Saltar ao contido principal
Xornal  »  Mahoma versus Occidente

Juan L. Blanco Valdés: Mahoma versus Occidente


¿Alianza de civilizacións? Un par de argumentos. Occidente leva séculos contendo como pode a agresividade -o digo e o reafirmo: a agresividade- islámica. En 732, o avó de Carlos Magno, Carlos Martel, freou os sarracenos en Poitiers. Oito séculos máis tarde a República de Venecia, España, a Orde de Malta e o Papa asinaron os pactos para armar unha frota internacional e conter de novo a agresividade dos turcos otomanos e a súa cobiza da Sublime Porta mediterránea. O 7 de outubro de 1571, no golfo de Lepanto, escribiuse unha páxina máis dunha historia interminable (e polo visto non rematada). Centos de anos máis tarde, os Estados Unidos de América e as súas meteduras de pata (Guerra do Golfo, invasión de Iraq) -incapaces de aprender a lección de Vietnam ou Corea- seguen poñendo a chispa, o detonante. A gasolina xa a rega a toneladas por Occidente o Islam.

Hai cincocentos anos a Igrexa católica queimou a Servet por afirmar que o sangue circulaba polo interior do noso corpo. Hoxe a curia ten que tragar que os homosexuais casen, que as parellas se divorcien, que as mulleres aborten, que tomen anticonceptivos... En algo evoluíu, digo eu. A diferenza está, polo tanto, en que occidente cambiou, vén cambiando dende séculos ao son dunha sociedade civil permanentemente enfrontada ao inmobilismo de dogmas impostos pola relixión: o Renacemento, a Ilustración, o Racionalismo, a separación da Igrexa e o Estado, a propia invención do Estado de Dereito en 1789... non son senón manifestacións da loita da razón contra a cegueira ideolóxica. ¿En qué cambiou, en qué evoluíu o Islam? ¿Que ten de tolerante, que xermolo posible de mudanza ten un sistema ideolóxico que divide os seres humanos entre musulmáns e infieis? (léase xitanos e payos, euskaldunes e maketos...: a intolerancia é moi teimuda e moi pouco orixinal). O musulmán de hoxe mantén absolutamente incólume, intacto, o código de comportamento do musulmán que construíu a Alhambra, na seguridade de que a súa yihad será amplamente recompensada no Alén.

Somos nós, Occidente, polo tanto os que temos que deitarnos no leito de Procusto do dogmatismo inamobible e o radical fanatismo que impón a lei de Mahoma a sangue e lume. Ante as caricaturas do Profeta (igual ca ante os versos satánicos de Rushdie) o Islam non pide respecto: impón medo, que é distinto. ¿E qué se sae nunha publicación de, non sei, digamos, Líbano unha imaxe de Xesús masturbándose? (perdón pola irreverencia, pero hai que lembrar que tamén era home, como hoxe sabemos ben por obra e graza de Dan Brown e as súas paridas). Imaxinade aos cristiáns daneses queimando a Embaixada de Líbano. Eis a diferenza.

Juan L. Blanco Valdés:

Subdirector técnico do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela