Saltar ao contido principal
Xornal  »  ACORDO EN RELACIÓN COA CONTRATACIÓN DE PERSOAL CON CARGO A RECURSOS CAPTADOS DE I+D

ACORDO EN RELACIÓN COA CONTRATACIÓN DE PERSOAL CON CARGO A RECURSOS CAPTADOS DE I+D


A LOU, no seu artigo 48-3, encadrado no Título IX DO PROFESORADO, Capítulo I DAS UNIVERSIDADES PUBLICAS, Sección 1 DO PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR CONTRATADO establece que as Universidades poderán contratar para obra ou servizo determinado a persoal docente, persoal investigador, persoal técnico ou outro persoal para o desenvolvemento de proxectos concretos de investigación científica ou técnica.
Asimesmo, os Estatutos da USC, no seu artigo 41.3, encadrado no Capítulo IV DO PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS, establece que a Universidade poderá contratar para obra ou servizo determinado persoal técnico ou outro persoal, para o desenvolvemento de proxectos concretos de investigación científica ou técnica.
O dinamismo da USC na captación de recursos externos de I+D e as súas necesidades de reclutamento de persoal para desenvolver esas actividades fai que ao longo do ano 2004 se suscribiran 829 contratos de traballo de obra ou servizo determinado para ese tipo de actividades.
Co obxecto de posibilitar unha acaída regulación dos procedementos de dotación, contratación e selección do citado persoal en función das necesidades investigadoras da USC e da máxima preservación dos dereitos das persoas contratadas, o Consello de Participación Sindical, co voto favorable dos representantes da Universidade e os das Organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT, acadando estas unha porcentaxe de representatividade do 100 % aos efectos do establecido no artigo 89.3 do Estatuto dos Traballadores tras a modificación establecida no Real Decreto lexislativo 1/1995, de 24 de Marzo, acordan o seguinte:
                                                                                                 
1.- Programas ou proxectos con cargo aos que se poderá contratar persoal por obra ou servizo determinado:

1.- Os institucionais, aprobados polo Consello de Goberno, previo informe do Consello Social, e definidos e xestionados pola Vicerreitoría de Investigación, que respondan a programas consolidados de I+D.

-Requirirán acordos concretos cos Grupos, Departamentos ou Institutos que os terán que financiar.

-Concretaranse nunha RPT específica para cada programa.

-No momento da aprobación de cada programa concretaranse as condicións de finalización do mesmo e de extinción dos contratos aos que dea lugar, entre as cales se incluirá a inexistencia de financiamento para mantelos.

2.- Os institucionais, aprobados polo Consello de Goberno, previo informe do Consello Social, e definidos e xestionados pola Vicerreitoría de Investigación, que respondan a programas de apoio xeral á acción investigadora.

-Requirirán estimación por parte do VI das unidades que se poden beneficiar delas ata a súa cobertura total de custes, mediante a presentación dunha memoria económica xustificada.

-Concretaránse nunha RPT específica para cada programa.

-No momento de aprobación do programa concretarase a duración do mesmo así como as condicións para a extinción dos contratos aos que dea lugar, entre as cales se incluirá a inexistencia de financiamento para mantelos.

3.- Os proxectos e contratos de investigación singularmente considerados.

            -Non se concretarán en RPTs.

            -Serán validados pola Comisión de Cursos e Convenios.          

Os custos do citado persoal orzamentarase no Capítulo VI, con independencia de que como Anexo aos Orzamentos se inclúan as RPTs definidas nos parágrafos 1 e 2, e que se inclúa nos mesmos nun Anexo diferenciado os postos de traballo que a 31 de Decembro respondan a contratos de duración superior a 1 ano dos referidos no parágrafo 3.
           
As RPTs de persoal contratado con recursos captados de I+D serán totalmente independentes das RPTs ordinarias da USC, e deberán autofinanciarse de xeito completo. A estes efectos, os coordenadores dos grupos de investigación, a través da Vicerreitoría de Investigación, poderán constituir un fondo de garantía para asegurar o financiamento circunstancial das citadas RPTs no caso de diminucións temporais de recursos.

O persoal das RPTs financiadas con recursos captados de I+D en ningún caso poderán dar cobertura a funcións de carácter estructural actualmente asumidas por persoal das RPT´s ordinarias de persoal funcionario ou laboral.
           
En calquera caso, a contratación por obra ou servizo de persoal de i+d non esgotará a posibilidade que teñen os grupos de investigación de poder contratar PAS desta Universidade conforme ao regulamento de colaboración do persoal de administración e servizos en cursos e convenios de investigación.

