Saltar ao contido principal
Xornal  »  ¿Pode haber vida intelixente entre a aldea e a galaxia?

José Carlos Bermejo Barrera: ¿Pode haber vida intelixente entre a aldea e a galaxia?


Unha lección de modestia científica

Din os físicos que desde o descubrimento da radio e a televisión o planeta terra emite unha cantidade de radiacións tan grande que, vistas desde un lonxano espazo exterior, poderían levar a confundilo cunha estrela. Se algunha pequena nave extraterrestre se achegase ao noso planeta en busca de radiacións que puidesen ser síntoma da existencia de vida intelixente, esperemos que non capten as correspondentes a programas como "Salsa Rosa", ou "Gran Hermano", xa que neste caso a posibilidade da existencia de vida intelixente no planeta quedaría inmediatamente descartada.

Comenzamos o noso comentario cun símil astronómico, porque de grandes magnitudes e de astronómicos presupostos estase a falar no terreo científico por parte dalgunhas das autoridades do noso xa non tan novo goberno, ao tratar da creación, entre os centros de investigación do CSIC en Galiza, dun "Centro de ciencias de conservación do patrimonio cultural", que nace con vocación de ser un referente mundial.

Como antigo decano dunha facultade de Xeografía e Historia, véxome obrigado a decir que ese proxecto non parece ter moita credibilidade, dada a complexidade de todo o mundo relacionado coas técnicas - que non ciencias - de conservación dos múltiples e diversos tipos de patrimonios culturais.

No século XIX comenzaron a reconstruirse en Europa as catedrais góticas, obra de arquitectos, como Viollet le Duc, que puideron ter desempeñado a súa misión con maior ou menor éxito, pero que conseguiron que los edificios se mantivesen en pé e que se aproximasen, nalgunha medida, ao que puideron ser os edificios orixinais.

É evidente que para reconstruir unha catedral hai que ser arquitecto, pero tamén o é que hai que saber Historia da Arte. Por esa razón cada tipo de arquitectura, que utiliza un determinado tipo de materiais e é expresión dun conxunto moi específico de valores estéticos e simbólicos, só pode ser comprendida dentro da historia dun determinado país. Dariámonos por satisfeitos se en Galiza puidésemos reconstruir e conservar ben as nosas catedrais. Pero non resulta moi verosímil pensar que arquitectos e técnicos procedentes de Santiago foran chamados desde todos os lugares do mundo para reconstruir pirámides exipcias, templos xaponeses, ou a Gran Muralla China.

Isto é así porque cada un deses países ten os seus técnicos, coñecedores das caracterísiticas físicas, os estilos e los valores estéticos que corresponden ás súas tradiciones culturais.

Tampouco resulta moi dificil comprender que para restaurar As meninas, ou a Capela Sixtina, ademáis de saber Historia da Arte, hai que coñecer moitas técnicas e dominar a arte da pintura, nas súas diferentes modalidades. O noso arquitecto restaurador, o noso pintor, teñen moi pouco que ver entre si, e tampouco teñen moito que ver cun restaurador de códices medievais, ou de papiros gregos. Reconstuir un papiro pode ser un proceso no que os químicos e os biólogos teñan moito que dicir, pero esa reconstrucción é inseparable da restauración e a lectura dos textos, que deben facer os filólogos, aos que se lles esixe o dominio da paleografía e das linguas correspondentes.

Poderiamos ir incrementando o número dos nosos exemplos, non só coa escultura, outra das belas artes tradicionais, senón con novas - e fundamentais - formas de patrimonio cultural, como todas as que se refiren aos medios audiovisuais, cuxos especialistas están moi lonxe dos arquitectos ou os papirólogos, por non dicir dos forenses encargados da conservación das momias exipcias.

Todo o patrimonio cultural - sobre todo se é meramente material - existe porque hai unha lexislación que o protexe, e uns xuices e uns policías que se encargan de que se cumplan as leis. Eso é evidente, pero me temo que tamén o é que nese centro de referencia, quizáis mundial, como ten dito a prensa, tamén tería que haber xuristas, maxistrados en formación, ou mandos da Guardia Civil ou doutras policías do resto do mundo cuxo labor é esencial moitas veces para evitar o expolio patrimonial.

A realidade é tan complexa que non parece verosímil que ninguén sexa capaz de integrar no marco dunha, ou unhas supostas ciencias, todo este complexo sistema encargado de conservar e catalogar o patrimonio. E moito menos verosímil é que eses científicos aos que alude a nova que anuncia a creación dese Centro estratéxico fosen ademáis os encargados de estudiar esas realidades tan heteroxéneas: historia, arqueoloxía, historia da arte, do libro, dos documentos e os medios audiovisuais, ademáis do dereito e das técnicas policiais.

Quizáis chame a atención ao inxenuo lector da nova (Novas da Xunta de Galicia, 5 de maio, 22 de maio, 29 de maio de 2006), que ese centro sexa o produto da reconversión dun grupo de investigación adicado ao estudio da "Arqueoloxía da Paisaxe", unha arqueoloxía que non vai tras a busca de grandes estruturas ou depósitos, nen se centra prioritariamente no estudio dos obxectos ou as obras de arte. ¿É que van ser os encargados de conservar, restaurar e catalogar a paisaxe? ¿Terán quizáis o permiso do Sr. Suárez Canal?

Comezamos falando de magnitudes astronómicas, e é que astronómicas son as cifras que se manexan: 30 millóns de euros para acondicionar un edificio da Cidade da Cultura e 10 millóns para o persoal e o equipamento deste centro, máis absoluto que integral, de ciencias do patrimonio cultural. É sabido que durante séculos o pobo galego cultivóu o autodesprecio, como forma de adaptación psicolóxica a unha realidade económica e social que casi nunca lle foi favorable. Ese autodesprecio non se pode sandar convertindoo en narcisismo e pasando a pensar que calquera cousa que no futuro fagamos en Galiza ha ser necesariamente un referente en todo o mundo (sobre todo cando os que esperan protagonizar a fazaña son só uns poucos). Esperemos que sexa un referente na nosa propia Galiza e que atenda as necesidades do noso pobo, non sempre ben cubertas, e para as que quizáis non sobrase algo desas astronómicas cifras.

Esperemos que cando esa suposta nave espacial non tripulada enfoque cos seus instrumentos o territorio galego descubra que algunhas das radiacións dos nosos políticos poden ser tomadas como signo da existencia dunha vida intelixente, non no nivel de toda a galaxia, pero sí polo menos a escala danosa pequena patria: amarga e fermosa.

José Carlos Bermejo Barrera:

José Carlos Bermejo Barrera é Catedrático de Historia Antiga