Saltar ao contido principal
Xornal  »  Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres


DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA. 25 de Novembro de 2005

O 25 de novembro foi declarado oficialmente pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas “Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres”. Con tal motivo a Universidade de Santiago de Compostela  reafirma o seu  compromiso para contribuír á realización deste obxectivo.

Segundo a declaración das Nacións Unidas no Ano Internacional da Muller (1980) a violencia contra as mulleres é o crime encuberto máis numeroso do mundo.
Desde a USC somos conscientes de que en materia de violencia contra as mulleres non cabe a neutralidade sen que esta se converta de inmediato en complicidade. Ao respecto non podemos esquecer que a causa e orixe da violencia contra as mulleres é estructural e social, estando construída sobre unha situación de desigualdade entre homes e mulleres que é froito das relacións de poder que teñen exercido historicamente aqueles sobre estas, e que hoxe en día e diariamente vulnéranse, entre outros, o dereito á integridade física, á liberdade e á dignidade dun número demasiado grande de mulleres.

A Universidade, na responsabilidade das súas funcións sociais,  está comprometida a desenvolver e promover relacións de equidade de xénero e de dignificación das persoas. De aquí derívase a necesidade de que a USC siga participando activamente na procura dunha maior concienciación sobre o problema, especialmente na comunidade universitaria, convencidos como estamos de que unha maior equidade contribuirá ao fortalecemento dunha sociedade máis democrática e máis xusta.


Por todo isto, a Universidade de Santiago de Compostela, no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, invita a toda a comunidade universitaria a seguir avanzando no camiño que aínda nos queda por percorrer ata asegurar o dereito das mulleres a vivir sen violencia e a plena igualdade entre homes e mulleres, deixando, a través desta declaración, constancia do noso compromiso contra calquera acto que atente contra a integridade e dignidade da muller, e a favor dunha sociedade xusta e paritaria na que mulleres e homes poidamos participar equilibradamente en tódolos ámbitos e tomar conxuntamente as decisións que nos afectan.