2.- Categorías que se poden contratar con cargo a cada tipo de programa.

A) -Os programas incluidos no parágrafo 1.1 poden dar lugar a RPTs nas que se doten prazas de Técnico superior de Investigación (Grupo I), Técnico de Grao Medio de Investigación (Grupo II), de Técnico especialista de Investigación (Grupo III-3) e Técnico de Investigación (Grupo III-1),

B) -Os programas incluidos no parágrafo 1.2 poden dar lugar a RPTs nas que se doten prazas de Xestión (Grupos I, II e III), de Informática (Grupos I, II e III) e de persoal de laboratorio (Grupo III).

C) -Os proxectos e contratos referidos no parágrafo 1.3 darán lugar a contratos de traballo nos que se definirán as funcións a realizar polo traballador e o nivel de titulación esixido para o seu desempeño, ordenado por Grupos de clasificación de conformidade ao establecido no Convenio Colectivo de Persoal laboral da USC.

3.- Condicións laborais.

-As das prazas incluidas en RPTs de I+D serán as mesmas que as definidas no Convenio Colectivo de Persoal laboral da USC para as categorías equivalentes, coas adaptacións de xornada, horario e perfil requiridas polas funcións a desenvolver no programa.

Os servizos prestados á USC nestas categorías poderá ser avaliado para o acceso a prazas da RPT permanente. En calquera caso, o acceso a esas prazas requirirá a súa dotación na RPT permanente da USC e un proceso selectivo de libre concorrencia.

-As dos contratos acollidos ao establecido no parágrafo 2.C) terán un réxime homoxéneo ao xeral do convenio colectivo nos aspectos básicos, pero, ademais das especificidades das prazas incluidas en RPTs de I+D, as súas retribucións mínimas estarán fixadas por unha porcentaxe do salario correspondente ao grupo de clasificación equivalente do Convenio Colectivo.

-Da totalidade dos contratos facilitarase copia básica aos órganos de representación sindical correspondentes.

4.- Procedemento de selección.

-As prazas incluidas en RPTs de I+D pertencentes aos Grupos I e II serán seleccionadas mediante convocatorias públicas, en función de probas selectivas suxeitas a programas preestablecidos, elaborados pola Vicerreitoría de Investigación e a Xerencia, a proposta dos directores das unidades investigadoras que financiarán os contratos (no caso dos programas consolidados) en coherencia cos procedementos e contidos xenéricos das probas selectivas para o persoal fixo das categorías correspondentes e coas adaptacións de perfil específico necesarias para o correcto desempeño das funcións encomendadas.

Os tribunais que xulguen as probas estarán compostos por dous membros propostos polas unidades investigadoras que financiarán a praza, dous membros propostos conxuntamente pola Vicerreitoría de Investigación e a Xerencia, e un representante sindical.

-Este mesmo procedemento poderá seguirse para prazas de Técnico Especialista de Investigación, Grupo III.3, e Técnico de Investigación, Grupo III.1, cando os programas consolidados requiran o dominio de técnicas ou aparellos de alta especialización, ou restriccións debida a esixencias de confidencialidade. A posibilidade de uso deste procedemento xustificarase e autorizarase coa aprobación da RPT.

-As prazas incluidas en RPTs de I+D pertencentes ao Grupo III (coa excepción que se acaba de sinalar) seleccionaránse mediante convocatoria pública, en función de probas selectivas suxeitas a programas preestablecidos, elaborados pola Vicerreitoría de Investigación e a Xerencia, a proposta dos servizos correspondentes, e en coherencia cos procedementos e contidos xenéricos das probas selectivas para o persoal fixo das categorías correspondentes e coas adaptacións de perfil específico necesarias para o correcto desempeño das funcións encomendadas.

Os tribunais que xulguen as probas estarán compostos por catro membros, designados conxuntamente pola Vicerreitoría de Investigación e a Xerencia, e un representante sindical.

As convocatorias darán lugar á constitución dunha bolsa de emprego que será válida para un periodo determinado de tempo (inicialmente 3 anos) e será utilizada para cubrir vacantes ou novas necesidades.

Os traballadores que finalicen a súa relación laboral mentres dure o prazo de validez fixado poderan reintegarse á bolsa de emprego.

O rendemento insatisfactorio ou a adopción de medidas disciplinarias impedirá a permanencia na bolsa de emprego, previa tramitación do procedemento garantístico correspondente.

A USC poderá impartir cursos de formación ás persoas incluidas na bolsa de emprego para actualizar os seus coñecementos.

As convocatorias para novas bolsas de emprego poden establecer mecanismos de exención de determinadas probas para persoas que xa estiveran incluidas en bolsas de emprego anteriores.

