Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso do reitor no acto literario do Día das Letras Galegas 2005

Discurso do reitor no acto literario do Día das Letras Galegas 2005


  • Discurso do reitor no acto literario do Día das Letras Galegas 2005

A Universidade de Santiago de Compostela únese ao que xa é unha tradición en Galicia desde aquel ano de 1963, cando se instituíu o Día das Letras Galega, por iniciativa da Real Academia Galega, coincidindo coa data do 17 de maio, día en que se cumpría o centésimo trixésimo aniversario do nacemento do gran polígrafo Manuel Murguía e o centenario da publicación do primeiro libro en galego da súa dona, Rosalía de Castro, é dicir, Cantares gallegos, primeiro libro monolingüe galego da nosa historia contemporánea.

A nosa Universidade había tardar aínda sete anos en se sumar á efeméride, e fíxoo ben modestamente, en 1970, coa publicación dun pequeno folleto no que deica en adiante e todos os anos se daba noticia da figura homenaxeada en cada ocasión e de cuxa redacción se responsabilizaba exclusivamente, até a súa xubilación en 1980, o recordado profesor Ricardo Carballo Calero, encargado da Cátedra de Lingüística e Literatura, única dedicada a estas materias da xa desaparecida Facultade de Filosofía e Letras.

Despois do profesor Carballo, a Cátedra continuou asistindo ano tras ano ao compromiso, e coa creación do Departamento de Filoloxía Galega aquel folletiño foi medrando até a categoría de libro no que especialistas na materia elaboran estudos que serven a consolidar e difundir a vida e a obra da figura homenaxeada, este ano, a do poeta, xornalista e editor Lorenzo Varela, baixo a responsabilidade do noso benquerido profesor Xesús Alonso Montero.

Certamente, esta incipiente tradición da nosa alma mater de celebrar un día ao ano as Letras Galegas, unha tradición aínda cativa pero que, de todos os xeitos, xa está a cumprir trinta e cinco anos, podería tomar raiceiras ben profundas e venerábeis, pois non hai que esquecer que xa en 1536, dous anos despois da morte do Arcebispo Alonso de Fonseca, O Grande, en honra del e de alí en adiante, até non se sabe moi ben cando, pero non menos de 1713, ano da canonización do papa Pío V, naquel ano de 1536, digo, a Universidade de Santiago de Compostela, decidira convocar unhas xustas poéticas anuais, denominadas Fiestas Minervales, das que nos quedan poucos pero valiosísimos vestixios, grazas aos cales sabemos que a lingua galega tiña un lugar na convocatoria. Polo menos así foi nas celebradas o ano 1697 das que conservamos a edición orixinal, que levaba este longo título: FIESTAS MINERVALES Y ACLAMACIÓN PERPETUA DE LAS MUSAS A LA INMORTAL MEMORIA DEL ILUSTRÍSIMO Y EXCELENTÍSIMO SEÑOR D. ALONSO DE FONSECA, EL GRANDE, ARZOBISPO DE TOLEDO Y DE SANTIAGO, POR SU ESCUELA Y UNIVERSIDAD QUE AFECTUOSAMENTE LAS CONSAGRA, DEDICA Y OFRECE AL EXCELENTÍSIMO SEÑOR CONDE DE MONTE-REY, SU PROTECTOR, VALEDOR Y MECENAS: POR MANO DEL DOCTOR D. IOSEPH VARELA Y VASADRE, RETOR DE DICHA UNIVERSIDAD.

En efecto, alí podemos ler que entre os sete ASUMPTOS a glosar polos concursantes, o segundo rezaba así: “SI SANTIAGO VIVE MÁS OBLIGADA AL SEÑOR DON ALONSO DE FONSECA QUE EL SEÑOR DON ALONSO DE FONSECA VIVIÓ A SU PATRIA, RESUELTO EN VEINTE COPLAS DE ROMANCE GALLEGO”. E disto ben nos pode servir de notario o profesor Alonso Montero, pois foi o encargado de realizar en 1993 a magnífica edición facsimilar do libro que a Universidade editara naquel afastado ano do século XVII en memoria e agradecemento polo papel decisivo que desenvolvera Fonseca na creación desta institución e dos seus primeiros Colexios.

