Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de toma de posesión como reitor da Universidade de Santiago Compostela

Senén Barro Ameneiro: Discurso de toma de posesión como reitor da Universidade de Santiago Compostela


Excelentísimo Señor Presidente da Xunta de Galicia;
Excelentísimo Reitor Magnífico da Universidade de Vigo;
Excelentísimo Reitor Magnífico da Universidade de A Coruña;
Excelentísimo Señor Presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela;
Excelentísimas e Ilustrísimas Autoridades;
Membros do Claustro e da Comunidade Universitaria;
Señoras e Señores:
 
 
 
Como vén sendo tradición, celebramos neste excepcional Pazo de Fonseca o acto protocolario de toma de posesión de quen rexerá a Universidade de Santiago de Compostela nos próximos catro anos. Tamén hoxe tomarán posesión os restantes membros do Consello de Dirección da Universidade: as vicerreitoras María José Alonso Fernández, María Paz García Rubio, María Dolores Domínguez Santos, Begoña Barreiro Fernández, María Celia Besteiro Rodríguez; os vicerreitores Lourenzo Fernández Prieto, Máximo Pló Casasús, Miguel A. Vázquez Taín, José Manuel Mayán Santos, Elias J. Torres Feijó, Xoán Carlos Carreira Pérez, Carlos Herrero Latorre, Javier Bueno Lema, e a Secretaria Xeral, Isabel García-Rodeja Gayoso. A todas elas e a todos eles trasládolles os meus parabéns e deséxolles que teñan moito ánimo e tino no desempeño das súas responsabilidades académicas.
 
O discurso que preparei para esta ocasión non será un repaso do pasado nin un relatorio do feito. Diso xa se deu conta onde procedía. Tampouco será un discurso só centrado en cuestións petitorias. Sendo moi tentador aproveitar a concorrencia de tantas e tan importantes autoridades, encabezadas polo noso presidente, para reclamar máis recursos para as universidades, convén non abusar do privilexio que me dá falarlles desde esta tribuna, aínda que algunha referencia aos cartos sempre é inevitable, e coido que oportuna. Tempo haberá, en todo caso, para insistir neste tema e outros lugares máis axeitados para facelo. Argumentos temos e, como dicía unha velliña, tan fraca e encurvada como un cádavo, que de cando en vez viña pola miña casa, non lles pido para min que é para os meus netiños. E a boa fe que así era.
 
As miñas primeiras palabras queren e deben ser de agradecemento ao equipo de mulleres e homes que me acompañan nesta nova etapa á fronte da USC. Agradecemento pola confianza que depositaron en min como cabeza do ambicioso proxecto que queremos desenvolver nos próximos catro anos. No seu nome e no meu propio queremos tamén agradecer publicamente o traballo e as súas ideas a todas aquelas persoas que nos axudaron a elaborar o noso “contrato” de máis de trescentos compromisos coa Comunidade Universitaria dos campus de Compostela e Lugo. Agradecemento que queremos estender a todas e a todos aqueles que se ilusionaron co noso proxecto e o apoiaron nas urnas, e tamén a todos e a todas as que, nos deran ou non o seu voto, van colaborar para facer da USC unha Universidade mellor. Nesta liña temos a man tendida para o diálogo e a colaboración con quen lexitimamente confrontaron con nós e co noso proxecto de Universidade nas pasadas eleccións do 10 de maio.
 
Catro anos atrás tomaba eu o relevo do profesor Villanueva como ducentésimo vixésimo segundo reitor da Minerva compostelá. Naquela ocasión, tanto eu como o resto do Consello de Dirección, presentabamonos defendendo un programa que facía da calidade, a modernidade, a intelixencia da organización e o diálogo os principais eixes do noso compromiso. Catro anos despois vaise asentando unha cultura da calidade que seguro que non terá xa retroceso; tamén imos camiño de conseguir facer realidade, se non o é xa, a ambición de converter á nosa Universidade na máis moderna das universidades históricas e na Universidade moderna con máis historia dentro do Estado español; neste tempo apostamos por unha Universidade intelixente, máis de cadeira que de sofá; máis de aula, de laboratorio, de hospital, de arquivo e de biblioteca que de despacho, e, en todo caso, de despacho aberto á participación e á colaboración e non de despacho de clausura; nestes catro anos o diálogo foi permanente e cada vez máis intenso, e un importante froito del é que hoxe lles estea falando neste cadro incomparable de Fonseca representando un ambicioso proxecto, novo en persoas, en apoios e en compromisos.
 
