Saltar ao contido principal
Xornal  »  Autonomía + Responsabilidade = Ética. Discurso no acto de apertura do curso académico 2005-2006 da Universidade de Santiago

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela: Autonomía + Responsabilidade = Ética. Discurso no acto de apertura do curso académico 2005-2006 da Universidade de Santiago


Afirmaba o profesor Ignacio Sotelo nun artigo publicado este mesmo ano nun xornal nacional –“De continente a islote”, el país, 2 de febreiro de 2005-, que a autonomía da Universidade está rifada coa modernización. Eu, que son un defensor da modernización, tamén na Academia, claro está, e que loito por converter a nosa Universidade na máis moderna das universidades históricas e na Universidade con máis historia das universidades modernas, estou en total desacordo con esta afirmación. Non é a autonomía o que hai que cuestionar senón a responsabilidade o que hai que potenciar, e ámbas as dúas, sumadas, permitirán explicitar, defender e desenvolver un proxecto ético global. Esta é a principal mensaxe do meu discurso.

Tal como establece a Magna Charta Universitatum, as universidades deben ser independentes de calquera poder, sexa este de tipo económico, político ou relixioso, por citar os que en maior medida influíron, ou trataron de facelo, ao longo da vida desta xa case milenaria institución. Pero se a Universidade estivo sometida ao poder, e ás veces aos caprichos de comerciantes e empresarios, de monarcas e bispos, hoxe, sen chegar a eses extremos, non sempre está libre de inxerencias e vaivéns de todo tipo de poderes, sobre todo os económicos e políticos. Tamén o está a liberdade de cátedra, non sempre respectada, nin sequera en países cunha clara tradición científica. Recentemente a revista “Scientific American” denunciaba, cunha ironía inusual nos estadounidenses, a manipulación da ciencia por parte dos seus políticos, en particular en relación á teoría da evolución, atacada politicamente, aínda que cientificamente ben fundamentada.
 
A Constitución española de 1978 di no seu artigo 27, apartado 10: “Recoñécese a autonomía das universidades, nos termos que a lei estableza”. Este recoñecemento faise no contexto dun artigo sobre a liberdade de educación e nunha sección dedicada aos dereitos fundamentais e liberdades públicas, polo que non cabe dúbida que a nosa Constitución garante un dereito fundamental á autonomía universitaria. Autonomía que ten a peculiaridade de ter como titulares institucións –as universidades– e non persoas. Así o subliña tamén o informe “Universidad 2000”, popularmente coñecido como informe Bricall –páx. 213–, ao afirmar que a autonomía é unha característica da institución universitaria, non dos seus membros.

Con frecuencia confúndese a autonomía universitaria coa liberdade de cátedra. Pero aínda que o principal obxectivo da autonomía universitaria non é outro que o de preservar a liberdade de cátedra, mentres que aquela se refire ao autogoberno da institución, esta atinxe, primeiro e primordialmente, ao persoal docente e investigador.
 
Tamén a Lei orgánica de universidades (LOU) afirma no seu artigo 2, apartado 3, que “a actividade da universidade, así como a súa autonomía, fundaméntanse no principio de liberdade académica, que se manifesta nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudo.” Esta Lei, que no seu artigo 2 enumera aspectos da autonomía das universidades, como a capacidade de elaborar os propios estatutos; de aprobar plans de estudo e investigación; de elaborar, aprobar e xestionar os seus orzamentos; de seleccionar, formar e promover o seu persoal docente e investigador e de administración e servizos; establecer o réxime de admisión, permanencia e verificación de coñecementos dos estudantes, etc., xerou durante a súa elaboración e posterior aprobación unha enorme tensión social e tivo unha presentación nos medios de comunicación que, intencionadamente ou non, carrexou un aparente desgaste da credibilidade social da institución universitaria. Digo aparente, xa que estudos recentes apuntan a que as nosas universidades conservan aínda unha valoración e un prestixio entre a sociedade que ben quixeran para si outros estamentos, institucións e organismos de todo tipo. Precisamente hai un ano fixen referencia na inauguración do curso académico á primeira enquisa nacional sobre a imaxe pública do sistema universitario español, realizada pola ANECA –Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación–, e á moi boa opinión que teñen os españois, e os galegos en particular, das súas universidades. Por outra parte, o “II estudio de la Fundación BBVA sobre los universitarios españoles” pon de manifesto que a Universidade é a institución que máis confianza lles inspira aos propios universitarios, por riba incluso das ONGs, e a gran distancia das distintas administracións. Pero non debemos confiarnos pensando en que esta situación é imperturbable. Unha sociedade mellor formada e máis comprometida esixe máis a todos e, loxicamente, aínda máis aos que considera como servizos públicos.