-Os contratos de proxectos e contratos singulares de I+D cuxa duración sexa superior a un ano requirirán convocatoria pública, na que se indicarán con claridade as funcións a desenvolver, resolta por unha Comisión composta polo director do proxecto, un representante da Vicerreitoría de Investigación e un representante sindical; os de duración inferior a ese periodo serán acordados pola Comisión de cursos e convenios previa proposta do director do proxecto.

As persoas contratadas ao abeiro desta modalidade, no caso de ser contratados sucesivamente para máis dun proxecto, non poderán prolongar a súa relación laboral coa Universidade máis alá de tres anos.

A totalidade das convocatorias publicaránse cos procedementos establecidos para cada caso pola normativa xeral aplicable.

O persoal contratado con recursos afectados de I+D poderá participar nos procesos selectivos que se convoquen na Universidade para ocupar prazas das RPT´s ordinarias co dereito a que se lle recoñezan os servizos prestados nas categorías definidas nas RPT´s institucionais a que se refire este acordo.
En ningún caso poderá producirse unha integración do persoal contratado con recursos afectados de I+D nas RPT´s estructurais sen a superación das correspondentes probas selectivas.

5.- OUTRAS CUESTIÓNS.

A)  A USC manterá os contratos por obra ou servizo vixentes no momento de  entrada en vigor deste acordo asimilados ao grupo 3 dos definidos no seu apartado 1.

B)     A USC fará as xestións oportunas para procurar que todo o persoal que pertenza as RPT´s estructurais da USC e que estea a facer labores investigadores sexan recoñecidos como investigadores do RIGA independentemente da súa titulación, sempre e cando o procedemento de inclusión e cómputo non prexudique a posición estatística da USC en relación coas outras universidades galegas.

C)    A USC creará un catálogo de persoal de investigación onde figuren os curriculums tanto das persoas que traballan en postos das RPT´s de I+D como as de contratos de investigación singulares, así como as presentadas aos procesos selectivos. Asimesmo, o PAS da USC poderá figuar en dito catálogo, no caso de cumprir co establecido no Regulamento de Colaboración do PAS da USC, previa petición por escrito.

6.- SEGUIMENTO DO ACORDO.
O Consello de participación sindical, velará polo seguimento do presente acordo, que será revisado por acordo maioritario das partes que o subscriben.
A Universidade elevará anualmente ao citado Consello un informe dos resultados e incidencias da aplicación do acordo, no cadro do cal analisaráse a conveniencia de incluir en RPTs estructurais da USC postos de traballo permanentes que se correspondan con funcións ata ese momento desenvolvidas por persoal contratado con recursos de I+D.
Unha vez que a USC elabore as RPT´s de i+d, celebrarase unha reunión do Consello de Participación Sindical, para recibir información das mesmas, cunha antelación mínima de 20 días á súa tramitación ao Consello Social e Consello de Goberno.

Por outra parte, co voto favorable dos representantes da Universidade e os das Organizacións Sindicais CCOO e UGT, acadando estas unha porcentaxe de representantividade do 58,33% aos efectos do establecido no artigo 89.3 do Estatuto dos Traballadores tras a modificación establecida no Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de Marzo, acordan o seguinte:

1.- Nas RPT´s de programas institucionais que respondan a programas consolidados de I+D, referidos no punto 1.1 do acordo anterior, poderán incluírse prazas de Persoal Docente e Investigador contratado nas categorías de Profesor Contratado Doutor ou Axudante Doutor e na modalidade de servizo ou obra determinado.
2.- O PDI contratado nestas RPT´s só poderá impartir ata un máximo de 70 horas de docencia non regrada xerada polos programas de I+D nos que estea integrado. O PDI contratado ao abeiro destes programas non poderá impartir docencia regrada.

3.- O procedemento de selección e a composición dos tribunais axustarase á normativa xeral da USC, establecendo o perfil acaído para as funcións docentes e/ou investigadoras a desempeñar polo citado persoal no programa correspondente.

4.- O seguimento do presente acordo desenvolverase do mesmo xeito que o previsto no parágrafo 6 do acordo anterior.

5.- En ningún caso poderá producirse unha integración do persoal contratado con recursos afectados de I+D nas RPT´s estructurais sen a superación do correspondente concurso.

EFICACIA DOS ACORDOS.

-Os presentes acordos terán eficacia unha vez ratificado polo Consello de Goberno da USC, previo informe do Consello Social.
-Os aspectos nel contidos serán incluídos no convenio colectivo de persoal laboral correspondente.