivo científico capaz de facer a diagnose certeira da súa problemática económica. E de facela por introversión, con lentes proprios, e non por extrapolación nen aplicación mimética de esquemas elaborados sobre realiades cualitativamente distantes. Permitídime demorarme un chisco na glosa destas dúas aseveracións.
 
O colectivo científico, primeiro. Cando sobrevén a autonomía política, a Faculdade de Ciencias Económicas da Universidade compostelán leva só tres lustros de existencia. Mais ese breve período, máis breve aínda en coordenadas de tempo histórico, fora abondo para darlle un xiro copernicán ao panorama da ciencia económica no noso país. Coa criación da Faculdade de Económicas, “a economía política ingresa na nosa universidade e a nosa universidade ingresa na economía galega”: díxeno nestes termos, aínda hai poucos meses, nun acto académico no que a Universidade de Vigo tivo a xentil deferencia de convidarme a falar, e reitéroo hoxe eiquí. O veloz e intenso proceso de desenvolvemento de aquela Faculdade compostelán, matriz das dúas outras nacidas logo por partenoxénese no sistema universitario galego, e hoxe en plena madurez, ese veloz desenvolvemento, digo, enxendrou ben axiña a criación dun corpus e unha escola de pensamento económico en clave galega. En dous planos ou níveis. Un, o da investigación aplicada da realidade socioeconómica do noso país. Outro, o da angueira especulativa de elaboración, ou transformación adaptativa, segundo os casos, dun marco teórico de categorías conceptuais e trebellos metodolóxicos acaídos para o seu emprego na devandita análise da economía galega. E entendédeme ben: cando falo dun corpus e unha escola de pensamento non quero dicir que sexa homoxéneo e inda menos uniforme nos seus contidos, porque non o é. Afortunadamente. Refírome a unha custión de índole epistemolóxica. Refírome a que  nen o saber é neutral, nen son tampouco neutrais as formas e vieiros de acceso ao saber. Menos aínda no eido das ciencias sociais. Os lentes cos que se esculca en diferentes realidades nen son iguais nen intercambiábeis, de xeito que cando se esculca nunha realidade con lentes trabucados, a visión resulta deformada. Pois ben: até a entrada en escena da Faculdade de Económicas, os lentes cos que se adoitaba contemplar e examinar a economía galega, agás moi contadas esceicións, eran non só trabucados, senón mesmo os da óptica antitética da necesaria e acaída para chegar a unha diagnose correcta e valedeira da nosa realidade social. A remuda deses lentes é o que fixo o colectivo científico formado a raíz do ingreso da economía política na universidade galega, primeiro en Compostela e logo tamén en Vigo e na Coruña: desbotaron os lentes do oposto dialético e trocáronos  por outros de fabricación propria. Só nese senso falo dun corpus e unha escola de pensamento económico e investigación aplicada en clave galega -da conxunción do universal co particular, como compre en todo saber científicosocial non alienado.
 
Isto acontecera xa cando se bota a andar a autonomía política, e portanto existía xa daquela unha diagnose, ou un conxunto de diagnoses, valedeiras para orientar nunha direición correcta os criterios, obxetivos e mesmo prioridades dunha política económica autónoma. Outra cousa é que as institucións políticas criadas no Estatuto dispuxesen ou non das potestades decisorias e dos instrumentos operativos necesarios para poñérena en obra. Outra cousa, aínda, é que o poder político, ou os seus usufructuarios, estivesen ou non polo labor. E finalmente, aínda é cousa distinta tamén que o contexto envolvente - tanto económico coma sociopolítico e institucional -  nos ámbitos concéntricos español, europeu e do sistema mundial, favorecesen ou dificultasen, propiciasen ou atrancasen, a aplicación da terapia axeitada para a curación da patoloxía socioeconómica da Galiza de entón. Mais  diso, mesmamente, quixera ocuparme un algo a seguida.
 
O abano de diagnoses económicas xa existentes hai un cuarto de século - moitas delas fragmentarias, por referírense a fenómenos específicos, e algunhas poucas globais - formaba un repertorio análogo ao das variacións sobre un tema na composición musical. Nefeito sendo diversas - variadas - contiñan todas no cerne unha mesma idea matriz: o carácter subdesenvolvido do feitío estrutural da base económica galega, e máis a súa posición e imbricación periférica e dependente no conglomerado de formacións sociais integrantes do sistema económico mundial. Na terminoloxía da época, diríamos que Galiza non era periferia “lonxana”, mais si periferia  “próxima”: amostraba e padecía unha estrutura subdesenvolvida e unha condición periférica, inda con estar situada no espazo económico do centro do sistema. Estaba en Europa, mais era “periferia europea”, por aplicármoslle a expresión recén acuñada daquela polo malogrado Dudley Seers. Desa matriz diagnóstica común desprendíase, como corolario, un postulado decisivo para o  deseño dunha política económica autóctona, a saber: que a súa lóxica interna tiña que fundamentarse na teoría e a metodoloxía do desenvolvemento de economías periféricas, subdesenvolvidas, ou non desenvolvidas conforme aos modelos e procesos históricos que caracterizan ás formacións sociais do centro do sistema capitalista. Dito á inversa ou repetido por pasiva: que a política de desenvolvemento para as formacións periféricas, e portanto para Galiza, non podía consistir na simples reprodución a escada reducida das pautas e modelos de política económica aplicábeis ás economías avanzadas do centro, senón nalgo cualítativamente diferente no seu cerne, poisque cualitativamente diferente era tamén a súa xenuína problemática cardinal - mesmamente aquela que compría resolver para normalizar  a estrutura económica do noso país, ou sexa, a que até daquela non fora resolta e constituía unha patoloxía endémica. Eis o reto primordial que deberían defrontar as recén criadas institucións políticas de autogoberno en forma de autonomía, tanto as do poder lexislativo - Parlamento - coma as do executivo - goberno ou  Xunta de Galiza. Mais,  ¿tiñan as potestades e recursos axeitados para facéreno?.
 