Sen cuestionar a autonomía universitaria e, de feito, para que dita autonomía non se cuestione, é necesario construír universidades responsables. Así se recolle no lema que acompaña ao logotipo da Universidade de Friburgo, na que tivo lugar no ano 2003 a Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades: calidade, responsabilidade e espírito de diálogo. Calidade e diálogo son, xunto con modernidade e intelixencia, os eixes principais arredor dos que se conforma o programa de goberno co que concorrín ás eleccións a reitor desta casa, polo que supón para min unha especial satisfacción que tamén sexan cualidades destacadas por dita Universidade.
 
No que atinxe á responsabilidade, esta non debe ser só unha cualidade da institución como tal, senón tamén dos seus individuos, de todos os membros da súa comunidade, e estes serán responsables se cumpren cos seus deberes. Deberes que, como nos dixo a nosa ilustre conferenciante no seu discurso -De la útil inutilidad de la filosofía-, “non son unha rémora... senón unha emancipación fronte á inercia e a apatía”. Deberes que segundo José Antonio Marina son, cando menos, de tres tipos: os de submisión, os de compromiso e os de proxecto. Os primeiros dimanan dunha orde, norma ou lei dada por alguén que ten autoridade ou poder ou forza para facelo. Serían, por exemplo, aqueles aos que nos somete o cumprimento da LOU. Os deberes que proceden dun compromiso, dunha promesa ou dun contrato non proceden dunha autoridade externa, senón que é o mesmo contraente o seu propio lexislador. Este sería o caso dos que nos autoimpuxemos a través dos nosos Estatutos. Por último, os deberes construtivos ou derivados dun proxecto non son nin de submisión á autoridade nin de contrato, senón que dependen dunha meta elixida. O plan estratéxico 2010 da USC recolle unha serie de deberes derivados dun proxecto avalado polo noso Claustro. Así será tamén con aqueles obxectivos que asumamos no marco do proxecto ético propio da Universidade de Santiago de Compostela que pretendo impulsar. Un proxecto ético global en sintonía coa Declaración de Glasgow, conclusión dos debates mantidos durante a recente reunión de institucións de educación superior organizada pola “European University Association”, cando fai explícita a importancia do camiño da ética na Universidade, afirmando que “unhas universidades fortes precisan de valores académicos e sociais sólidos que se reflictan nas súas contribucións á sociedade. As Universidades comparten un compromiso coa base social do crecemento económico e as dimensións éticas da educación superior e a investigación”. Un proxecto ético global que, a expensas de facelo explícito, está en boa medida presente no noso compromiso co bo goberno,[1] a transparencia, o rendemento de contas, a responsabilidade social, a aposta pola calidade, a xustiza social, a equidade, e un longo etcétera de liñas de acción coas que a nosa Universidade está xa comprometida, tal como reflicten os numerosos pasos que levamos dado nun camiño nunca completo.
 
Os nosos estatutos, por exemplo, recollen referencias explícitas nesta liña, como se pon de manifesto nos seguintes compromisos recollidos en senllos artigos estatutarios:
 
Artigo 4º.5.- A Universidade de Santiago de Compostela acollerá un modelo de desenvolvemento sostible baseado no respecto, na preocupación e na conservación do ambiente.
 
Artigo 4º.6.- A USC non colaborará no desenvolvemento de proxectos con fins armamentísticos ou bélicos.
 