Sempre pensei que un programa de goberno é un programa electoral e as súas circunstancias. As circunstancias económicas coas que tivemos que desenvolver o período que agora remata foron moi duras. Aínda así fomos quen de levar adiante boa parte do proxecto co que nos presentamos ás anteriores eleccións, e ao mesmo tempo reconducir a difícil situación económico-financeira, algo que só foi posible a través do esforzo de toda a comunidade universitaria, a quen hoxe aquí reitero o meu recoñecemento e agradecemento. Este mérito é responsabilidade dun modo especial de quen no período 2002-2006 foron membros do Consello de Dirección, e así o manifestei o pasado día 7 no acto público no que tiven a inmensa honra de impoñerlles a insignia de ouro da USC, que hoxe locen con lexítimo orgullo no seu peito.
 
Ás doutoras María Elena Vázquez Cendón, Mar Lorenzo Moledo, Mª Ángeles López Cabarcos, aos doutores José Sordo Rodríguez, Ángel Luis Hueso Montón, Castor Méndez Paz, Marcelino Agís Villaverde, Andrés Beiras Iglesias, Eduardo García-Rodeja Gayoso, Miguel A. Vázquez Taín, Carlos Herrero Latorre, Ramón Velo Sabín, José Manuel Cifuentes Martínez, Joaquín Rodríguez-Toubes Muñiz, e a José Vázquez Portomeñe, Xosé Manuel Villanueva Prieto e a Mar Rodríguez Fernández, que desenvolveron con gran dedicación e acerto as difíciles tarefas das vicerreitorías, a secretaría xeral e a xerencia, quero trasladarvos o meu aprezo e recoñecemento pola vosa excepcional valía persoal e profesional. Non teño dúbida de que todos e cada un, todas e cada unha de vós fostes merecedores desa insignia de ouro que segundo recolle o artigo 162 dos Estatutos da USC seralles concedida a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución. Pero tamén teño presente que son moitas máis as persoas que nestes catro anos prestaron servizos sobresalientes á súa Universidade. Moitos membros do persoal docente e investigador e de administración e servizos. Permítanme que singularice por razón de proximidade física e de afecto a quen tanto me axudan desde a secretaría do reitor: Rosa, Ángeles, Daniel, Beatriz, Gonzalo e Ramón, e a José Luís Falguera, que o fixo como responsable do meu gabinete. Grazas por todo o que facedes por min e pola vosa Universidade.
 
O pasado 5 de xuño tiven a honra de comparecer diante da Comisión de estudo da reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. Non ten sentido que aquí lles reproduza o contido da miña comparecencia, pero si creo procedente transmitirlles algo do alí dito, xa que son vostedes un foro especialmente sensible e coñecedor das realidades e necesidades do espazo universitario galego. Dinlle conta á citada Comisión de que considero indispensable abandonar o silencio normativo do actual Estatuto de Autonomía de Galicia no que respecta ao tratamento institucional da Universidade, procedendo á explícita institucionalización estatutaria da Universidade en canto a institución de educación superior e investigación. A Universidade en Galicia é unha institución central da que depende en boa medida o desenvolvemento futuro da nosa sociedade, e que conta con máis de 500 anos de historia continua como foco de xeración e difusión do coñecemento, e de desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia. Este feito por si só debería servir para xustificar o recoñecemento da Universidade galega como parte das nosas institucións de autogoberno.
 
Neste sentido atrevinme a propoñerlle a dita Comisión un debate orientado á inclusión dun artigo específico, no ámbito das Institucións do autogoberno, dedicado explicitamente ao Sistema Universitario Galego, no que se proceda a:
 
1.- o recoñecemento explícito do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en educación superior e investigación. O SUG debe servir aos intereses da sociedade galega, procurando a adecuada transferencia dos seus progresos en I+D+i, a formación de calidade do estudantado, servindo de mecanismo de igualación social e de asesoramento e dinamización das institucións e das administracións.
 
2.- A planificación e coordinación do sistema, salvagardando a autonomía de cada Universidade, como un servizo público, cara a unha oferta completa, coordinada e de calidade no ámbito da educación superior.
 