O deseño constitucional español do 1978 non é o dun Estado federal ou confederal - como o suízo, o alemán, ou mesmo, actualmente, o belga - senón  o do denominado usualmente “Estado das Autonomías”. Siñifica isto que non se fundamenta en diferentes suxeitos e fontes de soberanía e poder político articulados meiante un “pacto federal” para construíren un Estado común a todos iles de abaixo arriba, mantendo cada un a súa soberanía de decisión política nos niveis, ámbitos e condicións establecidos no pacto constituínte da federación ou confederación. Portanto, un Estatuto de autonomía non é equivalente á constitución dun Estado federado con outros nunha estrutura federal común. Un Estatuto é unha carta outorgada, en forma de lei orgánica, polas Cortes dun Estado baseado constitucionalmente nun único suxeito de soberanía política - o “pobo español” (art.1.2) - definido ademáis como unha única nación - a española (art. 2). E unha Comunidade Autónoma tampouco é equivalente a un Estado federado - por exemplo, calquera dos “Länder” na RFA, ou Flandes e Valonia no Estado federal belga - senón que é simplesmente unha peza da “organización territorial do Estado”, conxuntamente coas provincias e os concellos, todos iles dotados de  “autonomía para a xestión dos seus respeitivos intereses” (art. 137). Trátase, pois, dun modelo descentralizado de  administración territorial, deseñado no famoso Título VIII da Constitución,  que combina dúas castes diferentes de entes territoriais: os da “administración local” de sempre - concellos e deputacións provinciais - dotados de autonomía administrativa, e a nova figura - as Comunidades Autónomas - titulares de autonomía política e dotadas de cámara lexislativa e goberno - na Galiza, como dixen, o Parlamento e a Xunta.
 
Disculpade este excurso fóra dos lindes do que se adoita entender por economía, mais non do meu eido da Estrutura e os Sistemas Económicos, que abrangue necesariamente a superestrutura xurídico-política, tanto na tradición historicista dende Werner Sombart, coma na marxista dos modos de produción e as formacións sociais. Porque o caso é que estimo indispensábel ter en conta a índole das institucións políticas da autonomía galega, no marco da Constitución e o Estatuto, para comprendermos unha custión crucial, a saber: se o deseño                   xurídico-político desas institucións de autogoberno as capacitaba ou non para afrontaren o reto enunciado máis arriba, é dicir, a elaboración e execución dunha política económica que abordase frontalmente a patoloxía do subdesenvolvemento e remediase o atraso. Noutras verbas: se dispuñan do poder de decisión necesario para desenvolveren unha política independente e necesariamente atípica a respeito dos modelos concebidos nas pautas do centro. 
 
Vexamos. O Estatuto de Galicia establece varias castes de competencias, ordeadas polo seu rango en marxe de decisión autónoma. Primeiro están as “exclusivas” en sentido proprio, ou sexa, sen outro límite que os preceptos da propria Constitución (art. 27). A seguida sitúanse as que atribúen o “desenvolvemento lexislativo” da “lexislación do Estado” (arts. 28, 33 e 34) e finalmente no nível inferior, as que só atribúen a “execución” desa mesma lexislación estatal (art. 29). Pois ben: se rastrexamos as áreas temáticas cruciais para unha estratexia autóctona de desenvolvemento da base económica galega, comprobaremos que no eido competencial  “esclusivo” só figuran incluídas a ordenación do territorio, a rede viaria non estatal, os montes, a pesca en augas interiores e o turismo. Noutras de análoga relevancia estratéxica, como a ordenación do sector pesqueiro, os seus portos, ou o rexime mineiro e enerxético, as competencias só permiten o “desenvolvimento e execución” da lexislación estatal. O mesmo ocorre nas áreas dunha política de “benestar social” - decisiva para unha formación subdesenvolvida - como son a sanidade e a seguridade social. E en materia laboral só cabe a  “execución” - non  sei se aínda a “garrote vil - da  lexislación dictada polo poder central.
 
Ora, existe aínda outra caste de competencias que o Estatuto denomina “exclusivas”, mais coa particularidade de estaren sometidas, non xa aos preceptos constitucionais, senón ás “bases” que estableza a “política do Estado”, ou sexa o poder central. Resulta curioso, de primeiras, que nesta caste de competencias tildadas de “esclusivas”, pero que non o son, aparezan incluídas precisamente áreas determinantes para un modelo estratéxico de desenvolvemento da base produtiva galega. Non me vou resistir a enumerárvolas. Primeiro, sectores clave no tecido produtivo: industria, agricultura e gandería. Logo, comercio interior e consumo. A seguida, intermediarios financeiros: Caixas de Aforros e "institucións de crédito corporativo, público e territorial". Finalmente, unha xoia de "brindis ao sol", fágovos leitura textual: "Sector público económico de Galicia". Mal sabían os redactores do Estatuto que non só non se crearía un sector público galego, senón que se volatilizaría o estatal existente daquela, e en cuxa xestión, por certo, se atribuía participación á "Comunidade Autónoma Galega".
 
Dixen antes que, de primeiras, resultaba curioso o contido destas competencias falsamente "exclusivas". A curiosidade disípase se desvelamos a qué decisións políticas do Estado se somete a "exclusividade" desas competencias galegas. Esplicítao o proprio Estatuto: "De acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado". Dito en prata: non se concede liberdade de decisión ao poder autónomo para elaborar e executar unha política macroeconómica propria, e portanto aínda menos para unha política de desenvolvemento autocentrado deseñada cos lentes da periferia, ou sexa, como antes dixera eu, con lentes de "fabricación propria". Esta é a resposta que dá o proprio texto do Estatuto á pregunta formulada hai un pouco: ¿tiñan as recén criadas institucións de autogoberno potestades e armas axeitadas para defrontaren o reto de póren remedio á patoloxía estrutural do subdesenvolvemento?. Pois non, evidentemente non.
           
