Saltar ao contido principal
Xornal  »  Xavier Costa Clavell: oficio e talento

Luís Celeiro: Xavier Costa Clavell: oficio e talento


Artigo publicado no xornal A Nosa Terra do 11 ao 17 maio

Pasou o seu tempo escribindo, lendo, traballando de sol a sombra para vivir uns anos e morrer. Despois de morto quere seguir servindo, quere que o seu corpo sexa para os aprendices e para os mestres da medicina, quere mostrar o seu xesto de home xeneroso, de loitador por unha sociedade mellor. Foi de Chantada, dende o corazón de Galicia, a Barcelona, a xunto do Mediterráneo, onde á mar calma e salgada.
 
Xavier Costa Clavell naceu o 30 de maio de 1923 e dedicouse ao xornalismo e a literatura. Coa súa olivetti xa moi gastada consumiu centos de quilómetros de cinta, un día e despois outro, semana tras semana, sempre, seguido estaba diante do papel branco para darlle forma a algunha composición literaria. Artigos nos xornais mundiais, de Galicia, de Madrid e de Barcelona; narracións cortas e longas, poesía sentida, conferencias e pregóns, de todo facía este home, este paisano do director e amigo seu e dos lectores de A Nosa Terra, que marchou paseniño, coa cabeza ergueita e o corazón agrandándose detrás do seu peito miúdo, cara a nada, cara ese destino disposto para todos.
 
Aquí queda a importante producción literaria, para gloria de nós e dos seus. No prelo Sotelo Blanco ten un libro de cociña que querería apurar para presentalo antes de marchar, pero non foi posible, atopouse obrigado a coller ruta e, mentres tanto, os escritos coas recomendacións gastronómicas están macerando, para –calquera día- térmolos nas mans maduriños.
 
Presentoume a Xavier Costa Clavell a común amiga, Margarita Ledo, e aquel mesmo día falamos de pintura, do que tanto lle gustaba falar e do que tanto sabía, falamos de Barcelona, de Cataluña e de Galicia, de Cuba e da Rusia comunista. Falamos mil falares e agarramos unha amizade grande e duradeira, unha amizade que perdura aínda que el se fora.

Aló polo ano 1987, publica en Sotelo Blanco O conde de Viloíde, uns anos despois sae en Edicións do Castro A Monchiña, outra novela que dá paso a novas narracións que fan de Xavier Costa Clavell un escritor de talento fora dos eidos da gastronomía e do turismo, un escritor con realismo e achegado a tarefa diaria de teclear e pensar para vivir.

Costa Clavell foi  para a seguridade social un autónomo e logo un xubilado, paro os demais foi un  escribidor de oficio e talento, un conversador afable, un mestre no bo facer. O seu amigo Vázquez Montalban dixo que algúns dos seus textos eran indispensables para os que amaban a vida captada polos cinco mil sentidos da alma, os cinco mil sentidos de Costa.