Saltar ao contido principal
Xornal  »  Intervención diante da Comisión de Estudo da Reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia

Senén Barro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela: Intervención diante da Comisión de Estudo da Reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia


Senén Barro comezou a súa intervención agradecendo aos integrantes da Comisión a oportunidade que lle deron de comparecer e centrouse en cuestións que atinxen de forma directa á Universidade de Santiago de Compostela, nomeadamente á educación superior e á investigación. Segundo o reitor, "ao igual que no resto do sistema educativo, na educación superior debe contemplarse o dereito a unha educación pública, laica e de calidade, que afiance os valores sociais e culturais propios de Galicia, e na que se garanta o acceso, a permanencia e a promoción, atendendo aos principios de igualdade, mérito e capacidade, e con igualdade de posibilidades e non só de oportunidades". 

As Universidades debemos garantir unha formación humana, científica e técnica de calidade, baseada nos valores sociais de igualdade entre mulleres e homes, solidariedade, liberdade, pluralismo, responsabilidade cívica, compromiso democrático e de garantía dos dereitos das persoas con necesidades especiais.

No que respecta ao tratamento institucional  da Universidade no Estatuto de Autonomía de Galicia, compre abandonar o silencio normativo do actual Estatuto. En efecto, de cara ao seu tratamento no Estatuto, en canto institución, a Universidade presenta unha peculiar situación derivada de tres factores:
 
1.- Estar dotada de autonomía constitucionalmente garantida.
A autonomía universitaria recoñécese no artigo 27.10 da Constitución. A Lei Orgánica de Universidades ampliou as competencias das Comunidades Autónomas no ámbito da educación superior, aínda que mantendo aspectos fundamentais da autonomía universitaria, como son a elaboración dos Estatutos propios, a selección do persoal docente e investigador ou a aprobación e xestión do seu propio orzamento. O Anteproxecto de reforma da LOU presentado diante do Consejo de Coordinación Universitaria por parte do Ministerio de Educación y Ciencia o pasado 29 de maio, supón un avance na autonomía das Universidades respecto do texto da LOU. O Estatuto de Autonomía de Galicia debería reforzar este principio constitucional.
 
2.- Non ser competencia exclusiva da Comunidade Autónoma senón concorrente co Estado.
 
3.- Estar inserida no goberno multinivel da Unión Europea a través do ámbito do ensino no que atinxe ao Espazo Europeo de Educación Superior, e no ámbito da investigación, no seo dos programas marco (frame programs).
 
Así e todo isto non pode supor o desentendemento estatutario da Universidade fora do estrito ámbito competencial. Compre pola contra proceder á explícita institucionalización estatutaria da Universidade en canto que a institución de educación superior e investigación. Isto é, compre superar unha perspectiva “historicista” da cultura e da investigación que leva ao recoñecemento institucional estatutario explícito do Consello da Cultura Galega ou da Real Academia Galega, de ningún modo cuestionables, pero garda silencio normativo sobre unha institución central da que depende en boa medida o desenvolvemento futuro da nosa sociedade, e que no caso de Galicia conta cunha Universidade, a de Santiago de Compostela, con máis de 500 anos de historia continua como foco de xeración e difusión do coñecemento, e de desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia –este feito por si só debería servir para xustificar o recoñecemento das Universidades galegas como parte das nosas institucións de autogoberno.
 
Xa que logo, proponse a esta Comisión un debate cara a inclusión dun artigo específico, no ámbito das Institucións do autogoberno, dedicado explicitamente ao Sistema Universitario Galego, no que se proceda a:
 
1.- O recoñecemento explícito do Sistema Universitario de Galicia en educación superior e investigación.
O SUG debe servir aos intereses da sociedade galega, procurando a adecuada transferencia dos seus progresos en I+D+i, a formación de calidade do estudantado, servindo de mecanismo de igualación social e de asesoramento e dinamización das institucións e das administracións.
 
2.- A planificación e coordinación do sistema, salvagardando a autonomía de cada Universidade, como un servizo público, cara unha oferta completa, coordinada e de calidade no ámbito da educación superior.
 
3.- A garantía da dotación de recursos suficientes, mediante criterios de prioridade social, calidade e rendemento institucional, e a especificación dun réxime fiscal propio para as Universidades.
 
A autonomía responsable supón tamén contar con planos de financiamento plurianuais, inspirados en criterios de suficiencia financeira, que permitan, cumprir coas responsabilidades docentes, investigadoras e de prestación de servizos con calidade, acompañados dun rendemento de contas diante das comunidades universitarias, os poderes públicos e o conxunto da sociedade.
 
O SUG debe converterse nun referente do desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia, estimulando, detectando, facilitando, apoiando, acubillando e sustentando iniciativas xurdidas ao fío das súas actividades medulares de estudo, investigación e formación, de tal modo que se favoreza a súa transferencia ao contorno social e económico de Galicia.
 
No que atinxe á Investigación, é preciso proceder á conformación dun Espazo Galego de Investigación, que coordine os diferentes recursos e institucións públicas e privadas que operan en Galicia, salvagardando a súa autonomía e dependencia funcional. A tal efecto proponse a creación do Consello Galego de Investigación no que estarían representadas as Universidades, institutos de investigación dependentes das distintas Administracións Públicas, fundacións e demais entes dedicados á investigación, así como as consellerías directamente implicadas na educación superior e na investigación. O Consello Galego de Investigación debería regularse por unha Lei do parlamento.

O SUG é o principal motor de avance en ciencia e tecnoloxía de Galicia, e como tal debe ser considerado nas políticas de financiamento e desenvolvemento, con particular incidencia no sistema galego de ciencia e tecnoloxía e no que atinxe á xestión en Galicia das políticas en I+D+i e de centros e organismos de investigación do estado español e da Unión Europea.
 
Tres consideracións finais:
 
É necesario que os poderes públicos adopten as medidas oportunas para facilitar a todas as persoas o acceso ás redes e recursos da sociedade da información e a comunicación.
 
O recoñecemento para a lingua galega dun status igual ó do castelán (dereito e deber de coñecelo), recoñecendo o galego como lingua propia das Universidades galegas –así o recolle o artígo 3.1. dos Estatutos da USC.
 
Reafirmar a condición de Galicia como nacionalidade histórica. Debemos ser ambiciosos na definición da misión e a visión de Galicia como nación, clarificando até onde queremos chegar e cómo queremos que nos vexan, tanto dentro como fora do estado español. Debemos poñer en valor a nosa condición de nación cunha historia, unha cultura e unha lingua propias, ás que non renunciamos e das que, sobre todo, entendemos que son achegas singulares á conformación do estado español e do espazo europeo.

Non queremos que nos vexan como unha autonomía que descende á segunda división, xa que nin é bo para o estado español nin é bo para os galegos e galegas, tanto os que viven no ámbito xeográfico de Galicia como os que temporal ou definitivamente o fan fora das nosas fronteiras.
 
Trasládolle os mellores desexos a esta Comisión xa que o éxito do seu cometido será tamén un éxito para todos os galegos e todas as galegas, ao tempo que reafirmo o compromiso da USC a prol de Galicia.

Senén Barro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela:

Intervención no Parlamento de Galicia, 5 de xuño de 2006