Saltar ao contido principal
Xornal  »  Intervención do presidente da Xunta de Galicia no acto de toma de posesión do reitor da Universidade de Santiago

Emilio Pérez Touriño: Intervención do presidente da Xunta de Galicia no acto de toma de posesión do reitor da Universidade de Santiago


Quero que as miñas primeiras palabras sexan de felicitación ao Profesor Senén Barro pola súa elección como Reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Parabéns tamén ao seu novo equipo de goberno que, conformando un proxecto integrador, asume hoxe a responsabilidade de liderar o futuro dunha institución esencial para o futuro de Galicia.

O novo reitor revalida a confianza depositada nel pola comunidade universitaria, tras unha etapa de goberno non exenta de dificultades. Pero co apoio de moitas persoas e a solvente colaboración dun grupo directivo comprometido coa universidade, o Profesor Barro foi quen de levar adiante un proxecto que, como se comprobou nas últimas eleccións, goza do apoio maioritario da Universidade de Compostela.
 
Para min é unha grande satisfacción compartir este acto de toma de posesión da máxima autoridade dunha universidade, a de Santiago de Compostela, que pola súa historia e polo seu peso en Galicia, en España e no ámbito internacional, debe asumir a responsabilidade de alumear o proceso de cambio no que xa está inmerso o noso sistema universitario.
 
Tampouco esquezo, non podo facelo, que esta é a miña Universidade. De maneira que este acto, de gran transcendencia social, ten tamén para min innegables connotacións persoais. Pero creo que a significación máis fonda desta toma de posesión vén dada porque hoxe, aquí, estamos simbolizando o inicio dunha nova etapa, chea de retos tamén novos, para o sistema universitario galego.
 
Este proceso de cambio, esta nova etapa, defínese dende a consideración de que coñecemento, creatividade e innovación son os piares básicos dunha sociedade moderna, competitiva e igualitaria.
 
Esta nova realidade esixe a asunción de moi serias responsabilidades por parte do Sistema Público de Educación e, moi en particular, das nosas universidades, en atención ao novo papel que deben desempeñar na sociedade do coñecemento.
 
As universidades europeas en xeral –e aínda máis as galegas, pois o país vive unha etapa decisiva no proceso de converxencia europea- abordan hoxe un proceso de transformación profunda, alimentado por dúas realidades ineludibles e apaixonantes:
 
Por unha parte, o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, asumindo o sistema de harmonización que establece o marco definido en Boloña pola Unión Europea. É un proceso complexo, que se estenderá durante os próximos anos, para a implantación de novos graos e títulos de Máster, adaptados á nova estrutura do Espazo Europeo.
 
Trátase de configurar un novo sistema de titulacións e especialidades e un sistema máis aberto e versátil, co dobre obxectivo de favorecer unha maior adaptabilidade a unha realidade laboral cambiante en esixencias, e de facilitar e promover a formación permanente que demanda a sociedade actual.
 
Galicia é hoxe a quinta rexión española en canto á demanda de posgraduados polas empresas, cun 4% do total de novos empregos xerados. Pero esta porcentaxe é aínda inferior ao 6% demandado  noutras rexións e países do noso contorno, e, ademais, mobilizamos un emprego cunha calidade que non sempre responde ás expectativas dos mozos e mozas que estamos formando.
 
Neste contexto cobra interese unha recente comunicación da Comisión Europea sobre as Universidades, na que se constata a falla de adecuación entre unha oferta de cualificacións, determinada desde unha perspectiva disciplinar, e unha demanda empresarial máis variable e que a miúdo reflicte necesidades a moi curto prazo.
 
Este desaxuste tradúcese nun déficit de cualificacións que afecta singularmente aos sectores máis innovadores e competitivos e, polo tanto, máis capacitados para a creación de emprego de calidade.
 
Diante destas e doutras limitacións, o proceso de Boloña deberá propiciar unha combinación axeitada de capacidades e competencias para o mercado de traballo a partir de programas universitarios estruturados para mellorar a capacidade dos licenciados para seren empregados.
 
Estamos a falar dunha oferta de plans de estudo e de programas de readestramento decididamente innovadores, nos que, ás capacidades disciplinares, poidan sumarse outras de carácter máis amplo relacionadas cos requirimentos do emprego.
 
