Saltar ao contido principal
Xornal  »  Destruír+reconstruír=deconstruír

Juan L. Blanco Valdés: Destruír+reconstruír=deconstruír


Nunha web promóvese a retirada do doutorado honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela a Francisco Franco, concedido en 1965. É algo moi à la mode deconstruír a historia. Ben sei que o verbo non existe nos dicionarios, pero debera exisitir pois expresa moi ben que non se trata exactamente de destruír nin de reconstruír senón dun híbrido dos dous, é dicir reescribir, amoldar segundo conveña. E a historia, claro é, non se pode reescribir, nin amoldar segundo conveña. É historia. Que a Universidade de Santiago de Compostela concedera unha distinción tan delirante a un tipo como o ditador, cuxo paradigma na séptima arte, valla como exemplo, era Paco Martínez Soria non é máis ca o o reflexo histórico do que entón era a universidade española –e por ende a de Santiago– e do que entón era este país noso, que, nos guste ou non, viviu corenta anos baixo a férula del Caudillo. Non hai que deconstruír a historia; hai que explicala, e cando o meu fillo me pregunte quen foi Franco e, ao mellor, por que a nosa universidade o fixo honoris causa, xa lle explicarei o que veña ao caso.

Hoxe movémonos nas marxes estreitas e abafantes do politicamente correcto, que leva a análises urxentes e alicerzadas no fácil si ou non, pero as cousas adoitan ser moito máis complexas. Neste ano 2006 toca demonizar o franquismo e, a lombos da supeficialidade, deconstruír corenta anos de historia.

Eu nacín en 1960, de xeito que cando o ditador espichou, eu tiña quince anos. Tiven a nenez máis feliz que poida imaxinarse. Terei que avergoñarme? A miña familia foi neses anos, como moitas do país, razoablemente feliz. Meu avó foi expedientado e suspendido como funcionario por pertencer a Izquierda Republicana. Ao seu irmán, o xornalista e poeta Roberto Blanco Torres –Día das Letras Galegas 1999–, metéronlle dous tiros na cabeza no outono de 1936. A un meu tío, Mundo, rapárono ao cero con vinte anos por ter feito campaña, baixo as instrucións de Antonio Fraguas e Fermín Bouza Brey a prol do Estatuto de xuño do 36. Librou da guera por tuberculose. Pero meu pai foi mobilizado en 1937 –tiña vinte anos– e fixo a guerra no bando que lle tocou, o nacional. En 1959, xove avogado con bufet instalado na Estrada, un excompañeiro de armas, nesa altura gobernador civil de Pontevedra, fíxoo alcalde da Estrada e foino ata 1971. Levou auga e luz á práctica totalidade de aldeas do rural estradense, construíu a Biblioteca Pública Municipal, o Instituto de Ensino Medio...Fixo o que puido. Viviu. Á luz dunha historia deconstruída, hoxe supoño que sería simplemente un alcalde do franquismo, cando non un alcalde franquista. Si. As cousas son moito máis complexas.

Pregúntome canta xente en Galicia, xa non digamos en España, sabe hoxe que a Franco se lle concedeu un doutoramento honoris causa por Santiago. Dúas de cada cen? De cada mil? O proverbio latino aconsellaba non espertar ao león que dorme.

Idea: vou promover no meu blog que se lle retire a José Echegaray o Premio Nobel de Literatura que lle concederon en 1904. Foi totalmente inxusto porque era moi mal escritor.

Juan L. Blanco Valdés:

Subdirector técnico do Servizo de Publicacións da USC