Saltar ao contido principal
Xornal  »  Comunicado da USC ante o anuncio da impartición dunha titulación pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo

Comunicado da USC ante o anuncio da impartición dunha titulación pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo


Ante as novas aparecidas na prensa nos derradeiros días sobre a intención da London South Bank University de impartir o título de Bachelor in Computing en colaboración con la Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo, a reitoría da USC quere manifestar:

1.- Xa hai dous anos que a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo intentou impartir diversos títulos universitarios en asociación coas universidades británicas de Wolverhampton e Sunderland. Naqueles casos as diferentes solicitudes foron rexeitas debido a graves defectos formais polo Consello Universitario de Galicia (órgano colexiado de consulta e asesoramento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a coordinación e planificación do sistema universitario galego).

2.- É preceptivo que a oferta de títulos estranxeiros sexa sometida a informe do Consello Universitario de Galicia. Ata o momento presente, nin a London South Bank University nin a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo teñen presentado solicitude algunha diante da administración autonómica e polo tanto non se ten producido informe ningún do antes citado Consello.

3.- A oferta de títulos estranxeiros tamén debe ser informada polo Consejo de Coordinación Universitaria, dependente do Ministerio de Educación y Ciencia.

4.- Só tendo en conta os citados informes a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria podería autorizar a impartición de títulos estranxeiros, consonte ao previsto no título XII da LOU, e sempre a través do correspondente decreto da Xunta de Galicia. No caso do título de Bachelor in Computing non existe autorización para a súa impartición.

Por todo o comentado, cabe salientar que a oferta aparecida nos medios de comunicación carece das autorizacións pertinentes e que por tanto non presenta en ningún caso as garantías académicas que acrediten unha formación universitaria homologable á existente en España.