No camiño de facer explícito tamén o noso compromiso social, hai algúns meses que fixemos pública a Memoria de Responsabilidade Social da USC, converténdonos así na primeira Universidade do estado español en dar este importante paso que, seguro, servirá tamén de estímulo a outras universidades. Como se recolle no limiar de dita memoria, é necesario revisar o modo no que a Universidade rende contas da súa actividade para transmitir á sociedade dunha maneira fácil e comprensible qué somos, qué facemos e qué rendibilidade social temos. Xa non é posible manter un discurso puramente monetario que reduza a eficiencia a un equilibrio entre ingresos e gastos, algo en todo caso necesario. A sociedade debe tamén coñecer e avaliar a nosa actividade investigadora, a nosa contribución á sensibilización e ao desenvolvemento sociais, ao intenso labor de voluntariado e de colaboración con ONGs que vimos desempeñando, ou o noso compromiso ambiental.
 
O proxecto ético que propoño aquí aposta tamén por unha universidade pública de calidade. Apostar pola cultura da calidade é precisamente asumir unha responsabilidade polifacética de mellora continua, aínda nun escenario de recursos públicos sempre limitados. A calidade non se presupón. Hai que demostrala e non é nada doado conseguir cotas elevadas de calidade nin tampouco convencer á sociedade de tal logro. Ao longo destes anos a USC leva dadas mostras moi claras dun compromiso irrenunciable neste sentido.

Por outra parte, a influenza da externalización da educación superior e a disxuntiva sobre se a educación debe ser entendida como ben público ou como servizo mercantil non resultan inocuos, non xa para a propia consolidación da universidade pública, senón, incluso, para lograr un desenvolvemento sostible, o crecemento en igualdade e maiores cotas de calidade política e institucional nos países. Sendo un tema non secundario para nós, a colonización externa da educación superior é un motivo de especial preocupación en países cun sistema universitario público menos desenvolvido ca o noso, como ocorre coa maioría dos países irmáns latinoamericanos. Estes países corren o risco de “descapitalizar” a medio-longo prazo o sector da educación superior e depender do comportamento volátil das empresas transnacionais de educación. Son países nos que a I+D é aínda unha quimera e, polo tanto, o seu principal obxectivo debe ser potenciar a E+D, a educación e o desenvolvemento. De non facelo así, a célebre cita a Unamuno: “que inventen eles”, podería trocarse nun “que formen eles”, de consecuencias aínda máis nefastas. A USC pode e debe colaborar con estes países na medida das súas posibilidades, e as vías para facelo son múltiples: desde desenvolver iniciativas de formación in situ, de capacitación técnica ou de formación de formadores, ata impulsar proxectos técnicos de cooperación para o desenvolvemento en colaboración coas universidades locais.
 
O problema da mercantilización da educación non é en absoluto menor. Neste sentido, a comunidade académica internacional –no marco da “Conferencia Mundial de la Educación Superior”, organizada pola UNESCO en 1998–, ratificou o compromiso de defensa da universidade pública, alertando á sociedade e aos gobernos ante as pretensións da Organización Mundial de Comercio (OMC) para incluír a educación superior como unha mercancía máis, susceptible de ser regulada no contexto do “Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos” (AXCS).[2]

Por suposto, na formulación deste debate non se cuestiona a actividade de institucións de dereito privado que actúen con total lexitimidade no campo da educación superior a teor da lexislación vixente. Tampouco se somete a discusión, máis ben ao contrario, o desenvolvemento fluído da educación superior “sen fronteiras”, favorecido polo crecemento das redes de cooperación ou o desenvolvemento da educación virtual. Pero estou convencido de que o investimento privado externo na educación superior dun país debe coexistir cunha adecuada planificación e regulamentación estatal.

Nun proxecto ético de Universidade tampouco se pode obviar a globalidade –antes denominada internacionalización, transnacionalización, etc., e agora, en ocasións, e para suavizar un termo xa cargado de connotacións pexorativas, mundialización ou universalización–. A globalización carrexa aspectos positivos, nutritivos para unha sociedade, e outros nocivos, tóxicos, a non consumir ou, se é posible, a eliminar de raíz. Entre os primeiros está a dispoñibilidade –potencial, cando menos[3]– de novos produtos e servizos, a mobilidade, o estímulo á mellora permanente, etc. Entre os últimos a imposición dunha homoxeneización de pensamento, cultural e ideolóxica, pero non, ou non necesariamente, económica ou de compromiso social –no que afecta á dignidade humana, ao ben común, á redución das desigualdades sociais, ao compromiso ambiental, etc–. A medida que as barreiras legais, de tipo económico, social e ambiental, ou os custes de produción, poñen en apertos o desenvolvemento de certas actividades nos países desenvolvidos, as empresas trasládanse a novos escenarios xeopolíticos, onde provocan cambios ambientais e humanos de dubidoso beneficio local, aínda que baixo unha cortina de aparente desenvolvemento económico e social.
 