Ficaba, con todo, unha porta aberta. O artigo 131 da Constitución establece que "o Estado poderá planificar a actividade económica xeral para atender as necesidades colectivas, equilibrar e harmonizar o desenvolvemento rexional e sectorial, e estimular o crecemento da renda e da riqueza e a súa máis xusta distribución". Música celestial, diríamos hoxe, e que portanto non é deste mundo        - como  demostraron os case trinta anos de idade desta norma constitucional. Mais, fóra rexoubes irreverentes, ao que vou é a que, nese mesmo precepto, establecíase que o goberno central elaboraría esa planificación económica "de acordo coas previsións que lles sexan suministradas polas Comunidades Autónomas". Por esa porta podía participar o poder autónomo galego na elaboración das "bases" da política económica estatal á que tiñan que someterse as devanditas competencias "exclusivas" súas. Dese xeito até podería resultar razoábel a limitación imposta á exclusividade competencial nesas materias, e cobraría sentido a potestade de "fomento e planificación da actividade económica en Galicia" que atribue o Estatuto ao poder galego. Sería un xeito de artellar a política macroeconómica da Xunta coa do Estado no seu conxunto. Sería, si. Mais o caso é que ese artigo 131 da Constitución endexamáis se aplicou; ese precepto constitucional foi conculcado dende o comenzo e convirtido en letra morta. E foino,  primordialmente,  para non ter que darlle "cancha" ás comunidades  autónomas - e nomeadamente ás tres máis problemáticas: as dotadas de identidade nacional e proxectos nacionalistas proprios, non só políticos, senón tamén de estratexia económica emancipadora.
 
Até o punto de que, xa dende os primeiros mandatos socialistas, e para non violar literalmente o artigo 131 da Constitución, os sucesivos gobernos españois nunca abordaron a "planificación da actividade económica xeral" senón só plans sectoriais - como os das diversas "reconversións" - poisque para ises a letra da norma  constitucional non esixía contar co poder autónomo. Só que o esixía o Estatuto galego (art. 30.7), que atribuía competencia, tamén "esclusiva", para "o desenvolvemento e execución en Galicia" dos "plans establecidos polo Estado para a restruturación de sectores económicos". Mais, que importaba iso?. Xa se viu na reconversión naval, na siderúrxica, na agrogandeira, na pesqueira, e así seguido. A fin de contas, se as directrices se formulaban en leis orgánicas, tiñan o mesmo rango na xerarquía das leis que o proprio Estatuto. E se non o tiñan, de todos xeitos nen a Xunta nen o Parlamento galego se ian arrepoñer: non se arrepuxeron seriamente nunca en vinte anos.
 
Retornando agora ao plantexamento inicial desta miña análise, sinalaba eu tres dimensións do escenario a considerar: a da diagnose estrutural da economía galega no punto de arranque da autonomía política; a do marco institucional da política económica aplicábel; e a dos condicionantes dados polo contexto externo. Reparemos agora nesta última dimensión, tanto máis relevante canto que a economía galega era daquela - e fórao sempre nos tempos modernos - como unha célula sen membrana, un organismo esfolado, un espazo sen fronteiras. Quero dicir que as fronteiras non son un fenómeno físico, nen xeográfico, nen económico, senón institucional. Venme á memoria unha fermosa entrevista de Julio Cortázar na radio francesa, conducida polo noso paisano Ramón Chao, no que falaba das fronteiras, e dicía que non eran as liñas que aparecían nos mapas, que esas non se percibían na realidade, o mesmo que non se vía o ecuador - e relataba, coa súa fascinante diafanidade verbal, como nas súas viaxes entre Francia e Arxentina en transatlántico, cando se achegaban ao ecuador, o comandante da nave informaba do evento aos pasaxeiros, e a xente debruzábase na borda coa ollada fita no mar, mais non vía liña ningunha, nen rastro do tal ecuador. Discúlpenme o excurso nen tan sequer literario. Estaba a dicir que as fronteiras son fenómenos institucionais, márcanas institucións como as alfándegas e os aranceis, a moeda de curso legal, o sistema tributario, o dereito civil ou laboral - e, no cumial, o ordenamento xurídico-político do poder do Estado, cun ámbito territorial e cidadán de vixencia. De cáseque todo isto careceu Galiza sempre dende o mencer da idade moderna : en todo ese período, "Galiza sen fronteiras" foi unha realidade sempre - non era preciso reivindicala para entrarmos na post-modernidade. Hai cento catorce anos, nesta mesma Universidade compostelán, o catedrático de Economía Política Alfredo Brañas, nunha leición inaugural que fai palidecer ésta miña, despois de disertar sobre "La crisis económica de nuestro tiempo" - a crise finisecular do XIX que marca o declive da hexemonía británica - reivindicaba para Galiza lexislación civil e mercantil propria e exclusiva, institutos armados proprios e - asómbrense - até bater moeda. Brañas reclamaba fronteiras institucionais para Galiza - e chámano "rexionalista".
 
Mais, ao que vou : a economía galega carecía de superestrutura institucional propria, era unha "economía rexional" no rigor semántico do termo - como o era a da Irlanda do tempo de Brañas, non do noso. E, mesmamente, a criación de institucións políticas autonómicas, cuns ámbitos persoal e territorial de poder, dotaba dalgunha forma de fronteiras á formación social galega. Mais só dalgunha forma, lene e fragmentaria. Nada comparábel ás defensas, escudos e valados que siñifican un aparello de Estado convencional a respeito do contorno ou contexto externo do seu espazo económico. Os profesores composteláns Fernández Leiceaga e López Iglesias, nun excelente tratado sobre a estrutura económica de Galiza, suliñan con agudeza os fenómenos aos que estou a referírme como "especificidades das economías rexionais" : "unha superior abertura exterior e especialización produtiva" - e portanto unha "integración comercial e factorial"que "produz a sincronización do ciclo económico rexional co estatal" ; "o carácter interrexional de boa parte - a grande maior parte - das relacións económicas exteriores" - e así pregúntanse e respóndense : "Por qué Galiza comercia tradicionalmente máis con Madrid ou Barcelona que co Porto? Pola pertenza a un mercado nacional unificado : as fronteiras desaparecen (...)” ; e, ao cabo,  "a ausencia dunha política económica propria" - pero rexistran tamén que "coa construción do estado autonómico supérase parcialmente a inexistencia dun aparato estatal", non sen engadiren: "aínda que o carácter aberto da economía resta virtualidade" aos instrumentos da política económica reguladores do ciclo interno.

