Saltar ao contido principal
Xornal  »  Declaración de Berlín sobre o acceso aberto ao coñecemento en Ciencias e Humanidades *

Declaración de Berlín sobre o acceso aberto ao coñecemento en Ciencias e Humanidades *


Prefacio

Internet mudou fundamentalmente as realidades prácticas e económicas relacionadas
coa distribución do coñecemento científico e do patrimonio cultural. Por primeira vez,
Internet ofrécenos na actualidade a oportunidade de construír unha representación
global e interactiva do coñecemento humano, que inclúe o patrimonio cultural e a
seguranza de acceso a escala mundial.
Os signatarios deste documento sentímonos obrigados a considerar os retos da Internet
como medio funcional emerxente para a distribución de coñecemento. Obviamente, este
desenvolvemento poderá modificar de maneira significativa tanto a natureza da
publicación científica como o sistema actual de certificación da calidade.
En concordancia co espírito da Declaración da iniciativa sobre acceso aberto de
Budapest, a carta de ECHO e a Declaración de Bethesda sobre publicacións de acceso
aberto, redactamos a Declaración de Berlín para promover Internet como un
instrumento funcional que sirva de base global do coñecemento científico e a reflexión
humana, e para especificar medidas que deben ter en conta as persoas encargadas das
políticas de investigación, as institucións científicas, as axencias de financiamento, as
bibliotecas, os arquivos e os museos.

Obxectivos

A nosa misión como difusores do coñecemento será incompleta se a información non se
pon a disposición da sociedade de maneira expedita e ampla. É necesario apoiar novas
posibilidades de difusión do coñecemento, non só a través do sistema tradicional, senón
tamén incrementando o uso do paradigma de acceso aberto por medio da Internet.
Definimos o acceso aberto como unha ampla fonte de coñecemento humano e
patrimonio cultural aprobada pola comunidade científica.
Para que se poida alcanzar a visión dunha representación global e accesible do
coñecemento, o web do futuro ten que ser sustentable, interactivo e transparente. O
contido e as ferramentas de software deben ter acceso libre e compatible.


Definición dunha contribución de acceso aberto


Para establecer o acceso aberto como un procedemento meritorio, requírese realmente o
compromiso activo de todos e cada un dos produtores de coñecemento científico e
mantedores do patrimonio cultural. As contribucións de acceso aberto inclúen os
resultados da investigación científica orixinal, datos primarios e metadatos, materiais,
fontes, representacións dixitais de materiais gráficos e pictóricos e materiais eruditos en
multimedia.

As contribucións de acceso aberto deben satisfacer dúas condicións:


1. A(s) persoa(s) autor(as) e a(s) depositaria(s) da propiedade intelectual de tales
contribucións debe(n) garantir a todos os usuarios por igual o dereito gratuíto,
irrevogable e mundial de acceso a un traballo erudito, o mesmo que a licenza para
copialo, usalo, distribuílo, transmitilo e exhibilo publicamente, e para facer e distribuír
traballos derivados en calquera medio dixital e para calquera propósito responsable.
Todo isto estará suxeito ao recoñecemento apropiado da autoría (os estándares da
comunidade continuarán provendo os mecanismos para o cumprimento do
recoñecemento apropiado e o uso responsable das obras publicadas, como se fai hoxe en
día), igual que o dereito de efectuar copias impresas en pequeno número para o seu uso
persoal).


2. Unha versión completa do traballo e de todos os seus materiais complementarios, que
inclúa unha copia do permiso anteriormente mencionado, nun formato electrónico
estándar axeitado, deposítase (e así é publicado), cando menos, nun repositorio on line,
que utilice estándares técnicos aceptables (tales como as definicións de Acceso Aberto),
que sexa apoiado e mantido por unha institución académica, unha sociedade erudita,
unha axencia gobernamental, ou ben unha organización establecida que procure
implementar o acceso aberto, a distribución non restritiva, a interoperabilidade e a
capacidade arquivística a longo prazo.


Apoio da transición ao paradigma de acceso aberto electrónico


As nosas organizacións están interesadas na maior promoción do novo paradigma de
acceso aberto para obter o máximo beneficio para a ciencia e para a sociedade. En
consecuencia, intentamos progresar neste empeño:


• Estimulando os nosos investigadores/bolseiros a publicaren os seus traballos de
acordo cos principios do paradigma de acceso aberto.
• Estimulando os depositarios do patrimonio cultural a apoiaren o acceso aberto
distribuíndo os seus recursos a través da Internet.
• Desenvolvendo medios e maneiras de avaliar as contribucións de acceso aberto e
as revistas electrónicas, para manter estándares de garantía de calidade e unha
boa practica científica.
• Defendendo que a publicación en acceso aberto sexa recoñecida na promoción e
na avaliación do exercicio profesional.
• Reclamando o mérito intrínseco das contribucións a unha infraestrutura de
acceso aberto mediante o desenvolvemento de ferramentas de software, a
provisión de contido, a creación de metadatos ou a publicación de artigos
individuais.


Decatámonos de que o procedemento de se desprazar ao proceso aberto cambia a
difusión de coñecemento no que respecta a cuestións legais e financeiras. As nosas
organizacións teñen o propósito de achar solucións que axuden a un maior
desenvolvemento dos marcos legais e financeiros existentes, co fin de facilitar un uso e
un acceso óptimos.      

                                                                                                                                   

* Versión autorizada ao galego da Berlin Declaration on Open Access to Knowledge in the Sciencies and Humanities, aprobada o 22 de outubro de 2003 por representantes de varias institucións europeas, convocados pola Sociedade Max Planck, cuxo texto orixinal pode consultarse no enderezo electrónico
hhttp://www.zim.mpg.de/openaccess-berlin/berlin_declaration.pdf .