Ignacio Ramonet no seu discurso de investidura como Doutor Honoris Causa pola USC, titulado “Información, universidade e democracia na era da globalización”, analizaba a globalización dos medios de comunicación e de información, propoñendo crear un “quinto poder” que, segundo as súas palabras, “nos permita opoñer unha forza cívica ciudadana –un “quinto poder”- a esa nova suma, a esa nova alianza de poderes que conforman hoxe os medios de comunicación, as grandes industrias mediáticas, vectores e cómplices da globalización.” Con este fin propuxo o noso ilustre membro do Claustro crear un “Observatorio Internacional dos Medios” –Media Watch Global–, un observatorio cunha forza ante todo moral, na medida en que a súa función é a de amoestar desde a ética e sancionar as que considere faltas de honradez profesional por medio de informes e estudos.
 
Neste sentido, e na mesma liña que Ramonet nos propón crear un observatorio dos medios, penso que tamén é necesario que se creen observatorios capaces de conformar opinión e faros capaces de guiar entre as néboas dunha globalización que non está achegando en xeral vías para conseguir transformar a sociedade nun mundo máis xusto, equitativo e desenvolvido no seu conxunto. As universidades temos non só a oportunidade senón a obriga de achegar unha contribución que ten que ir máis alá do testemuñal, incluso máis alá de accións concretas, por ambiciosas que sexan, e asumir un proxecto ético global, máis faro que observatorio; que alente a proactividade da súa comunidade e non simplemente a observación crítica do que acontece; que comprometa e non só que prometa; que aspire a universalizar os obxectivos e esforzos locais.
 
Estou seguro de que hai espazo para a esperanza se traballamos en todas as frontes, internacionais, nacionais e locais. Se nos implicamos todas e todos, administracións, universidades, empresas…, podemos reconducir a inevitable globalización nunha globalización en rede e non xerárquica. En horizontal e non de arriba cara abaixo. Multicolor, e non de negro e branco. De inclusión e non de exclusión. Unha globalización que sirva tamén para xerar novas oportunidades nos países máis atrasados sen que estes se teñan que pregar ás circunstancias, intereses, valores e modos de vida externos. Utilicemos as biociencias e as biotecnoloxías para eliminar a fame no mundo e non para facer máis ricos aos que xa o son. Utilicemos as tecnoloxías da información e as comunicacións para facilitar a formación dos máis desfavorecidos, e darlles non só igualdade de oportunidades senón de posibilidades.
 
Permítanme que abunde na referencia que fixen ás empresas ao citar a necesaria implicación de todos os axentes para a construción dun mundo mellor. Moitos pensan que a única responsabilidade das empresas é a de crear riqueza e cumprir cos deberes de submisión, en particular pagar os impostos. Outros cremos que teñen a mesma obriga que calquera outra persoa xurídica ou física de defender un proxecto ético de desenvolvemento. Nesta liña, o secretario xeral das Nacións Unidas pediu ás multinacionais que se comprometesen coa extensión dos dereitos humanos. Segundo Kofi Annan, “as empresas son, ademais dunha gran concentración de poder, unha concentración de talento, e deberían converterse en líderes sociais”.
 