Pois ben, o primeiro fenómeno relevante que quero sinalar no contexto externo da economía galega, á altura do arranque da autonomía política, é o da profunda e prolongada crise desencadeada no centro do sistema económico mundial dende comenzos dos anos setenta (1973), a raíz da chamada "crise do petroleo" e da supresión unilateral, polo Goberno norteamericán, da convertibilidade do dólar como valuta do SMI. Esa crise non só vai afectar ao ciclo da economía mundial, senón que vai inducir unha relevante metamorfose estrutural no sistema capitalista e no rol do Estado, como poder político, na regulación da economía e das relacións entre as clases sociais. Non é posíbel nen oportuno entrarmos eiquí nesa problemática, mais quero aludir a algúns fenómenos que considero determinantes para a análise que estou a desenvolver.
 
Primeiro, no plano do ciclo ou, se preferides, da conxuntura. A onda contractiva enxendrada pola crise chega á economía galega cun certo tempo de desfase, como chegan as vagas dun maremoto ás ribeiras máis lonxanas do epicentro do seísmo. Mais desque chegan, os efectos do impacto duplícanse en gravedade - primordialmente pola febleza estrutural do sector "moderno" da nosa economía, e máis porque pilla á estrutura da nosa base produtiva en trance de veloz metamorfose. Só vou reparar, como mostra, no fenómeno seguinte. Durante o precedente período de expansión - anos 50 a 75 - os sectores da industria, a construción e os servizos, na economía galega, non deran absorbido toda a forza laboral excedente acobillada nas atrasadas estruturas agrarias - que sobardaba o 50% da poboación activa do país. A válvula de escape fóra o “aliviadero de la emigración" - descarnadamente chamado así na época - que acadara o seu apoxeo en direición a Europa. Mais a crise nos países de destino pechara as comportas europeas dese "aliviadero" emigratorio, ao tempo que o impacto da crise nos sectores dinámicos galegos mermara drásticamente a súa capacidade de absorción de paro encuberto no campo, e que, por riba, a modernización - millor diríamos a mecanización - da economía agraria daquela en curso, finanzada polas remesas dos emigrados, seguía a expulsar forza de traballo das súas estruturas. Por certo : mentras tanto, o recén estreado poder autónomo, teimaría en repetir "ad nauseam", até antonte mesmo, que seguía a sobrar xente na agricultura, así, sen contextualizalo. Hoxe aseméllase a un deserto verde ... e pardo - refírome ao cromatismo dos eucaliptais e dos montes  queimados. Pois ben : o resultado imediato foino a velocísima alza dos continxentes e taxas de paro - fenómeno ben estudiado, xa dende os anos oitenta, por varios solventes profesores de Económicas. A consecuencia que máis me importa sinalar : o novo poder político atopouse, dende o comenzo, cun escenario económico rotundamente diferente do coñecido até daquela, imprevisto, e sen poder de decisión nen armas axeitadas para facerlle frente, aínda no suposto de que tivesen imaxinación para intentalo. Lembrade - díxeno antes - que en materia laboral, por exemplo, as competencias da autonomía só eran de "execución" - sen "garrote" agora - da política estatal. Até tal ponto era imprevisto ese escenario, que o flamante sistema de finanzamento da autonomía deseñado neses intres incluía, como un dos baremos favorecedores dos ingresos públicos galegos por transferencias, un coeficiente por taxa de emigración - xusto no intre no que ese fluxo cesaba "a fortiori".
 
Con todo, a consecuencia da crise que considero máis gravemente perniciosa para a economía e a política autónoma galegas na súa mútua relación derívase, non da conxuntura cíclica, senón da metamorfose que enxendra no sistema capitalista neste último cuarto de século. Refírome - xa o sospeitarán - ao contexto da chamada "globalización", a irrupción da ideoloxía e a política ultraliberal - os máis mesurados ca min din "neoliberal" - e o retorno do capitalismo salvaxe - tamén apelidado "neo-americán" - coa liquidación do modelo dito "renano" no capitalismo europeu continental da fase de expansión, edificador do "Welfare State" ou Estado do benestar. Permitídeme unha breve sinopse sobre esta custión, ao meu ver decisiva para a andaina da economía e a sociedade galegas no tempo que levamos de autonomía política.
 
Non vou determe a definir a "globalización", como fase e modalidade máis recentes do proceso de transnacionalización e mundialización do capitalismo. Tampouco vou analisar a crise - ou a condea ao ostracismo - do modelo keynesián de diagnose e acción política macroeconómica. Nen falar do final do fordismo, como modelo de organización das forzas produtivas. Xa abonda que esteña a torturalos a vostedes como non se merecen, pero aínda non me volvín sádico. O que si vou, con todo, é abusar un chisco máis da súa paciencia para suliñar un par de elementos da posibel sinopse da globalización neoliberal que considero causas cruciais, como variábeis esóxenas, do fracaso da política autonómica en pór remedio aos focos patóxenos primordiais da nosa condición periférica subdesenvolvida. Ou, dito en expresión máis directa e descarnada, do fracaso neoliberal na Galiza  - como rotula o profesor Xavier Vence un seu recente e espléndido volume de ensaios sobre esta problemática, inteleitualmente riguroso, lúcido e valente.
 