3.- A garantía da dotación de recursos suficientes, a través de planos de financiamento plurianuais, con criterios de suficiencia financeira e que atendan ás prioridades sociais, á calidade e ao rendemento institucional.
 
Do mesmo xeito, e atendendo de modo específico á investigación, é preciso proceder á conformación dun Espazo Galego de Investigación, que coordine os diferentes recursos e institucións públicas e privadas operantes en Galicia, salvagardando a súa autonomía e dependencia funcional. Para tal efecto propuxen diante da Comisión a creación do Consello Galego de Investigación no que estarían presentes as universidades, institutos de investigación dependentes das distintas administracións públicas, fundacións e demais entes dedicados á investigación, así como as consellarías directamente implicadas na educación superior e na investigación.

Rematada a miña intervención inicial un dos membros da Comisión quixo coñecer a miña opinión sobre a posible comparecencia dos reitores diante do Parlamento para renderlle contas e se isto, ao meu xuízo, podería poñer en cuestión a autonomía universitaria. A miña resposta foi favorable ao primeiro e descartou o segundo. A autonomía universitaria debe ser ante todo unha autonomía responsable, o que supón cumprir coa docencia, a investigación e a prestación de servizos con calidade, asumindo como normal, e mesmo “presumindo” disto, o rendemento de contas diante da comunidade universitaria, os poderes públicos e o conxunto da sociedade. E por non caer no coñecido dito de que “unha cousa é predicar e outra dar millo”, a USC pode presumir con lexítimo orgullo de ser a primeira das universidades españolas, até o de agora a única, en elaborar unha Memoria de Responsabilidade Social, coa que rendemos contas á sociedade da nosa contribución nos ámbitos económico, social e ambiental. 

A sociedade, os poderes públicos que a representan e a comunidade universitaria non só teñen dereito a coñecer en detalle en que se invisten os recursos que chegan á Universidade para o desempeño das súas responsabilidades senón tamén cal é o seu rendemento. Teñen dereito a esixiren resultados a quen temos a honra e a responsabilidade de dirixirmos as universidades. Todos vostedes, por exemplo, poden e deben esixirnos resultados pola nosa xestión e dirección académica. Teñen dereito a reclamarnos firmemente que traballemos arreo e certeiramente na mellora permanente da Universidade. Quen rexemos a Universidade non o facemos para lucirnos en traxes de raso, con puñetas e barretes; non estamos para defendermos unha autonomía universitaria que non sexa socialmente comprometida nin para confundirmos autonomía con autismo; non estamos aquí para facermos discursos máis ou menos ornados se non transmiten claramente os nosos compromisos, en sintonía cos da sociedade, e a ilusión e as ganas de levalos adiante.
 
Quen lles fala e o conxunto do equipo que teño a honra de encabezar si estamos aquí para levarmos adiante o contrato que a comunidade universitaria quixo asinar con nós o pasado 10 de maio, e a través de dita comunidade tamén o conxunto da sociedade. Un contrato co que adquirimos compromisos importantes para situar definitivamente á USC na Europa da educación superior e da investigación. Compromisos aínda máis firmes cunha Universidade que quere ser Universidade das persoas e Universidade na sociedade. En definitiva, compromisos para facer aínda mellor esta Universidade da que só somos, por un tempo, os seus máximos dirixentes.
 
Estamos aquí para encararmos definitivamente a implantación do denominado Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). As reformas que este proceso carrexará no ámbito da educación superior son as máis relevantes desde hai décadas. Correspóndenos afrontar a reorganización e ampliación dos actuais títulos, que xuntamente cos programas de posgrao deben conformar unha oferta docente ampla, atractiva e de calidade. Temos que mudar as dinámicas do proceso de ensino-aprendizaxe; reformar, ampliar e mellorar as nosas infraestruturas docentes; e un longo etcétera de aspectos que deben ser achegados á nosa comunidade universitaria dun modo suficientemente simplificado e cómodo para que este proceso se poida vivir realmente como unha grande oportunidade e non como un enorme problema.
 