Ben é sabido que a nosa Universidade definiuse como exclusivamente literaria até hai ben pouco tempo, pero aquel costume antigo de agarimar, a pouco que fose, a lingua propia foi perdéndose pouco e pouco e aínda que está latente xa nas abundantes reflexións que sobre a lingua e a literatura galegas se levaron a cabo durante o Rexurdimento do XIX, houbo que chegar ao século XX para escoitar voces reivindicativas a prol da creación dunha cátedra universitaria de estudios dedicados á nosa lingua e á nosa literatura. En efecto, o día 14 de marzo de 1920 a denominada naquel entón Xuventude Nacionalista organizou un mitin nun teatro de Compostela para reclamar unha cátedra de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa para a nosa Universidade e para continuar coa protesta (que xa viña de case dez anos atrás) pola existencia dunha cátedra con esa denominación soamente na Universidade de Madrid. Segundo as crónicas, máis concretamente, a revista Ultreya, alí pronunciou un “cálido discurso en gallego” Valentín Paz Andrade, como presidente daquela institución xuvenil e que co tempo había ser, nada menos, que o motor da exemplar empresa PESCANOVA, hoxe felizmente activa e próspera. Alí falaron tamén en galego Antón Losada Diéguez e Xoán Vicente Viqueira, dous homes clave para a cultura galega dos anos vinte. Alí falaron, en fin, Gil Casares e Barcia Caballero, entre outros. Pero o máis significativo foi que na mesa presidencial figuraba Lino Torres, Reitor da Universidade de Santiago, naquela altura, única Universidade de Galicia.

A cátedra, está claro que non se creou, a pesar de que, no mes de abril dese mesmo ano de 1920 os estudantes, seguramente movidos por unha falsa promesa, celebraron unha “comida de beneficencia” co gallo de se lle ter concedido á Universidade galega a Facultade de Ciencias, a de Filosofía e Letras (que non era máis que unha ampliación do chamado Preparatorio para a carreira de Dereito, xa existente) e a reivindicada Cátedra de “Lengua Galaico-Portuguesa”, falsa promesa que tardaría en cumprirse 50 anos.

Malia todo, a nosa Universidade seguiu no intento de introducir estas disciplinas por variados camiños e mesmo de galeguizar dunha vez por todas, a investigación e o ensino universitario. Polo de pronto, en outubro de 1923, un grupo de mozos universitarios fundou o Seminario de Estudos Galegos, cruelmente laminado pola ditadura do xeneral Franco, onde empezaron a sentarse as bases dunha investigación propiamente galega en diversos sectores, entre eles a lingua e a literatura, e isto nun momento en que se estaba a descubrir e difundir, dunha vez por todas, o importante legado medieval dos Cancioneiros da lírica galego-portuguesa.

Ese mesmo empeño pode comprobarse cando xa en tempos da segunda República atopamos ao estudante Ricardo Carballo Calero impartindo unha lección titulada “Ollada encol da poesía lírica galega contemporánea” nun ciclo sobre “Cultura Galega” organizado polos alumnos da Facultade de Filosofía e Letras; ou a outro, Álvaro de las Casas, en 1932, realizando e publicando na revista Nós unha enquisa sobre as necesidades da nosa Universidade, onde foron abordados moi diferentes asuntos referidos á docencia e á investigación en Galicia e onde o propio Reitor, o chorado Alejandro Rodríguez Cadarso, contestaba á pregunta sobre qué entendía pola galeguización da Universidade dicindo “entendo por galeguización estabelecer cadeiras de Historia, Historia da literatura, Economía, Xeografía, etc. de Galiza. O coñecemento da nosa realidade.” Pero as decisión tiñan que vir de Madrid e nunca chegaron.

Poderían chegar, nembargantes, as de ter que prescindir da titulación de Filoloxía Galega, aínda que espero, e comprométome como reitor desta Universidade, ata onde as miñas competencias mo permitan, a que iso non ocorra.Temos que defender o que tantos esforzos, incluso sacrificios, custou conseguir.

Dende o principio a Universidade de Santiago de Compostela, a pouco que fose, sempre tivo algunhas inquedanzas, máis ou menos afortunadas e máis ou menos incisivas, respecto da nosa lingua e da nosa literatura, malia non conseguir até o último cuartel do século XX unha case total normalización, grazas á creación de cátedras apropiadas e dun Instituto da Lingua Galega, e grazas, fundamentalmente, á restauración democrática e a instauración destas disciplinas nos diferentes niveis do ensino.

Agora é tempo de consolidar o conseguido e ambicionar novos obxectivos, non de volver atrás.