Un deses elementos sitúase na instancia da estrutura económica. O outro, na da superestrutura política. O primeiro podería enuncialo así : o ascenso á posición sobranceira, e mesmo hexemónica, do capital na forma diñeiro, ou "capital bancario", sobor do capital na forma produtiva, ou "capital industrial". Esta mutación estrutural na posición relativa de cada unha das tres formas do capital - a outra é, como se sabe, o "capital mercaduría", ou "capital comercial" - leva aparellados varios corolarios relevantes, dos que só aludirei aos seguintes. O predominio - determinante - da esfera da circulación, e en singular dos mercados financeiros, sobor da esfera da produción, e portanto da asignación de factores ou forzas produtivas, e nomeadamente da forza de traballo - coa correlativa repercusión, de retorno, no mercado laboral. Isto leva aparellada unha crecente disxunción antre produtividade nos procesos produtivos e rendibilidade do capital-accións, que atinxe, agudizándoa, á  contradición entre esas duas lóxicas, sempre existente dentro da lóxica cardinal de asignación de recursos e da "racionalidade" do sistema. Ora, a valorización do capital opérase na esfera da produción, onde se enxendra o máis-valor ou incremento de valor, que só se realiza na esfera da circulación, transformada en ganancia. Mais a valorización no proceso produtivo require unha duración, un "tempo de maduración", mentras que a súa realización poder ser instantánea - por exemplo unha operación bursátil nos mercados financeiros. A desregulación, é dicir, a supresión de calquera caste de control ou pexa á plena liberdade de circulación internacional dos capitais e operacións nos mercados financeiros, exacerba o problema enunciado, ademáis de abrir francas as portas á proliferación de operacións esclusivamente especulativas que constitúe un dos fenómenos máis perniciosos entrañados na globalización financeira, até tecer unha pantasmagoría de valores virtuais que enmascara e diverxe progresivamente da economía real.
 
Os efectos distorsionadores na economía mundial están ben á vista na crónica destes últimos decenios. Graves no centro - e velaí está, por dar unha mostra, o fenómeno analisado e bautismado por Robert Brenner como “burbulla financeira”, ou o correlativo das famosas “turbulencias”, ás que só falta que lles poñan nomes como aos ciclóns – “economía política da turbulencia global”, rotularíao  Giovanni Arrighi hai só tres anos. Moito máis graves, porén, e até letais, en toda a periferia do sistema económico mundial. Galiza, como economía periférica – só que europea, convén que reitere - non ficou á marxe dese turbulento acontecer globalizador. De xeito que se agravou unha súa patoloxía “conxénita”, digámolo así, a saber : a carencia dun modelo de acumulación endóxena, que puidese cando menos contrarrestar a súa dinámica extravertida, como economía “ sen fronteiras”, a drenaxe do seu excedente económico monetarizado, o seu problema de crecemento  “cara fóra”, constantemente reprodutor do seu histórico subdesenvolvemento – parafraseando agora ao recentemente finado André Gunder-Frank.
 
Nefeito, o núcleo do problema das economías periféricas pódese sintetizar en que a súa dinámica non se rexe conforme a modelos de acumulación xenuinos e internos a elas, senón á proxección sobor delas do modelo de acumulación do centro do sistema, a respeito do cal tódalas demáis economías do planeta desempeñan funcións subalternas ou subsidiarias - mesmo no sentido literal da palabra. Dende o remate da IIª Guerra, os rexistros cruciais do modelo de acumulación mundial configuráronse conforme ao deseño do chamado “consenso de 1945”, por referencia aos acordos de Bretton Woods - que por certo supuxeron a derrota política, que non científica, das teses de Lord Maynard Keynes. A creba, ou a metamorfose, dese deseño dende os anos setenta, sustituído logo polo “consenso de Washington” coas sucesivas e mutantes peripecias polas que pasou nos dous decenios seguintes, abre precisamente a etapa da “globalización financeira”, na que as institucións criadas en Bretton Woods - como o FMI e o BIRD - ou, a seguida, na Habana - o GATT e a OMC, ésta curiosamente hibernada até os anos noventa - pasaron a funcionar á inversa das finalidades para as que foran criadas, até configurarse o que Peter Gowan bautismou, expresivamente, como “rexime dólar - Wall Street” (RDWS), no que o sistema monetario internacional - di Gowan - convírtese nun mecanismo do imperialismo económico dos USA, baseado na posición privilexiada do dólar non convertíbel, equivalente a un dereito de “señoriaxe”, é dicir, o tributo medieval que se pagaba ao señor ou ao rei pola acuñación de moeda - e que tamén se empregaba para expresar a diferencia antre os valores real e nominal dela. De xeito que as moedas e economías do resto do planeta subsidian de facto - literalmente, repito - ao dólar e, ao seu través, aos hexemónicos mercados financieiros norteamericáns, ou millor dito angloamericanos, do sistema globalizado - como podía acontecer no Imperio Romano, con licencia pola extrapolación que, por certo, efectúa con rigurosa ironía Emmanuel Todd no seu penetrante “Despois do Imperio”.
 