Obviamente tamén nesta liña teñen que estar as Universidades, que non deben supeditar a calidade e a excelencia académicas e científico-técnicas en beneficio de criterios economicistas e cortoplacistas. Pero tampouco deben escudarse nunca identificación sen discusión entre Universidade e libre albedrío docente e investigador, que non é o mesmo que liberdade de cátedra, por moito que con frecuencia se confundan. Temos que ser sensibles aos intereses e demandas dos estudantes, do noso contorno económico e social, dos empregadores; en definitiva, de todos os axentes implicados coas actividades e responsabilidades da Universidade. Como docentes temos que “ensinar a aprender o que se debe saber”, “a seleccionar o que se debe coñecer” e “a comunicar o que se debe dicir”. Estou seguro de que neste proceso sempre terán plena vixencia os campus presenciais tradicionais, pero sempre que neles practiquemos o contacto entre pares e cos estudantes. Sempre que agromemos a “insubstituíble relación persoal entre o mestre e o discípulo, entre os colegas e os condiscípulos”, en palabras da profesora Guisán. Sempre que facilitemos esa aprendizaxe por osmose que só se dá coa interacción e cando se comparten contornos físicos comúns e existe un contacto intelectual permanente. Doutro xeito non achegaremos un valor engadido á formación a distancia ou virtual. Estaremos, pola contra, abocándonos a un proceso imparable de deslocalización das “institucións” do coñecemento, de tal xeito que a elaboración, empaquetado e distribución do coñecemento, e os servizos de titorización, xestión ou consulta, tamén serán deslocalizados para abaratar custes ou obviar requirimentos ou restricións do noso contorno.
 
Hai quen pensa que esta deslocalización das “factorías do coñecemento” se debe a unha inapelable relación causa-efecto derivada do avance das tecnoloxías da información e as comunicacións. Discrepo desta interpretación. Sempre houbo avances tecnolóxicos ao longo da historia da humanidade que favoreceron o espallamento e o acceso ao coñecemento, eliminando progresivamente as ligaduras espazo-temporais. A propia invención da escrita e, por suposto, a da imprenta, son exemplos moi claros. Nun diálogo de Platón dise que o deus exipcio Tot laiábase da invención da escrita “porque os homes, ao ter a escrita, van descoidar a memoria”. O filósofo Diderot dixo que “chegará o día no que será case tan difícil aprender algo dos libros como aprender do estudo directo de todo o universo. A imprenta, que non descansa nunca, encherá edificios enormes con libros… o mundo da aprendizaxe –o noso mundo–, afogarase en libros”. Hoxe moitos lamentan a invención de Internet, considerando que fai descoidar o interese pola aprendizaxe e a comunicación social. Pero nun mundo no que a aprendizaxe non se circunscribe a unha etapa concreta da vida e a comunicación se desenvolve a escala planetaria, e incluso interplanetaria, faise imprescindible ter un soporte que permita a información e a comunicación globais. Ademais, as tecnoloxías non desprazan ao docente do seu papel principal como educador. O que si é certo é que permiten novas posibilidades educativas e obrigan ao profesor a estar máis formado e informado que nunca, tanto no que atinxe ao uso das tecnoloxías en si mesmas como, e sobre todo, no dominio da súa disciplina concreta. Correctamente utilizadas, estas tecnoloxías facilitan a localización do estudante no centro do proceso de ensino-aprendizaxe, posición virtuosa na que se insiste nas teorías pedagóxicas de actualidade.
 
Como institución de educación superior temos unha gran responsabilidade como formadores de persoas, non só con coñecementos teóricos e prácticos que lles permitan un axeitado exercicio profesional, senón tamén con suficiente capacidade crítica e con valores éticos que integren o compromiso social, o respecto polos dereitos humanos, o desenvolvemento sostible… Que unha institución faga seus estes valores éticos é xa unha forma de transmitilos dun xeito notorio á súa comunidade.
 
Unha universidade debe aspirar a ser máis que unha institución de educación superior, aínda que, como establece o artigo 2 da LOU, o obxecto social exclusivo destas institucións é a educación superior. Con frecuencia teño falado do papel das universidades como institucións tamén de investigación, e dun modo máis amplo de institucións emprendedoras –non só no económico, senón practicamente en todos os ámbitos de interese social; institucións que valoren tanto ao emprendedor social como ao emprendedor económico–. A investigación é unha tarefa cada vez máis relevante polo esforzo e os recursos que se lle asinan e a transcendencia que os seus resultados poden ter para o avance harmónico e sostible da sociedade, e como investigadores temos que tratar de contestar ás preguntas relevantes propias e alleas. Sjur Bergan, parlamentario europeo, relata[4] a historia dun profesor dunha Universidade británica a quen lle preguntaron a razón de que estivese a traballar no “islandés”, ao que este se limitou a respostar laconicamente: “I beg your pardon, this is a university”. O que traducido cun chisco da nosa retranca sería algo así como “agora si que me amolaches, ¿acaso pregúntoche eu onde tomas ti as cuncas?” Bromas á parte, o certo é que o referido profesor non fixo ningún esforzo por explicar que a súa investigación era unha forma de preservar e coñecer mellor a rica historia de Islandia. Tampouco por defender a importancia da diversidade cultural e lingüística, algo do que seguro se faría inmediatamente cómplice o seu interlocutor. Pensou que estar na Universidade era suficiente para que nada se cuestionase. Nalgún dos meus discursos lles falei tamén dun “Laboratorio de experimentos irreproducibles” que houbo tempo atrás nunha universidade española, e que certamente ben podería formar parte dos relatos do interesante libro de Robert Park “Ciencia o vudú”. Por fortuna os exemplos deste tipo son cada vez menos frecuentes, o que demostra que tamén nesta parcela da responsabilidade universitaria imos mellorando.
 
