Saltar ao contido principal
Xornal  »  Posicionamento da Facultade de Bioloxía ante a creación do Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida

Xunta de Facultade de Bioloxía: Posicionamento da Facultade de Bioloxía ante a creación do Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida


A Xunta de Facultade de Bioloxía da USC reunida en sesión extraordinaria o 13 de xuño de 2005, en relación coa firma do protocolo marco para a creación do Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida entre o CSIC e a USC, acordou por unanimidade facer constar ante o Sr. Reitor da USC e a comunidade universitaria as seguintes consideracións:
            1) A Bioloxía é unha ciencia de enorme importancia no século XXI. As investigacións relacionadas co Medio Ambiente, a Bioloxía Molecular, a Biomedicina, a Biodiversidade e a Biotecnoloxía son fundamentais para o avance do coñecemento e a mellora da calidade de vida. Neste sentido, a creación dun centro de investigación mixto USC-CSIC dedicado ás Ciencias da Vida é, sen dúbida algunha, unha iniciativa moi positiva.
            2) Queremos manifestar o noso respecto e recoñecemento a todos os investigadores cos que a USC contou a hora de crear o proxecto do Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida.
            3) A Facultade de Bioloxía da USC, ademais de ter a responsabilidade da formación dos biólogos, concentra o maior número de investigadores en Bioloxía desta Universidade. Algúns dos mellores científicos da USC no campo das Ciencias da Vida atópanse neste Centro. Non obstante dende hai moitos anos, na nosa universidade ignorouse ou marxinouse a investigadores desta facultade.
            4) Na elaboración das bases para a creación do Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida nunca se falou co equipo de goberno desta facultade nin nos consta que se falase cos profesores e investigadores que realizan o seu traballo investigador neste Centro. Este xeito de facer as cousas non é positivo para a Universidade e ademais está pouco acorde coa idea integradora e de diálogo manifestada reiteradamente dende a Reitoría da USC. Entendemos que se debería ter consultado a todos os investigadores (traballen ou non neste centro) que teñan acreditado un labor científico de calidade no eido das Ciencias e Tecnoloxías da Vida. Todos somos universidade e podemos colaborar positivamente no desenvolvemento científico desta institución.
5) O equipo de goberno da USC está no seu dereito de facer as cousas do xeito que considere mellor para os intereses da nosa universidade pero o deseño da política científica ten que estar por enriba dos intereses particulares ou conxunturais e ser froito da participación de todos os membros da comunidade universitaria implicados. Os investigadores desta facultade non queremos que se exclúa a ninguén pero tampouco que se nos obvie en temas relacionados coas Ciencias da Vida. É un erro facelo así porque non se debe prescindir da experiencia e os coñecementos dos investigadores que levan traballando neste Centro desde hai moitos anos.
            6) A Xunta de Facultade de Bioloxía considera que ten o dereito, como representación dunha institución universitaria, a manifestar a súa opinión e participar en todos os grandes temas relacionados coa Bioloxía tanto dende unha perspectiva docente como investigadora e social.
            7) A Facultade de Bioloxía estivo, está e estará sempre ao servizo da comunidade universitaria e da sociedade. Temos a vontade de colaborar e traballar por esta universidade. Conten con nós.