Este obxectivo constitúe, pois, un reto para as nosas universidades, as cales deberán aproveitar o proceso de harmonización para, enfatizando o seu perfil diferenciado e optimizando as súas propias capacidades, artellar unha oferta en liña coas demandas sociais.
 
O segundo gran reto das nosas universidades é a evolución cara un novo sistema de xestión da investigación que permita materializar o papel da universidade do século XXI como actor principal na economía do coñecemento.
 
A xestión do coñecemento universitario cumpre un papel decisivo nos procesos de modernización, nos que a produción científica se converteu nun recurso competitivo e nun factor de desenvolvemento para as economías locais e rexionais.
 
As universidades galegas convertéronse nos últimos anos no principal actor científico-tecnolóxico. E non só no relativo á xeración de coñecemento, senón tamén pola súa vontade de transferencia e cooperación tecnolóxica cun tecido produtivo non sempre proclive ao risco que comporta a innovación competitiva.
 
O Sistema Universitario Galego, en canto a capacidade investigadora, progresou moito nos últimos anos, e podemos considerar que, en termos relativos, é competitivo. Pero tamén debemos ser conscientes de que presenta aínda debilidades que limitan a súa capacidade para converterse no socio científico e tecnolóxico que require calquera Sistema de Innovación na economía globalizada.
 
O noso sistema público de investigación é competitivo en ámbitos e áreas concretas, pero tamén é fráxil, desestruturado e carente dun marco institucional e financeiro estable para a consolidación competitiva das unidades de investigación e, en consecuencia, para a incorporación estable dos investigadores novos que están chamados a modernizar o noso sistema de I+D.
 
Nun marco de limitado gasto en investigación e cun modelo de xestión excesivamente ríxido, as universidades veñen organizando a súa actividade investigadora a partir dun academicismo disciplinar que condiciona a inter-disciplinariedade inherente aos retos científicos actuais, así como o crecemento e sustentabilidade das unidades de investigación máis competitivas.
 
Como consecuencia, temos xerado organizacións que dificilmente logran acadar a masa crítica, a excelencia e a flexibilidade necesarias para unha proxección eficiente do valor do coñecemento sobre a economía.
 
Diante desta situación, o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010, que o goberno presentará antes do verán, promoverá un potenciamento dos recursos de investigación do Sistema Universitario, aliñándoos coas estratexias da competitividade.
 
Nesa mesma liña, e coa finalidade de pular o papel do SUG como esa gran panca de progreso que require Galicia, puxemos en marcha as primeiras Axudas do Programa de Promoción Xeral de Investigación e dos Programas Sectoriais, dotándoas cun reforzo económico moi relevante.
 
Queremos que o sistema universitario galego camiñe cara a excelencia, que as nosas universidades sexan un referente no ámbito da investigación.
 
Neste senso podo anunciarlles que presentaremos con carácter inmediato un ambicioso Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas, co obxectivo de estruturar, especializar e consolidar as unidades de investigación existentes no sistema galego. A nosa aposta é dar un salto significativo na calidade dos resultados e no alcance e impacto da produción científica galega.
 
Por primeira vez, convocaremos axudas para apoiar a especialización e o crecemento dos grupos e unidades de investigación con maior potencial.
 
Co mesmo obxectivo, traballamos na elaboración dun Mapa de Infraestruturas e Centros de Referencia en Investigación e Tecnoloxía que, solidamente apoiados nas competencias universitarias e con capacidade para atraer aos mellores dos nosos xoves investigadores, complementarán un marco estable e competitivo para a especialización e a proxección do sistema Ciencia-Tecnoloxía do noso país.
 
Cun orzamento para o exercicio 2006 de máis de 130 millóns de euros, o que representa un incremento de case o 30% sobre o anterior exercicio, e unhas previsións de 800 millóns de euros de gasto público para todo o seu período de vixencia, o Plan Galego de I+D representa unha aposta estratéxica pola excelencia, a articulación entre o público e o privado e a innovación competitiva.
 
E deberemos reforzar esta estratexia cunha orientación e xestión eficientes dos Fondos Estruturais que corresponden a Galicia para o período 2007-2013. Hai dez días, asumía diante da Comisaria de Política Rexional Europea, o compromiso de orientar o investimento destes fondos cara o ámbito da I+D+i.
 
Isto implica que haberá que actuar optimizando as instalacións e os recursos das universidades, fomentando as alianzas estratéxicas entre universidade e empresa e propiciando, con visión prospectiva, a investigación e a innovación pertinentes para os obxectivos de converxencia.
 