As universidades son tamén importantes axentes de desenvolvemento económico do seu contorno. O impacto derivado do investimento e o consumo asociados á actividade da USC no ano 2003 representou o 0,6 % da economía de Galicia, unha contribución que resulta aínda moito máis importante se consideramos o valor dos intanxibles e dos tanxibles non cuantificados neste cálculo. A Universidade actúa mediante forzas centrífugas, proxectando externamente o coñecemento e os resultados da súa I+D+i, e a través de forzas centrípetas, atraendo investimentos e recursos humanos moi cualificados, ou proxectos e iniciativas ligadas ás actividades universitarias. É importante que os correspondentes vectores de forza teñan unha orixe moi diversa, pero que estean aliñados e teñan un módulo o máis grande posible. Pola propia subsistencia da Universidade, pero tamén, e sobre todo, pola mellora da sociedade da que forma parte. Como dixo Rolf Tarrach, quen foi presidente do CSIC entre 2000 e 2004, “unha sociedade será, ao cabo dos anos, o que a súa Universidade fose un cuarto de século antes” –“Aprender para el futuro: Universidad y Sociedad”, Fundación Santillana. Capítulo III: “La Universidad ante la innovación”, páx. 103-.
 
Retomo o fío do discurso sobre a proposta de elaborar un proxecto ético global para a nosa Universidade. Un proxecto capaz de trasladar os retos sociais á comunidade universitaria e desta ao conxunto da sociedade; capaz de maximizar o interese de cada membro polo beneficio colectivo, estimulando unha ética social e non simplemente unha ética persoal.
 
Paul Ricoeur, tristemente finado hai poucos meses, Doutor Honoris Causa pola nosa Universidade, e persoa e pensador moi respectado e querido por todos nós, deixou escrito que “é bo que existan lugares onde a visión global poida prevalecer e por iso onde as contradicións intensas desta visión poidan ser clarificadas”. Particularmente penso que a Universidade é un deses espazos. Pero para que unha visión global prevaleza é necesario un proxecto ético que sitúe a nosa Universidade no mundo e unhas metas sociais que a comprometan aínda máis coa sociedade da que forma parte. Proxectos “glocais”, se me permiten utilizar unha palabra aínda non nata; proxectos que vaian do global ao local e viceversa. Neste sentido, propoño que a USC reflexione, elabore, discuta e aprobe un proxecto ético global que definirá os nosos sinais de identidade para a comunidade universitaria e para a sociedade no seu conxunto. Un proxecto que explicite o noso compromiso e respecto ambiental; o noso compromiso social co desenvolvemento sostible económico e social; a preservación e potenciación dos nosos propios sinais de identidade cultural; a defensa da paz, do respecto aos dereitos das persoas en xeral, e dos nosos estudantes e traballadores en particular; o noso camiño pola transparencia, o rendemento de contas e o bo goberno; a nosa implicación coa transferencia á sociedade do coñecemento e os resultados do noso esforzo investigador; o respecto pola diversidade, polas distintas culturas, pola liberdade sexual, por todas as crenzas; a implicación coa formación en valores; a defensa da ética na investigación e no respecto á propiedade intelectual…
 
Pido a todos, membros ou non da nosa comunidade universitaria, pero comprometidos coa nosa Universidade, que traballemos para desenvolver este proxecto ético. Un proxecto construído desde a autonomía e a responsabilidade.
 