O EEES é, sen dúbida, o principal reto co que nos enfrontaremos nos vindeiros catro anos pero non é o único gran obxectivo que temos por diante. A condición da USC como unha das principais universidades investigadoras de España debe revalidarse nun novo escenario, máis exixente, como será o Espazo Europeo de Investigación. Debemos deseñar unha rede de institutos e centros de investigación; apostar por unha maior dispoñibilidade e unha mellor xestión das infraestruturas e servizos de apoio á I+D+i; dar estímulo e axuda aos investigadores, ás investigadoras e aos grupos de investigación; acentuar a transferencia dos resultados da investigación. Só deste xeito poderemos desenvolver en todos os campos unha investigación de calidade e, en algúns deles, de absoluta excelencia.
 
Temos que facer unha Universidade que pense sobre todo nas persoas. Nas súas condicións de estudo e de traballo. Na súa formación e na súa promoción. Mellorando permanentemente as condicións en que o noso persoal realiza o seu traballo, cada vez máis intenso e exixente, polo que tamén é importante que os acordos, normativas, resolucións, iniciativas, métodos e procedementos se simplifiquen sensiblemente.
 
Tamén é necesario mellorar a calidade de vida nos nosos campus. Pasamos moitas horas cada día no desempeño dos nosos labores de estudo, de investigación, docentes, de xestión e administración, polo que un obxectivo prioritario debe ser que a calidade dos espazos nos que desenvolvemos estas actividades, por onde transitamos, por onde accedemos a eles, sexa a mellor posible, como tamén a dos medios á nosa disposición. E fundamental mantermos o compromiso coa saúde e a hixiene laborais; minimizarmos os riscos nos campus; adoptarmos medidas de conciliación do traballo coa vida persoal e familiar; aumentarmos o noso esforzo polo desenvolvemento sustentable e o respecto polo ambiente.
 
Queremos ser unha Universidade inserida plenamente na sociedade. Ser unha Universidade de portas abertas, sensible e comprometida con todo o que é importante para a sociedade. Temos que proxectarnos cada vez máis nun mundo tamén cada vez máis próximo e internacionalizado. Internacionalizar a USC é máis que recibir un número cre­cente de estudantes do estranxeiro; é máis que aumentar a mobilidade dos e das estudantes propios/as e do noso persoal; é máis que intensificar os acordos e convenios con institucións externas. Temos realmente que levar o selo 'internacional' a todas as nosas actividades e unidades estruturais.
 
A USC ten que proxectarse como unha Universidade de referencia no contexto internacional. E queremos facelo sendo tamén unha Universidade comprometida socialmen­te e percibida pola sociedade como unha institución na que merece a pena investir, xa que devolve acrecentado o que nela se inviste. Este firme desexo fai que apostemos por unha Universidade que quere manter os seus sinais de identidade e tirar proveito deles para pólos en valor. Por iso somos e queremos ser recoñecidos pola nosa condición de Universidade pública, galega, histórica e emprendedora, condición coa que a nosa achega ao EEES se fai especialmente valiosa e singular.
 
Tamén somos unha universidades bicampus, e o noso Campus de Lugo, aínda sendo xa un campus asentado e con carácter propio, require dunha atención e dun compromiso especiais, pola súa xuventude, o seu menor tamaño e a maior distancia aos lugares onde normalmente se reúnen os órganos de goberno e representación.
 
A organización e desenvolvemento dos campus e a proxección da USC en espazos científico-tecnolóxicos externos a eles é tamén un obxectivo importante para o resto desta década e máis alá. Temos en marcha varios proxectos de gran importancia, e entre eles o excepcional proxecto do Campus da Saúde, non só imprescindible para a USC senón para Galicia. O Parque Científico-Tecnolóxico pasou de ser un soño hai só tres anos a unha realidade anunciada publicamente pola Xunta hai poucas semanas. En definitiva, tamén en infraestruturas temos por diante a obriga e a ilusión de conformar o que en boa medida será a USC das próximas décadas.
 
Iniciamos así unha nova etapa no goberno da USC con compromisos enormemente ambiciosos pero estou certo de que tamén realizables. Conto para iso coa axuda dun novo Consello de Dirección que hoxe toma posesión, e que está conformado por un conxunto de mulleres e homes que farán todo o posible,e un chisco máis, por lograr facer realidade ditos compromisos. Partimos cuns apoios que nunca até este momento se deran a man para un proxecto conxunto de goberno da Universidade e que, sabedores das importantes e especiais tarefas que temos por diante, entenderon que non era o momento de confrontar, senón de colaborar; de intensificar o común en beneficio da nosa Universidade e non de acentuar aquilo que nos pode diferenciar; entendendo que son tempos de sumar e non de restar, de multiplicar e non de dividir.
 
