Saltar ao contido principal
Xornal  »  A quimera do funcionario sabio

José Carlos Bermejo Barrera e Antón A. Rodríguez Casal: A quimera do funcionario sabio


"O home é a medida de todas as cousas, das que son en canto que son e das que non son en canto que non son"(Protágoras de Abdera)

Un dos moitos temas que están presentes na historia do pensamento europeo é o problema de como han de suscitarse as relacións entre o saber e o poder. A esta pregunta déronselle básicamene dous tipos de respostas: as que abogan pola liberdade do saber e de quen o practican, e aqueloutras que propugnan a subordinación do saber ás institucións que en cada momento veñen exercendo o poder. Neste caso dáse ademais a circunstancia  de que os defensores desta proposta adoitaron ser claramente inimigos da democracia.


O primeiro destes maestros-pensadores foi naturalmente Platón. No seu pensamento dáse un curioso paradoxo. E é que sendo en xeral a filosofía grega unha actividade para cuxo exercicio pensábase que era necesario o lecer como requisito indispensable. E dándose tamén nela un claro desprezo do traballo manual. Con todo, os heroes secretos da filosofía platónica foron os artesanos. Dicía Platón que se queremos facer unha viaxe por mar eliximos un barco gobernado por un bo piloto, ou se estamos doentes recorremos a un médico. E non se nos ocorre consultar as opinións dos viaxeiros do barco para saber como este ha de ser gobernado, nin a opinión dos nosos conciudadanos, para saber como habemos de curar a nosa doenza. No entanto, á hora de gobernar a cidade, di Platón, pídese a opinión de todos os cidadáns, e en función dela tómanse os acordos. A cidade réxese polas "doxai", ou opinións, que sempre son múltiples, mentres a verdade só pode ser unha, e só un, ou uns poucos poden coñecer a verdade. Quen coñece a verdade é o filósofo. Por iso se fósemos coherentes, e quixésemos gobernar a cidade con xustiza, deberiamos abandonar o terreo das opinións, que son múltiples, e deixar que gobernen os, ou quizas o único que o sabe facer: o rei filósofo.Sabemos o mal que acabaron as ilusións políticas de Platón, pois de conselleiro dun tirano, ao que quixo converter en rei-filósofo, acabou por ser vendido como escravo, tendo que ser rescatado pola súa familia. Con todo, o ideal platónico do rei-filósofo, ou o que é o mesmo, a idea de que o que goberna é o que sabe, ou de que debe gobernar só quen sabe, tivo un enorme éxito na historia occidental.


Desde Alexandre Magno en diante, os filósofos, sabendo que non podían gobernar, decidiron facerse conselleiros dos reis, con maior ou menor fortuna, xa que algún dos máis coñecidos,  como Séneca, pasou de ser preceptor de Nerón a ser condenado a morte polo seu propio discípulo. Só coa chegada do cristianismo, e a partir da conversión de Constantino ese ideal do rei filósofo, convenientemente transformado, farase realidade cando Eusebio de Cesarea -un bispo conselleiro deste emperador- proclamará que a un só Deus no ceo corresponde un único emperador na terra. E que ese emperador, asesorado pola Igrexa, pasará a realizar a utopía platónica de alianza do poder e o saber.Será na propia historia da Igrexa cando un gran filósofo, San Agustín, virá pechar este círculo, no momento no que decide que, en vez de discutir cos herejes (é dicir con aqueles que interpretan as Escrituras dunha forma diferente á súa) débese recorrer á violencia civil para reprimir a disidencia. Quedou así inaugurada unha tradición europea na que os que gobernaron se alinearon cos que sabían -que durante toda a Idade Media serán os eclesiásticos- e que se consideraron legitimados para acalar primeiro e reprimir físicamente despois a todas aquelas persoas que mantivesen visións dos textos sagrados ou do propio mundo, diferentes ás consideradas canónicas.Esta tradición medieval prolongarase na Idade Moderna nos países católicos coa reinstauración da Inquisición, que intervirá en casos tan famosos como o de Galileo, pero tamén nos países protestantes, onde temos o exemplo de Miguel Servet queimado en Xenebra por Calvino, que preferiu ese sistema a discutir con el a súa teoría sobre a Trinidade.