Finalmente, non quero rematar o meu discurso sen facer unha referencia ao novo goberno galego, particularmente, claro está, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á súa titular. Sra. conselleira, quero facer pública a satisfacción que nos produce que se ocupe desta importantísima e transcendente responsabilidade política unha das nosas profesoras e, sobre todo, unha persoa de longa e importante traxectoria docente, investigadora e de responsabilidade académica na USC. En nome da nosa comunidade universitaria trasládolle a noraboa a vostede e ao seu equipo de colaboradores, no que se atopan outras persoas tamén intensamente vinculadas a esta Universidade de Santiago de Compostela e respectadas dentro e fóra dela. Ao tempo transmítolle o desexo de que esta nova etapa que acaba de encetar veña chea de éxitos, que o serán para o conxunto dos galegos e galegas.
 
Sra. conselleira, vostede sabe que ten por diante moitos retos, tan complexos como estimulantes. Un dos máis relevantes, senón o que máis, e a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), coa necesaria reorganización da oferta docente do Sistema Universitario Galego (SUG). Aínda que a Universidade é a única institución presente en todos os países de Europa que comparte obxectivos, posúe unha estrutura semellante e unha cultura común, o proceso de harmonización da educación superior non está sendo doado. Desde estas dificultades pódense entender facilmente os atrancos aínda maiores cos que se atopa noutros ámbitos a conformación dunha Europa máis unida. Unha forma de empurrar cara a este obxectivo xeral é precisamente camiñar na conformación do EEES. Así o cre Claude Allègre, que foi ministro de Educación francés, e promotor da Declaración de Boloña, ao considerar que a vía da “Europa das universidades” é a mellor forma para que os nosos nenos e nenas cheguen a ser realmente europeos, sen sentirse bloqueados, como a nosa xeración, por outros obxectivos secundarios –“University Autonomy, Academia Accountability and European Integration”, en: Autonomy and Responsibility. The University´s Obligations for the XXI Century, Proceedings of the Launch Event for the Magna Charta Observatory, 21-22 de setembro de 2001. Bononia University Press. 2002.
 
Na definición do denominado espazo de Boloña –nome do que, por certo, á vista dos avances aínda modestos e á confusión reinante, empezan a desmarcarse os propios responsables da Universidade na que viu a luz a Declaración asinada en 1999 por unha trintena de ministros e ministras de Educación e Cultura europeos-, estamos asistindo a un proceso de redefinición da oferta de títulos oficiais de grao, aínda en cernes, pero xa tizado de polémica. Desde esta Universidade defendemos, como non podía ser doutro modo, unha oferta que potencie os estudos de letras, comunmente denominados de humanidades, e nunca a súa devaluación. Neste sentido aplaudimos os últimos compromisos avanzados polo Ministerio de Educación e Ciencia, e seguiremos trasladando as nosas opinións e participando dun modo activo, como xa o fixemos desde que se encetara este proceso, na conformación do EEES que pronto terá que ser unha realidade.
 
Entendemos o proceso de Boloña como un proceso de harmonización, dirixido por obxectivos comúns, e non de uniformización, o que suporía asumir fórmulas idénticas en todos os países, que non son nin necesarias nin sequera oportunas. Tamén entendemos que temos que ir dando pasos cara a unha reorganización da oferta docente do SUG que permita unha utilización máis eficiente e eficaz dos recursos dispoñibles, que responda mellor aos intereses dos nosos estudantes e dos axentes sociais, económicos e culturais cos que os titulados e a propia institución teñen que interaccionar, e que facilite o cambio de paradigma no proceso de ensino-aprendizaxe que require o tándem universidade-sociedade. Neste sentido, Sra. conselleira, desde aquí ofrecémoslle colaboración, sentido común e sentido académico, tanto neste como noutros importantes retos que temos por diante. E, se me permite trasladarlle as nosas demandas, pedímoslle axilidade e firmeza na toma de decisións, buscando o mellor para Galicia, por riba de repartimentos políticos e de equilibrios forzados.

