Saltar ao contido principal
Xornal  »  Galicia e a súa Universidade

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela: Galicia e a súa Universidade


Son moitos e moi importantes os retos que temos por diante as Universidades nos anos que restan desta primeira década de século e de milenio. Ás veces até temos a sensación de que ocorre como se moitas cousas se mantivesen en hibernación, espertando de súpeto e xerando unha sensación de urxencia en dar respostas, en avanzar, en concretar accións de mellora... Urxencia que, en todo caso, non debe derivar en improvisación.
 
Así, despois de xa moitos anos de estar a falar do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), un espazo no que a formación universitaria debe harmonizarse a nivel paneuropeo, correspóndenos encarar definitivamente a súa implantación. As reformas que este proceso levará aparelladas no ámbito da educación superior son as máis relevantes desde hai décadas. Correspóndenos afrontar a reorganización e ampliación dos actuais títulos, que xuntamente cos programas de posgrao deben conformar unha oferta docente ampla, atractiva e de calidade. Ademais temos que mudar parcialmente a dinámica do proceso de ensino-aprendizaxe, que debe centrarse máis no estudantado e seguir fórmulas de maior autonomía do alumno e da alumna, aínda que supervisada de forma íntima polo profesorado. Tamén é necesario reformar, ampliar e mellorar as nosas infraestruturas. Trátase dun proceso complexo que, en todo caso, debemos de vivir como unha grande oportunidade e non como un enorme problema. A falta de concreción normativa, fundamentalmente a que debe emanar do Ministerio de Educación e Ciencia, que unha vez máis volve a repensar o modelo a seguir, non axuda a avanzar con paso rápido e firme, pero non podemos deixar de implicarnos, de ilusionarnos e de traballar pola mellora da nosa oferta docente e da formación de tantos miles de mozos e mozas que cada ano ingresan nas nosas universidades.
 
O EEES non é o único cadro no espazo xeopolítico, social e económico que se está a configurar a nivel europeo. Tamén se está a conformar un Espazo Europeo de Investigación (EEI), non por vía normativa pero si por la base dos programas marco de financiamento da investigación e o desenvolvemento, da posta en marcha de grandes centros de investigación de referencia internacional, da conformación de redes temáticas de excelencia e de consorcios entre universidades e empresas, etc. Ás Universidades debemos asumir un papel que debe ter proxección e participación exterior no contexto dese EEI. A Universidade de Santiago de Compostela, por exemplo, está acometendo o deseño dunha rede de institutos e centros de investigación en múltiples ámbitos temáticos, apostando por unha maior dispoñibilidade e unha mellor xestión das infraestruturas e servizos de apoio á I+D+i, acentuando e abrindo novos esquemas de transferencia dos resultados da investigación. Só deste xeito poderemos desenvolver en todos os campos unha investigación de calidade e, nalgúns deles, de absoluta excelencia.
 
Pero tamén os responsables académicos temos que traballar por Universidades que pensen nas persoas que conforman as súas comunidades. Nas súas condicións de estudo e de traballo e na súa formación e na súa promoción. Mellorando permanentemente as condicións nas que o noso persoal realiza o seu traballo, cada vez máis intenso e esixente, xa que cada vez son máis importantes os retos que temos por diante e as responsabilidades que asumimos. Tamén é necesario mellorar a calidade de vida nos nosos campus. Pasamos moitas horas diariamente no desempeño dos nosos labores de estudo, de investigación, docentes, de xestión e administración, polo que un obxectivo prioritario debe ser que a calidade dos espazos nos que desenvolvemos estas actividades, por onde transitamos, por onde accedemos a eles, sexa a mellor posíbel, como tamén a dos medios á nosa disposición. E fundamental manter o compromiso coa saúde e a hixiene laborais; minimizar os riscos nos campus; adoptar medidas de conciliación do traballo coa vida persoal e familiar; aumentar o noso esforzo polo desenvolvemento sustentábel e o respecto polo ambiente.
 
As Universidade queremos ser e somos cada vez máis institucións plenamente inseridas na sociedade, Universidades de portas abertas, sensíbeis e comprometidas con todo o que é importante para a sociedade e capaces de proxectarse nun mundo tamén cada vez máis internacionalizado.
 
Todas estas metas, todos estes compromisos e as demandas crecentes que razoablemente nos traslada a sociedade esixen unha maior responsabilidade das Universidades no ámbito da súa autonomía, pero tamén fan necesario dispor de máis recursos que aqueles cos que contamos na actualidade. As Universidades públicas somos institucións ao servizo da sociedade, imprescindibles para facer avanzar un país. Institucións nas que merece a pena investir xa que devolven acrecentado o que nelas se inviste. Escatimarlle recursos ás Universidades é conformarnos con un futuro máis cativo. Nesta sociedade acelerada na que vivimos parece que aquilo que non ten un retorno inmediato, sexa económico ou de visibilidade pública, non é prioritario.
 
O día de Galicia ten que ser un día non só para estar orgullosos do que xa foi e dos que xa foron senón para que os que veñan poidan seguir estando orgullosos do que será. Se non investimos en educación e investigación dependeremos da formación externa e dos avances en coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico que se fagan fóra do noso país, e un escenario así non depararía o futuro sobresaliente que todos queremos.
 

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela:

Artigo publicado no xornal Diario de Pontevedra, do 25 de xullo de 2006