Pero, qué ten a ver isto coa economía galega? - perguntarán a maioría de vostedes, non economistas por fortuna. Pois moito máis do que poda parecer. Voulles pór un exemplo da nosa historia económica máis recente. En plena transición política, acométese a realización do complexo alúmina-aluminio de San Cibrán, na Mariña luguesa. Socios principais : ALCAN e PECHINEY - duas das cinco meirandes transnacionais do planeta, canadiana e francesa respeitivamente - e máis INESPAL, a empresa do INI nese sector. Entre os socios máis cativos, Aluminios de Galicia, do grupo Barrié. Complexo industrial típico “de enclave”, localizado eiquí para nutrirse, a baixo custe, da enerxía elétrica da mega-central térmica das Pontes, instalada case simultáneamente. Digo mega-central porque unha soa das suas catro turbinas equival a máis de duas veces a potencia instalada do salto de Belesar, no Miño. San Cibrán entra en produción a comenzos dos oitenta e, case de imediato, fai unha suspensión de pagos. Qué acontecera?. O finanzamento externo do complexo fora fornecido primordialmente polo Chase Manhattan Bank, meiante un empréstimo a servir e  amortizar en dólares conforme á súa cotización  corrente - ou sexa, de cada ano. Dende 1981, co acceso ao poder de Ronald Reagan - que, co de Margaret Thatcher, marcara o comenzo da globalización e a entrada en tromba das políticas ultraliberais - encetárase unha política de alza veloz e constante da cotización do dólar. A repercusión sobre as finanzas do complexo de San Cibran fora fulminante. Por certo, a auditoria sobre esa precoz crise financeira foi realizada por unha empresa de servizos profisionais vencellada ao grupo Chase Manhattan - para  que todo ficase na casa. Por certo tamén : a ampliación de capital, acordada para resolver a suspensión de pagos, caíu enteiramente nas costas de INESPAL - ALCAN e PECHINEY non aportaron nen cadela, optando por reduciren a súa  porcentaxe de participación no capital. Así comenzou un dos proxectos “estelares” de industrialización da Galiza, simultáneo co arranque da autonomía política - convidado de pedra nese proceso - que combinaba a metalurxia de base, coa produción elétrica e a mineira dos lignitos pardos, dacabalo de Ferrolterra e a Mariña oucidental. Iso si : As Pontes seguirían fornecendo a San Cibrán arredor dun tercio da súa produción elétrica a prezos privilexiados por debaixo do custe de produción, até o virtual esgotamento actual dos seus xacementos de lignito. Xa ven como funcionou, nesta mostra, a combinación da dotación de recursos naturais, coas vantaxes comparativas e os resortes financeiros, para o desenvolvemento da periférica estrutura económica galega no marco do modelo de acumulación do sistema globalizado, mesmo antes da cirstaización do RDWS (rexime dólar - Wall Street) definido por Gowan.
 
Certo é que no plano estricto dos fenómenos monetario-financeiros, e por carecer Galiza de Estado e moeda proprios - que algunha vantaxe tiña que ter esa carencia, digo eu - a economía galega como tal non padeceu un dos máis graves andacios que sufriu a periferia do sistema dende a perversión do modelo Bretton Woods : a exacerbación até dimensións paroxísticas do problema da débeda externa - convirtida na máis brutal forma de expoliación do “terceiro mundo” na etapa da globalización, que o premio Nobel da Paz oriundo de Combarro, Adolfo Pérez Esquivel, non dubida en calificar de auténtico xenocidio nas súas consecuencias sobre as catro quintas partes da poboación do planeta. Venme á memoria unha ilustrativa anédota atribuída a Robert Triffin. Disque nunha ocasión, ao remate dunha sesión de aulas en Yale, saiu a tomar café cun grupo de alunos. No intre de ir pagar as consumicións, mentras algúns estudantes facían aceno de botar man ao peto, il perguntoulle ao camareiro de ónde era o café que viñan de tomar. Contestoulle o mozo : “de Brasil”. E vai Triffin e dilles aos rapaces : “Deixádeme convidarvos, que a fin de contas acabamos de tomar café gratis”. Naquelas datas, o servizo da débeda externa brasileira en dólares, ascendía a unha cifra superior ao valor das súas exportacións de café. Nese mesmo período Galiza non tiña, formalmente, débeda externa que amortizar. Mais os ingresos polas súas peculiares exportacións de café, digo de forza de traballo, ou sexa as remesas dos seus emigrados en Europa, tal coma chegaban ás oficinas dos intermediarios financeiros en Galiza, íanse na maior parte finanzar créditos e investimentos fóra do noso país meiante as operacións activas deses mesmos intermediarios. E o recén nado poder político autónomo, mesmo denantes da desregulación neoliberal da circulación internacional dos capitais, non só carecía de potestades constitucionais para impedilo, limitalo ou controlalo, senón que tampouco dispuña en realidade de poderes para deseñar un modelo de acumulación autóctono - lembrádevos do xa espricado verbo das competencias exclusivas “ma non tanto”, digámolo así agora, con humor. E os resortes dispoñíbeis para regular en certa medida a veiculización do aforro cara a formación interna de capítal, tampouco os utilizou - por exemplo meiante a criación dun entramado institucional que eu mesmo propuxen, no meu labor político parlamentar, mais que os titulares do poder non estimaron, e os votantes non me outorgaron o mandato necesario para facelo eu mesmo. En conclusión, o conxunto de fenómenos aos que veño de facer  referencia,e outros análogos que omito, deron lugar a que o motor do crecemento da economía galega funcionase nestes decenios como o dun veículo cos conductos do carburante,  o carter e os cilindros furados. O resultado resúmese en que a economía galega, no canto de converxer coas máis avanzadas do seu contorno peninsuar e europeu, seguiu a diverxer delas, e que nos apuntásemos o mérito de entrarmos no MCE, hoxe UE, sendo “rexión obxetivo número un” - ou sexa, das máis subdesenvolvidas entre as máis de duascentas da Unión - e inda hoxe continuemos a estar nese grupo privilexiado. Entramentras, un país periférico como Irlanda, que daquela tiña a súa renda por habitante a un nivel inferior en máis de un tercio á meia europea, hoxe está nos primeiros postos dese ranking. Pero tamén a comunidade Autónoma de Euskadi, que ten o mesmo rango constitucional que a nosa, e padeceu unha grave crise industrial e reconversións ben drásticas, pasou de estar case un vinte por cento por debaixo da meia europea a superala hoxe amplamente. Xa que logo, non todo é atribuíbel ás causas esóxenas e ao contexto da globalización neoliberal : algo teñen que contar as clases dirixentes indíxenas e o gremio ocupante das institucións do poder autónomo. E téñeno especialmente a respeito do segundo dos elementos que eu enunciaba ao comenzo desta demasiado delongada digresión : o que situei na instancia da superestrutura política.
 