Outro importantísimo obxectivo é o de desenvolver políticas ambiciosas de apoio á I+D. Estamos seguros de que a creación da nova Dirección Xeral de Promoción Científico-Tecnolóxica do SUG apunta nesa liña. Decisión acertada se temos en conta que o tecido investigador da nosa Comunidade Autónoma se concentra maioritariamente no SUG. Arredor do 60 % da I+D en Galicia faise nas universidades, algo que practicamente non ten parangón no resto do estado español. Non obstante, segundo datos do interesante estudo “Indicadores bibliométricos de la actividad científica española”, dirixido por Félix de Moya-Anegón, e editado pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), no ano 2001 o gasto en I+D por investigador equivalente a dedicación plena en Galicia foi dos máis baixos de España, só por diante de Asturias, Canarias e Andalucía; mentres que o número de investigadores por cada mil habitantes de poboación activa en Galicia era de 5, só superior a Baleares, Castela-A Mancha, Estremadura, Canarias e Cantabria, e practicamente á par de Murcia e Andalucía. Pero a situación aínda é peor se analizamos a taxa media de crecemento no número de investigadores no período 1998-2002, no que só superamos a Cantabria, Castela-A Mancha e Navarra. Esta situación demanda un compromiso máis firme coa actividade investigadora das universidades e a calidade da mesma, aumentando os recursos humanos dispoñibles, mellorando as infraestruturas científico-técnicas, facilitando a transferencia dos resultados da I+D..., aspectos nos que pensamos que queda moito camiño por andar. Camiño polo que quere transitar o novo goberno galego, segundo se desprende das palabras formuladas polo presidente da Xunta de Galicia o pasado 30 de setembro no acto de inauguración do curso universitario do SUG: “acadar canto antes un investimento en educación superior que represente, cando menos, o 1 % do PIB” e “chegar na presente lexislatura ao obxectivo do 1,5 % do PIB de gasto en I+D” son compromisos explicitados polo nóso presidente, que aplaudimos e que estimamos imprescindibles para non quedar descolgados da economía do coñecemento que Europa quere liderar.
 
No que atinxe particularmente á nosa Universidade, a de Santiago de Compostela, temos moitos e importantísimos retos no que queda de década. De cómo os afrontemos e dos resultados obtidos nese empeño virá unha Universidade de calidade, moderna, intelixente, eticamente comprometida e responsable, ou só unha Universidade histórica.

Grazas a todas e a todos os presentes por acompañarnos nun día tan especial para a nosa Universidade, no que comeza protocolariamente un novo ciclo, un novo reto, un novo estímulo, un novo curso académico. Grazas especialmente ás autoridades académicas, polo plus de responsabilidade que asumen cada curso, cada día; grazas aos novos estudantes, a quen lles pido tamén compromiso e responsabilidade consigo mesmos e con esta institución pentacentenaria que os acolle; grazas a aqueles que non pertencen á nosa comunidade universitaria, autoridades e representantes das administracións,  institucións, organismos, axentes sociais e empresariais, polo agarimo con esta casa do saber que demostran e reafirman coa súa presenza neste acto.

 


[1] O bo goberno aúna aqueles principios, aptitudes, condutas e actuacións dos distintos gobernos e organizacións públicas que permiten implicar máis aos cidadáns no devir da sociedade –“Transparencia y Buen Gobierno. La rendición de cuentas en una sociedad avanzada. El posicionamiento de las Universidades”, UPC i Fundació Amics de la UPC, Icaria Editorial, decembro de 2002-.
 
[2] O AXCS ten o seu antecedente no “Acordo Xeral de Aranceis e Comercio”, establecido despois da Segunda Guerra Mundial, en 1948, co obxectivo de desenvolver maneiras de redución de tarifas e promocionar a non discriminación no comercio de bens. Nas últimas décadas os servizos están resultando ser tanto ou máis importantes que os bens, polo que se crea en 1994 o AXCS. O sector da educación está incluído no AXCS xunto a outros como: os do transporte; o turismo; os financeiros; a construción e enxeñerías relacionadas...

[3] Segundo Moisés Naim, director da revista “Foreign Policy”, algúns indicadores relativos a inversións ou á implantación e o uso das telecomunicacións en Latinoamérica, na medida en que están decrecendo en referencia á súa evolución nos países máis desenvolvidos, parecen evolucionar nun marco alleo á globalización.
[4] “Institutional Autonomy between Myth and Responsability”.