O nacemento da ciencia moderna asociouse, a partir do século XVII, coa conquista da liberdade. O ideal do sabio, ou do científico europeo, será o dun home illado, e por iso libre, como Descartes ou Spinoza. E os sabios de Europa crearán as primeiras sociedades científicas, como a Royal Society, á marxe do mundo do poder eclesiástico e universitario. O ideal do sabio europeo irá tamén unido á idea da liberdade de expresión e opinión, e polo tanto á idea do debate libre, co que, en contra da opinión de Platón, creerase que a procura da verdade non deberá ser o patrimonio dunha casta, senón o resultado da confrontación de ideas.Este modelo do científico libre de prexuicios e non sometido ás cadeas da administración comezou crebarse na segunda metade do século XIX, cando a ciencia uniuse á tecnoloxía e á industria, e cando os Estados decatáronse de que esa propia tecnociencia era fundamental para poder desenvolver, a partir da Primeira Guerra Mundial, as guerras modernas. O control empresarial e estatal do saber víuse incrementado cando, co desenvolvemento dos totalitarismos (nazi, fascista e estalinista) a todo iso sumouse o control ideolóxico, ao que se supón puxo fin a Segunda Guerra Mundial e o afundimento dos chamados sistemas socialistas da URSS e a Europa do Leste.


Agora ben, dáse o paradoxo de que nas sociedades democráticas occidentais séguese dando este control político do saber, xa non por parte de filósofos-reis, ou de eclesiásticos, senón por parte dos grupos de funcionarios-sabios, que exercen no nivel estatal o mesmo proceso fiscalizador que o que os grupos industriais practican na investigación tecnocientífica.


Eses funcionarios-sabios, descendentes remotos de San Agustín ou do cardeal Bellarmino, que obrigou a abxurar a Galileo, xa non queiman aos investigadores nin os encerran en escuras e frías celas, pero si os controlan orientando os fondos destinados á investigación en direccións predeterminadas. Pero, ¿de onde sacan a lexitimidade para controlar e dirixir a investigación? Se eles fosen os máis sabios investigadores estarían moralmente facultados para facelo, supoñendo que en cada campo só pode haber unha liña de investigación. Por iso non quedará máis remedio que admitir que existe un control económico e militar, dada a importancia da industria de defensa, mentres que no caso das chamadas xenéricamente humanidades sería un control meramente político e ideolóxico.A investigación en humanidades non dá directamente beneficios económicos. O seu control, con todo, fáise necesario en función de criterios estrictamente políticos, co cal estariamos remontándonos de novo a Platón, ou á figura do eclesiástico inquisidor. Non é cuestión de entrar agora na análise de cales sons eses criterios políticos, aínda que, a nivel global parece abofé que do que en xeral trátase é de reducir a investigación humanística, ou ben a mera xustificación do poder político, ou ben  a favorecer o desenvolvemento dunha suposta "industria da cultura", orientada máis ao goce do lecer que ao estudo das humanidades como instrumentos de análise crítica da realidade social e política.Os funcionarios da cultura (histórica, arqueolóxica, artística ou literaria) asumen así unha misión de control, favorecendo unhas liñas e intentando que outras perezan por inanición, desde unha posición de superioridade que lles dá o seu control dos mecanismos da Administración e a súa alianza cos principais partidos políticos.


Volvendo de novo á historia da antigüidade, eses funcionarios administradores dun suposto saber oficial e custodios do poder político son semellantes aos escribas do antigo Exipto, da antiga Mesopotamia, ou aos famosos mandarines chineses, incesantes comentaristas dun corpus de textos estancado, mestres na arte da caligrafía, que vivían no mundo pechado da corte imperial ata que o sistema político que os amparaba, e ao que eles xustificaban, desapareceu.Nin en Exipto, nin en Mesopotamia, nin na China antiga existiron sistemas democráticos. Vivimos nun momento no que, polo menos, a democracia funciona como un ideal político. Por iso é preciso criticar a quimera do rei filósofo, a farsa do funcionario sabio, e reivindicar no terreo da ciencia, e sobre todo no das humanidades, a volta ás "doxai", á pluralidade de opinións, que deberían estar igualmente avaladas por uns fondos que sexan públicos e non patrimonio desta nova clase de mandarines que se consideran ilustrados.
 

José Carlos Bermejo Barrera e Antón A. Rodríguez Casal:

José Carlos Bermejo Barrera é Catedrático de Historia Antiga; Antón A. Rodríguez Casal é Profesor Titular de Prehistoria