Nefeito. O ultraliberalismo globalizador operou unha profunda metamorfose na articulación e funcionalidade do Estado. Vexámolo. A mutación opérase, por unha banda, no artellamento e xerarquía entre as tres instancias do poder democrático e as súas respeitivas xurisdicións - lexislativo, executivo e xudicial. Mais tamén, por outra banda, na relación triangular antre poder social - ou, singularmente, poder económico - poder político e cidadanía. Deixarei á marxe das miñas consideracións a primeira desas duas metamorfoses operadas polo neoliberalismo - máis descaradas cando é “ultra”. Só quero sinalar que esa deturpación do modelo de Estado - do liberal, paradóxicamente - adoita volverse máis ostensíbel en construcións políticas supra-estatais como a CEE-UE, onde o Parlamento en principio non lexislaba - facíano a Comisión e o Consello - e inda hoxe só “co-lexisla”, estraño híbrido : eis o famoso “déficit democrático”, tímidamente calificado así nos debates arredor dos sucesivos tratados da UE, dende o de Maastricht en diante, até o malchamado constitucional, averiado polos referendos francés e holandés. Fago esta paréntese pola relevancia que ten esta anomalía para a prática institucional do noso poder político autónomo. Nefeito : sendo o Estatuto unha lei orgánica do Estado, que desenvolve direitamente a Constitución, e atribuíndolle ao Parlamento galego competencia exclusiva para lexislar en determinadas materias, resulta que esa potestade pode ficar obstruída e anulada por unha simples directiva da UE na mesma materia, ou sexa, polo equivalente dunha simples orde ministerial, ou ao sumo dun decreto. Ten acontecido así en debates lexislativos na cámara galega nos tres últimos lustros, un diles moi sonado sobre unha proposición de lei de ordenación gandeira. Comprenderán vostedes a gravedade do problema : ¿a qué fica reducida así a capacidade de pór en prática unha política agraria “ad hoc” para os intereses do campesiñado galego?. E é só unha mostra.
 
Pero a segunda faciana da devandita metaformofose ten máis grave e direita repercusión aínda sobre a política económica. Trátase de que a mutación operada dá lugar a que o poder económico actue xa fóra do control do poder político, mercede á combinación de desregulación máis privatización xeralizadas, e portanto á marxe do control democrático da cidadanía. As consecuencias son múltiples. A máis medular e totalizadora consiste en que os cidadáns, no canto de  poderen actuar como titulares que son da soberanía democrática, acaban reconvertidos en súbditos, controlados e dirixidos con métodos conductistas nas súas actitudes, percepcións e reaccións polo poder económico, maiormente a traveso do poder mediático. Cando os poderes económico e político sintonizan na mesma lonxitude de onda ideolóxica neo-liberal, a situación aproxímase á dun totalitarismo larvado ou disfrazado. Cando as respeitivas lonxitudes de onda non sintonizan - poñamos por caso, con gobernos socialdemócratas - a presión do poder económico sobre o político acrecéntase e pode chegar, e mesmo chega, á chantaxe e o boicot - agravados polo deterioro dos resortes convencionais do poder institucional do Estado denantes aludidos. Este fenómeno resulta singularmente letal para a acción institucional característica do Estado do benestar, como son as políticas orzamentaria, fiscal, monetaria, laboral, de rendas e de redistribución, servizos públios e sociais de cobertura universalizada, e así seguido - que entran literalmente en creba. Non é preciso que me extenda para que comprendades a gravedade do problema para  economías e sociedades como a galega, e para a marxe de  manobra e decisión en política económica e social dun poder simplesmente autónomo como o configurado nas actuais institucións de autogoberno galegas. Polo demáis, os efectos están á vista, dende o acontecido con sectores económicamente estratéxicos e socialmente vertebrais, até as posicións de cola nos rankings  “rexionais”, tanto peninsuares coma europeus, dos indicadores de servizos, equipamento e benestar sociais “stricto sensu”.
 
Nesas mesmas claves reside tamén, en boa medida, a espricación dos efectos máis negativos para a economía galega da súa integración na UE, a traveso da adesión do Estado español á daquela CEE. Non estou a dicir que os efectos fosen todos negativos : hóuboos dos dous signos contrapostos. Si que estou a dicir, en troques, que a espricación dos problemas enxendrados por  esa integración áchase primordialmente no nível da superestrutura xurídico-política, e non no da base ou estrutura económica mesma. Por unha banda, con ser a economía galega subdesenvolvida e periférica, as condicións e efectos desa súa integración terían sido diferentes se Galiza dispuxer dun aparello de Estado que lle permitise pactar as condicións de entrada direitamente ela mesma e nas coordenadas dos seus proprios intereses prioritarios. Por exemplo, centrándose na defensa dos seus sectores produtivos estratéxicos e do potencial das súas especializacións produtivas na DIT - para empezar, no espazo dese mercado común europeu - no canto de seren utilizados como moeda de cambio na negociación feita polo interlocutor interposto : pesca e complexo mar-industrial, construción naval, economía agraria de carácter atlántico e non mediterraneo, etc.
 
En troques, nas condicións pactadas polo Estado, a pesca galega, por exemplo, non entrou realmente no MCE : aplicóuselle un longo período de transición durante o cal o sector pesqueiro non se atopou en paridade de status e direitos cos dos outros países membros da CEE, cunhas cuotas de pesca en caladoiros comunitarios fixadas conforme ao “status quo” anterior ao ingreso de España. Ou millor diría que a pesca galega ingresou, si, na Comunidade, pero só para as duras, e non para as maduras. De non ingresarmos, estaríamos na ventaxosa posición pesqueira de Noruega, por caso. E a conserva tamén pasou pola sala de espera, sometida a outra fase transitoria na que o cupo de exportación ao mercado común era inferior ao concedido a Marrocos por un simples tratado comercial preferencial. Mais velaí : os produtos pesqueiros galegos, ao natural ou conservados, criábanlle á Comunidade un sensíbel problema para os seus excedentes de produtos cárnicos no mercado alimentario de proteínas animais, agudizado pola baixa elasticidade-renda da demanda de alimentos de consumo masivo - non de “gourmet”. É só unha mostra ilustrativa dos termos da custión - mostra tomada do complexo produtivo que se formou na economía mariñeira e constituíu o primordial motor industrializador e modernizador da economía galega a longo de todo o século XX.  E eses termos da custión, repito, evidencian que o problema non estribaba na competitividade ou non da base produtiva galega, senón nas regras de xogo que lle impuña o marco xurídico-político - tanto o estatal coma, neste caso, o da CEE - combinado coa carencia dun marco de decisión política proprio, acaído e suficiente.
 