A maioría da comunidade universitaria percibiu estes valores como positivos e viu no noso proxecto para a USC unha aposta sólida, solvente e plural. Un proxecto no que outras ideas e o traballo de todas e todos poden e deben ter encaixe. Para poder acometelo con éxito non abondan os bos desexos, as boas palabras, nin sequera as boas ideas. É necesario querer, evidentemente, pero tamén saber e poder, e o equipo que encabezo está formado por homes e mulleres que saben, que queren e, coa vosa axuda, tamén poden deseñar e construír unha USC cun futuro sobresaliente.
 
Evidentemente para acometermos moitos dos compromisos que temos que abordar necesitamos recursos. A aprobación do Plano de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2005-2010 supuxo superar o modelo previo de financiamento das universidades que só valoraba a súa condición de institucións docentes e, para máis “inri”, de forma proporcional ao número de estudantes, número que minguou rapidamente na última década pola evolución pasada da natalidade na sociedade galega. O vixente Plano contempla, pola contra, un modelo de financiamento que por primeira vez se axusta á realidade dunha Universidade non só docente senón tamén investigadora e prestadora de importantes servizos á súa comunidade e ao conxunto da sociedade. Supón tamén a achega de maiores recursos ao SUG, pero queda lonxe, moi lonxe certamente, do investimento que se fai en outras comunidades autónomas, xa non digamos dos países máis comprometidos no financiamento das súas universidades dentro da Unión Europea[1]. Neste sentido atrévome a recoller no meu discurso dúas manifestacións realizadas polo Sr. presidente da Xunta de Galicia e a Sra. conselleira de Educación e Ordenación Universitaria. O Sr. presidente dicía o pasado 22 de maio, na Casa de Europa, e no contexto da súa visita institucional ao Concello de Santiago de Compostela, que “chegou o momento de valorar como está operando o actual Plan de Financiamento do SUG”. O mesmo día aparecía unha entrevista á Sra. conselleira na que tamén ela facía esta afirmación. Celebro esta firme vontade por parte do goberno galego de analizar se a intensidade do financiamento do SUG é suficiente para atender ás actuais necesidades e, sobre todo, ás que se derivarán da progresiva implantación do EEES.
 
A sociedade que teremos en quince ou vinte anos se está conformando agora e a Universidade que temos agora vai incidir moi significativamente no lugar que ocupará esa sociedade en canto a calidade de vida, riqueza, desenvolvemento social e cultural, etc. Nesta liña cito por segunda vez ao Sr. presidente, nesta ocasión remitíndome ao seu discurso de investidura, pronunciado o 27 de xullo de 2005, titulado “A modernización de Galicia”, no que afirmaba que “xogamos o futuro na educación máis ca en ningún outro terreo. O meu Goberno será estrito e rigoroso na administración dos recursos económicos da comunidade. Pero se hai algún terreo en que estarei disposto a facer esforzos especiais, será na mellora do sistema educativo. Simplemente, porque considero que é o diñeiro mellor gastado e o investimento máis rendible para o meu país”. Non podemos senón que aplaudir estas palabras e o seu compromiso por chegar na presente lexislatura a un gasto en I+D do 1,5% do PIB galego. Non obstante, debemos ter presente non só que queda moito camiño por percorrer para chegar aos niveis de investimento en educación superior e en I+D que tomamos como referencia, senón que o resto de países seguen a facer importantes incrementos de investimento nos seus sistemas universitarios, e de non tomarmos este reto suficientemente en serio non só non lles daremos alcance senón que podemos ir aumentando a fenda até facela insalvable.
 
Antes dicía que a nosa condición de Universidade galega e histórica é unha achega singular á conformación do EEES. Pero para que esta achega non quede no terreo do anecdótico a nosa incorporación a dito espazo do coñecemento ten que darse en condicións dignas e de competencia en recursos económicos, humanos e infraestruturas.
 