Todo indica, pois, que as universidades teñen un papel clave no futuro de Galicia e no éxito da necesaria transición a unha economía e unha sociedade baseadas no coñecemento.
 
E é precisamente ese papel o que esixe unha fonda reestruturación da universidade galega, se non queremos saír perdendo na competencia mundial da educación, da investigación e da innovación. Teredes, pois, Magnífico Reitor, que tomar decisións estratéxicas e levar a cabo reformas internas para ampliar a base de financiamento, mellorar os ámbitos de excelencia e consolidar a posición competitiva da Universidade de Santiago.
 
No seu proxecto, señor reitor, estarán seguramente xa debuxadas estas reformas. Pero permítame, só a título de exemplo, referirme a algunhas das posibles:
 
É necesario promover estratexias que reforcen a excelencia, tanto na investigación como na ensinanza, posibilitando que sexan as mellores capacidades da universidade as que conformen e manifesten o seu valor social como axente de progreso.
 
Deberemos favorecer modelos organizativos máis flexibles, que faciliten unha maior apertura da universidade cara ao exterior, incrementado o seu atractivo estatal e internacional. Apertura ao exterior e flexibilidade organizativa que propiciarán a incorporación de investigadores de referencia e o desenvolvemento dunha carreira atractiva para a mocidade investigadora.
 
Outro obxectivo atinxe ao logro da igualdade de xéneros no ámbito científico, un reto prioritario para as políticas científicas e de innovación  europeas. Tamén as nosas universidades están chamadas a desenvolver plans de igualdade de xénero, para non desaproveitar unha parte esencial dos seus máis valiosos recursos. Permítame por isto, Magnífico Reitor, que lle manifeste o meu recoñecemento pola decisión do Grupo Compostela de Universidades de conceder o seu prestixioso premio ao Grupo de Mulleres de Helsinki, referente europeo nesta materia.
 
O Goberno galego é consciente de que reaccionar a estes retos require dunha autonomía real. E esa autonomía pasa por garantir recursos suficientes e duradeiros, así como polo seu uso eficaz.
 
Nesa dirección temos asumido un compromiso político para o incremento progresivo do gasto orzamentario dirixido ás universidades, que xa iniciamos neste exercicio.
 
O crecemento orzamentario futuro deberá procurar un equilibrio entre o financiamento básico, un financiamento competitivo e novos módulos de financiamento baseados na pertinencia dos resultados.
 
Nese modelo tamén as universidades deberán asumir unha maior responsabilidade en relación coa súa propia sustentabilidade financeira, a partir dunha diversificación e especialización proactivas, e sustentada na calidade da súa oferta docente, investigadora e de servizos.
 
Esta visión, e permítanme que empregue a xiria europea, require dunha Gobernanza institucional que posibilite o exercicio responsable dunha autonomía sostida no compromiso estratéxico e nunha xestión profesional dos recursos humanos, do investimento e dos procesos organizativos.
 
Esta nova gobernanza constitúe un ambicioso obxectivo no que as universidades deben saber que terán sempre o apoio do Goberno de Galicia. Un Goberno que, por outra parte, entende que a responsabilidade que demanda ten o seu principal soporte nun Persoal Docente Investigador altamente valorado, cualificado e comprometido.
 
Porque son os profesores os que haberán de liderar os cambios que sinalarán os trazos distintivos de cada universidade europea. Por iso, quero anunciarlles que o Goberno de Galicia vai poñer en marcha este mesmo ano os incentivos económicos ao profesorado universitario que o anterior goberno deixou pendentes. En particular, os incentivos baseados na valoración da excelencia na actividade docente e investigadora e na incentivación da súa implicación no goberno das institucións universitarias.
 
É un obxectivo da Consellería de Educación ampliar ao longo da lexislatura a contía destes incentivos, que nestes momentos se atopan entre os máis baixos de España, así como estendelos aos colectivos docentes que aínda non teñen acceso a eles.
 
Penso que as consideracións propostas reflicten un claro compromiso e unha mostra de apoio deste goberno ao noso sistema universitario. E creo tamén que todos os aquí presentes somos conscientes de que queda moito por facer nun labor no que todos estamos implicados e no que os compromisos deben ser compartidos.
 
Os meus mellores desexos para o novo reitor e para o ilusionante e, estou convencido, brillante futuro da Universidade de Santiago de Compostela.
 
Moitas Grazas