Mais, por outra banda, cadrou históricamente que o poder sobranceiro das institucións políticas europeas deu o salto de configurarse como un verdadeiro supra-estado dacabalo da vaga da globalización neoliberal, que escacha na Europa continental precisamente neses momentos. É  dicir, que iso condicionou a configuración que, na transformación da CEE en UE, se deseñou nos tratados de Maastricht e Amsterdam. Nefeito, as eivas xa sinaladas na metamorfose do Estado operada polo neoliberalismo, reflictense no deseño da UE, a empezar pola opción  de configurala primordialmente como unha unión monetaria e, correlativamente, estruturala para a prática dunha política económica fulcralmente monetarista, antitética das políticas keynesiáns de pleno emprego, redistribución do ingreso e benestar social. É singularmente siñificativo que se deseñasen as institucións  rectoras da política monetaria - o SBCE, co Banco Europeu no seu cume - á marxe do control polo poder político e democrático, e que a estratexia do proceso de transición cara a consolidación da Unión, coa entrada en vigor do euro - ou sexa, as chamadas políticas de “converxencia” - consistise nun calco das “políticas de axuste” impostas polo FMI ao ancho do planeta, cos desastrosos efectos ben coñecidos para toda a periferia do sistema. Ese deseño neo-liberal foise exacerbando nos sucesivos tratados e rondas presidenciais da UE, até desembocar na versión alarmantemente ultraliberal do sucedáneo de constitución europea contido no chamado tratado constitucional, aínda pendente de ratificación por mor dos xa mentados referendos francés e holandés.
 
O enfoque monetarista da unión económica, o deseño progresivamente ultraliberal do aparello supra-estatal da unión política, sen entrarmos polo miudo no seu feitío, todo iso construíuse e moveuse en sentido inverso do necesario para a viabilidade dunha estratexia de desenvolvemento e procura do benestar da economía, a sociedade e o común cidadán da Galiza. E por riba, as sucesivas maiorías parlamentares e gobernos da autonomía galega sintonizaban na onda ideolóxica e política neoliberal que imprimía carácter e direición ao proceso, e contribuían portanto, no seu eido de poder, a conducir á economía galega na direición inversa da que a nosa sociedade precisaba, meténdoa polo carreiro da inevitábel diverxencia mentras invocaban o propósito de converxer con Europa, e destragaban ou malgastaban boa parte das transferencias de fondos europeus, estruturais ou de coesión - ou sexa, os valiosos recursos concedidos para aliviar os impactos negativos, para  neutralizar ou paliar a diverxencia. Non foi Galiza só, por suposto. Hoxe, no espazo da UE, as distancias que miden o desenvolvemento desigual - tanto “rexional” ou territorial coma social, en níveis de ingreso e patrimonio, en dotación de bens, servizos e capital sociais, en dimensión das “bolsas de pobreza”, en magnitudes do paro e da exclusión - todos os indicadores desas diversas distancias, desas diverxencias internas, desas múltiples formas de desigualdade - incluída a desigualdade perante a lei e o poder político - todas elas son moito máis grandes hoxe que hai un cuarto de século. O “Estado do benestar” convértese nun “Estado do malestar xeralizado”, o “Estado providencia en “Estado penitencia”, o “Estado social” en “Estado penal” - con rótulos, estes últimos, do lúcido ensaísta Loïc Wacquant, que non cansarei de citar mentras non mude o curso deste proceso que ameaza con destruir, inclusive, o modelo de Universidade pública construído precisamente pola historia social e cultural de Europa no ciclo plurisecular da modernidade.
 
Renuncio, por razóns obvias de espazo e tempo, a tracexar eiquí o retrato da economía galega ao día de hoxe, en paralelo a como renuncio a analisar avaliatívamente a traxectoria das políticas económicas praticadas polo poder autónomo no período da súa existencia e actuación. Deixo estes temas para unha próxima leición. Só, para concluir a análise diagnóstica eiquí desenvolvida,farei uso dalgunhas palabras do profesor Vence Deza. Son éstas : “ o proxecto de progreso social ha de construirse sobre a base do recoñecemento (identitario) e a igualdade como eixos articuladores do proceso de re-socialización e democratización, que poñan cabo á ameaza desestruturadora e depredadora do proxecto neoliberal”. E máis estoutras : “Mais compre (pór) xuntas a loita contra as inxustizas na distribución (dos recursos, da riqueza) e a loita contra as inxustizas no recoñecemento das identidades, (...) no ben entendido de que ambas familias de inxustizas van normalmente ligadas e refórzanse mútuamente”.
 
Compre, xa que logo - digo eu agora - recuperar e restablecer na acción de goberno os modelos e políticas de benestar económico fundidas en moldes de benestar social. E compre, asimesmo, obter - pois non se recupera o que non se tivo nunca - as institucións proprias dun poder de libre e democrática decisión política acaído e suficiente para deseñar e executar as políticas de benestar nas claves congruentes coa patoloxía socioeconómica que compre artellar e remediar, a da economía e a sociedade galegas, que seguen a ser atípicas para os modelos elaborados co prisma do centro do sistema. Ou, se me permitides retornar aos postulados iniciais desta disertación : con lentes non deformantes emprestados, senón con lentes de fabricación propria. Dixérao hai ben anos xa don Ramón - Otero Pedraio, claro: cada cultura “é dona dun sistema inicial de interpretación do mundo” e, “inda aceitando a fórmula xeral dun tempo, tradúcea á sua propria maneira de ser”.
 
Dixen

Xosé Manuel Beiras Torrado:

Catedrático de Economía Aplicada da USC.