Para ir encarando o remate do meu discurso volverei aos agradecementos, que non por ser obrigados son menos sinceros e sentidos. Quero agradecer a todas e a todos os que están hoxe aquí a súa presenza, xa que a súa compañía fai importante e dá sentido a este acto. Para as persoas que hoxe deixan os cargos nos que tanto empeño puxeron nestes anos, para aquelas que hoxe asumen dita responsabilidade ou para os que a renovamos, a súa compañía é o mellor agradecemento e estímulo polo traballo feito e para o traballo por facer.
 
En poucos días producirase o relevo á fronte da Universidade irmá de Vigo. Quero tamén ter unhas palabras de recoñecemento para quen tiven a fortuna de ter como colega nestes catro anos, o reitor Domingo Docampo Amoedo. Del aprendín parte deste duro oficio de ser reitor, compartimos moitas iniciativas e afrontamos moitas batallas desde o mesmo bando. Vaise un gran reitor pero estou certo de que queda un gran amigo.
 
Quero tamén transmitirlle ao profesor Alberto Gago os meus parabéns e os de toda a comunidade da USC pola súa recente elección como reitor da Universidade de Vigo, e o desexo de que teña moitos éxitos no desempeño de tan relevante cargo. Estou seguro de que con el tamén se poderá desenvolver unha liña de sintonía e colaboración, relevante para ambas as dúas institucións e para o conxunto do SUG.
 
Vou xa rematando, pero para facelo quero recordarlles unha historia allea e unha propia. No seu discurso de despedida como reitor hai catro anos, o profesor Darío Villanueva contáranos unha fermosa historia dun esquío que fixo vida durante un tempo na Reitoría. O esquío ficaba feliz, querido e demandado por propios e alleos, rebulindo sen parar, incluso indo paredes arriba e abaixo do Claustro de San Xerome, até que de tanto limar as unllas contra a lixa granítica das paredes decatouse de que xa lle chegara o momento de deixar tan privilexiado fogar. Contándonos esta historia facía o profesor Villanueva unha fermosa analoxía coa súa vida académica na cadeira de San Xerome.
 
Parece que este San Xerome é un lugar transitado con frecuencia por máis vida que a das persoas que por traballo ou visita percorren cada día este pequeno pero fermosísimo pazo, xa que dous ou tres días despois de tomar eu posesión, camiño do meu despacho, vin como un paporroibo voaba sen concerto nin acerto tentando chegar a ese ceo aberto que sen dúbida vía a través dos cristais do claustro alto. Abrinlle un par de ventás e case que de inmediato fuxiu raudo por unha delas. Acordeime da historia do esquío e decontado pensei que se cadra o paporroibo quería dicirme que por desexo propio ou interposto tería que saír, senón fuxir, anticipadamente de San Xerome. Algunha que outra ocasión nestes catro anos apareceu como especialmente propicia para que isto ocorrese, pero o empeño, o traballo e o tino do meu equipo e de quen nos apoiaron permitiunos completar o período establecido con moitas máis glorias que penas non só para nós, que tamén, senón, estou seguro, para o conxunto da Universidade.
 
Non sei cal será o bichiño co que podo atoparme calquera destes días nos arredores do meu despacho, nin que mensaxe oculta intentará transmitirme, pero si sei que comprometín outros catro anos coa miña Universidade e nese compromiso investirei as miñas forzas, a miña cabeza e o meu corazón.
 
E finalmente remato como o fixen hai catro anos, cando tomei posesión da cadeira de San Xerome un 17 de xuño. Dándolle as grazas á miña familia. Grazas a miña nai Francisca e ao meu pai Antonio, que asumiron importantes sacrificios para darme a educación que eles non tiveron e me aprenderon a ser persoa honrada e traballadora. Grazas a Maite, a miña muller, por apoiarme sempre, tanto máis canto máis o necesito, e por suplir as miñas carencias con dous pequenos, tan rebulideiros como o esquío, aos que o seu pai lles furta moitas horas de dedicación para darllas a esta Universidade de Santiago de Compostela á que tanto quero e á que tanto lle debo.
 
Dixen



[1] Un recente informe da Comisión Europea sobre a consecución dos obxectivos educativos fixados en Lisboa no ano 2000, cifra a porcentaxe do producto interior bruto que Estados Unidos, Canadá e Xapón dedican á educación superior no 2,7 % fronte ao 1,5 % da media europea e o 1,1% en España, porcentaxe esta sensiblemente superior á de Galicia.